20211208

O “Conde de Salinas”. Pancho Campos Dorado



O “Conde de Salinas”

Pancho Campos Dorado

Este persoeiro e a súa saga familiar ten moitísimo que ver coa Historia do Ribadeo antigo e moderno, pola “sinxela” razón de que foi un destes “condes” quen vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de compravenda asinada no ano 1551 en Medina del Campo (véxase o Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80).

Pero quen é e de onde veu este Conde de Salinas? No meu libro dos Escudos de Armas do Concello de Ribadeo (páx. 268-270) fago unha serie de conxecturas no capítulo dos Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo, sobre quen puido ser o I Conde de Salinas, para intentar saber quen foi realmente o “personaxe”, como elegantemente lle chama Francisco Lanza, deste clan familiar que fixo a falcatruada de vender un cacho de territorio do Reino de Galicia sen que ningunha das autoridades galegas movera un dedo ao respecto, perdendo Ribadeo un montón de dereitos que lle correspondían por ser a Capitanía Marítima Terrestre en todo o territorio das terras do Condado, pois esa era a potestade xurídica, política e militar que tiñan os Condes de Ribadeo.

Un destes condes, casouse coa V Condesa de Ribadeo D.ª Mariana de Villandrando e Zúñiga, filla de don Rodrigo de Villandrando, III Conde de Ribadeo e da súa segunda muller D.ª Beatriz de Zúñiga, coa que se casou polo ano 1440 despois de enviuvar da súa primeira muller D.ª Margarita de Borbón que falece en 1438. As datas son moi importantes para contextualizar os acontecementos.

Na revista Hidalguía de Genealogía, Nobleza y Armas (Ano V, xaneiro-febreiro, 1957, Nº20, Madrid, pax.41-48) atopamos un amplo estudo de Eloy Benito Ruano, sobre “El origen del Condado de Salinas” onde parece que D. Pero Sarmiento, aparece na súa biografía como I Conde de Salinas. Era Reposteiro Maior e Asistente do rei Xoán II de Castela (1406-1454) e Alcaide na cidade e no alcázar de Toledo. Todo o artigo se trata baixo unha dubidosa orixe deste condado de Salinas, e que posiblemente fose inventado polo tal conde baixo a sombra do Condado de Ribadeo, título que ostentaba a súa muller, como veremos.

D. Pero era neto de D. Diego Gómez Sarmiento Señor de Salinas de Añana (non conde) en Álava, título que lle concedera o rei Henrique II de Trastámara (1369-1379) “o das Mercés” ao casar coa súa sobriña D.ª Leonor de Castela, filla de seu irmán D. Fadrique, Mestre de Santiago. Este informe esclarécenos que a procedencia das terras de Salinas, son dun pobo de Álava. Absolutamente nada que ver con Galiza, por certo, igual que pasa con todos os Condes de Ribadeo que ningún é galego, agás Rodrigo de Villandrando que era natural de Illa, parroquia de Entrimo (Ourense) segundo biografía de Benito Pereira Domínguez (Ed. Glifo, ano 2000) que contradí a versión de ser un “fidalgo vallisoletano” como di a Gran Enciclopedia Galega (Ed. 1974, tomo XXVI páx.213) que copia o relato do Discurso de D. Antonio María Fabié, da Real Academia da Historia de 21 de maio de 1882 (Imprenta y fundición de M. Tello, Madrid 1882, pax.6).

Como os ribadenses xa sabemos, o rei D. Henrique II foi quen lle concedeu o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines o 20 de decembro do ano 1369, polos servicios que lle prestara contra seu medio irmán o rei Pedro I “O Cruel”.

Cabe dicir aquí que moi posiblemente as magníficas Terras de Ribadeo, en calidade de Condado de Ribadeo, fosen concedidas polo rei Henrique II a un estranxeiro (francés neste caso) por odio e desprezo que lle tiña a Galiza e ós condes Velaz de Montenegro, unha das máis poderosas familias galegas, xunto cos condes de Trava, cuxo condado de Trastámara, outra perla da Galiza, tamén llo concedeu ó francés, Bertrand du Guesclin polo mesmo motivo de axudarlle na guerra desde 1366 contra o seu medio irmán, o lexítimo rei Pedro I. Ambos condados, pretendía Henrique II, que perderan a galeguidade (ver “Renegados” La Comarca del Eo, 12-xuño-2021). Trastámara era de tan importante liñaxe que Henrique II fixo amago de deixalo, pero fíxoo propio da súa familia, e creou a dinastía de reis Trastámara que chegou ata Isabel a Católica.

Pois ben. O primeiro fillo de D. Diego Gómez nace no ano de 1373 e o seu neto D. Pero Sarmiento, a quen nós nos referimos, parece que vai ser o I Conde de Salinas, e xa estaba morto cando en 1466 Henrique IV “o Impotente” (1454-1474) lle concede dito título. Algo raro, non?

Na sucesión familiar faise arrancar este título de I Conde de Salinas na suposta concesión por Enrique IV, non en D. Pero, senón no seu fillo D. Diego Gómez Sarmiento en 1470. Mais o Marqués de Sete Iglesias, nos seus estudos sobre Títulos e Grandezas do Reino (de España), di que é D. Pero Sarmiento ou D. Pero Ruiz Sarmiento (como tamén o chaman) o primeiro Conde de Salinas, Reposteiro Maior do Rei, señor de Peñacerrada, La Bastida, Ocio, Puente la Red, etc. Hai un documento con data 10 xaneiro de 1462, polo que Enrique IV exixe a D. Pero Sarmiento Conde de Salinas, o pago de certas alcabalas. Estes testemuños parecen dar certeza de atribución de dito título, pero non hai documento fidedigno da súa concesión (ibid. Hidalguía páx.45)

Por outra banda, Frei Francisco de Gonzaga, referíndose a unha fundación que o Conde don Pero Ruiz fixera ao mosteiro de San Francisco da Bastida no ano 1447, constata de que foi o primeiro Conde (de Salinas) de privilexio do Rei Henrique IV do ano 1464, onde “se lle chama Condesa a súa muller D.ª María” (ibid. páx. 44) sen especificar de onde procede o título de Condesa de esta señora. Para nós, aquí está a clave deste título de Conde Salinas, do que non hai ningunha escritura acreditativa da súa orixe, e Eloy Benito Ruano no seu artigo (ibid. Hidalguía ano V, Nº20) non indaga sobre quen é a Condesa D.ª María.

Nós sabemos que D.ª María é a V Condesa de Ribadeo, filla de D. Rodrigo de Villandrando, e non era a muller de don Pero, era súa nora, pois estaba casada có seu fillo don Diego Gómez Sarmiento.

Aquí está a nosa dúbida de que senón apareceu por ningures a escritura orixinal auténtica que de fe do título de Conde Salinas, este título pode ser que se creara polo feito de chamarlle conde a D. Diego por ser consorte da Condesa de Ribadeo, e atribuíuse así mesmo o título de Conde de Salinas polo arte de ser conde consorte da Condesa de Ribadeo, e por ser descendente do Señor de Salinas. Así ocorren as cousas ás veces, cando tamén se é un benfeitor de fundacións piadosas onde se anotan os aportes económicos con palabras ben soantes e onde non importa quen sexa nin como diga chamarse o contribuínte.

Outros xenealoxistas relatan que dito título foi concesión do rei Xoán II (1406-1454) quen nos últimos anos do seu reinado llo concedeu a Pero Sarmiento, pai de Diego Gómez Sarmiento, cousa que poñemos bastante en dúbida pois Pero Sarmiento estivo implicado nos acontecementos de Toledo, aqueles en que don Rodrigo de Villandrando rescatou ao rei Xoán II de ser asasinado polos partidarios de Henrique de Aragón, acontecementos polos que o rei lle concedeu o título de Conde de Ribadeo a Villandrando o 22 decembro de 1431. Quizais, o rei Xoán II lle concedeu a D. Pero Sarmiento o perdón real por aquela deslealdade, mediante intercesión de D.ª Beatriz de Zúñiga viúva de don Rodrigo de Villandrando (1378-1448) pois ambos puidesen xa saber que ían ser consogros. Solo é unha hipóteses miña, pois don Rodrigo de Villandrando cásase en segundas nupcias en 1440 e morre en 1448, polo que os seus dous fillos con D.ª Beatriz de Zúñiga, don Pedro (IV Conde de Ribadeo) e D.ª Mariana (V Condesa de Ribadeo) tiveron que nacer neste intervalo de oito anos; e, como moi cedo, D.ª Mariana casou con don Diego Gómez de Sarmiento, andando a década de 1450-1460.

Frei Gonzaga fai mención do testamento de don Diego Pérez Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia, do ano 1466, e fai anotación de que “non estraña a habitual confusión de apelidos Gómez e Pérez entre tan numerosos Diego Sarmientos da familia”.

Pois ben. Vemos que o Condado de Salinas ten unha moi feble argumentación documental pois ningún xenealoxista, historiador ou investigador destas cousas atopou as escrituras auténticas de tal título. Así que nós pensamos que foi un título que se creou “pola costume” de chamar conde ao consorte dunha condesa, e foi de Salinas pois de alí proviña o señorío dos seus antepasados.

Un destes condes de Ribadeo chamado Diego, non Conde de Salinas, pois para nós é un título que non existe, foi o que vendeu as Terras de Ribadeo e servidumes entre o Navia e o Eo, e polo que parece estas terras vendéronse ao Arcebispado de Oviedo. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias? Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astúr e do arcebispado católico, apostólico e romano de Oviedo.

1 comentario:

Alberto Paraje dixo...

No "Ribadeo Antiguo" de Lanza figura literalmente que "El conde D. Diego Gómez fue el último señor de Ribadeo que ejerció jurisdicción sobre la pobla de Navia (...). Vendió aquel personaje la pobla mencionada (...) Por ella recibió 8.500 ducados, que le fueron entregados en Medina del Campo (año 1551)"
O que vendeu o Conde de Salinas en 1551, como moi ben di Lanza, foi a vila de Navia cós seus dereitos xurisdicionais sobre os territorios dos actuais concellos de Navia e Villayón. Nada di Lanza (e fai ben) das Terras de Ribadeo, entre outras cousas, porque as Terras de Ribadeo nunca pertenceron ao Condado de Ribadeo.
A xurisdición das Terras de Ribadeo, entre os ríos Eo e Navia, pertenceu ao bispo de Oviedo dende 1154 e foille expropiada a finais do XVI no proceso desamortizador desa época, sendo adquiridos os dereitos xurisdiccionais dos concellos dese territorio polos propios veciños.