20130201

Dalgunha cousa como o turismo cara a Ribadeo, por exemplo

Si, despois de ver aínda máis novas desastrosas ou sinxelamente confirmadoras dalgún por que do desastre, como os 'sobres' a Rajoy ou que a marea Urdangarín xa ten salpicado á 'casa real', coller folgos mirando tamén  algunha cousiñacon abondo menos importancia pode resultar sinxelamente medicinal.
Por iso, as tres fotos de hoxe, e algo máis. Dúas das tres fotos son dunha casa en San Roque. Preciosa, necesita coidados e parece que llos van dar, pois están a poñer unha valla para obras. As dúas fotos son unha testemuña de como está agora para comparar despois do amaño.

 A terceira foto corresponde a unha árbore no xardín. Pelada de follas, non o está de ramas como foron deixados moitos outros este inverno. Por iso, é aínda aproveitado polos paxaros , e mesmo sen a protección das follas, poden verse nove ou dez entre as ramas. Nos outros, nos pelados, claro, non pode verse ningún.
O outro tema no que me fixei para hoxe é sobre fitur. Non estiven alí, pero vin a foto publicada na Voz (xunto con outra que non aparece en internet), na que A Mariña ocupa un mostrador diría que de algo menos de metro e medio de longo nun linear de mostradores de diversas zonas de Galicia. O mostrador, ateigado de folletos, é atendido por unha muller de uniforme semellante ó das outras do linear, que comparte espazo de atrás da mesa unha columna plana cunha pantalla. Non fun nunca a Fitur, aínda que si teño visto unhas cantas feiras de diversos temas, tanto no mesmo lugar onde se está a celebrar Fitur como noutros lugares. Mesmo pola foto non se pode saber se a pantalla que acompaña é táctil, pero se o é, a súa situación detrás da mesa non facilita o manexo por parte dos visitantes, que de xeito obrigado se teñen que situar diante da mesa. E se non o é, que fan unha ristra de pantallas seguidas que na foto teñen unha apariencia semellante para anunciar diversos lugares?. O montón de folletos diríase que non din ren a menos que xa se teña pensado un destino particular e se vaia a tiro fixo: algo que se pode facer máis cómodamente dende internet. Non sei da profesionalidade da muller que está o cargo da información, pero a disposición de material que ten ó seu cargo non facilita precisamente a súa labor de difusión. Iso si, as mesas teñen gravado un mapa en baixorelevo dos límites de Galicia e a comarca corresponte, algo que por estar en calquera caso baixo dos 0,80 de altura da superficie da mesa, ten baixa visibilidade.
E segue, pero hai que facer outras cousas, e marcho!

Ningún comentario: