20220818

Acceso á illa Pancha: teatro e realidade. Nota de prensa AVV Por Nuestro Faro

 

Acceso á illa Pancha: teatro e realidade

(Nota de prensa AVV Por Nuestro Faro)

Dado que o Concello de Ribadeo está publicando notas con información nesgada sobre o asunto do Faro e da Illa Pancha vémonos na obriga de clarexar algúns puntos para dar unha información veraz á opinión pública.

1. O Concello de Ribadeo apoiou dende o primeiro momento a proxecto de privatización da Illa Pancha promovido pola Autoridade Portuaria, non só porque o alcalde o considerase «un premio para Ribadeo» (El País, 24 de abril de 2015). Hai outros exemplos, como unha carta á Autoridade Portuaria (08/06/2017, web do Concello) onde o alcalde escribe «Que quede claro, e digo outra vez máis, que nunca dixemos que alí non podía existir un hotel, que non podía existir unha cafetería ou que non podía existir unha tenda de roupa».

2. O Concello escribe á Autoridade Portuaria hai dous meses informando sobre o que todo o mundo sabe : que a porta da illa está pechada. Pero hai 7 anos que isto é así. Lembremos que en 2017 Fernando Suárez autoriza a reapertura do hotel tras as deficiencias técnicas observadas, e solventadas, segundo os técnicos. Nesta ocasión Fernando Suárez informa de que o promotor remataba de presentar unha terceira declaración responsable ademais de garantir o «acceso público á mesma Illa Pancha». Como sabemos o acceso público nunca foi respectado polo concesionario nin esixido polo Concello. Catro anos despois, o concesionario, coa apertura da cafetería decidiu abrir a illa en función de horarios ditados polo seu propio interese comercial, sen que iso supuxese o máis mínimo problema para o Concello de Ribadeo. Coa recente resolución da Autoridade Portuaria de abrir a illa ao público, o Concello acata -porque llo mandan expresamente- unha das condicións de apertura do hotel. Cinco anos despois da reapertura.

3. O Defensor del Pueblo informou á Autoridade Portuaria e ao Concello o día 16 de febreiro de 2016 de que o proxecto era ilegal porque lle faltaba o Estudo de Impacto Ambiental que esixe a lexislación vixente española e europea en zonas afectadas pola Rede Natura 2000. O Sr. Alcalde púxose de costas e consultou a súa opinión á Autoridade Portuaria que respondeu con evasivas e sen ningún argumento xurídico. O Defensor emitiu cinco informes máis (ata o 18 de outubro) ratificándose no seu informe inicial. A Autoridade Portuaria acabou recoñecendo que era preceptivo o Estudo de Impacto Ambiental pero non o realizou. O Concello seguiu poñéndose de costas e aínda aprobou o proxecto de cafetería o día 18 de maio de 2021, sen este estudo obrigatorio por lei.

Polo tanto o Sr. Alcalde non informa da realidade cando afirma que se seguiron os trámites legais. O que se seguiu foron as instrucións da Autoridade Portuaria pero non a lexislación vixente. Aínda máis, no pleno do 23 de marzo de 2017, no que estivemos presentes, o Sr. alcalde declarou que o Defensor del Pueblo podía ser un incompetente. Folgan comentarios.

4. O Concello segue defendendo o dereito da Autoridade Portuaria a regular as entradas e saídas e a concesionar un edificio do que non fai uso dende 1981, e ese é un asunto no que imos incidir, porque non hai ningunha norma legal que ampare o devandito dereito. Véxase o artigo “Los Faros españoles: evolución legislativa y régimen de utilización” (Angel Menéndez Rexach. Profesor emérito Universidad Autónoma de Madrid. 2021).

A AVV “Por Nuestro Faro” seguirá defendendo os intereses dos veciños de Ribadeo e dos visitantes a facer un uso totalmente libre da Illa Pancha porque é un dereito democrático e legal como temos demostrado en infinidade de ocasións. Sen ir mais lonxe a illa do faro de Tapia está totalmente aberta ao público sen ningún tipo de limitacións. Que nos expliquen por que alá si e aquí non, e deixen de xogar con radiais e querellas.

Ningún comentario: