20161002

Manobras en Ribadeo

Hai terreos nos que a lóxica parece estar desaparecida, deixando o seu lugar ós sentementos, gobernados polos pre-sentementos ou ideas anteriores. Coido que un caso claro é o que está a suceder cos ataques a Fernando Suárez Barcia polo cobro ó exército dos servizos prestados polo concello.
Hai xente para a que o exército está por riba da poboación, e entón debe ter privilexios. O razoamento sería máis ou menos que se está prestando un servizo (a nación? ó estado? ó pobo?) que é un pilar da nosa estrutura social, e entón débeselle unha correspondencia de prestación de servizos. Como nolo prestaría de xeito gratuíto e desinteresado (pode pensar isto por exemplo quen non paga impostos, mais tamén outra moita xente), os servizos prestados ó exército tamén deberan ser gratuítos (financiados cos impostos de quenes si pagan) e desinteresados, e ademais, en mostra de agradecemento, debéraselles facer outro tipo de cumpridos.
Parece que se esquece que hai algo que se chama servizo público, pagado cos impostos de todos (no caso dos funcionarios e outras traballadores, mais tamén no caso dos políticos) que abrangue o exército, mais tamén o ensino, sanidade, xudicatura... e os centros públicos de ensino, se nalgún caso non teñen que pagar servizos municipais será por convenio entre concello e educación, non por graciosa condescendencia. E o seu funcionamento debe ser controlado de xeito eficaz e esixido pola cidadanía, non ser algo en plan dádiva dos mandos correspondentes, que esixiría o clientelismo/caciquismo para ter a posibilidade dos servizos correspondentes.
A democracia non é votar cada catro anos, senón participar cadaquén na medida das súas posibilidades. Participar socialmente, participar en política, participar no futuro común. Non é o procurar amiguismos para que haxa correspondencia nos servizos. Claro que hai xente que pensa que a democracia é un xeito amigable de algo diferente e tenta de que camiñemos cara ese modelo.
Imaxe lic CC BY-SA 3.0 de Heralder do emblema da unidade afectada.
--
Nota paosterior: Segundo a prensa do día 6 de outubro, a cantidade ascenderá a 1200 €

Ningún comentario: