20231203

En Ribadeo, pola paz

    Esta mañá, ás doce e media diante da casa do concello, tivo lugar en Ribadeo unha nova concentración pola paz. Limos ou falamos varias personas, comezando por min e continuando por Suso Fernández, Jesús Irigoyen, José Ángel Salvatierra, ou Nana.

    Deixo en baixo unha foto de Suso, o que lin eu e a intervención na ONU do embaixador palestino que me pasou Suso:

 

Das guerras e da paz

Se estamos reunidos para protestar pola guerra, xa perdemos por partida dobre.

Primeiro, porque a guerra, as guerras, están en marcha e estamos á defensiva, tentando que pareza unha ofensiva o que estamos a facer, cando pouco pintamos. Aínda así, hai que intentalo e facer forza para desgastar ó noso inimigo, para facer que non lle compense. Diso se trata.

Mais tamén perdemos porque estamos metidos na súa sociedade e na súa lingua, na lingua de quen fai a guerra. Loitamos coas súas armas, e por iso levamos desvantaxe: coas súas armas teñen máis práctica, loitan mellor. E tamén porque estamos a loitar.

Por iso, non estamos aquí contra, senón polo empeño por construír a paz. Por construír as condicións de paz, a mentalidade de paz, de non violencia, do uso da lingua para colaborar, para vivir, para construír. E aí si levamos avantaxe. Ou debéramos. Porque sabemos facelo, sabemos convivir e resolver en paz os conflitos, aínda que ás veces sexa difícil e o proceso leve moito tempo. Aínda que máis dunha vez perdamos pé e nos vexamos envoltos nun furacán incontrolable do que saímos en canto podemos. Pero aínda así, mentres o intentamos, estamos facendo pola paz.

Estamos a facela mentres usamos palabras que non usan máis que para desprezalas quen crea o conflito. Estamos a facela mentres alzamos os corpos e a voz para dicir que estamos aquí e queremos vivir en paz, un mundo no que a xente, nosos irmáns e irmás de toda a Terra, podan vivir en paz.

Falando así sae a expresión como se fora unha relixión. Chamádea así se queredes, pode que sexa a única relixión pola que mereza a pena rezar.

Pero mentres, empregando xa que logo un dito relacionado co relixioso, ‘a Deus rogando e co mazo dando’, temos que seguir actuando en pro da paz. Por activa e por pasiva, polos medios que se nos ocorran. E mesmo aínda que non sexamos moi ocorrentes, facendo as cousas cun fin claro: lograr a paz. Na Ucraína invadida onde os rusos -os dirixentes, claro- teñen a culpa mentres os ucraínos -os dirixentes, claro- non deixan de ter a súas. Ou na Gaza onde a poboación está a sufrir por un ataque mortífero, exterminador, desencadeado por un presidente que quixo acabar co poder xudicial mentres está acusado de corrupción. Iso si, antes actuou unha guerrilla con base en Gaza e tamén mataron israelís, na desproporción a que xa nos ten afeitos ó longo de tres cuartos de século no que se perde o fío dos agravios dunha e outra beira. E tamén noutras guerras esquecidas, que xa nin estamos seguros se hai ou non porque os medios non se ocupan xa -se se ocuparon algunha vez- delas. No Tigray. Onde estaba iso? En África, non? Había unha guerra, coido. E a guerra do Afganistán contra os rusos primeiro, logo contra os norteamericanos e logo entre eles cos outros por tras, está rematada mentres as mulleres son tratadas como animais de curral? Pacificouse Somalia? E o Iemen? Para, que nesa, como hai implicado algo de petróleo sabemos que aínda non, que segue, aínda que sen detalles. E Sudán do Sur, está pacificado? De calquera xeito, somos conscientes de que falamos das guerrazas, de cando en vez, das guerras, e case nunca das guerriñas. Pero non somos nós quen establece esa cualificación, quen mete unha nun estante e outra no outro, senón outra xente. Pode que non se cualifique de guerra, pero hai señores da guerra no Congo, tentando controlar produtos como o coltán que logo temos nos nosos móbiles. Unha loita a conto das ganancias que rematamos pagando nós. Un círculo forzado do que non é doado escapar.

Ninguén dixo que facer a paz fora doado. Non o é.

Ninguén dixo que a paz se impoñería por si soa. Por certo, impoñer: outra palabra traída con violencia.

Ninguén dixo que por procurar a paz non nos acusaran de alimentar a guerra. Ata din que a segunda guerra mundial activouse de vez por un acordo de cesión para calmar a besta.

E ninguén dixo que non podamos estar equivocados nas cousas que facemos. Somo humanos. Pero estamos convencidos de que a paz é sempre mellor que a guerra. E estamos convencidos delo tendo presente que, da outra beira, hai xente que pensa beneficiarse da guerra e non ten en conta todo o prexuízo que leva consigo. Mesmo para eles, aínda que estean a acumular cartos a distancia dos mortos.

Sigamos traballando pola paz. Nese traballo está a semente que xerminará algún día. Estamos a facer o correcto por moi lonxe que estea o obxectivo e queiramos berrar: paz xa!

 

Ningún comentario: