20110223

Subindo e baixando

Hai algún tempo puxéronse 'pasos elevados' no paseo Castelao, na beiraría. Naquel tempo, aínda concebía os 'pasos elevados' como pontes sobre a rúa ou estrada para facilitar o paso dos peóns sen dificultar a circulación rodada. Dende aquela, en Ribadeo e outros lugares, houbo que 'cambiar o chip'; os pasos elevados son agora sinónimo de elevacións da estrada uns cantos centímetros a modo de cinturóns sucesivos, para evitar a velocidade excesiva dos coches.
Onte fixeron varios máis en Ribadeo, no tramo Avda. de Asturias / Avda. de Galicia, que acompañan ó xa feito no Parador e ás obras da travesía que inclúe a rotonda do xardín.
Cando se fixeron os primeiros en Ribadeo quedou claro que era para evitar as carreiras que daquela se estaban a celebrar á beira da ría. E tamén quedou claro que non cumprían a regulamentación . Posteriormente aumentouse outro paso, sen suprimir ningún dos anteriores, á saída do mamotreto do ascensor á atalaia, quedando a unha distancia mínima dun anterior. Sen medir, a ollo, diría que os recén feitos teñen algo máis de adaptación á normativa, sen chegar a acatala: costa de inclinación excesiva ou, se se quere, curta de máis.
Pero a cousa coido que non está na adaptación estricta á normativa, senón en que os pasos elevados son unha medida que para evitar o mal dalguén perxudica a todo o tráfico rodado.
Póñense pasos elevados, pero a posibilidade de carril bici parece adiada, a pesares de ser unha reforma como a actual o momento idóneo, e ser un factor máis educativo, disuasorio do uso e maluso dos vehículos a motor.
O certo é que a proliferación de pasos elevados por todos os rincóns representa un deses misterios achacables, coido, máis á imitación que á reflexión. En canto ó xeito de construcción, á non adaptación á normativa, iso é menos comprensible.

Ningún comentario: