20230601

Ninguén morreu. Que é o importante?

Ninguén morreu. Que é o importante?

    Como se de Saramago e as súas 'intermitencias da morte' se tratase, unha famosa política (pola política que fai, ocorrencias que ten, e votos obtidos, sen presupoñer por iso que as súas políticas sexan boas ou as súas condutas éticas) remata de afirmar (antes das eleccións) que 'ninguén morreu' pola contaminación. 30 000 mortes só en España nos últimos ans non deben ser 'ninguén'.

    O feito é só un episodio máis do que xa é unha política normal ou normativa nesta España na que vivimos, isto é, axustada á norma e asimilada día a día dese xeito. Xa está asumido considerar mortos nas residencias como cousas que pasan, como un atropelo casual por prte dalguén que vai ata as cellas doutro alguén que pasaba por alí. O mesmo que considerar boa a desigualdade, como se fose unha diversidade máis que hai que preservar porque favorece ó ecosistema, unha necesidade de manter mesmo depredadores carnívoros para poder dar boa conta dos herbívoros (que seríamos nós) e que non se descontrolen. Ou protexer o tráfico baseado en combustibles porque fardar de coche potente da status e 'se España non pode, ti podes', e iso dá glamour ó país. E sen contradicir que se favoreza a compra de vehículos eléctricos caros por parte de quen poda mercalos! Ou...

    En troques do anterior, non é que ninguén morrera, morra ou morrerá, pois todos morremos. Pero hai quen morre antes por culpa de respirar a diario un aire contaminado na gran cidade e non poder ir pasar o descanso nun confortable chalet ás aforas de aire límpido. Ou por non poder procurarse unha asistencia médica decente pola indiferenza ante o ateigamento e falta de medios dos centros médicos públicos despois dunha rebaixa de impostos. Ou... por outras moitas cousas, que excederían a lonxitude adecuada deste artigo.

    Pero eses feitos e moitas outros non parecen importar nin en campaña electoral (aínda recente ou próxima futura), nin antes, nin despois, ao menos en importancia relativa e atención requirida fronte a diversas mentiras espalladas para facer impacto antes dos comicios, mais tamén nalgunha circunstancia na que se quere influír en certas decisións. É dicir, desas mentiras que están xa á orde do día e das que case non podemos liberarnos polo esforzo que esixe ir detectando todas elas.

    E a cousa tende a ir a máis: cada vez hai máis posibilidade de interacción directa, de impacto xusto no punto debido, pois imos deixando rastro de datos que empresas sen moito escrúpulo, de xeito legal ou ilegal, van recollendo e vendendo, para poder facernos un cadaleito a medida se se conta con cartos abondo. Un cadaleito de mortos en vida, vendidas as nosas posibilidades, eleccións, anceios ou esperanzas. E uns cartos -normalmente, alleos, concentrados en pouca xente-que tenden a aumentar ó tempo que diminúen os nosos, pois unha vez no cadaleito, tamén estamos indefensos para defender os nosos cartos. Aínda que nos teñan convencidas de que nun cadaleito a medida estase moi ben! Ó fin e ó cabo, que é o importante? Que o cadaleito sexa cómodo, claro!

Ningún comentario: