20130213

Unha vitoria/unha derrota

Que aquí teñamos que ver ó Presidente por pantalla mentres en Nova Iorque lle poden facer preguntas (en Spanish, please!) foi un adianto do antroido nestes lares.
Onte, en pleno antroido, unha vitoria: a iniciativa lexislativa popular sobre a dación en pago foi aceptada a tramitación, fronte ó aviso anterior do PP que ían rexeitala mentres que ían aprobar a correspondente á declaración das corridas como ben de interese cultural. A notar que os días anteriores foron catro os suicidios relacionados cos desfiucios, e que as sinaturas recollidas para a ILP case triplicaron as necesarias; mentres, a correspondente ás corridas acadou pouco máis das necesarias tras ampliar o prazo acolléndose a trasuntos legais que pouco tiñan que ver co tema. Ben, aínda que é previsible que se bote abaixo despois, a iniciativa segue o seu camiño e a cacerolada diante da sé do PP en Ribadeo que estaba prevista houbo de ser parada [en realidade, algunha xente achegouse sen enterarse e decidiu seguir adiante, pero só algunha]. Tamén é previsible que o tema das corridas atope menos atrancos para ser declaradas de interese cultural e recoller subvencións de todos para manter o que moitos vemos nestes momentos unha festa da matanza.
Así pois, unha vitoria da presión popular vs o Partido Popular que nos goberna.
Por contra, onte houbo unha derrota. Dulce, quizáis, pero derrota: Mario Draghi veu a España a falar de como ve o BCE as cousas económicas por estes lares. A intervención foi a porta cerrada. Alguén podería pensar que por petición de D. Mario, pero non, pois despois repetiu en foro máis aberto; foi unha cuestión interna, que chegou a facer uso dos inhibidores para que a intervención non fora twuiteada polas súas señorías. Ó final, en pouco tempo, estaba nos medios a intervención completa, quizáis porque o resume foi algo así como 'afondade nesa liña, que ides ben', constituíndo unha derrota democrática pola forma e unha derrota social pola idea. En canto á vitoria económica que tenta dulcificar o tema, será para algúns ...
Hoxe é mércores de cinza. Pasou o tempo de celebración festeira. Toca lembrar que pó somos e en pó nos hemos converter. Quizáis tamén que pó hemos morder, que pó hemos comer.