20220803

Manolo bañouse nos Bloques con casco, e Eva María paseou en bicicleta

Manolo bañouse nos Bloques con casco, e Eva María paseou en bicicleta

    Si, as noticias do verán (e do resto do tempo) son así, teñen moito aquel (e aqueloutro). E xa sabemos que Ribadeo non é Palma aínda que teña palmeiras, que chamarse Eva María non é o mesmo que dicirse Victoria F. (F polo de se é segredo, a modo de Victoria's Secret, xuntar o de Victoria a Federica nunha publicación calquera) e que ter un irmán tamén F, nome común ó tempo que propio por moi segundo, secundario ou segundón que sexa, non é o mesmo que ter un Manolo por moito que sexa o único nome que leve o portador, a máis de o máis abundante e usado na pel de toro ou boi.

    A nova podería ser redactada algo así: "A popular praia de Ribadeo recibiu a visita de Manolo coma un visitante máis que é. Non houbo ringleira de apretóns de mans no sinxelo acontecer diario veraneante. Tampouco houbo burla sacando a lingua ou semellante, como din as publicacións doutros ambientes. A xente común é así, común. E mesmo será raro ver outra reportaxe que transmita feitos semellantes a este. Aquí, exclusiva, exclusiva! O glamour dos Bloques non se veu alterado pola chegada de Manolo. Todo o máis, algún amigo fíxolle un sitio arredor do corro do grupo sobre a herba. Iso si, preto da moza do momento. Podemos dicir 'a moza dos seus ollos'? Sería moito dicir, como ten dous ó mellor non están de acordo. Manolo, tan simpático coma sempre, despois pegouse un chapuzón. Por suposto, acompañando algo que nos sorprendeu e deu que falar: fíxoo con casco! Preguntado sobre o tema, preguntou á súa vez que que tiña de anormal, que un casco é un gorro, ou, ao menos, parécense moito! Que ocorrencias máis cuquiñas ten este Manolo! 

    Tamén apareceu estes días por Ribadeo Eva María. A lombos da súa bicicleta xa vintage por iso de que é vella pero querida, lucía os seus sinxelos traxes. Non se sabe moi ben -dependerá de quen, é de supoñerse-  se o vestido chama a atención sobre ela ou ela sobre o vestido, como nas revistas do corazón. En todo caso, pode ter algo que ver co seu nome, emparentado co da antiga canción. Eva María pode tomar o Sol na praia, pero iso é o de menos. Como se non houbera Sol, ela pode iluminar as noticias e ser o punto de atención, vaia en bicicleta vestida ou non (é de preguntarse como iría se non).

    Si, os pais de Manolo e Eva María tamén chegaron e andan por aí. Son máis esquivos, xa non se deixan ver tanto como no pasado, sobre todo dende a división do matrimonio. E sobre todo o pai, máis apartado do mundanal ruído, anda desaparecido. En canto á nai, leva a súa renovada solteiría fóra dos focos maledicentes, e non se pode engadir moito máis. Iso si, parece que a monxa non se meteu, e por Ribadeo pode verse."

- Nota: as historias froito da imaxinación non teñen por que parecerse a realidade, nin tampouco por que non parecerse: a realidade ten moita máis imaxinación. Asemade, esas historias tenden a ser exclusivas (e venderse como tal), pero tamén poden ser inclusivas. Tómese en consideración estes feitos e déixese voar a mente como se se estivera nas este verán sobrequecidas augas do Mediterráneo, pois estas letras están mancas sen continuación nas vosas cabezas.

2 comentarios:

Ángel de Olavide dixo...

Pues no hago más que darle vueltas a la historia. Que intriga

agremon dixo...

:))