20220823

Non é só a paisaxe. Somos nós: de Utopía a Distopía

Non é só a paisaxe. Somos nós: de Utopía a Distopía

    Estes días cheguei a unha serie de fotos e imaxes construídas, mesmo debuxos, diferentes, e en diferentes lugares da rede, cunha semellanza: o aproveitamento da sombra dunha árbore (xeralmente, dunha árbore, pero tamén, con outras orientacións interpretativas, doutros obxectos, como galiñas á sombra dunha sinal de tráfico) por parte de xente e/ou outros animais nun día de Sol 'de xustiza'. Nesas imaxes con seres a resgardo do Sol grazas a outro ser vivo e verde, que tamén nos subministra de osíxeno mentres nos protexe, soe acompañarse unha lenda do tipo "máis árbores, menos coches" ou semellante, a modo de reforzo expresivo da idea representada.

    Por suposto, estou de acordo coa idea que pretenden, manifestada no pé de imaxe ou mediante diálogos dun ou outro xeito. Mais a interpretación das imaxes por medio dunha petición asociada a unha sentencia, como a citada "máis árbores, menos coches", soe quedarse moi curta. As imaxes usadas amosan unha realidade que vai máis aló da interpretación rápida e chusqueira. En particular, a necesidade de protexernos do Sol; de algo que, sabemos, nos dá a vida na Terra, pero tamén, recibido en 'moita cantidade', nola quita, e o perigo incrementado ó asocialo como símbolo de altas temperaturas / cambio climático. Ou a chamada á atención sobre a falta de árbores, ata o de agora con tendencia a ser eliminadas da paisaxe urbanizada por aquelo de que quitan espazo e ademais, hai que mantelas, deixarlles terra (algo, como todos sabemos, que 'mancha'), regalas, porque o asfalto do seu arredor non deixa que pase auga abondo, e recoller as súas follas cando se caen, para que asfalto e asociados sigan co seu aspecto, sen ser colonizados pola natureza rexeneradora. Falan tamén as imaxes, sen ser recollido polas palabras que as acompañan, da necesidade que temos desa mesma natureza para a nosa adaptación a un entorno ó que non estamos afeitos. E falan do agrupamento, da sociedade, do estar xuntos, para solucionar problemas de todos, problemas comúns... ou, de xeito alternativo, sufrir eses problemas en conxunto -aínda que, a este respecto, sabemos que polo momento sempre hai xente que sofre máis e outra que sofre menos-. Por suposto, a máis das cousas que as imaxes non indican de xeito explícito, pero están aí, como o seren acubillo de vida e formar parte do ecosistema de diversos animais.

    Esas imaxes falan dunha viaxe clara. Da Utopía da Arcadia ou do Paraíso, con árbores que, espalladas, contribúen ó noso alimento a máis do equilibrio, harmonía e beleza do entorno, coas que estariamos integrados, pasamos á procura das árbores como último recurso, utilitario, ó que volvemos por necesidade. Por necesidade nosa nun mundo no que somos nós quen lles facemos a vida máis difícil. Si, tamén ás árbores, igual que a nós mesmos. Unha viaxe á distopía.

Ningún comentario: