Comeza un mes, e con el un novo Chío que deixo no seu medio de paso que o collo ó vo e volo transmito por se vos tamén o queredes coller.
O chío das mulleres mariñás: 8M na Mariña
Marzo non é o mes das flores, tampouco na Mariña. Mais é o tempo no que, tamén na Mariña, se prepara a vexetación para ese maio florido que din os versos para aplicar en todo o hemisferio norte da Terra.
En marzo, dende hai un tempo, tenta florecer o día oito. Séculos e séculos de traballo tentan verse asemade condensados nese día, destilados da vida das mulleres. Mulleres. Cantadas tamén moitas veces como repouso dos guerreiros e silenciadas aínda máis como guerreiras elas mesmas, traballadoras acompañando ó mar ou o campo ó tempo que ós fillos e ó home.
Estou afeito, na Mariña, a ter presente a terra e a xente, engarzadas. Coido que é algo natural, aquí e en calquera parte. Mais hai momentos que obrigan -ao menos, que me obrigan- a escudriñar algo máis, a separar de xeito máis fino. Unha celebración, por exemplo, obriga a mirar máis cara a cara ó que se celebra. Neste caso, o 8M. Un día que leva cambiado a súa presentación dende hai tempo: día da muller traballadora, día da muller, ‘a secas’. Sexa como sexa o título, o referente feminino é claro na Mariña. A súa pegada é a que permite á nosa sociedade manterse como tal. E exemplos de mulleres recoñecidas non faltan, como non sobran tampouco exemplos de mulleres non recoñecidas na súa valía e nos seus feitos.
Collamos algunha das primeiras, só recorrendo as rúas de Ribadeo, ou as que saian a bote pronto. -Por certo, pásame pola cabeza, de cantas das que vou nomear oíches falar?- E, outra cousa a lembrar, as mulleres mariñás, aquí citadas ou non, forman parte dun conxunto moito máis amplo dentro da humanidade enteira... Para comezar. Por estar involucrado no proceso, lembro que estes días está a presentarse un libro sobre Aurora Sampedro Piñeiro, barreirense pioneira investigadora no campo dos oligoelementos ou das aliaxes, entre outras facetas da súa vida.
As Meniñas de Saudade, que co seu grupo déronlle un pulo á tradición cultural galega que con elas suxeriu un rexurdimento. Unha por unha, todas colleron a testemuña que o conxunto cultivou, obtendo a sociedade un rédito coral e non só cultural.
Que dicir das 34 mulleres represaliadas que pasaron polo cárcere en Ribadeo tras a toma da vila polos sublevados, e que Pancho Campos detalla en ‘As milicianas de Ribadeo’? Entre elas, Rosalía Alonso Lastra, sinxelamente, ‘asasinada’, como consta nunha das ‘pedras da memoria’ que lembran ós represaliados na vila.
Corona Gonzalez Santos, muller de Ramón González, unha desas mulleres que fan grandes ós homes que son os que aparecen como mascarón de proa dos actos que elas impulsan, idean, viven. Non naceu na Mariña, pero por aquí pasou, e deixou a súa pegada xunto coa das mulleres de aquí.
Luz Pozo Garza, poeta, cun monólito de homenaxe na nomeada súa rúa, xunto á ribadense capela da Virxe do Camiño. Virxe, por certo, representada ó longo da Mariña unha e outra vez, sexa como Carmen, Inmaculada, Dores ou outra denominación.