20231214

MODEPEN ve graves inconvenientes para os usuarios na localización do novo centro de saúde de Ribadeo. Nota de prensa

 

1 km andando dende o centro de saúde actual ó previsto.

MODEPEN ve graves inconvenientes para os usuarios na localización do novo centro de saúde de Ribadeo

Nota de prensa

    O colectivo de pensionistas da Mariña de MODEPEN -Movemento de Pensionistas de Galicia- ven analizando dende hai varias semanas a ubicación do futuro Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo. Como é sabido a localización elixida para ese proxecto sería nuns terreos enfronte da estación de servizo, ou sexa a un quilómetro do centro actual e do casco urbano e zona comercial de Ribadeo. Dende o noso punto de vista esa localización presenta graves inconvenientes para os usuarios e usuarias do devandito servizo.

    Fundamentalmente pola distancia e tamén polas dificultades de acceso ao mesmo, circunstancias especialmente gravosas para as persoas da terceira idade, como tamén para o resto da veciñanza. No concello de Ribadeo residen mais de 3000 persoas de mais de 65 anos e arredor de un 75-80 % teñen a sua vivenda habitual no casco urbano.

    Moitos deles temos que acudir a cotío aos servizos sanitarios por razóns obvias. Entre 60-70 persoas preséntanse a diario a facer análises e unhas 500 ou mais van ao centro por outros motivos.

    Por outra banda todos sabemos que no centro de casco urbano hai moitos espazos e solares baleiros que poderían servir para construír ou instalar un novo centro de saúde, sen necesidade de ter que desprazarse a un punto tan lonxano e tan incómodo ou mesmo perigoso como o que se proxecta. Folga suliñar que moitas persoas terían que desprazarse en automóbil dependendo de familiares, veciños ou taxis. Tampouco entendemos, nen coñecemos informes que acrediten as dificultades que podería ter a reforma e a modernización do centro actual, seguramente moito menos custosa que a construción de un novo equipamento.

    Por estes motivos temos solicitado unha entrevista co Sr. Alcalde ou persoa na que delegue dende o día 14 de Novembro pp sen recibir resposta ata o día de hoxe. Asemade damos conta de que no pleno do Concello do pasado día 4 de Decembro aprobouse unha partida de 250.000 euros dentro dos presupostos de 2024 para financiar a merca dos devanditos terreos enfronte da estación de servizo.

    Pola nosa banda seguiremos agardando a resposta do Sr. Alcalde e anunciamos que iniciaremos actividades sociais para informar á veciñanza deste proxecto e da importancia, para todos e todas, de que se busque unha nova ubicación do futuro centro de saúde de Ribadeo ou ben se acometa a reforma e modernización do actual

2 comentarios:

Anónimo dixo...

250 000 € por un terreo sin accesos, perigoso por estar o lado dunha rotonda de gran tráfico, a un km do ce tro e a dous da Vilavella. Hoxe véndese a Casa da Hucha que está pegada o centro de saude vello, que por certo fíxose xa nun cacho de horta desta casa, e seguramente se poderá chegar a un acordo de precios e o centro seguiría no centro e con tódolos accesos solucionados, pois na Hucha hai unha grande horta. Así as cousas. Pancho Campos

Anónimo dixo...

Boas noites! Aquí nas Figueiras a semana que ven a médico de cabeceira, estará de vacacións (con todo o seu dereito) e non saben se "mandarán" alguén para suplila. Pero isto non é de agora... levamos así anos con falta de médico en atención primaria sen preaviso. Chegas ao consultorio e pódeche tocar a lotería e ter que ir a Veiga ou a Jarrio. E estamos nunha comunidade onde están os que protexen o estado de benestar. ¡Manda Carallo!
Adrián Suárez Blanco