20221214

ANTIGUALLAS OU MODERNECES? Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Dúas mulleres controlando o ENIAC, o primeiro ordenador. U. S. Army Photo (en Dominio Público)

ANTIGUALLAS OU MODERNECES?

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Para os que aínda non cumprimos os 50 (e xa non digamos para os adolescentes) algúns aparellos tecnolóxicos cos que nacemos seméllannos antiquísimos cando, en realidade, son relativamente recentes. Que llo pregunten se non á nenez dos nosos avós! É o caso, por exemplo, da fotografía que se ben, en branco e negro, foi inventada en 1827 polo francés Nicéphore Niepce (e perfeccionada despois co daguerrotipo do seu compatriota Louis-Jacques Daguerre) non adquiriu cor ata a década de 1970.

    O mesmo acontece co teléfono con cable, creado en 1876 polo escocés Alexander Bell, cuxo apelido, moi axeitadamente, significa campaíña, alarma ou timbre. A versión inarámica, precursora da actual telefonía móbil (inexistente na nosa infancia), non chegaría ata 1979 grazas ao sueco Ericsson.

    Outro escocés, John Baird, patentou a televisión (en branco e negro) en 1923, chegando a cor medio século despois. Os estadounidenses John Mauchly e John Eckert puxeron en marcha, en 1946, o primeiro computador. Ocupaba 135 metros cadrados e pesaba 300 toneladas. Como para telo na casa!

    Sempre lembro aos meus avós paternos de Ribadeo e maternos de Vilaframil contando como a xente se amoreaba diante dos seus negocios de alimentación para ver un programa ou facer unha chamada. Como hoxe diante dunha pantalla xigante nunha praza para ver un concerto os que ficaron sen entrada.

Ningún comentario: