Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Pontenova. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Pontenova. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240930

Maragatos en Ribadeo

    Republico 'Maragatos en Ribadeo' despois da variación da páxina orixinal de EGERIA.

Maragatos en Ribadeo?

Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')

    Si, maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual aqueles que nomeaba Rosalía e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca, antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos. Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos desa nova época.

    Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba 'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento, pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de 'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na Maragatería.

    Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.

    En 1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA, encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.

    Os maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo, na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.

    En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.

-

En Maragatos de Lugo.org

Posterior alusión e audio no El Progreso (min. 15:50)

20240706

Sobre A Mariña

    Aproveito unha entrevista que me fixeron hai uns poucos días para dar difusión a un programa, Mariña Marabillosa, que, ó tempo, sirveume tamén de plataforma para dar a coñecer un pouco amarinha.gal. Deixo a ligazón ó programa (que non escoitarei directamente na rede por estar en Facebook pero si en parte nalgunha das radios que ten asociadas) e a nota de presentación que me pasou o seu director, Pepe Peinó:


HOXE, SÁBADO 6 DE XULLO, A PARTIR DAS 16,00 HORAS, PROGRAMA 32 DE MARIÑA MARABILLOSA.
Vacacións e festa! Chega o verán e a Mariña énchese de turistas e de ganas de diversión.
No concello de Barreiros, terra de praias por excelencia, proliferan os chiringuitos. Para referirnos a este sector, visitaremos a Evelio Barrera e Jorge Marful, dous socios simpáticos e emprendedores que hai tres anos que rexentan Maba, un lugar para relaxarse e divertirse a carón da praia de Lóngara.
No eido das festas, visitaremos O Vicedo e falaremos con dous irmáns: José Antonio Quelle e Mónica Quelle, promotores da famosa Romaxe Viquinga, que terá lugar na praia de San Román a finais de xullo.
A hospedaxe e a gastronomía teñen un lugar destacado na Espiñeira, en Foz, onde visitaremos a Finca Goleta, casa rural situada nun lugar paradisíaco, xusto na desembocadura do río Masma. Alí falaremos co seu xerente, José Manuel Villapol.
Abordaremos varios aspectos culturais interesantes na nosa comarca. Coñeceremos en Mondoñedo a histórica imprenta Sucesores de Mancebo, falando con dous homes que deron o mellor de si traballando nela: Fernando López e Suso Robles.
Coñeceremos a Edelmiro Rodríguez, de San Adriano, en Lourenzá, un antigo emigrante en Suíza que agora, xa xubilado, lembra a súa historia e inventa outras novas dedicándose á literatura.
En Ribadeo, falaremos co antigo profesor Antonio Gregorio, o cal, ademais de ensinar, desenrolou unha intensa actividade reivindicativa a nivel social e cultural e, ademais, escribiu varios libros, principalmente centrados na comarca ribadense.
No concello de Cervo, da man de Paco Piñeiro e Bernardo Penabade, coñeceremos a un xornalista novo e vocacional, Ramón González Rey, que nos contará a súa historia e nos falará do seu traballo.
Falaremos, igualmente, de dous deportes. Visitaremos a parroquia de Alaxe, no Valadouro, para conversar con Rosana Carballés, unha futbolista histórica na elite do fútbol sala nacional, que xogou no Burela Pescados Rubén e no Atlético de Madrid, entre outros, e que agora desenrola a súa vocación profesional como fisioterapeuta.
Asistiremos en directo en Xove á inauguración do novo circuíto de Pump Track, unha modalidade ciclista que está tendo moito pulo nos últimos anos e que consiste en percorrer en pouco máis de 15 segundos un circuíto ondulado e retorcido, impulsando a bicicleta so coa inercia das curvas e a forza das cadeiras; o circuíto de Xove está entre os mellores de España.
No eido da sanidade, irémonos a Burela, á clínica Virxe da Mariña, onde a doutora arxentina Cecilia Díaz Maciel nos falará da súa profesión e da súa edificante historia vital.
O sector gandeiro tamén será protagonista en Mariña Marabillosa por partida dobre. Coñeceremos a ancestral festa da Rapa das Bestas de Candaoso, en Boimente (Viveiro), da man do secretario da asociación organizadora do evento, Carlos Martínez.
E na Augaxosa, concello de Riotorto, visitaremos a explotación gandeira de leite ecolóxico “Juan Elías”, rexentada por Juan Seco, que cría as vacas leiteiras en réxime de liberdade.
Falando do sector servizos, visitaremos Vilaúde, en Alfoz, e coñeceremos a tenda de roupa Lencería Lila, onde Elvira Castro Lamelas continúa o labor comercial iniciado polos seus pais.
No polígono industrial da Pontenova coñeceremos o tanatorio Lourido, da man dun dos seus propietarios, José Luis Lourido, co que falaremos tanto do seu establecemento como dos temas profundos relacionados co pasamento e o trato dos defuntos.
Finalmente, centrarémonos tamén na experiencia relixiosa, conversando en Ourol con Jose Lage Grandío, o cura párroco, que leva unha chea de anos como director espiritual da comarca, mentres que en Trabada entrevistaremos ao beneditino e organista José Pérez Coto, tamén intensamente comprometido coa fe católica.
Dorinda e Venancio continúan de vacacións, mais contaremos coa presenza e a fácil conversación de Toñito de Soomede, que comentará o contido das nosas entrevistas.
Coñeceremos tamén o gañador ou gañadora do noso concurso de fotos para o pasado mes de xuño, que obterá como premio dous quilos do saboroso mel “O Trobo”, así como un lote de candeíñas de cera e unha visita en grupo ao Museo do Mel do Valadouro, da man da súa propietaria, Marifé Sixto.
O programa “Mariña Marabillosa” emítese seguindo o seguinte horario:
Sábado a partir das 16,00 horas en Radio Valadouro (107.9 FM), Radio Foz (107.4 FM) e a través do Facebook de Mariña Marabillosa, na páxina https://www.facebook.com/marinamarabillosa , na opción de vídeo en directo.
Na noite do sábado ao domingo, a partir das 0,00 horas en Radiofusión (pódese oír en calquera lugar vía internet a través da páxina https://www.radiofusion.gal/radio-fene-en-directo).
E naturalmente, a través do teléfono ou do Facebook de Mariña Marabillosa, unha vez que o programa xa estea emitido, en calquera momento, a través do enlace oportuno.
Outro primeiro sábado de mes agardamos por vós. Escoitámonos en Mariña Marabillosa!

20230125

NO PASAMENTO DE MANUEL SANJURJO LANCARA O “CHOUPIN”. Evaristo Lombardero Rico

NO PASAMENTO DE MANUEL SANJURJO LANCARA O “CHOUPIN” 

 

      Penso que a mellor homenaxe que se lle pode dedicar a Manolo o Choupín é relatar polo miúdo a sua contribución á creación da actual Escola de Música  e da Banda de Música Municipal. 

     En primeiro lugar, compre lembrar que Manolo non chegou a actuar na banda que dirixiu o Valenciano no 1961, pero asistiu á escola de música que se tivera organizado por aquelas datas. Cando se disolveu a banda, Manolo fíxose con gran parte das partituras e documentos da antiga banda na procura de que algún día volvese a rexurdir. Daquela tiña 18 ou 19 anos, pero xa lle andaba na cabeza a idea de poñer en marcha de novo a Banda de Música de Ribadeo.  

      Nos meses anteriores a novembro de 1998 falamos varias veces de este tema, pero a decisión de levalo adiante non se concretou ata un sábado de ese mes tras unha breve conversa na porta do Costa Verde. A xulgar por outros datos que gardo en papeis, debeu de ser o día 19 de Novembro e tivo que ser un sábado porque os dous estábamos fóra do traballo. Tomada esta decisión, quedamos ao día seguinte para empezar a concretar os pasos a seguir. O primeiro que acordamos foi constituír unha comisión xestora con persoas de Ribadeo que supoñiamos estarían de acordo ca idea. Asi foi como pensamos que Carlos Diaz Suárez (Carlos da Moda), antigo violinista e participante en diversos grupos musicais, José Loredo Mántaras (Pepe, director da Caixa de Aforros),  clarinetista na banda antiga, Ana María Rodríguez Oroza (Ani a de Celso, comercio) partícipe en numerosos actos culturais, Antonio Deaño Gamallo, profesor do Instituto, e Antonio Gregorio Montes, profesor de FP, poderían estar interesados en participar no proxecto. Nos días seguintes falamos con cada un deles e todos aceptaron de boa gana, aínda que algún era un pouco escéptico polas dificultades que poderíamos atoparnos. Pero xa dende o primeiro momento o optimismo de Manolo arrolaba con calquer dúbida que se puidese presentar. A primeira xuntanza formal desta comisión xestora tivo lugar o día 29 de novembro e dela deuse unha nota informativa que saeu publicada en La Comarca del Eo o día 11 de decembro. A segunda nota informativa publicouse o 18 e nela xa se perfilaban un pouco máis os obxectivos: poñer en marcha unha Academia de Música que nun prazo aproximado de 24 meses permitise a creación dunha Banda de Música, creación de una Sociedade Cultural que sería legalizada trala dimisión da Comisión Xestora, contratar un director que debería ser un músico profesional con experiencia en bandas de música, etc. Na mesma nota anunciábase que xa se contaba con mais de cen compromisarios dispostos a apoiar o proxecto e convocábase a primeira xuntanza veciñal para o día 23 de decembro no local da Caixa de Aforros. Convén comentar aquí o asunto dos compromisarios porque a laboura de Manolo foi absolutamente decisiva. A Xestora acordara fixar unha cuota mínima de 2000 pts/ano, sen perxuicio de que alguén quixese aportar unha cantidade mais alta. Consideramos que unha cifra de 300 compromiarios sería axeitada para comezar a dar pasos mais concretos. Para este fin elaborouse unha folliña que deberían asinar as persoas que o desexasen, comprometéndose a facerse socios e abonar o mínimo devandito. Pois ben, entre o 29 de novembro e o 18 de decembro xa tíñamos mais de 100 persoas comprometidas a apoiar o proxecto e a maioría de elas por obra e gracia de Manolo, que, carpeta en ristre, abordaba ao primeiro que pasaba para metelo no proxecto. A finais de xaneiro xa tíñamos mais de 350, con un compromiso que rebasaba 1 millón cen mil pts., polo que nos decidimos a convocar a praza de director. Nesta fase tamén houbo outra intervención de Manolo que debe suliñarse. A xestora tivera acordado poñernos en contacto con directivos de bandas de música de vilas ou concellos pequenos, para asesorarnos sobre as sua experiencia, dificultades, financiación etc. Así foi que falamos con músicos e xestores das bandas de Luarca, Candás, Noia, Chantada e algunha máis que non me lembro. Daqueles contactos saeu reforzada a idea de crear una asociación veciñal como base de apoio e buscar convenios e subvecións do concello,  Deputación ou outras entidades, pero manter a independencia da xestión en base na participación popular. Nestes contactos a actividade de Manolo tamén foi salientable.

      O seguinte paso foi a contratación de un director para a escola e a banda. A Xestora tivo moi claro dende o primeiro momento que era imprescindible contar con unha persoa cualificada, ou sexa con formación musical profesional e con experiencia concretamente en bandas de música. Naturalmente esto prantexaba a cuestión da financiación. Durante un tempo baraxouse a posibilidade de buscar un músico militar xubilado porque Manolo tiña contactos en Ferrol e fixo as correspondentes xestións, pero aquelo non deu resultado. Finalmente o día 12 de febrero de 1989 publicouse en La Voz de Galicia (este é o recorte de prensa que conservo, anque supoño que tamén se publicou en outros medios) a nota que reproducimos.

      De aquel chamamento tivemos dúas respostas. Unha delas dun profesor de violín do Conservatorio de Santiago, con un amplo curriculum, que nos propuxo vir dous días á semana e non tiña experiencia en bandas de música. A outra era un home xoven que tocaba o saxo en Los Satélites ao que lle faltaba unha asignatura para rematar a carreira, pero tampouco tiña experiencia en bandas. A Xestora considerou que ningún dos dous candidatos se axustaba ao perfil que buscábamos e durante uns días quedamos a agarda de outras novedades. E Manolo, que non paraba de buscar alternativas contactou con amigos de Mondoñedo que estaban intentando recuperar a antiga banda de música no seu concello, que levaba varios anos estancada. Unha destas persoas foi a que informou a Manolo sobre Hernán Naval. Eles tiveran un contacto con Naval pero, polas circunstancias que fosen, non chegaran a un acordo. Deronnos o teléfono de Hernán e Manolo encargouse de chamarlo. Así foi como o 25 de febreiro de 1989 ceamos no Bar Oviedo, Manolo, Naval, outra persoa que viña con el e o asinante. Alí lle presentamos ao que despois foi o director da escola e da banda o proxecto que matinábamos e puidemos comprobar que en liñas xerais estábamos de acordo cas ideas que el tiña sobre as bandas de música populares. Como sempre, Manolo puxo a sua capacidde persuasiva a toda máquina para convencer a Naval de que alí estaba o seu futuro. Ao cabo de poucos días Hernán remitiunos unha carta na que expoñía a sua concepción da escola e banda de música, o seu curriculum e as suas condicións. A xestora analizou o asunto e estivo de acordo en seguir adiante e contratar a esta persoa aceptando as súas condicións. Tamén por aquelas datas iniciáronse os trámites para legalizar a Asociación de veciños “Amadores da Música” e Manolo aportou uns estatutos de colectivos similares.  

       Este é o resumo do traballo de Manolo o Choupín nos meses iniciais da creación da Escola e a Banda de Música de Ribadeo, pero ainda hai dúas anécdotas mais que reflicten a suú incansable laboura. Nunha data que non recordo acordamos solicitar a Casa do Mar, daquela xestionada polo Instituto Social da Mariña e que tiña en desuso a gran maioría dos locais. Así que fomos a Lugo a visitar a o inspector D. Pedro Reimúndez, presentámoslle o proxecto e o que levábamos feito e xa sobre a marcha decidiu ceder en precario o uso da planta baixa a Amadores da Música para os fins devanditos. Asemade, xa iniciadas as clases e legalizada a asociación, acordárase que os alumnos e alumnas financiarían os instrumentos pequenos, pero a tuba custaba mais de 350 000 pesetas e decidiuse solicitar unha axuda á Deputación de Lugo. Foi outra vez Manolo o que tomou contacto con D. Enrique Rodríguez, vicepresidente da Deputación e alcalde da Pontenova. Sempre nos quedou a dúbida de se algún membro da xestora, antigo amigo de Enrique, lle tivera dado un toque sen decilo, antes da nosa visita. O caso foi que saímos do seu despacho  co compromiso de financiar a tuba pola Deputación, cousa que se fixo efectiva en poucos días. 

      Ate aquí a miña experiencia da participación de Manolo o Choupin na creación da nova Escola e Banda de Música de Ribadeo que se iniciou en novembro de 1988. Entendo que foi unha laboura desinteresada, entusiasta, eficaz e sobre todo movida polo anceio noble de ouvir de novo os sons de unha banda ribadense soando nas rúas e nos concertos. Os e as ribadenses deberan recoñecer este esforzo de unha persoa singular que dende os 18 ata os 51 anos nunca deixou de soñar que algún día poderían cumprirse as súas ilusions e tivo a oportunidade de velas facerse realidade. 

      Pero sería inxusto non lembrar agora a colaboura sempre agarimosa e incansable de Calala, a súa dona, á que acompaño dende eiquí no sentimento e desexo a maior ventura como ao resto da familia. 

 

E. Lombardero Rico      

24 xaneiro 2023

20221205

Escrito entregado aos presidentes da Xunta e do Principado

    Hai xa unha semana que os presidentes de Galicia e Asturias reunironse en Ribadeo. Coido que a difusión anterior á xuntanza non abondou, mais aínda así parece debeu ser un acto para a galería polo lugar onde foi -'Encuentros en el Eo', e patrocinado por un medio galego con intereses tamén en Asturias-. Desenvolto no auditorio municipal de Ribadeo o pasado 28 de novembro, participou (invitado, non a falar de xeito directo) nel tamén o alcalde, como Presidente tamén do lugar anfitrión (o 'Eo', ó que parece). E a ambos lles entregou un documento que deixo a continuación. Un documento que se entendería político, pero que tras a lectura coido que vai ao menos tanto dirixido á cidadanía como ós políticos de diversas administracións, presentes ou ausentes.

Escrito entregado aos presidentes da Xunta e do Principado (novembro 2022)

Á atención do Presidente da Xunta de Galicia

Á atención do Presidente do Principado de Asturias

RIBADEO E A RÍA DE RIBADEO COMO LUGAR DE ENCONTRO

En Ribadeo, a Porta Norte de Galicia, levamos con moito orgullo o feito de ser un pobo acolledor e un cruce de camiños dos de aquí e dos de aló.

Tamén nos enche de orgullo vivir ao pé dunha Ría que non separa, senón que une a galegos e asturianos. A Ría de Ribadeo, co seu nome histórico, científico e tradicional, toma o nome da poboación portuaria máis importante ao longo da historia, ao igual que o fan o resto de rías sexan de Galiza, Asturias, do Atlántico ou do Cantábrico. Por iso, estamos moi contrariados pola Resolución que adoptou o Instituto Geográfico Nacional e que sen dúbida apelaremos para que se faga xustiza, pois a Ría é de todos e de todas, pero o seu lexítimo nome foi e é Ría de Ribadeo.

No entanto, e máis aló deste debate interesado polo nome, quizais para desviar o foco de atención doutras carencias, seguimos vendo moi pouca preocupación pola situación ambiental do espazo e a necesidade de conservación da Ría e a súa contorna como un espazo natural fundamental, tanto para Galiza como para Asturias.

SANEAMENTO DA RÍA DE RIBADEO

A calidade sanitaria das augas residuais que verquen na Ría, produto dos asentamentos de poboación nas súas beiras, segue sen ser a mellor. E de maneira concreta, deben requirir especial atención as que veñen de Asturias. Cómpre dunha vez por todas resolver as verteduras, os emisarios rotos e os alivios que se aprecian a simple vista coa baixamar e que aportan unha cantidade inxustificada de bacterias coliformes. Estes feitos non son en absoluto beneficiosos para a flora e para a fauna da Ría, nin en consecuencia para os habitantes das dúas beiras. Débense poñer prazos para resolver isto.

AVANZAR DE XEITO DECISIVO NA ELIMINACIÓN DE INVASORAS E PLANTACIÓN DE AUTÓCTONAS COMO FACEMOS EN RIBADEO.

Como tamén cómpre estender a ambas as dúas beiras da Ría o que desde o Concello de Ribadeo levamos anos facendo como auténticos Quixotes nun mundo onde as outras administracións seguen a mirar con desleixo para o outro lado: Substituír as masas forestais de especies exóticas e invasoras por outras frondosas autóctonas. Unha palmeira, unha acacia ou un eucalipto poden estar perfectamente nun parque urbano. No espazo natural da ribeira da Ría non. Sabemos que a cidadanía o está a valorar positivamente e que continuamente nos anima a completar esta tarefa por toda a nosa ribeira até o límite do Concello, pero precisamos doutras administracións para avanzar máis axiña, e que á volta de poucos anos poidamos ver as dúas ribeiras como unha marabilla natural, viva e con todo o seu esplendor.

AXUNTAR E COORDINAR ESFORZOS ENTRE ADMINISTRACIÓNS

Tamén facemos unha chamada a axuntar esforzos por parte da Xunta, do Principado e do Goberno do Estado para ben dos nosos paisanos e paisanas. Primeiramente requirimos axuda decidida da Xunta de Galicia para renovar a vella acometida principal de auga da que nos servimos Ribadeo e Trabada e que pasa polo antigo trazado do tren mineiro.

E seguidamente, necesitamos a colaboración entre o Goberno do Estado, a Xunta e o Principado para facer da antiga vía do tren mineiro Ribadeo – Vilaodriz unha vía verde entre Ribadeo, Trabada, San Tirso e A Pontenova, que sería unha das rutas verdes máis importantes a nivel do Estado. Unha oportunidade turística, deportiva, socioeconómica de primeiro nivel. Os alcaldes e máis a alcaldesa destes Concellos levamos anos loitando por este proxecto que sería marabilloso para os veciños e as veciñas desta comarca natural.

Alegrámonos moitísimo de ter aquí aos Presidentes da Xunta de Galicia e máis do Principado de Asturias para expoñerlles todo isto porque agora é o momento. Agora é cando hai dispoñibilidade de fondos europeos para tal fin, xa sexan xestionados directamente polo Estado como transferidos as CC.AA. Agora non debe ser tempo de escusas, senón que debe ser tempo de vontades firmes.

CONCLUSIÓN

Se non teñen escusas, e se teñen vontade de levar todo isto adiante, terán en nós a máis leal colaboración e coordinación. Sabemos do que falamos, e sabemos o que queremos. Só queremos que vostedes tamén falen, acorden e fagan. As xentes de aquí e de acolá hánllelo agradecer.

Ribadeo, 28 de novembro de 2022

Asdo. O Alcalde de Ribadeo,

Fernando Suárez Barcia

Rueda, Suárez e Barbón.

 

20221026

Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

Crónica dunha viaxe /01 Ribadeo - O Cádavo

     Unha viaxe pódese comezar a calquera hora, pero como máis se aproveita o día é saíndo cos primeiros raios de luz. E iso fixen, poñerme en marcha por Ove camiño de Porto e en Santiso de Abres, coller un pequeno tramo da ruta de ferrocarril, salvando a costa de Santiso polo túnel, o mesmo que os últimos quilómetros antes de A Pontenova, evitando o tráfico da estrada nacional. Unha ruta tranquila á beira da auga, primeiro da ría de Ribadeo, logo do Eo, nunha mañá fresca. Os tractores dos Irmandiños transportan millo preto de Ribadeo nunha expresión de vida que continúa, e, na vía verde, un esquío pasa por diante e pérdese de vista despois de subir por unha árbore. Antes, e despois, os paxaros déixanse oír cos seus trinos.

Saíndo de mañá a carón da ría.

    A Pontenova, afeito a outras viaxes, significa descanso, un café e algo de lectura ou debuxo na praza dos Fornos. Desta, foi o apunte da vella estación, hoxe oficina de turismo e extremo da ruta do ferrocarril, mentres escoito a un grupo de veciños falar do humano e do divino, queixa tras queixa na terraza: os tempos son convulsos. Apunto tamén: cousa de 1/30 da viaxe, feito!

Antiga estación de Vilaoudriz
    A chuvia caída no tramo, non moita nin pouca, pero que me ifxo tomar a precaución de protexerme, facía presaxiar unha viaxe pasada por auga, o que se confirmou nesta etapa no tramo entre Meira e O Cádavo.

    Terreo coñecido todo, e unha mellora temporal nas condicións meteorolóxicas, xunto coa determinación de levar algún tipo de diario de viaxe ó tempo que ir remarcando concas hidrográficas polas que pasaba, fixeron que me desviara da ruta máis curta. Dende o alto do Marco de Álvare, primeiro fito de altura no camiño marcado (575 m sobre nivel do mar), puxen cara ó Pedregal de Irimia, nacemento do Miño, cambiando a caída de augas ó Cantábrico pola do Atlántico. Por estradas marxinais que controlaba menos do que pensaba, e que me levaron ó primeiro despiste do camiño. Amañei con varios quilómetros e unha centea de metros de desnivel máis, e o Pedregal estivo fronte a min e mesmo tiven ocasión de dar explicacións a un par de familias valencianas que me preguntaron sobre o Pedregal, confusos con Fonmiñá.

    Baixar a Meira foi costa abaixo, e alí antes de comer tiven tempo de trazar unhas liñas da igrexa parroquial, antigo templo do mosteiro medieval. E tempo tamén para unha espera infrutuosa da apertura da oficina de turismo como estaba marcado. A cambio, un veciño dime que a igrexa ten pinturas do XV e do XVI.

Igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Santa María, Meira
    Meira está animado este domingo (os días da semana inflúen na percepción do lugar, non só as horas ou a luz), os bares teñen poucos lugares libres. Cando o Sol desaparece detrás das nubes que pasan, quédome frío trazando as liñas co templo. Comida, e a seguir cara o Cádavo, non sen antes aproveitar o paso por Fonteo, xa despois do cambio de conca: do Eo ó Miño no Marco, e de novo ó Eo en Milleirós (alto de Sabugueiro, 637 msn), para chegar pouco despois á fonte. Alí, un pequeno descanso, outro apunte e continuación ata O Cádavo, fin de etapa e outra divisoria de augas (722 msnm no concello).

    De Meira ó Cádavo, chuvia boa parte do recorrido, aínda que tampouco moita. Recorrido que se fixo curto por esas terras altas de Galicia, cabeceira de ríos e lugar de paseo tranquilo mesmo pola estrada con poucos coches.

O nacemento do Eo. O sello do concello, á mañá do día seguinte.

    O pequeno descanso de Fonteo, relax dun lugar que como os nacementos, é máxico: a auga aparece e déixase ir cara o Cantábrico sen saber cal vai ser o seu fin, despois de pasar peripecias diversas entre canóns ou mantida queda por encoros. 

    E, despois duns 84 km e 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas sobre a bici, O Cádavo. Un lugar pequeno para descansar, turístico para desfrutar da natureza, e sobre todo, con pequenas cousas que ó mellor non se descobren ó primeiro nin ó segundo paseo...

    Primeira etapa, lista. E pode que pola motivación, ou a contención polo que falta aínda, resultou máis suave que outras veces.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221025

Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península

Crónica dunha viaxe / 0  Atravesando a península

(do Cantábrico galego ó Mediterráneo valenciano)

    Do 25 de setembro ó 10 de outubro pasados fixen unha viaxe en bicicleta que resultou rematar despois de algo máis de 1100 km, salvando un desnivel positivo acumulado duns 7800 m, nun tempo dunhas 66 h. A orixe, Ribadeo. O seu final, Valencia.

    Pretendo contar aquí, etapa a etapa (pero tamén con cousas mesturadas), non só o máis salientable (o que me pareceu a min máis salientable), senón tamén de sentimentos ó longo da experiencia a anécdotas diversas.

    Coido que a preparación, por pequena que teña sido neste caso, debe contar como unha etapa máis. De aí este capítulo 0. E contar que, aínda que foi sinxela, o tomar a decisión de facer a viaxe prolongouse ata que un bo día, púxenlle data de partida. A partir de aí, comezou a viaxe.

Trazos básicos da viaxe. Cada tramo entre dous ángulos, unha etapa.

    O resume do itinerario sería: 

    Etapa 01 Ribadeo - O Cádavo, 84 km, 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas. Por A Pontenova e O Pedregal de Irimia, dando algunha volta en balde e chegando a Meira para logo, á beira da Marronda, arribar ó Cadavo.
    02 O Cádavo - Ponferrada, 94 km, 950 m, 5,5 h. Baixando cara a Baleira e sen chegar, acadando a N VI para  despois dunha parada no miradoiro de Doncos, chegar a Pedrafita e logo a Villafranca e ás proximidades de Ponferrada. Contacto co Camiño de Santiago á inversa.
    03 Ponferrada - Astorga, 61 km, 1200 m, 4,5 h. Tentando seguir no posible o Camiño de Santiago e culminando o punto máis alto do recorrido, a Cruz de Ferro. Pode que o tramo máis duro.
    04 Astorga - León, 51 km, 200 m, 3 h. Seguindo o Camiño en boa parte, tramo de medio descanso.
    05 León - Villarmentero, 108 km, 400 m, 6 h. Tentando ir polo Camiño de Santiago, con varias desviacións e visita a Sahagún e Carrión de los Condes.
    06 Villarmentero - Burgos, a última etapa en setembro, 77 km, 530 m, 5,5 h. Polo Camiño de Santiago, incluída unha parte no Canal de Castilla, e visitas a Frómista ou Castrojeriz.
    07 Burgos - Santo Domingo de Silos, 74 km, 500m, 5 h. Xa fóra do Camiño Francés, o tráfico polas vías que sigo case desaparece. Primeira parte pola Vía Verde Santander - Mediterráneo, e retrocedendo dende Salas de los Infantes para chegar a Silos.
    08 Santo Domingo de Silos - Soria, 95 km, 650 m, 6,5 h. Xa mergullado na España Baleirada, sen ter onde comer ata Abejar.   
    09 Soria - Calatayud, 95 km (medidos por estrada, o tramo máis longo), 310 m, 5 h. Por Almenar de Soria, deserto… ata para o café.
    10 Calatayud - Calamocha, 66 km, 500 m, 4 h. Saída por ‘vías verdes’ e decepción. Subida ó porto de Villafeliche antes de Daroca. Encontro con Pedro, de O Barqueiro, facendo unha ruta ciclista de Salas de los Infantes a Segorbe.   
    11 Calamocha - Teruel, 73 km, 200 m, 4 h. Por estrada e coroando varios altos de arredor de 1000 m no que para Galicia é unha chaira.    
    12 Descanso (Teruel - Teruel), coñecendo a cidade.
    13 Teruel - Barraques, 67 km de vías verdes, 520 m, 4 h. As VV de Ojos Negros II son recomendables, e transitadas.
    14 Barraques - La Vall D’Uixó, 83 km, 140 m, 4 h. A meirande parte, por unhas VV Ojos Negros I moi transitadas en sábado, e o resto, por estradas auxiliares ás principais como non sei que as haxa en Galicia.
    15 La Vall d’Uixó - Sagunto, 34 km, 90 m, 1,75 h. De novo, por vías de servicio ata o Porto de Sagunto, antes de subir a Sagunto por vías urbanas.
    16 Sagunto - Valencia, 44 km, 130 m, 2,25 h, vías de servicio e desviacións diversas antes e despois de dar unha volta por Bétera.

    As distancias, desniveis e tempos son aproximados: as paradas, desviacións, paso por rutas non marcadas no mapa dixital, etc, fan que o cómputo non poda ser máis ca iso, aproximado. Ver no móbil a túa sinalización de posición no medio da nada, sen ruta recoñecible nunha redonda de 1 km non deixa de ser gracioso a máis de presentar os límites e fiabilidade de datos e tecnoloxía a disposición das persoas correntes... Algo parello a atopar preto dunha vila grande sinalada como ruta un camiño impracticable.

    A táboa anterior tampouco é exactamente a prevista en principio. A ruta programada foi pensada para ter dous días de marxe para chegar o día que quería, dos que rematei consumindo un visitando unha vila que non coñecía, Teruel, e outro ó facer unha desviación e etapa extra por La Vall d'Uixó. A máis, por ser unha viaxe en certo xeito experimental, collía día a día o aloxamento, o que me forzou a algunha variación. Como a visita a Santo Domingo de Silos, cun tramo, entre ese punto e Hacinas, pola BU 910 (26 km ida e volta e incluído un pequeno porto en Carazo) que foi o único repetido por obriga, digamos 'técnica'.

    A preparación, a máis da lista de cousas a levar comigo, da procura de afastarme de Madrid e favorecer vías pouco transitadas por vehículos a motor, vías verdes e Camiño de Santiago (recorrido á inversa, claro!), incluíu a bicicleta. Tiña claro a elección da bicicleta de montaña que uso normalmente, con rodas grosas, que dificultan o avance pola estrada pero ofrecen máis seguridade e a posibilidade de ir por vías non moi ciclables. Sufriu unha revisión antes da saída, con cambio dalgunha parte, e xa na viaxe, unha substitución de bolas de rodamento oxidadas en Astorga. En máis dunha ocasión temín que non aguantara os continuos botes nos camiños, cargada cunhas alforxas cheas de máis por precaución (ese 'cheas de máis' é o motivo polo que non especifico a lista de cousas coas que carguei, para non inducir ó mesmo erro a ninguén). Pero aguantou, e sen rodas picadas.

    As alforxas eran para abrir á final da etapa. A máis, unha mochila de ciclismo coa documentación e cartos era o básico do que non me desprendía, xunto co móbil, que por comodidade ía unha pequena bolsa preto do manillar. Como comprobei, o separar as cousas en dous lugares diferentes (en realidade, tres, como remato de dicir) foi un acerto que me permitiu unha mobilidade que non tería de usar só as ateigadas alforxas, e así puiden deixar máis dunha vez a bicicleta fóra da vista (candada cun sinxelo candado de números) por uns minutos, non temendo que desapareceran máis que cousas remprazables de xeito doado aínda que tiveran un custe.

    E o ciclista, apoiado ata a Cruz de Ferro para non levar alforxas nas primeiras (e maiores, e máis fortes) subidas, tamén tivo sorte, non enfermou e aguantou, fortaleceuse e desfrutou na viaxe, para o que non fixo / non fixen unha preparación física especial. De feito, a preparación aumentou ó longo das dúas semanas de recorrido!

    Un apunte máis: a viaxe foi en solitario, salvo acompañamentos puntuais e casuais, como o de Pedro de O Barqueiro por terras aragonesas. Ou polo caudal de xente á contra polo Camiño de Santiago, con momentos de encontro de algarabías nos que sorría para min desfrutando dunha pracida soidade, polo demais meditada.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20220703

Unha vía verde

Unha vía verde

    Un proxecto como o ferrocarril mineiro Ribadeo - Vilaoudriz significou, coa súa construción primeiro, pero sobre todo coa súa posta en marcha, un revulsivo para toda a comarca. Vía de case 35 km, desenvolta en só tres anos, a comezos do século XX nunha zona daquela con pésimas comunicacións, foi eixo de transportes e desenvolvemento. A súa luz chega ata hoxe tras unir o baixo Eo con Ribadeo, e de alí co mundo enteiro saíndo da ría de Ribadeo.

    Agora ('agora' neste caso é o mesmo que dicir dende hai ben máis dunha década) pretende recuperarse o seu trazado para o lecer, como 'vía verde', acadando outro tipo de dinamización comarcal e social. Non creando da nada, senón aproveitando unha estrutura dos nosos bisavós. Quizais máis modesta, pero non desprezable.

    Claro que o 'agora' é moi discontinuo. De feito, remátase de volver usar un proxecto de 2010 como base para a nova arremetida de peticións dende a comarca ó ministerio en Madrid. No medio, pode que o máis salientable sexa o impulso que decidiu dar un grupo de xente, encadrada nun taller de emprego, a modo de práctica de participación e construción dunha empresa. Corría o outono de 2016 cando se puxo en marcha unha exposición en Ribadeo, repetida despois en Abres, ou se organizou un recorrido do tramo de algo máis de 12 km recuperado no cambio de século entre Santiso de Abres e A Pontenova. Un impulso puntual ó que se sumaron daquela os concellos, que sen abandoar a idea non remataban de darlle adiante.

    Dá gusto recorrer o tramo recuperado. Un paseo á beira do Eo no que van incluídos seis túneles e unha ponte. Camiño que despois do abandono do tráfico ferroviario viña exercendo de vía principal ou auxiliar a lugares dispersos, incluída unha central hidroeléctrica que se debe pechar por orde xudicial.

    A historia da liña Ribadeo – Vilaoudriz é accesible en moitos lugares, de libros e documentos en bibliotecas á Galipedia, pasando por diversas notas de prensa. E o novo camiño, a Ruta da antiga vía do ferrocarril Vilaoudriz – Ribadeo ten xa tamén a súa historia, de anos que leva en xestación. Abondos máis dos que levou a construción da vía orixinal. Pero iso é o pasado. E o futuro? Visto o presente e o seu transcurso, costa traballo ver o final da recuperación da vía como vía verde a pesar da beleza do tramo xa en uso -sen estar exenta de deficiencias- ou do recorrido de tramos practicables hoxe por hoxe, aínda sen a recuperación.

20220402

Eoalimenta!

    Esta semana pasou medio inadvertida unha xuntanza que pode ter un impacto forte no futuro da zona. Os partícipes de Eo Alimenta  reuníronse en Ribadeo o pasado día 30, e, a pesar da nota de difusión do concello, coido que a información quedou coxa. Por iso recollo, a máis da nota do concello que deixo a continuación, un tríptico e fago diversas ligazóns dende o texto da nota a outras web ou a outras entradas de Ribadeando para completar a visión.

Foto Eo Alimenta

INICIATIVA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL

Eo Alimenta

31/03/2022

O proxecto Eo Alimenta avanza cara un modelo de produción, distribución e consumo capaz de alimentar á súa poboación. Onte, mércores, tivo lugar unha xuntanza no salón de plenos do Concello de Ribadeo

O proxecto Eo Alimenta celebrou onte en Ribadeo un momento importante coa presentación do borrador da estratexia alimentaria diante dos socios do proxecto: concellos do territorio, USC, GDR Terras de Miranda, CEDER Oscos-Eo, Fundación Edes e Sindicato Labrego Galego.

Este mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.).

O obxectivo deste proxecto é elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

En dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de Ribadeo, Barreiros, San Tirso de Abres, A Veiga, A Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Miranda e do CEDER Oscos-Eo.

Tras a boa acollida de dito documento na reunión de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de aquí a 2026.

Eo Alimenta representa un proxecto pioneiro a nivel estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.

 



 

 

20220222

Maragatos en Ribadeo?

Maragatos en Ribadeo?

Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')

    Si, maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual aqueles que nomeaba Rosalía e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca, antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos. Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos desa nova época.

    Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba 'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento, pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de 'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na Maragatería.

    Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.

    En 1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA, encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.

    Os maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo, na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.

    En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.

-

En Maragatos de Lugo.org

Posterior alusión e audio no El Progreso (min. 15:50)

 

20200719

Por que se chama ‘La Comarca del Eo’?

Esquema collido de https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1a_Ribadeo_-_Vilaoudriz, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

   O outro día, ó ensinarlle a alguén un artigo do último número de ‘La Comarca del Eo’, atopeime cunha pregunta súa, formulada máis ou menos: “E por que se chama ‘La Comarca del Eo’? Non se debería chamar mellor ‘A Mariña’”? Din unha resposta rápida, referíndome non á causa última de quen tivo a idea, que non sei, senón ó cambio das condicións no entorno entre a época na que naceu a Comarca e hoxe, o que explicaría a elección do nome. E logo, quedei pensando e decidín escribir este artigo.
   La Comarca del Eo, semanario ribadense, leva editados 5235 números, que a un por semana, cun par de excepcións, da máis de 100 anos, retrotraendo o primeiro número a 1919. Naquel momento, cando pouco se titulaba en galego, a elección do castelán era o predeterminado. E xusto despois da I Guerra Mundial (ou Gran Guerra Europea, se se ten outra mira) as comunicacións para transporte tiñan unha aparencia abondo diferente, estando marcadas na zona polo ferrocarril da empresa mineira que explotaba o ferro en Vilaoudriz. O ferrocarril a Vilaoudriz, ferramenta para o transporte mineiro e aproveitado para transporte de persoas, estaba en pleno apoxeo, vertebrando unha comarca que abranguía entre Ribadeo e a Pontenova, e a ambas beiras da ría de Ribadeo e do río Eo, das Figueiras ou Castropol a San Tirso ou máis aló da actual Pontenova. Mentres, os transportes por estrada facían ver moi lonxe lugares como Viveiro. É dicir, nunha época na que as viaxes eran máis longas en tempo, máis curtas en distancia e ben diferentes en condicións, estaba vertebrada unha comarca da costa ó interior por ese ferrocarril que se quixo prolongar, de xeito infrutuoso, ata Ponferrada. Por contra, tiña abondo menos sentido falar da existencia dunha vertebración de territorios costeiros, por moito que se tivera comunicación en base ó mar.
   O ferrocarril marcou o desenvolvemento de toda a zona ó tempo que intensificou as relacións entre as persoas, cando o transporte dependía dos carros máis ca dos camións e os coches eran un luxo que rara vez se vía pasar mentres a xente se desprazaba en transporte comunitario. Ese ferrocarril foi desatendido no seu mantemento, ata a desaparición final do servizo a raíz dun derrube nun túnel en Ove, a pouca distancia da vila de Ribadeo. Túnel cortado, á entrada do que se pode acceder aínda hoxe, chegando dende o pobo por rúas e estradas chas, vías de comunicación feitas aproveitando o antigo trazado da vía. Neses tempos, os 60 do pasado século, o tren, desatendido, lento e con servizo deficiente, non era competitivo para a empresa privada. A perda que supuxo chega ata o de hoxe, cando se quere recuperar o seu trazado para facer unha vía verde de máis de trinta quilómetros, ampliando o xa recuperado. Caeu o tren e hoxe, como amosa o exemplo que da título ó artigo, a ‘Comarca del Eo’ vese como un nome estraño, ó que hai que procurarlle o significado.
   Unha historia para lembrar hoxe, cando esa outra comarca que outro tren axuda a vertebrar, a Mariña e o ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón (esta vez, de mans dunha compañía que se supón de servizo público), están en perigo.

20191023

CRANIOS HUMANOS EN TRES IGREXAS DA CONCA DO EO. Emilio Piñeiroa Lozano


A maioría de persoas relacionan as caveiras ou cranios coa morte, con algo malo e escuro pero en moitas culturas dende a Idade de Pedra, pasando pola Idade Media e ata os nosos días foi obxecto de fascinación e veneración.
Na conca do Eo son tres os lugares documentados nos que aparecen caveiras incrustadas nos muros de lugares sagrados; atopámolas nas igrexas de Baos (Ribeira de Piquín), Órrea (Riotorto) e O Conforto (A Pontenova), ainda que sobre esta peculiar técnica pouco se sabe.
As caveiras atópanse, en tódolos casos, empotradas na parede e coa cara para fora, xerando así un tétrico diálogo entre os vivos e mortos, no marco dun espazo sagrado de gran concurrencia.
Da orixe destes enterramentos pouco se sabe, algúns veciños falan da existencia dun mosteiro xa desaparecido. En Baos os veciños cren que os cranios son de curas que viviron nesta parroquia, mentras que en Órrea dín que a caveira é dunha monxa do antigo convento.

S. Xoán de Baos, parroquia que pertence ao concello de Ribeira de Piquín. Regada polo río Rodíl, o maior afluente do Eo.
Esta igrexa pertenceu en Galicia a Orde de S. Juan de Malta, orde militar relixiosa fundada en Xerusalén para a súa defensa e a de hospital de peregrinos. Estendeuse polo occidente europeo, chegou a establecer as súas bases en Portomarín. Baos pertenceu ata o ano 1876 á encomenda de Portomarín.
No pórtico ou cabido (un espazo cuberto na entrada da igrexa) nun espazo en branco que hai encima dunha ventá, empotradas na parede, hai cinco caveiras humanas. Os cranios atópanse de forma ordenada, visibles, forman unha especie de triángulo, ningún conserva a mandíbula inferior, tres teñen pezas dentais ben visibles. As cinco caveiras están posicionadas cara a fachada da igrexa
e o altar maior.

Igrexa parroquial de Santa Comba de Órrea, concello de Riotorto.
Aquí asentouse durante a Idade Media un mosteiro feminino.
Ao pasar a porta principal, no interior, á man dereita, incrustada na parede, unha pía de auga bendita ( antes foi un capitel prerrománico dunha columna ), decorada con volutas.
Sobre a pía, empotrada na parede, unha caveira humana. Está disposta de fronte, mirando directamente ao altar maior. Carece de mandíbula inferior e non conserva peza dental.

Igrexa parroquial de Santa María do Conforto, concello de A Pontenova.
Centro Mariano. Situado nun val surcado polo río Turía, afluente do Eo. Entrando pola porta lateral do sur, á altura do cruceiro, na mesma parede, á man esquerda, sobre unha pía de auga bendita, unha caveira humana. A cara para dentro e mirando ao interior do templo, non directamente ao altar maior.
Carece de mandíbula inferior, non conserva peza dental.

20190808

Os soldos das corporacións mariñás no pasado próximo

Hai pouco que cambiaron as corporacións locais, e con elas, a distribución de custes a cargos electos dentro de cada concello, datos que polo momento non teño. Mais, a auga pasada, lembrei un artigo de José Alonso na Voz no que collía os datos do Ministerio para detallar o custo das corporacións locais da Mariña no 2017. Sabendo que no detalle pode haber algunha variación, fixen unha táboa, argallei algunha conta con datos do INE e fixen 6 gráficos para ver en retrospectiva o custo dos nosos políticos a escala Concello / Deputación. tentei ver se había algunha correlación entre custes de cargos políticos e poboación, pero non atopei relacións significativas, polo que non incorporo os gráficos correspondentes. Imos aló.
O primeiro, a táboa. Está detallado, para cada concello en euros:
- o que recibe o / a alcalde da Deputación, se ten soldo por cargo nela.
- o que recibe polo concello (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total de ámbolosdous conceptos
- o total de cobros da corporación local (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total, incluído o cobro da Deputación
- o número de habitantes a 1 de xaneiro de 2018
- o importe por habitante que representan os emolumentos do alcalde (só por cobros directos do concello, nunha columna, e incluído cobro da Deputación, na seguinte)
- o importe por habitante da corporación (só concello, nunha columna, e con cobro da Deputación, na seguinte)
Hai que ter en conta que en calquera caso, os custos nas contas anteriores son asumidos só polos veciños do concello, é dicir, os custos da Deputación non se contan nestas contas como distribuídos entre toda a provincia, o que distorsiona os números pero vai a prol do sentido de cargarlle soldos á Deputación que evitan soldos municipais.
En canto ó cobro dos alcaldes, os dous máis altos están enmascarados polo cobro da Deputación, vindo despois un grupo de poboación abondo heteroxénea, encabezados pola alcaldía de Ribadeo. O Vicedo e Alfoz son casos nos que o alcalde non cobra mensualidades.

A vista varía moito se pasamos ó custo por veciño, co destaque, por goleada, de Ourol.
En troques, se consideramos tamén os soldos da Deputación, volve cambiar o aspecto nos primeiros postos.
Pasando ó conxunto das corporacións, a Pontenova vai en cabeza debido ó soldo da Deputación; sen ese soldo, sería Ribadeo quen ocupara o primeiro lugar:
En cqambio, por veciño, debido á súa baixa poboación e ó soldo do alcalde, Ourol arrasa, considerando ou non os soldos da Deputación:

Datos:
https://www.mptfp.gob.es/portal/funcionpublica/funcion-publica/ispa.html