20220816

LIBROS E LEMBRANZAS RIBADENSES DE HOXE. Pancho Campos Dorado

LIBROS E LEMBRANZAS RIBADENSES DE HOXE

Pancho Campos Dorado

O título deste artigo dáse á interpretación de particularizar certos libros cando realmente os libros toman carácter universal unha vez publicados. Non, eu quero referirme a libros e lembranzas escritas por e para ribadenses ou que teñen que ver coas xentes de Ribadeo.

Vemos neste querido semanario, La Comarca del Eo, varios artigos describindo o entrañable e familiar libro de “Poesía en la tangente” do Presidente Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo. Por outra banda se escribe unha gran lembranza a labor profesional do ilustre ribadense Victor Moro e un resumen biográfico auténtico e sincero do pintor ribadense Xusto Moreda.

Pola miña parte, levo intentando escribir algo sobre os últimos libros que lin, libros tamén de persoas con natureza total ou parcial de Ribadeo.

Tiven a honra de presentar o 17 de maio deste ano, o documentadísimo libro “Ciencia e conciencia. Historia Social” do escultor Fernando Villapol Parapar, un traballo particular de investigación xenealóxica familiar que en moi poucos casos se atopa tan amplamente documentada e cuxa historia dos Villapol, cabaleiros da Mariña de Lugo, sábese que acompañaron ao conde santo Osorio Gutiérrez en diversas campañas guerreiras ate que este se retira e se recolle cara á vida de santidade en Vilanova onde funda o mosteiro de San Salvador de Lourenzá o 17 xuño de 969 (era 1007).

Facendo un inciso, dicir que neste Testamento de Fundación do mosteiro de Lourenzá do ano 969, aparece a máis antiga denominación de Ribadeo como “Riba Euve” (España Sagrada, Fr. Henrique Florez, tomo XVIII, p. 336).

A historia xenealóxica narrada dos Villapol consta de XX xeracións con rigorosa e estrita documentación que comeza de forma continuada desde a xeración I con Lope Alonso de Villapol no século XIV, ate a XX con Shayla Antía e Sabela Jane nos días de hoxe. Unha historia onde se entrecruzan estirpes de fidalgos, escribáns, artistas, escultores, escritores e xentes do común que nos fan reflexionar, e moito, en como unha exposición científica da orixe, filiación e da propagación das familias ao cabo dos tempos, a traveso dos séculos, entrecrúzanse con decenas de mencións transversais e paralelas con outras ramas de familias da bisbarra ou de alén do mar. Esta viaxe no tempo ao que nos leva Fernando, é tan extraordinario que non cabe dúbida de que si todos os veciños dunha provincia soubésemos das nosas árbores xenealóxicas, seguramente nos atoparíamos coa sorpresa de que por un ou outro lado, todos estamos emparentados consanguínea ou politicamente, e non precisamente por unha endogamia de casta, senón por sermos veciños.

Outro libro, neste caso científico, é o do físico Antonio Gregorio Montes, “A Temperie Ribadense no 2021”, continuación dun anterior “A Temperie Ribadense no 2020”. Un traballo estatístico do microclima ribadense cuxo estudo se remonta ao ano 1929, con algunha que outra anotación feita na Estación pluviométrica da Illa Pancha, mais as estatísticas máis continuadas fanse na Granxa-Escola de Pedro Murias. Hai que resaltar que algo así nunca se tiña realizado có microclima ribadense, polo que estes libros teñen un alto valor histórico para presentes e futuros estudos comparativos sobre o tema.

Teño que confesar que me chamou moitísimo a atención o ensaio histórico, “O Gran Triángulo” do profesor Francisco Diaz-Fierros Viqueira, unha narración na que conta a historia pseudobigráfica de dous astrónomos franceses, Jean Baptiste Biot e Francois Arago, e un galego, o astrónomo e matemático de Bermés, Xosé Rodríguez González, que no transcurso dos anos 1806 e 1808, mediron a prolongación do meridiano de París ata as illas Baleares. É un relato no que entras de cheo despois de desenrolar a fórmula trigonométrica da altura (Z) dun triángulo, na que Z = AB (tg A tgB / tg A + tg B)

Isto leva ós métodos de triangulación para coñecer as distancias necesarias para desenrolo do arco de meridiano e o por que de tantas penalidades que tivo que pasar o galego Xosé Rodríguez, particularmente, para manter os fachos acesos, nos picos dos montes escollidos. Traballo de heroes anónimos que fixeron avanzar o saber da raza humana, e que como di Francisco Díaz-Fierros, “dunha transcendencia que, coido, aínda non soubemos valorar moi ben”, e que serviron para ofrecer novas perspectivas sobre o cálculo da latitude terrestre, imprescindible, xunto coa lonxitude, para situarse nun punto calquera da Terra.

Con agarimo a todos estes autores que me fixeron pasar días moi agradables e interesantes.

Ningún comentario: