20080703

Ollando (tamén a BeGaSa e a outras cousas)

O pasado verán Ribadeo acolleu a mostra 'Olladas de muller' (e 2) na rúa peonil. Agora, filaizando o ciclo, presentouse onte no forte de San Damián 'Olladas de muller e lápis de home', libro resumo da mostra, xunto coa mostra completa: o pasado ano só foran fotógrafas relacionadas con Ribadeo, mentras que este estendese a mostra ós outros dous concellos participantes, Vilar de Santos e a Illa de Arousa. Vista de segundas e ampliada, chamoume a atención non tanto a fotografía, que tamén, senón a propia definición das mulleres, en xeral sinxela, límpida, e a expresión a que da lugar a mostra. Recapitulando, cada foto na saba (as do anos pasado eran pedazos de tela maiores pero máis finos) leva unha pegatina cun título e unha definición da propia muller que a fixo. No libro acompaña a cada parella das anteriores un comentario curto dun home. Algo así como ver o mundo a traverso de como ven o mundo as mulleres. Ollando ó seu traverso. Naturalmente, unha expresión como a mostra quédase sempre curta respecto ó atraso de expresión que o colectivo feminino leva na historia, e iso a pesares da fama de expresivo, mesmo charlatán que ten. E é que non é o mesmo expresión en termos íntimos que en termos sociais. Quizáis poider haber un intercambio de normas expresivas entre sexos para equilibrar a balanza.
Poño hoxe a díptico da xornada sobre Augas Santas, as catedrais con cambio de nome atribuído a Calvo Sotelo para facela máis turística. Algo que se logrou xa que parece ser a praia máis valorada turísticamente de todo Europa como monumento. Quizás por elo sexa cousa de devolverlle o seu nome. E protexela: con xullo voltan as restriccións de tráfico mentras se pensa na ampliación do aparcamento e ADEGA pide una maior protección no plan urbanístico para a costa ribadense. Costa sobre a que tamen se pronuncia os pescadores, pois hoxe mesmo sae na prensa que de novo os pescadores se manifestan en contra da nave de Mirasol, xusto a véspera de que haxa unha mesa informativa (mañá venres 4, ás 20:00, no salón da Casa do Mar) sobre a irracionalidade que se pretende en Mirasol. Por certo que así se ve ás claras que a burocracia sobre a nave non está parada (voltaron insistir pra obter o favor do colectivo de pescadores), e polo tanto, non estamos libres de que se faga.
Mesa redonda, outra, teráse hoxe por parte do equipo de goberno. Unha iniciativa en principio moi saudable e que é de esperar que redunde en ben da comunidade. Esperemos que hxa moita xente, e participativa, para intercambiar explicacións, peticións, ideas, sobre a xestión de Ribadeo.
Deixo para remate unha nota de prensa da AVV O Tesón:

Nota de Prensa 03/07/2008

Hai xa dous meses que dez asociacións de veciños ribadenses enviaron a Begasa e a diversas outras institucións e entidades unha queixa sobre o subministro eléctrico a Ribadeo. Entre medias, voltou a fallar a luz moitas veces, incluíndo algunhas de escasos segundos, pero sempre con efectos indesexables.
Hai algún tempo recibiuse a contestación da consellería de industria dando nota de que se tramitaba a queixa, que lles chegou tanto de xeito direito como a partir doutras entidades.
Esta semana foi recibida a resposta de Begasa. Lamentamos que sexa unha contestación autoexculpativa, que segundo se pode ver nos ficheiros que adxuntamos, copia da carta recibida, que resumindo pode dicirse que ten básicamente dúas liñas condutoras:
A primeira, que a compañía cumpre estándares e normativas con folgos
A segunda, que ten boas relacións coas autoridades, con quenes está colaborando.
Dende a AVV O Tesón, e a falta de consultar ó resto das asociacións participantes na queixa, queremos dar cumprida conta de que a resposta non da solucións ó problema do deficiente subministro eléctrico de Ribadeo, nin pretende dala, cunha actitude que ben se pode considerar de prepotencia e desinterese. Non comprendemos que no seu caso a normativa permita á compañía ter un mantemento evidentemente deficiente, propiciador dos apagóns ós que xa estamos afeitos. Tampouco comprendemos que se pretenda confundir a colaboración coas autoridades, cousa que vemos lóxica como un paso previo para o bo funcionamento tanto da empresa como da xestión do pobo, co servizo prestado, a non ser que o que se pretenda sexa poñer ás autoridades como escudo das propias deficiencias da empresa.
O problema ven de antigo, e somos conscientes que é posible que se necesite tempo para solucionalo. Pero antes hai que ter a intención de procurar esa solución, e polo que parece a empresa non a ten. Así as cousas, con tempo, pero sen pausa, continuaremos a desenvoltar actividades e aunar esforzos para presionar á compañía ata lograr que BeGaSA de un servizo adecuado á nosa comunidade.

Ningún comentario: