20211205

Primeiro sábado de mes? Concentración pro pensións en Ribadeo

    Un mes máis, 40 persoas concentráronse no Cantón de Ribadeo por un mundo máis xusto e polas pensións dentro dese mundo. As concentracións non amainan, e pouco a pouco achégase outra xente. Deixo abaixo algún material: a convocatoria, fotos de Suso Fernández, o lido por Básaro López...




Lido na concentración:

Temos que empezar decindo que estamos nun momento moi importante con respeto ao tema polo que levamos saíndo a rúa desde fai unhos anos, AS PENSIÓNS. Esta nova reforma que se pretende facer ahora, (a terceira en 10 anos) ao ditado da banca e do poder financeiro, vai traducirse, se non somos capaces de evitalo, en recortes das futuras xubilacións, e nun plan de privatización do Sistema Público de Pensións. Ademais, e entre outras cousas, tampouco garante a capacidade adquisitiva das pensións a partir do 2022, ao establecer un sistema de cálculo do IPC que non permite revisar os recortes ata pasados os 5 anos.

A pregunta é, porqué hai que esperar 5 anos para revisar o IPC?, porque non se pode facer ano a ano?, que intereses ocultan? 

Antes da reforma do 2011 o goberno subía as pensións según o IPC previsible, e logo a final de ano regularizabase según o IPC real, non había mais cálculos nin mais historias. Ahora din que van a facer a media interanual, e decir van a inventar unha fórmula para seguir baixando as Pensións con respeto ao IPC real, e poño un exemplo fácil para que se entenda:

Imaxinarvos que no primeiro mes do ano sobe o prezo da cesta da compra un 5%, e nós separamos todos os meses 100 € para este gasto. Ben, pois coa subida do 5% tería que separar 105€ para comprar as mesmas cousas. Agora imaxinarvos que durante o resto do ano non volve subir a carestía da vida, pero nós seguimos achegando todos os meses os 105€ para comprar. O que nos supón que ao final de ano supúxonos un gasto extra de 5€ cada mes por 12 meses, 60€.

Pois o Sr. ministro di que se vai facer unha media interanual para axustar o IPC ás Pensións e os e as pensionistas non sigan perdendo poder adquisitivo. Mentira, mente loxicamente a propósito porque parvo non é, co consentimento de todos os parlamentarios (non escoitei a ningún manifestarse en contra, se alguén sabe dalgún retractome de inmediato), e o beneplácito tamén dos sindicatos maioritarios. 

Porque mente?, pois veredes, con esta media que quere facer a conta sáelle redonda, faise da seguinte maneira: o primeiro mes sobe un 5% e logo non sobe máis en todos o ano, pois sería ese 5% dividido entre os 12 meses do ano sae a 40 céntimos ao mes. O iluminado Sr. Escrivá e todo o coro de lamecús van subir 40 ctmos. cando en realidade estamos a gastar 5€ máis ao mes.

Ao cabo dos 5 anos, canto perdemos?, como se van revisar despós?. De eso, naide dí nada. 

Tanto os distintos grupos parlamentarios, como os sindicatos maioritarios saben que nos están engañando, son unhos trileros, son unhos vendidos.


Unha vez máis, reclamamos que:
▪ as pensións mínimas deben elevarse ata equipararse ao Salario Mínimo Interprofesional e este situarse no 60% do salario medio, segundo recomenda a Carta Social Europea;
▪ se derroguen tanto as reformas de pensións do 2011 e do 2013 como as reformas laborais de 2010 e 2012 que recortan as pensións e reducen salarios e cotizacións sociais;
▪ sexa eliminado o “Factor de Sustentabilidade”, sen ser substituído por ningún outro coeficiente redutor como o “Mecanismo de Equidade Interxeracional”;
▪ a xubilación debe volver aos 65 anos para crear emprego, mitigar a pobreza e a brecha de xénero;

▪ os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados deben ser eliminados;
▪ hai que establecer medidas efectivas para acabar coa brecha de xénero en salarios e pensións;
▪ a capacidade adquisitiva das pensións debe garantirse a través de revisións anuais, que recollan como mínimo o incremento do custo da vida.
▪ en caso de ser necesario, e como establece a lexislación actual, o pago das pensións públicas debe garantirse a través dos Orzamentos Xerais do Estado, sen que se converta en débeda da Seguridade Social.
Temos unha necesidade imperiosa de saír á rúa e gritar que xa está ben, que deixen de amolarnos, que dunha vez por todas se blínden as pensións, que deixen de dicir cada día unha cousa. E a nós a todos e todas, que nos poñamos as pilas, porque senón vannos a afundir na miseria. 

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIÓNS E OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE


Valoración de urxencia da nova Lei de pensións que vai ser votada no Congreso de Deputadas e Deputados

No ano 2022 as pensións perderán máis de 3 puntos de poder adquisitivo.

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos chama as persoas pensionistas a se mobilizaren en defensa do poder adquisitivo das súas pensións!

Previsibelmente, esta semana votarase o texto definitivo da Lei de garantía de poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións. Coñecidas as emendas aceptadas polo Goberno, facemos unha valoración de urxencia.

Aspectos positivos

A mobilización social sostida desde 2018 conseguiu converter en lei algunhas das demandas do movemento en defensa do carácter público do sistema de pensións.

1ª. Artigo 1.13. Os chamados gastos impropios da Seguridade Social serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado. En adiante as cotizacións sociais destinaranse ao financiamento das pensións contributivas.

2ª. Nova disposición adicional quinta. Realizarase unha auditoría de ingresos e gastos do sistema desde 1967 a 2020, o que permitirá demostrar que a SS asumiu durante décadas gastos que non lle correspondían, o que facilitou que os partidarios da privatización argumentasen a existencia dunha débeda ficticia.

3ª. Nova disposición adicional 3ª. Faise referencia a que se debe asegurar o actual nivel das prestacións públicas medida pola taxa de substitución da pensión inicial en relación co salario, o que dificultará os intentos futuros de reducir as pensións iniciais.

4ª. Artigo 1.19 bis. Recoñecese o dereito ás pensións de viuvez das parellas de feito, acabando así cunha discriminación que prexudicaba centos milleiros de persoas.

5ª. Disposición adicional primeira. Ábrese a porta a un complemento ás pensións das persoas con longas carreiras de cotización, se ben a redacción final limita moito o número de persoas beneficiadas e a contía dos complementos.

6ª. Disposición final quinta bis. Por primeira vez se relaciona o importe das pensións co SMI, aínda que unha redacción voluntariamente vaga fará moi difícil que teña un impacto real no importe das pensións mínimas.



Aspectos negativos

A pesar destes aspectos positivos, consideramos que a nova lei nin garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións actuais nin unhas pensións futuras dignas e suficientes.

1º. Artigo 1.1. A nova redacción do artigo 58 da Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS),“as pensións da Seguridade Social, na súa modalidade contributiva ... revalorizaranse ao inicio de cada ano na porcentaxe equivalente ao valor medio das taxas de variación interanual expresadas en tanto por cento do Índice de Prezos ao Consumo dos doce meses previos a decembro do ano anterior” fará que a suba anual das pensións sexa sempre inferior á inflación acumulada.

O INE avanza unha inflación acumulada para final de novembro do 5,6%. Porén, a aplicación da nova fórmula de revalorización fará que as pensións se incrementen un 2,5%, cunha perda de poder adquisitivo do 3,1%.Incluso as pensións mínimas e non contributivas, que subirán un 3%, sufrirán unha leve perda de poder adquisitivo.

Até 2011, a fórmula utilizada garantía o mantemento do poder adquisitivo das pensións segundo o IPC real: 1) a principio de ano, as pensións subían tanto como o IPC previsto polo goberno, 2) a final de ano, se o IPC real superaba esa previsión, realizábase unha segunda actualización, 3) ao tempo as persoas pensionistas recibían unha paga compensatoria.As reformas de 2011 e 2013 acabaron coa garantía do mantemento do poder adquisitivo e provocaron grandes mobilizacións que culminaron nas manifestacións masivas contra o 0,25% de Fátima Báñez e conseguiron que nos últimos anos as pensións volvesen revalorizarse de acordo co IPC.

A redacción incluída na nova lei supón un paso atrás. Polo tanto, a defensa do valor adquisitivo das pensións volve ser un obxectivo central do movemento social en defensa do sistema público de pensións.

2ª. Mantense a idade legal de xubilación aos 67 anos. Unha medida inaceptábel tendo en conta que o normal no mercado de traballo español é a existencia de máis de 3 millóns de persoas paradas, un 40% de paro xuvenil e unha taxa de actividade feminina inferior nun 10% á masculina. Reclamamos a derrogación da reforma das pensións de 2011 e a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos.

3ª. Continuará a haber pensionistas pobres. En Galiza, o 46% das pensións están por debaixo do limiar de pobreza, 688€ mensuais en 14 pagas. A nova lei non soluciona a insuficiencia de millóns de pensións en todo o Estado.

4ª. Resulta moi preocupante a referencia ás previsións dos informes Ageing Report publicados periodicamente pola Comisión Europea (CE), que deixa aberta a porta a recortes futuros das pensións. A asunción dos criterios da CE conecta esta lei coa segunda parte da reforma das pensións que lidera o ministro Escrivá, o home das finanzas na Seguridade Social, que busca abrir a porta aos plans privados de capitalización de empresa. O seu obxectivo é reducir a taxa de substitución das pensións públicas iniciais, e obrigar as traballadoras e traballadores a subscribir plans privados para converter unha parte das súa cotizacións sociais en produtos financeiros dos que bancos, compañías aseguradoras e fondos de investimento obteñan suculentas comisións, en total un 0,6% das cantidades achegadas.

Ningún comentario: