20070115
Ribadeo? Natural! Proposta de dous paseos de tempada
Esta tempada hai dous paseos que teñen un atractivo de estaren en sazón, en época apropiada para ser realizados en condicións que posiblemente non se repetirán.
O primeiro comezaría na pista de deportes de Rinlo. Collendo á beira do mar o paseo, percorreríamolo todo ata o seu final, entroncando coa estrada que pasa por diante da antiga cetárea e continúa ata que a degradación do camiño se fai evidente. Alí, podemos atopar lagoas deixadas ó seu albur en plena zona natural pola estupidez humana. Se na primeira parte do camiño podemos pensar na beleza natural e na incidencia nela de paseos costeiros, ás veces positiva e outras negativa, aquí estamos ante unha loita do home contra natura. O fondo da construción dunha piscifactoría lévanos na actualidade á súa paralización, á desfeita da vía común, á formación das lagoas nun lugar de interese natural e tamén á comparecencia que como imputados van ter o día 29 alcalde, secretario e arquitecto do concello de Ribadeo. Non teño idea sobre a súa culpabilidade, o xuíz dictaminará, pero foi o mesmo xuíz quen os imputou, e lembro o comezo da loita contra a piscifactoría en termos como a xente de ADEGA plantándose diante das máquinas ou a daquela recente negativa á recuperación dunha antiga cetárea, abondo máis natural e menos impactante no medio, cando veu Álvarez Castos a promover a piscifactoría e contra todo prognóstico vista a negativa anterior, foi 'positivado' no concello, o alcalde nunha manifestación á beira do promotor, etc. No medio, movemento social, promesas, ... historia de Meirengos, Rinlo e Ribadeo que pode estudarse no futuro nos libros de texto.
O segundo paseo tamén está en sazón: a circunvalación a Ribadeo. É abondo máis longo, pero ten a ventaxe de que ten varias saídas/entradas para poder facelo en veces. Comezariamos por exemplo en Porcillán, collendo o paseo marítimo e entrando no primeiro recheo no pouco espazo que deixa o valado que separa xa parte del para facelo privativo dunha empresa de reparación. Continuariamos á beira da ría e entrariamos en Mirasol polo novo recheo, saíndo polo sur deste porto, por un novo valado que separará esta zona, segregándoa do común ribadense. Ós poucos metros, baixada ó recheo máis vello dos tres, con praia incluída en total deixadez de edificacións, a praia dos bloques. Polo extremo, un carreiro anuncia que por alí pode ir a futura extensión do paseo marítimo. Atravesamos despois o asteleiro, instalación que podería ser recuperada como museo de arqueoloxía industrial. Entramos nel por unha cancela sempre aberta e saímos pola outra beira ben pola cancela, que se abre con facilidade, ben pola súa beira, pola que tamén pasa a xente. E seguimos uns metros ata cruzar a estrada, meténdonos nas obras de acondicionamento e logo na propia circunvalación. Este tramo será cerrado en pouco tempo ós peóns, pero agora pódese desfrutar dun longo paseo ata Vilaframil, coa posibilidade de saírmonos en medio, preto da estrada do monte por un cacho de verxa sen cerrar, máis ou menos por onde se reclama a saída que non se construirá para a carreteira do monte. Así poderemos estudar a xeoloxía nos taludes abertos, os regatos e aguas que corren polas cunetas, a formación das estradas, unha vista sobre Ribadeo preto do alto da 'estrada do monte', etc, chegando á N-634. Podemos seguir ata as obras da nova autovía. Torcendo á dereita nela, seguirémola ata as pistas de Vilaselán, que nos deixarán no cargadoiro, onde colleremos á dereita tendo que atravesar o desprendemento de hai máis dun ano coas vallas alí, sen saber que/como facer para amañalo e preguntándonos non só de quen é o tema, senón co como o farán. E rematar de novo baixando as escaleiras de San Miguel no porto de Porcillán. Este paseo, como digo, ten abondas saídas, e hai que facelo en festivo porque senón as obras de circunvalación e autovía non o fan posible. A dicir que este domingo había abondo movemento pola ruta, incluído algún vehículo, e que ten o atractivo de poder mirar a terra dende lugares fondos ou pola contra, as casas e lugares alí abaixo, dende o alto da vía, o que nos fará preguntármonos por exemplo sobre a interacción do home coa natureza. As fotos, deste último camiño, amosan unha beira, apta para estudar xeoloxía, unha vista parcial e un detalle dunha ponte, a do ferrocarril.
Publicado por
Agremon
ás
1/15/2007 07:36:00 a.m.
Enviar por correo electrónicoBlogThis!Compartir en TwitterCompartir en FacebookCompartir en Pinterest
Etiquetas:
cultura,
educación,
Fotos Ribadeo,
piscifactoría,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario