20080715

XII Xornadas ambientais

Onte participei en Onda cero na tertulia. Foi sobre obras no entorno da ría, principalmente. E nada que reseñar: Ana Hermida, Ramón Acuña e eu estabamos de acordo en case todo, mesmo no comentario de que parece que os políticos están cada vez máis lonxe do pobo e achegados a outros intereses, aínda que ós políticos municipais, máis achegados por estrutura ó pobo, non se lles note tanto esa diverxencia entre opinións dos veciños e opinións dos políticos. O segundo tema foi a ameaza dos armadores de Burela de deixar de pescar se segue así a cousa (importacións, prezo do gas-oil, etc). Aí xa había un pouco máis de discrepancia. Estabamos de acordo en que o fundamental do custe final do pescado, ó igual que de outros moitos produtos, son os intermediarios, pero a política máis axeitada respecto ás importacións, por exemplo, xa non foi unánime. de calquera xeito, voltou sair un tema xa manido: a desregulación do comercio só beneficia ós poderosos. Polo medio, tamén nos fixemos eco da distribución do emprego no concello, que opinamos desequilibrada entre a parte burocrática e de obras e servizos.
Un pouco antes, deran comezo as XII Xornadas Ambientais de Ribadeo. O ano pasado non as houbo (xa se sabe, cambio de goberno e esas cousas), e este ano son unha homenaxe ó recentemente fenecido Leopoldo Calvo Sotelo y Bustelo, representado polo seu fillo Juan Calvo Sotelo Ibáñez Martín. Das palabras do alcalde quédome cunha idea: non ó pasado, non ó futuro sen máis: o estar informados é básico para decidir. Engadiría algo que non lle oín, a idea de participación nas decisións. Do Delegado de Medio Ambiente, Eduardo Vidal Baamonde, collín algo evidente dende que el o dixo: a lonxitude das vías fluviais de Lugo sobrepasa os 10.000km. De aí botei unha conta rápida e certamente, as de Ribadeo, con pouco máis de 100km2, sobrepasan os 100km de lonxitude, aínda que as botarei calquera día destes máis amodo.
Dous detalles. Un primeiro, sen importancia, pero que me fixo gracia: nun momento da presentación, crin escoitar a un dos membros da mesa falar de 'ereccións municipais' por 'eleccións municipais'. Como outro dos presentes e tamén presente no pleno que houbo onte, lle dixo ó alcalde que falara das X Xornadas e nos das XII, pois pode que escoitara mal, igual que el (digo, pois eu non escoitei o das X Xornadas). O outro detalle é algo máis chamativo: o patrocinio, nestes momentos por parte de Ence-Navia. Non é que teña nada en contra (De feito algún ano fun pedir patrocinio para a feira de ciencia alí, pero nestes momentos nos que se está a insistir na posta da nave-terminal de carga-almacenamento en Mirasol, coa oposición do concello (séguese á espera de recibir o escrito con esa posición unánime de tódolos grupos municipais manifestada polo alcalde tras o pleno en maio).
En fin, onte houbo pleno. Pero iso leva mái stempo. A ver se a medio día pode estar xa subido.

Ningún comentario: