20090514

Non está demostrado, pero pode ser certo

(Artigo publicado no último número de Ribadeo muller)

Non está demostrado. Pero pode ser ben certo: a química puido comezar ó experimentar unha muller na cociña.

    O avance / presentación anterior implica varias cousas. Entre elas, unha, que o carácter propio da muller impulsara o método científico. Outra, a distribución de traballos dentro da unidade familiar ou grupal, en xeral, social, dende logo, tempo hai.
    A primeira asigna estereotipos ás mulleres, o mesmo que a segunda. Estereotipos por certo, que non teñen que ser negativos senón máis ben neste caso, positivos. Pero xa sabemos iso de que as cousas son da cor do cristal con que se miran.
Seguen a funcionar os esterotipos sobre as mulleres? A resposta é que si. Tod@s podemos dar exemplos deses clichés que tenden a expor unha imaxe fixa da sociedade, xerada por algún grupo, e que perseguen unha perpetuación de roles, unha autoperpetuación dos propios clichés.
    Nos noventa, dicía nunha xuntanza ben concorrida con mulleres e homes máis ou menos ó 50%, que o ocupar as mulleres postos no ensino cada vez en porcentaxe maior implicou un deterioro da visión social dos mestres primeiro, e logo, dos profesores (pois primeiro comezou a elevarse o número de mulleres no maxisterio e logo nas facultades). Ise deterioro é evidente que non ten como causa única a incorporación da muller ó posto de traballo como mestra ou profesora, pero pode constatarse aínda hoxe en día que as profesoras sofren por termo medio máis os ataques dos alumnos que os profesores. Nas aulas e fóra delas. E que a autoridade na primeira relación coas mesmas nais ou cos pais é diferente.
    E, nas noites de Ribadeo pódense escoitar comentarios de rapaces a rapazas do tipo 'xa lles gustaría ós vosos pais que estivérades comigo'. Algo que, independientemente da extracción económica ou social do falante, dificilmente nos imaxinamos que poidera ser á inversa, de rapaza a rapaz (xa abondo traballo costa, fóra de contexto, o facerse a idea do comentario tal cual está).
    É máis, a pesares do evidente avance das mulleres na ocupación en diversos traballos e profesións, a machacona propaganda de anos pasados, recollendo mesmo estereotipos que xa se pensaba case en desuso, propiciou un certo retroceso na imaxe da muller. Imaxe que pasou de ser de 'posesión' a liberarse como tal para caer na categoría de 'poseible'.
    Como así, se se avanzou en moitos campos? Por un desprazamento de estereotipos, focalizándose máis en cousas máis abstractas que antes, como a obsesión/escravitude da beleza. E, que os homes esteñan contaxiándose do mesmo patrón con retraso non deixa de ocultar que as primeiras e principais destinatarias das consecuencias negativas do que benévolamente se chama 'culto ó corpo' sexan as mulleres. Tanto dende a propia perspectiva femenina como dende a do conxunto da sociedade.
    É dicir, mentras que as posibilidades da muller son todas de partida, a realidade é que aínda hoxe a prática social diminúe, mesmo elimina segundo en que circunstancias, ditas posibilidades. As accións de discriminación positiva institucional, pola súa banda, tenden a favorecer o desenvolvemento da muller, pero poden sofrir desprestixio ou desatención polo mero feito de ser institucionais, ó verse como un xeito de imposición. É dicir, para avanzar necesítase o 'corpo a corpo', a comunicación direta e a calor humana que pode facer posible que as mulleres se vexan arroupadas de xeito activo no día a día. E, para iso, só se require vontade. Unha historia a superar, cunha man tendida. Isa pode ser a túa, muller ou home, sen importar orixe ou condición, cara á dela ... ou á del. Non está demostrado porque en xeral non está posto en prática de xeito consciente, pero pode ser certo. Podes facelo.
    Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: