20230605

Cor salmón

Cor salmón

Collido de https://ecousera.blogspot.com

    Remato de follear un suplemento cor salmón nun xornal galego. Unha vez máis, fixeime en que toda a separata, de 24 páxinas, repito, cor salmón, característico da información sobre finanzas nos medios escritos, en calquera das noticias, as empresas e sociedades referidas desaparecían en canto á actividade económica máis aló dos cartos. Sen importar nin mencionar ó que se adican. Ben, algunha vez si o mencionan, mais é para indicar adquisicións ou competencia que mingua ou propicia cartos, non para indicar que eses cartos prodúcense máis ou menos por un ou outro avance industrial, de invención, de desenvolvemento... Se hai algunha excepción nesta prensa salmón é iso, unha excepción das que confirma a regra. Un contraste co relativo ó persoal d empresa, que si aparece como fonte de ganancias cando se está a tratar de despidos. Claro que as novas contratacións seguen tamén a regra anterior, non soen ser cuantificadas nin moi atendidas nas novas, máis aló dunha xenérica referencia á ampliación da actividade da compañía correspondente.

    Ven a cousa a conto de como se controlan hoxe os cartos: menos ca nunca importa de onde veñen, de onde saen ou do servizo ó que están asociados, quedando só como relevante o feito de telos ou conseguilos. Sen importar como. Ás veces, mesmo ocultando como. É unha imaxe, a do texto escrito sobre o papel salmón, do mundo actual. Imaxe que tende a ser máis nidia a medida que o capitalismo monta por riba da sociedade e humanidade. É dicir, do conxunto e de cada un dos individuos que nos chamamos persoas a nós mesmos.

    Trátese de política ou empresas, o filtro das finanzas está claro: cartos. E cantos máis, o baruto é máis largo: mesmo, en cantidade abonda, non fai falta nin peneirar, serve calquera fonte de financiamento.

    Apunto a diferencia entre economía e finanzas, cada vez máis embarullada a medida que as finanzas medran máis ca economía e se independizan da natureza e da sociedade. Do mesmo xeito que cabe lembrar que din que economía ven de ‘administrar a casa’ segundo o significado das súas raíces no grego clásico, a verba finanzas ven do francés, indicando a súa orixe sinxelamente chegar a un fin, conseguilo, finalizar algo. É dicir, sen considerar os medios. Por certo, facendo un paréntese, a súa verba orixe, ‘finer’ estaría tamén relacionada co noso fúnebre ‘finar’, que en moitas circunstancias ven como anel ó dedo para caracterizar ó resultado das finanzas. O significado das antigas verbas que serviron de base a estas, pode ir variando no tempo, mais correspóndese abondo co sentido actual de ambas: unha xestión das actividades que nos proporcionan os apoios para a vida contra un acadar certos fins elixidos de xeito particular sen ter en conta os medios.

    O resto é historia (e actualidade). Pero no noso caso, si, a ter en conta, como persoas e como sociedade.

Ningún comentario: