20211206

Sergas, hai alguén aí?

    Copio en baixo unha queixa presentada estes días nun ambulatorio galego. Enténdese que a queixa vai contra o sistema, non contra un ambulatorio en concreto. Por iso, por estar  queixa en trámite e pola preservación da intimidade, suprimo os datos identificativos de paciente e instalación sanitaria na copia, polo demais fiel ó texto da queixa. Deixando, iso si, algunha aclaración e explicación entre o texto, e a continuación. Aclaracións e explicacións, por certo, realizadas a partir da idea de quen escribiu a queixa.

'A madrugada de onte, ___, miña nai, ___, necesitou o servizo de ambulancia. Como resultas, administrouselle un tratamento que necesitaba revisión a día de hoxe [o día seguinte], non sendo atendido ata despois de 17 chamadas [enténdese, intentos de comunicarse por teléfono] e dándoselle vez para o día [once días máis tarde do da presentación da queixa], en contra da petición médica.

Esta mañá, ___, volveu a necesitar ambulancia, pasando polo ambulatorio e rematando no [hospital de cabeceira], onde pasou case seis horas, con indicación de alta dicindo que o médico de primaria necesitaba revisar o pautado nos próximos días [enténdese, que o especialista indicou que a pauta tiña que ser revisada polo médico de atención primaria como moito en tres ou catro días]. Presentado no centro de saúde, dinme que imposible, que non poden dar vez porque non teñen oco. Pregunto por alternativas e dinme que me presente o [primeiro día laborable; a ter en conta que a data e hora de denuncia era venres á tardiña], primeiro día hábil, pola mañá [o de pola mañá, por ser o horario de traballo do médico de cabeceira]. Preguntado se iso solucionaría o problema, dinme que non saben.

É dicir, por dúas veces consecutivas en días seguidos a burocracia impide o cumprimento médico, xerando, a máis do perxuízo [sic] do paciente, un gasto suplementario para o sistema.

Isto non pode seguir así.'

     Ata aquí, a copia da denuncia. Formalmente, feita nunha 'folla de reclamacións' do centro do SERGAS.

    O caso relatado comezou cunha urxencia no medio da noite, e refírese non a unha desatención médica da urxencia en si, senón a que o sistema non permite seguir a pauta que precisa o criterio médico. É dicir, estamos ante un sistema disfuncional, que non cumpre os obxectivos para os que foi definido nin a súa propia metodoloxía interna. A atención recibida, polo que parece non sempre foi igual, pero en xeral foi, cando menos, correcta, por parte dos profesionais afectados. Polo demais, xa sabemos que en todo colectivo grande, 'hai de todo, como en botica'. En todo caso, a queixa non se refire a un caso puntual, senón ó sistema.

    Sistema que, por suposto, é mellorable, pero que para mellorar necesita dunhas certas premisas que non son doadas de identificar nel na actualidade. As dúas premisas que considero de maior importancia, a dotación de recursos (persoal, aparataxe, funxibles... cartos) e a vontade de mellora política do sistema público, confrontadas coas novas que nos chegan sobre o sistema sanitario -galego, pero non sendo Galicia un caso illado-, están desaparecidas. Os recursos para o mantemento do sistema público non se ven medrar, se non máis ben ó contrario. E as bonitas verbas sobre o moito que se vai facer co sistema polo poder que o xestiona quédanse aí: pouco recorrido teñen.

    Mentres, quedamos espantados de que as dúas terceiras partes das bancarrotas persoais que se dan nos EEUU (que se contan por centeas de millar) teñen unha compoñente de pago dos servizos médicos, nun país cun sistema sanitario público case inexistente, pero cun modelo ó que cada vez nos achegamos máis.

 



1 comentario:

Anónimo dixo...

La pandémica nos ha afectado a todos, pero la desidia y desinterés por la atención al paciente, provocan que un simple catarro tras semanas de “pasar del paciente” por parte de los sanitarios, y sin un médico de cabecera durante los ‘últimos 6 meses, haya degenerado en que la paciente tenga que salir en ambulancia y al quedarse sin respiración. Dejar morir a alguien porque es u a persona mayor y mejor pasamos de ella que ya se curará, me parece que no cumple el código deontológico, ni la ética básica de cualquier ser humano.
María