20211122

Que quere Asturias?

Mapa da provincia de Oviedo, datado en 1920, coa ría de Ribadeo, fondo do Instituto Cartográfico de Cataluña.

Que quere Asturias?

    Dende hai tempo, abondo xa, tento descubrir que quere Asturias. O primeiro que tiven que descartar é que Asturias, entidade, queira algo: sinxelamente, non pode. Poden querer os Asturianos, mais para os efectos que pretendo, de primeiras reduciría a querencia ós mandatarios asturianos.

    Coido que o anterior é un paso previo para tentar comprender que pasa co nome da ría de Ribadeo. E aquí fago unha digresión: o nome da ría que separa o que hoxe son territorios de dúas administracións diferentes tenta disputarse precisamente por iso, porque son  dúas administracións. Alguén dubida que se houbera unha única administración, poñamos 'Autonomía Asturgalaica', desaparecía o 'problema' do nome da ría? Coas probas contundentes que conducen ó nome de ría de Ribadeo, recoñecidas no informe da Comisión de Nomes de 2008, con aportacións da 'Real Sociedad Geográfica', a Comisión de Toponimia da Xunta e -nótese a diferenza de nomes e funcións do organismo- a Dirección General de Promoción Cultural y Política Lingüística' de Asturias, e, en xeral a diferenza histórica entre os nomes que resalta en diferentes lugares, como no "INFORME QUE REMITE LA ASOCIACIÓN VECINAL CULTURAL Y ECOLOGISTA 'PLATAFORMA POR LA DEFENSA DE LA RÍA DE RIBADEO' A LA DIRECCIÓN GENERAL DEL INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL ANTE LA PROPUESTA DE LA DIRECCIÓN GENERAL DE POLÍTICA LLINGUÍSTICA DEL PRINCIPADO DE ASTURIAS SOBRE LA DENOMINACIÓN DE LA RÍA DE RIBADEO", non se entende o ditame (este de 2021 non é informe, senón comunicación de decisión) de hai poucos días da Comisión do Instituto Geográfico Nacional. Non se entende se se considera que debe cinguirse ós feitos. Se se considera que se poden aplicar criterios políticos, imos aclarando a decisión.

    Antes de volvfer ás querencias, e aparte das moitas apostillas de reforzo que se lle pode facer ó predominio obxectivo do nome 'ría de Ribadeo', unha constatación: na oficialidade asturiana pasouse completamente da obviedade do informe de 2008, usando o nome que querían impoñer en vez do oficial. Entre os numerosos exemplos que se poden poñer, destacaría a edición do libro 'A ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas', na súa versión galega, que na castelá mantivo 'La ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas'. O libro, de 2009, recente aínda o informe sobre o nome, deixa claro tanto po paso polo forro das autoridades asturianas como consentimento das galegas con motivo dun libro realizado con cartos de entidades constituídas basicamente por concellos da zona. E tamén é un adianto do que viría despois.

    Volvendo ás querencias dos poderes asturianos, coido que é doado comprender que en Vega de Ribadeo, aló polo 1916, quixeran e conseguiran por unha Real Orden cambiar o nome por Vegadeo. Tanto por acougar mellor de xeito interno a identidade do concello despois de nacer en 1836 como Vega de Ribadeo e cambiar a capitalidade dende Piantón, como por reivindicarse a si mesmo recoñecendo no nome o feito de non dependencia ningunha de Ribadeo. Ese cambio de nome, ademais, estimo que tivo un efecto secundario que agora se trata de potenciar: a desaparición de influenza/ascendencia de Ribadeo sobre esas antigas 'Terras de Ribadeo' eonaviegas, recoñecidas como tales ao menos tan lonxe no tempo como no 1154, nun conflito entre bispos, no que foron concedidas ó bispo ovetense con esa denominación.

    Ou sexa, estamos ante unha potenciación da estrutura interna asturiana, aglutinando o sentimento 'asturianista' para o que se aproveita unha inventada confrontación 'externa'. Así, virían 'os de Uvieu' en defensa da identidade dunha zona, máis dun terzo de Asturias, que teñen apartada na súa propia consideración e condición de asturianeidade mentres dura a asimilación centralista -do centro da comunidade-. Algo no que todos os partidos políticos asturianos vense na necesidade de participar, unha vez comezado. E participar apoiando a Asturias, unha vez definido que o comerlle terreo ó nome de Ribadeo é en interese de Asturias. Tal vez a consideración sería diferente se o 'occidente' tivera algo semellante ó que representa Covadonga, como ocorre no oriente da comunidade...

    E si, cada vez se di máis 'ría del Eo', pois esa é unha teima, levada a modo de cruzada, dende hai moito tempo. Cada vez se di máis, pero tendo claro que as lembranzas na rúa, o 'sempre se dixo...' poden ter tanta fiabilidade como as que indican que 'en tempos de Franco vivíase mellor'.

    Pola outra parte, en Galicia, para interpretar o tema, coido que para mostra abonda un botón, o botón do libro citado. Interese en manter 'ría de Ribadeo'? Só cando se manifesta, a remolque do 'nacionalismo' asturiano, un 'nacionalismo' galego, comeza a haber unha resposta clara... alguén dirá que ao menos cun século de atraso.

    E a ría? E a quen lle está a importar a ría máis que como obxecto que se pode lanzar a quen se lle define como contrario e do que se pode facer un pandeiro?

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Qué hay que decir da Ria de Betanzos, que Betanzos con ter menos población que Sada y por lo tanto menos infraestructura marítima se agencia el nombre da Ria. O por poñer outro ejemplo: qué pada con a Ría de Muros y Noia que comparten nombre y Ria. Pos os asturianos pretenden que a Ría teña un nombre neutro y más comercial ( cuantas empresas hay en Ribadeo que fagan uso del nombre de Ribadeo y cuantas hay que si lo fain del Eo).
Así ta Ribadeo que nun deixa de mirarse el ombligo mentras outros municipios se pelean por lo realmente importante... A industria y el comercio. Seguide así sendo as plañideiras da comarca.

agremon dixo...

Coido que en base ós comentarios dun blog non se pode levar unha discusión como pode requerirse. Estimo que o comentario anterior, que aprobei eu mesmo para publicar, pasa de varias cousas, pero non por iso pretendo dar aquí unha resposta ó que eu entendo, esperar a resposta ó que o interlocutor entenda, ... e eternizarnos en réplicas e contraréplicas sen poder axustar no momento, algo que é ben diferente de ter unha conversa e razonar. E máis diferente aínda se o contrario é anónimo. Polo tanto, coma sempre e dentro da dispoñibilidade de tempo, se alguén quere charlar do tema tranquilamente, estou disposto. Pero, repito, non a escribir para que cada quen responda a outras cousa e ter un intercambio estéril, unha perda de tempo. Saúdos.