20231201

Das diferencias humanas

Das diferencias humanas

 

CI por países a nivel global. Collido de https://encyclopedia.pub/entry/29354, lic. CC BY SA

    Coido que cada humano é un ser diferente, algo no que estou seguro que coincido coa toralidade (ou case) do resto da humanidade. Son esas diferencias as que nos consolidan, á nosa propia vista, como únicos.

    As diferencias podemos clasificalas como xenéticas, epixenéticas, máis de carácter e outras adquiridas ó longo do desenvolvemento, e outras, de certo parecido coas anteriores polo feito de ser adquiridas ou herdadas, pero diferentes delas por ser totalmente externas á persoa e de base social. Entre estas últimas, inclúense cousas como os cartos a disposición. Cabe notar que os cartos, herdados ou non, non serven para moito se non hai unha sociedade que os acepte, pero o espírito emprendedor, basicamente adquirido, pode salvar a vida dunha persoa mesmo en soidade.

    As diferencias non son en xeral medibles dun xeito doado. Si é medible a estatura, ou os cartos no banco, pero asumir números sobre o carácter é cando menos dificultoso. Mesmo o coeficiente de intelixencia (C.I.), que se da sobre unha base de media 100 ou en porcentaxes, e está amplamente estendido, non é tan doado.

    Polo anterior, atoparme, na procura doutra cousa, cunha táboa que se atreve a ponderar a intelixencia media da xente de 193 países (en 2023), axuntando ademais datos como anos de escolarización, índice de desenvolvemento humano ou renda per cápita, é cando menos curioso. Máis aló da credibilidade que lle podamos dar. Aínda así, non deixa de chamar a atención que os seis primeiros países da táboa sexan do Extremo Oriente. Por orde: Xapón (106,48 de CI), Taiwan (106,47), Hong Kong, Singapur, China e Corea do Sur (102,35). Os sete seguintes son europeos, e seguen a combinarse durante abondas posicións, entre asiáticos e europeos. Os cinco postos finais inclúen tres países africanos, un da América Central e un asiático, que cerra a clasificación cun CI de 42,99. CI este último que implicaría que a media da poboación tería un retardo mental moderado.

    O uso dos datos ten licenza CC0 (é dicir, libre) e inclúe a fonte dos mesmos. Fonte por onde se chega a que en 104 dos países non hai un estudo que pretenda abranguer a toda a poboación, senón só unha análise dunha mostra en certo xeito semellante á que poda ter unha enquisa electoral, ou a que hai variacións, aínda que en xeral non demasiado grandes, segundo unha ou outra estimación feitas. Non moito como base, parece.

    Pero abondo para forzar se se quere unha discriminación entre países a nivel mundial. E máis, se vemos outros datos que acompañan, do índice e desenvolvemento humano ó ingreso por cabeza ou mesmo a poboación do país ou o número de premios Nobel. Algo capaz de crear incertidume gratuíta a unha persoa que acceda dende un dos países 'desfavorecidos' na ordenación de CI, ou superioridade, non menos gratuíta, nun dos 'favorecidos'. Tendo en conta ademais que os seis primeiros son poboados de xeito maioritario de longo por xente do grupo que seguimos a chamar 'raza amarela' por moito que dende hai tempo se saiba que os humanos somos unha única raza na actualidade, dende a desaparición dos neandertais.

    Por certo, curiosidade dentro de curiosidade, segundo eses datos, España, cun CI medio de 93,9, estaría no posto 44, por tras de Italia, Nova Caledonia e Vanuatu. E por diante de Bermuda, Chipre e Portugal, que estarían tamén por diante do ás veces veces afamado intelectualmente Israel, no posto 48 a pesar dos seus 13 premios Nobel tamén computados na táboa...

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Boas Antonio! Interesante artigo(coma todos), na medición do CI actualmente moitos expertos prefiren os percentiles. Sobre todo para ter un umbral para a detección de altas capacidades, umbral que é relativamente plástico en función das condicións do suxeto analizado e das áreas que se analizan. Así como se comporta a actividade cortical, a parte emocional e a situación personal do individuo, son cuestións que poden condicionar os resultados dos test. Non hai que ser moi avispado para darse conta dos escasos medios e obsoletos que ten España para afrontar esta estadística, e non quero nin imaxinarme nos países tercer mundistas. Cando hai estudos contrastados de que a raza, país etc non marcan diferencias significativas na porcentaxe de xente máis ou menos dotada intelectualmente. Hai grandes diferenzas na detección e na metodoloxía (se a hai e é efectiva) para abordar as particularidades de cada un.
Adrián Suárez Blanco
Unha aperta
PD: gracias polo apoio dende BioEo

Anónimo dixo...

Reboas! Para quen lle interese o tem un libriño introductorio, práctico, riguroso e curtiño:
A MI NO ME PARECE, casos prácticos para comprender la alta capacidad.
Eva R. Alegría
Félix Ruiz Mahamud
José Luis Pérez
ISBN 978-84-283-3464-8
Unha aperta