20240303

Non fai falta que lle chames paz. Constrúea

Non fai falta que lle chames paz. Constrúea

    Hoxe non vou á xuntanza semanal pola paz. Veuseme á cabeza outra xuntanza, para quen foi a ela máis abondo máis urxente e necesaria, a que deu lugar a que unha centena de famentos gazatíes fora cazada mentres tentaba apañar algo de comida nun reparto.

    Xente cazada, pois entendo que é unha técnica de caza: atrapar -neste caso, abater- ó animal mentres tenta alimentarse ou beber. Mesmo procurándolle o alimento como trampa, a modo de anaco que se crava no anzó. Nesta ocasión, tendo controlada a rede de distribución de alimentos dende o exterior.

    Netanyahu está a logralo: deshumanizar non só ó 'inimigo' (iso xa é ‘típico’ en toda guerra), senón tamén á súa propia xente, como un punto de apoio máis para manterse nun poder do que querían chimpalo xa antes de que comezara esta fase da guerra coa toma de reféns polos palestinos. Un paso adiante detrás do seu propio 'eu', do que lle importa. Non é o único caso na historia. Se se fala de ‘historia’, parece que falamos dun pasado lonxano, e tampouco fai falta. Mira outras guerras actuais, mesmo a que ameaza hoxe cunha confrontación nuclear en Europa. É a guerra, as guerras, que unha vez comezadas tenden a ir a máis...

    Pero non nos enganemos facéndonos cruces das atrocidades, ou de como poden comezar. Todas as guerras teñen apoios. Xente dalgún xeito interesada en comezala. E logo, en mantela. Polos motivos que sexan. Ou se non, que sería da guerra de Netanyahu sen os Estados Unidos de América e mesmo da Unión Europea, que lle reclaman de xeito tímido altos ó fogo fronte ós asasinatos, mentres seguen a comerciar mesmo coas armas usadas neles?

    E non, non nos enganemos tampouco por outro lado: a guerra aféctanos. Non só vía a colaboración do estado na fabricación de armas, ou doutros xeitos materiais, mais tamén nós somos destinatarios desa deshumanización, dese facer pasar as novas máis rápido porque aburren, porque xa son coñecidas, porque si, porque só son unhas cantas vidas menos.

    ‘Eles dispararon antes’! E véñenseme á cabeza feitos como o incidente fronteirizo fabricado polos nazis que foi o último fito antes da segunda guerra mundial, ou a alimentación de hai anos de Hamás polo goberno israelí para tentar debilitar Al Fatah, o movemento máis poderoso daquela en Palestina, ou como se nos fundamentos de Israel non houber agresións abondas. É algo que todo o mundo sabe, aínda que pareza moitas veces non importar: violencia xera violencia. E, mentres ‘a primeira violencia’ dun ciclo chega a esquecerse nunha desorde pasional que soe superala de longo, a paz hai que construíla, sempre é inestable.

Ningún comentario: