20080412

98 euros


Ese será o prezo das fins de semana subvencionadas en Ribadeo, viaxe en Feve incluído. O concello, de novo favorecendo á hostalería ribadense. Como debe ser.
Pero, postos a favorecer, tamén debería lembrar de favorecer á xente que se ve afectada por parte desa hostalería, esixindo dunha volta que cumpra a lei. E ten unhas cantas que cumprir, dende ruído a horarios, pasando por condicións de seguridade, cousas todas polas que sucesivos alcaldes teñen feito a vista gorda, aumentando aínda as licenzas, co engorde dos hostaleiros afectados, extensión das malas actitudes a outros hostaleiros que ven que non pasa nada e por que eles non se van aproveitar tamén, etc.
Despois doutra noite afectada polo ruído (de venres, con menos vixiancia que os sábados, eso tamén o sabe o alcalde), outros temas.
Por moito menos dos 98 euros, esta noite haberá actuación no auditorio Hernán Naval. Adxunto o díptico. E reenvío ó blog 'Lonxe do mar' (por certo, título de obra de Hernán Naval) para máis información
E onte, tamén no Hernán Naval, houbo un ensaio do concerto didáctico que terá lugar luns no mesmo sitio para ilustrar sobre a música de orquestra ós alumnos do Gregorio Sanz (coido que é o único colexio que participa escoitando). Uns 375 escoitadores e uns 75 tocadores (estes si, de todos os centros educativos de Ribadeo e de algún de fóra) terán unha función ilustrativa que gustaría a quen se achegara case con seguridade. O malo é que o 'auditorio de playmóbil' (Hernán Naval dixit) vai ver sobrepasada a súa capacidade só cos escolares, polo que é previsible que, aínda que algúns se podan acomodar 2x1, non quede moito sitio dispoñible. Polo menos, queda a cousa de que hai xa un par de semanas se amañou á entrada na azotea do Hernán Naval a porta que conducía ó espazo de caldeiras e demáis, e só hai hoxe un toldo sobre o tellado adxunto (terá goteiras?)
Collo un libro que tiña apartado para citar antes de retiralo de xeito definitivo e efectivamente cito algunha frase solta:
'Quenes non len bós libros non teñen ventaxa sobre quenes non poden ler'
'Ninguén fixera o esforzo de sentarse con estas persoas e axudarlles a trazar un plan'
'A verdadeira pobreza é a pobreza de oportunidades'
'Calquera cousa que vostedes fagan, sentiránse mellor consigo mesmos e coa vida se a fan ben'
O libro? "El gerente de sueños", de Matthew Kelly. Nada excepcional, pero se fai pensar para mellorar... As citas son só catro frases, coido que ningunha dificultosa, e cunha fin de semana por diante, poden quedar así, sen comentario.

Ningún comentario: