20080426

25 de abril


Si, xa sei, hoxe é 26 de abril. Pero as celebracións desta semana foron o 23, día do libro (algo así como o día da ilustración, ben que interesada pola economía), e o 25 de abril cabodano da revolución dos caraveis en Portugal (revolución incruenta, e como revolución que foi, autoritaria, pero con fins democráticos). Ese día, o 25, foi tamén o día laborable que culminou unha semana con novos cortes de luz en Ribadeo. Moi pequenos, pero cortes. Mentras, a carta de protesta do concello xa foi enviada hai moito, e a das asociacións está a sufrir diversos retrasos que fan que esteña no período de recollida de sinaturas.
Onte, claro, ocorreron máis cousas. Cinco alumnos de centros ribadenses (2 do IES Dionisio Gamallo e 3 do IES Porta da Auga) competiron nunha miniolimpiada de Química en Foz. Unha pelexa no centro de Ribadeo comparte plana coa xornada de estudo en relación á violencia de xénero. E, a protesta dos gandeiros (a preparación da protesta) pola situación que están a sufrir coincide coa rescisión do contrato da xunta á empresa que remodelaba san Lázaro, obra parada e protestada por elo dende hai meses. Pero a nova de onte en Ribadeo coido que non foi ningunha das anteriores, senón que volta a estar relacionada co urbanismo: o xulgado autoriza a entrar no edificio afectado pola sentencia de derribo da zona de rochos (o edificio que nos baixos ten o Consum, S. Francisco 25, Irmáns Moreno Ulloa 14-16). A finalidade, redactar o estudo para cumprir a primeira sentencia. É evidente que o retraso no cumprimento da sentencia non se debe só á negativa á deixar entrar dos veciños afectados, senón tamén a cuestións políticas municipais que o presente alcalde, dun xeito ou outro (é dicir, por convencemento como creo ou forzado como insinúa algunha prensa) tivo que deixar a unha beira do camiño. Que implica? que se deu un paso máis en cumprimento do que é unha subsanación dunha ilegalidade (non me meto agora en temas de se é unha legalidade 'xusta' ou 'inxusta'). Algo que, aínda que sexa tarde, ten os seus efectos na mentalidade xeral, pois ninguén merca un piso para estar a batallar anos sen saber se se vai quedar sen unha parte do que mercou, e mentras, estar na corda frouxa sen saber ben a que aterse.
A ilustración de hoxe é do PXOM, pero suave para entroncar despois de varios días referíndomea el e xeito só indirecto. Así, no plano correspondente ás comunicacións do concello, vése algo que xa teño dito, que nalgúns planos nin aparece o último recheo en Mirasol (como é o caso deste), mentras que contradí a memoria poñendo, esta vez si, a autovía e a circunvalación xa feitas (en contra tamén doutros planos que as poñen para realizar). E unha curiosidade: as rotas de sendeirismo (cor malva, raia/ponto/raia/ponto...), que non se ven limitadas a Santa Cruz, senón que baixan dende alí por un par de sitios (dun deles e a súa visión panorámica actual xa falei outro día) ata a ría, onde habería unha rota que non se quedaría nas Aceñas e o muíño de marea que se pretende restaurar, senón que continuaría cara ó sur ata a altura do posto de observación de aves (fóra de imaxe).

Ningún comentario: