20210616

FOSA SÉPTICA SEN LEGALIZAR NA ILLA PANCHA. Por nuestro Faro


 FOSA SÉPTICA SEN LEGALIZAR NA ILLA PANCHA 

 

       O luns da semana pasada volvemos chamar por teléfono a Augas de Galicia para interesarnos polo expediente tramitado pola empresa concesionaria dos apartamentos da Illa Pancha para legalizar unha fosa séptica construída en Abril de 2017. A amábel resposta da funcionaria repite a mensaxe xa coñecida: “Este expediente segue sen resolución”. Van 33 meses, faltan tres meses para que se cumpran os tres anos. 

       Rebobinemos:  

       1º.- O día 23 de Agosto de 2018 publícase no BOP da provincia de Lugo o proxecto de fosa séptica con vertedura á Ría de Ribadeo, presentado pola empresa devandita. No mesmo documento consta que a fosa séptica está construída dende Abril de 2017. 

       2º.- O día 9 de setembro do mesmo ano o Colectivo “POR NUESTRO FARO” rexistra unha alegación cunha serie de consideracións que xa publicamos no seu día. So lembraremos agora que se trataba de un verquido á Ría de Ribadeo, incluída na Rede Natura 2000 e que ao noso entender non estaban claras as garantías de depuración. 

       3º.- O día 12 do mesmo mes presentamos un escrito no rexistro do Concello de Ribadeo, preguntando se o concello tiña previsto presentar algunha alegación, acompañándoo da nosa. 

       4º.- Dado que o Concello de Ribadeo non respostou ao noso escrito no prazo que estipula a lei de Transparencia, vímonos na obriga de denunciar esta irregularidade diante da Valedora do Pobo de Galicia. 

       5º.- Por fin, con data de 10 de xaneiro de 2019, tras a advertencia da Valedora da falla de transparencia, o Concello de Ribadeo remitiunos un informe técnico que non daba resposta á nosa pregunta. Sin embargo, por omisión, quedaba claro que o concello non se interesou por presentar alegación de ningún tipo, ou sexa , deixaba a cousa correr. 

      6º.- No mes de novembro de 2019 xa nos diriximos por teléfono a Augas de Galicia preguntando se había resolución ou para cando se pensaba que a podería haber. A resposta foi como a de agora: Non hai resolución e non se sabe cando pode recaer. En todo caso, ao ser alegantes recibiríamos comunicación oficial cando se producise. 

      7º.- O día 9/12/2019 remitimos unha petición de información sobre o mesmo asunto a Augas e Galicia, esta volta por escrito e por correo certificado. 

      8º.- Con data de 25/6/2020, ou sexa seis meses mais tarde, Augas de Galicia infórmanos de que o “… o expediente de referencia atópase actualmente en trámite, polo que aínda non foi ditada a correspondente resolución… “  

      9º.- O día 23/XI/2020 nova chamada telefónica ca mesma resposta: Non hai resolución e non se sabe cando pode recaer. 

     10º.- Como dixemos ao comezo, o día 8 de xuño de 2021 chamamos de novo: Non hai resolución, pero mellor que o preguntemos por escrito. 

      Pola nosa banda só queda repetir o que xa dixemos mais veces. En primeiro lugar non se pode comprender que unha simple fosa séptica teña unha valoración tan complexa que se tarden máis de 30 meses en darlle solución (esto por parte de Augas de Galicia), pero menos aínda se entende que o Concello de Ribadeo, que ten o problema diante da porta, siga poñéndose de costas e buscando todos os medios para apoiar este proxecto e concretamente esquecéndose dun verquido na Rede Natura 2000 e na Ría de Ribadeo.   

       

COLECTIVO POR NUESTRO FARO 

 

Ribadeo 15 de Xuño de 2021

Ningún comentario: