20231211

Apartado baleiro

    Hai uns días comentei o cambio de aparencia da web municipal. Ese cambio leva consigo tamén unha reestruturación, ao menos, aparente. Por iso, guiado pola curiosidade, a modo de distracción estiven só un par de minutos mergullándome na web (xa continuarei outro día...) que abondaron para que algunha cousa se me fixera patente.

    Por exemplo, na páxina https://ribadeo.sedelectronica.gal/transparency/be9dfaa1-93fc-4e2a-81ed-17010b66be9e/. Un nome que pode parecer raro para o url aínda que non o sexa tanto, exceptuado o 'transparency', pero de título sinxelo, 'Transparencia'. Alí pódese atopar entre outras cousas, o que amosa a captura de pantalla: o número de documentos do apartado 1.2 é 0. Que engloba dito apartado? os currículos de alcalde e concelleiros. Por que existe dito apartado? Por lei? Por que está baleiro? Non sei, tendo en conta que pasaron case seis meses dende a constitución do pleno. Seguirá así? Supoño que non, pero falta de confirmar. Que vai pasar porque siga así? Volvo a supoñer que non pasará nada, ao menos mentres non haxa queixas. Haberá queixas? Se polo momento nin se queixou a oposición (nin contribuíu a encher o apartado), parece que o das queixas irá para longo. O que me lembra unha resposta que me deron nunha pequena discrepancia con outro visitante do Pazo de Ibáñez haberá xa cerca de un par de décadas. Díxenlle algo así como que non pasaba nada, que Ribadeo ó fin non é tan grande e máis ou menos nos coñecemos todos. Ó que me respondeu: "Eu a vostede non o coñezo de nada". Aplicado a este caso, é o mesmo que dicir que o coñecemento ou non, é cousa de trato, pero non de legalidade ou dereitos, e débense separar ambos.




Ningún comentario: