Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta vivendas sociais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta vivendas sociais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20250131

NOTA INFORMATIVA DAS VECIÑAS DAS VIVENDAS SOCIAIS SOBRE AS NOSAS ÁRBORES

 


NOTA INFORMATIVA DAS VECIÑAS DAS VIVENDAS SOCIAIS SOBRE AS NOSAS ÁRBORES

O pasado día 9 de xaneiro o colectivo de veciñas das vivendas sociais da Rúa Clemente Martínez Pasarón presentamos no rexistro do Concello de Ribadeo un escrito asinado por máis de 150 persoas no que solicitábamos información sobre un proxecto de obras e reforma na zona verde próxima ós nosos domicilios. Como é sabido nesa zona existen sete árbores e uns contedores de lixo que prestan un servizo inestimable á veciñanza, e os comentarios que circularan os meses anteriores facían sospeitar dun proxecto de supresión dos contedores e das árbores, sen que estivese claro a quen podería beneficiar esa reforma.

Por este motivo fixemos a recollida de sinaturas ca solicitude de que se nos informase a nivel oficial do proxecto concreto do concello para non ter que andar con dimes e diretes que non conducen a nada práctico.

Sin embargo, transcorridos vinte días non temos recibido ningún tipo de resposta por parte do concello e observamos movementos de persoal que puideran estar en relación ca devandita obra que podería levarse a cabo de forma sorpresiva como sucedeu cas cortas de árbores no colexio de EXB e na praza Pancho Maseda.

Como se pode comprender, a falla de resposta non fai senón acender os temores da veciñanza, dar pé a máis rumores e á sospeita de que se van cortar as árbores e suprimir a zona verde sen causa que o xustifique.

Pola nosa banda reiteramos o dereito das veciñas a coñecer os proxectos do concello que nos afectan directamente e solicitamos ter acceso a un proxecto realizado e financiado con recursos de todos cidadáns.

Asemade lembramos a todos os ribadenses que este non é un proxecto que nos afecte só as persoas que residimos preto da zona que se pretende reformar, xa que se se remata suprimindo as árbores e a zona verde será afectado o benestar de todos os ribadenses e visitantes.

20241231

Comunicado sobre árbores e Ribadeo

    Onte tivemos unha xuntanza informal da Plataforma pola defensa das nosas árbores. De alí saíu unha nota de prensa que adxunto, e á que incorporo antes un plano do parque coa descrición das árbores que me faltou de poñer na entrada www.ribadeando.com/2024/12/o-parque-de-ribadeo-no-seculo-xx-do.html e deixo por poñer para máis adiante un moi pequeno resume da xuntanza que parecía mesmo unha concentración polo número de xente que nos achegamos.

    O folleto, feito con motivo do día da árbores de 1988 pola Del. de Educación do Concello con debuxos de Fermín Rodríguez baixo indicación indicación de Vicente Méndez, daquela xardineiro do concello. Teño que agrader á actual bibliotecaria, Mónica Martínez, a súa procura: 

 



    Tendo falado na xuntanza sobre facer unha lista de árbores, transcribo doutro xeito e con algunha corrección a última folla, incluíndo o nome, nome científico e número de exemplares, por se poidera servir cara ó futuro:

    Árbores no Parque de Ribadeo en 1988:

-    Zona do Parque de San Francisco (parque dos nenos, parque da igrexa, zona do palco da música...)

Choupo do Canadá / Populus canadensis - 12 exemplares

Choupo branco / Populus alba - 4

Plátano do Oriente / Platanus orientalis - 8

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 2

Pradairo / Acer platanoides - 2

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia - 6

Salgueiro Chorón / Salix babilonica - 2

Acacia de tres espiñas / Gleditsia triacanthos - 1

Magnolia / Magnolia grndiflora - 1

-    Zona da Praza de España (Parque do Viejo Pancho, Parque do Cantón)

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 16

Olmeiro Común (Negrillo) / Ulmus campestris - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pupila - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pendula -2

Cinamomo / Melia azederach - 5

Pradairo / Acer platanoides - 21

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia -1

Washingtonia / Washingtonia filitus -4

Moreira Branca / Morus alba (var. pendulae) -4

Cedro / Cedrus atlantica - 1

Palmeira Canaria / Phoenix canariensis - 5

Tuia de Oriente / Thuja orientalis -1

Tuia / Thuja plicata - 1

    O comunicado enviado á prensa:

 

COMUNICADO DE VECIÑ@S DAS VIVENDAS SOCIAIS DA RÚA CLEMENTE MARTINEZ PASARÓN


   Un grupo de veciri@s da vivendas sociais estamos recollendo sinaturas de apoio ao escrito que abaixo se reproduce. Como se pode ver no texto, o motivo de inquedanza está plenamente xustificado. En poucos días estará rematada recollida e serán presentadas no rexistro do Concello de Ribadeo.

 Sr. Alcalde de Ribadeo:

     Os abaixo asinantes, veciñas e veciños residentes nas vivendas sociais da Rúa Clemente Martínez Pasarón e colindantes desexamos
comunicarlle a nosa inquedanza polos rumores de unha posible reforma urbanística do espazo próximo aos nosos domicilios que suporía a tala das árbores alí existentes, a eliminación do espazo verde e a supresión dos vertedoiros de lixo subterráneos que prestan un inestimable servizo, sen cheiros nin outro tipo de incomodidades.
     Dado que descoñecemos o que terían de certo ditos rumores, solicitamos se nos facilite información oficial que confirme ou desminta a existencia do devandito proxecto.
    Asemade debemos transmitirlle as queixas de numerosos veciños e veciñas polo temor de que dito proxecto poda facerse realidade e que se teña en conta esta opinión e se deixe en suspenso o devandito proxecto en caso de existir.

    Ribadeo, 4 de Decembro de 2024

20250122

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

O noso colectivo ven de presentar no Rexistro do Concello de Ribadeo as sinaturas recollidas da veciñanza contra as cortas indiscriminadas de árbores no Colexio Público e noutros puntos do casco urbano, e solicitando que se repoñan as árbores derrubadas, que non se prodiguen estas cortas no sucesivo e que se informe ao vecindario dos proxectos de obras no Parque Municipal, no Campo de Santa María e fronte das vivendas sociais que foron anunciadas polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación.

En total recolléronse 541 sinaturas, o domingo, día 12 de xaneiro na Praza de España e o mércores, día 15, no mercado, que non chegaron a catro horas.

Destes datos cómpre suliñar o seguinte:

1º Nos últimos anos nunca se recolleron tantas sinaturas por colectivos sociais, que no mellor dos casos nunca chegaron ás 350.

2º Faltan por contabilizar as que se están recollendo por medios telemáticos, que a día de hoxe pasan das 300 e das que daremos conta no seu momento.

3º A estas hai que engadir as presentadas polas veciñas das vivendas sociais, que pasan das 150.

En resume, tendo en conta que esta recollida de sinaturas produciuse no mes de xaneiro, en poucas horas e en condicións climáticas moi adversas, pode entenderse que en Ribadeo existe unha grande sensibilidade social en relación cas cortas indiscriminadas de árbores e un temor xustificado a que estas se extendan nos próximos meses. Maiormente cando o Concello segue sen dar unha información axeitada dos seus proxectos e existen moitas dúbidas e contradiccións nas declaracións do Sr. Alcalde.

Agardamos que se teña en conta esta opinión de un sector significativo de veciñanza e seguiremos na teima de vixiar e denunciar novas cortas en caso de chegarse a producirse e pular por un Ribadeo mais verde, onde as árbores conviden a unha maior proximidade ca natureza, unha mellor convivencia, un medio ambiente máis sano e uns espazos públicos máis atractivos para os visitantes.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

20221108

Sen pausa

    O sábado, primeiro sábado de mes, tivo lugar a concentración de pensionistas. A xente acudiu como noutras ocasións, chegando a ser corenta persoas. A alocución de Evaristo lembrou diversos puntos de interese, así como o éxito da concentración do pasado día quince en Madrid e a convocatoria de concentracións autonómicas este 19, facendo numerosas disgresións sobre o texto que adxunto, que foi usado máis que nada, a modo de guión.

    Fotos de Suso Frnández:

Un momento da concentración.

Evaristo Lombardero e José Antonio Ares nun momento da alocución.




Bo dia compañeiras e compañeiros. Como sabedes estamos nun momento de gran actividade e movilización das Plataformas de pensionistas de todo o estado español, unificadas e coordinadas polo grupo UNIDADE DE ACCION e aquí en Galicia polo colectivo MODEPEN, que convoca estas concentracións todos os sábados primeiros de mes en Ribadeo.
A última manifestación en Madrid, o día 15 de outubro, á que asistimos 14 persoas de A Mariña foi un gran éxito en todos os sentidos. En primeiro lugar, o mais chamadeiro a participación masiva de xentes de todo o estado, difícil de calcular, entre 30 000 e 50 000 persoas de Andalucía, País Vasco, Cataluña, Asturias, Galicia etc. Cifra que sorprendeu aos propios organizadores e que naturalmente foi minimizada pola policía e a prensa que falaron de unhas 12 ou 15 000 persoas. Para os que coñezades un pouco Madrid decir que eu e outros saímos varias veces da manifestación para ver a cola e a cabeza e foi imposible. Chegando ao mais alto da Gran Vía eu saínme varias veces e seguían dando a volta na Cibeles centos e centos de persoas, era imposible ver o fin, e a Gran Vía ten 1300 metros. Ademais, a xente viña moi xunta, deixando poucos espazos baleiros. Pero con ser importante a participación, houbo outros aspectos que deben ser resaltados tanto ou mais que o número de manifestatantes. Un deles é o ambiente de loita e de unidade que se palpaba entre a xente e que non soen recoller os medios. A xente estaba desexando decir en voz alta “aquí estamos os pensionistas de todo o estado español e vimos a Madrid a deixar constancia de que non estamos de acordo coas políticas que seguen os gobernos coas pensións, a suba do custe da vida, a fenda de xénero e o desmantelamento de servizos públicos como a sanidade ou os servizos sociais”. E aquí entra outro aspecto moi destacable de esta manifestación e das propostas da UNIDADE DE ACCION; víanse infinidade de pancartas dos movementos feministas, de colectivos sociais, do persoal sanitario, especialmente de Madrid, que desbordaban totalmente o que sería un simple movemento economicista basado únicamente na reivindicación da suba das pensións. Viuse en Madrid e estase vendo en todo o estado que a carón do movemento da plataformas de pensionistas estase a xerar unha unidade social que vai moito mais aló dunha simple reivindicación sectorial para converterse nunha mobilización de progreso para todos os sectores afectados pola suba dos prezos e polo debilitamento do estado de benestar. E todo esto hai que decilo, sen rancor, pero hai que decilo, sen o apoio activo dos principais sindicatos maioritarios, dos principais partidos políticos da esquerda e xa non digamos do trifachito PP-VOX-Ciudadanos, e no contexto dunha campaña mediática e do propio goberno que nos días anteriores á manifestación non deixou de lanzar mensaxes sobre unha suba das pensións arredor do 7-8 % coa finalidade de desmobilizarnos e dividirnos. En suma, os movementos de pensionistas están dando unha resposta social, cívica e proporcionada ás necesidades da gran maioría dos cidadans e sen entrar en competencia cos partidos políticos e os sindicatos, porque ese non é o noso obxectivo estratéxico. Máis o ben o contrario, o que nos interesa é conquerir a maior unidade e mobilización das organizacións das clases traballadoras, pero estamos sendo o foco principal de rexeita da crise económica e política, e a sociedade estao a ver a todos os niveis.
Namentres, a campaña escandalosa de publicidade e antipropaganda dos poderes fácticos segue na sua teima de debiliatarnos e dividirnos. Hai poucos días o gobernador do Banco de España que no ano 2021 percibiu 192 000 euros de salario oficial sen contar dietas e outros ingresos extraordinarios, non se cortou de declarar que “a crise e a suba de precios tiñamola que asumir entre todos” para pasar a criticar a suba das pensións. Ao mesmo tempo os principais bancos que ainda non devolveron mais que a décima parte dos 64 000 millóns de euros que lles transfiriu Rajoy dos fondos da S. Social na crise de 2008 estan publicando ganancias nos nove primeros meses do ano, das que vou ler só unhas liñas dun artigo publicado o 30 de outubro nunha revista espcializada. Dicía así:
La gran banca ya percibe en sus resultados el viento a favor de las subidas de tipos de interés. En los primeros nueve meses del ejercicio, las entidades que cotizan en el Ibex 35 (Santander, BBVA, CaixaBank, Sabadell y Bankinter) han registrado en su conjunto un beneficio atribuido de 15 754 millones de euros. Además, han disparado sus márgenes de intereses a doble dígito. En conjunto, los cinco bancos suman 50 901 millones de euros en esta partida de ingresos entre enero y septiembre, lo que supone un 17,6% más que en el mismo período del año anterior.
En ese sentido, destacan los aumentos registrados por BBVA (+29%) y Santander (+15,4). A pesar de ello, Bankinter también elevó el margen de interés un 11,5%, CaixaBank el 9,7% y Sabadell, un poco por detrás, un 6,2%.
ABANCA, pola sua banda recoñece unas ganancias de 149 millons de euros entre xaneiro e setembro, un 3,2 % mais que no anterior, sen incluir ingresos atípicos, según comunicaba onte La voz de Galicia.
Agota temos por diante a manifestación en Santiago o 19 de novembro. Esta manifestación ou manifestacións que se convocan en todas as CCAA o mesmo día pola Unidade de Accion das plataformas de pensionistas é para volver a prantexar unha das nosas reivindicacións, a suba das pensións dacordo co IPC real, que como xa nos explicou Xabier Pérez Darriba na charla que deu en Ribadeo, unha cousa é o IPC oficial e outra cousa é a suba dos productos básicos da cesta da compra que afecta moito mais ás clases traballadoras que as clases mais privilexiadas e que en algún productos chega ao 30 % Volvemos a prantexar a fenda de xénero que deixa as pensións das mulleres moi por debaixo das pensións dos homes, a pensión mínima de 1080 euros, equivalente ao salario mínimo interprofesional, a derogación das leis da reforma do sistema de pensións, e moi especialmente esiximos que se realice xa a auditoria de contas de Seguridade Social xa que se calcula que entre 1967 e 2019 foron retirados dos fondos da SS uns 800 000 millons de euros para investimentos e mantemento de outros sectores, e concretamente para os bancos que xa citamos anteriormente. A lei 21/2021 de 28 de decembro obligaba ao goberno a realizar esa auditoria de contas da SS, creando unha comisión de traballo no prazo dun mes que debería rematar o seu informe no prazo de seis meses, ou sexa en xunio de 2022. Sen embargo o goberno está retrasando o cumprimento desta obriga e a día de hoxe aínda non se constitueu a devandita comisión. Xa en outubro de 2021 presentamos 300 000 sinaturas de todo o estado español esixíndo a auditoría de conta da SS. A cuestión é obvia, esta auditoría vai demostrar rotundamente que o sistema público de pensións é perfectamente viable e sostible para economía actual do estado español e con ese informa acabaríase de unha vez por todas coa cantinela de que os sistema público de pensións non é sostible e coa falacia de que é preciso privatizalo para facelo mais rendible. Como tamén quedaría demostrado qua suba das pensións co IPC real, a solución da fenda de xénero e a pensión mínima de 1080 euros son perfectamente viables se se devolven aos pensionistas os mles de millóns de euros que se lles roubaron ao longo do 52 anos que dixemos antes, dende 1967 ate 2019.
Pero ademais destas reivindicacións propias do sector de pensionistas, esta manifestación prantexa unha serie de reivindicacións que son propias de outros sectores e do conxunto da sociedade como son a protesta pola suba dos prezos, en gran parte debida a especulación do sector enerxético e da banca e non como din a guera de Ucraína, o desmantelamento da sanidade pública, a conxelación salarial, o debilitamento do ensino público, o déficit de vivendas sociais, a privatización progresiva dos servizos sociais e o que chamamos en conxunto o adelgazamento ou debilitamento do estado de benestar. E aquí temos que decir outra vez que as plataformas de pensionsitas non pretenden substituir ou desplazar aos sindicatos de clase nin aos partidos progresistas, simplemente estase dando a coxuntura de unha converxencia de intereses sociais e as platarformas de pensionistas están xogando o papel de facer de cemento de unión e mobilización dos diferentes sectores.
Estes días estase a producir en todo o estado conversas cos diferentes sectores sociais afectados, sindicatos, partidos políticos, asociacións e plataformas de todo tipo, e concretamente en Galicia xa se celebrou unha xuntanza e na próxima semana vaise celebrar outra para conquerir o máximo apoio posible a esta mobilización que xa non é só das platafromas de pensionistas, senón de toda a sociedade para denunciar a crise económica e social provocada pola especulación e a avaricia dos grandes poderes económicos, e que queren facer que caiga unha vez mais sobre o lombo das clases traballadoras. Pero estamos dispostos a demostrar que somos capaces de mobilizarnos masivamente e utilizar con métodos democráticos a única arma de que dispoñemos, qué e a saída as rúas en todas as CC AA do estado español, unidos e convencidos de que esta batalla ímola ganar. 
O sábado día 19 de novembro todos e todas a Santiago. 
Goberne quen goberne as pensións e os servizos públicos defendense.

20241128

Comunicado da Plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo ás e ós veciñas e veciños

Imaxe recibida e engadida o mesmo 20241103


    Adxunto o comunicado:

COMUNICADO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DAS ÁRBORES DA VILA DE RIBADEO

Ás e ós veciñas e veciños:

    O xoves 28 de novembro tivemos unha xuntanza un grupo veciñal para denunciar a grave situación creada pola poda e corta salvaxe, indiscriminada e innecesaria de gran cantidade de árbores en diferentes zonas do concello, nomeadamente nas estradas do faro e do cemiterio, parque infantil, colexio público, castelo de San Damián, etc.

    Asemade temos coñecemento de novos proxectos do concello para cortas diante das vivendas sociais e no parque municipal de San Francisco.

    Diante desta situación que consideramos inaceptable e contraria a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, mesmo contraria á imaxe da vila, decidimos solicitar unha entrevista urxente ao sr. Alcalde de Ribadeo para expoñer o malestar xerado polas cortas realizadas e esixir o pórlles fin. Asemade, convocamos unha concentración da veciñanza para o martes día 3 ás oito da tarde diante do concello, co fin de apoiar a nosa postura.

    Por iso convidamos ó pobo, agrupacións e organizacións sociais, culturais e en xeral a toda a cidadanía a participar en dita concentración.

Ribadeo, 28 de novembro.

--

Noticias anteriores sobre o tema no blog:

https://www.ribadeando.com/2024/11/informe-sucinto-actuacion-no-gregorio.html

https://www.ribadeando.com/2024/11/corta-na-praza.html

20160604

Unha de indianos. Por Eduardo Gutiérrez

(Texto publicado en A Gaceta Ribadense o 10 de xullo de 2015, p. 3)
Unha de indianos
As idealizacións e as mistificacións que acompañan moitas veces os fenómenos de todo tipo, e desde logo a historia, tamén forman parte do fenómeno indiano, cuxos contornos son moitas veces neboentos, xa sen entrar a considerar algunhas aportacións puramente aproximativas e pouco rigorosas, que sen dúbida han corrixirse e mellorarse... Naturalmente, isto nada ten a ver coas festivas xornadas indianas que estes días se celebran, e que foron quen de convocar unanimidades e adesións realmente inéditas, neste lugar onde o mundo se chama Ribadeo.
Onde pouco está feito, conviña -por quen está chamado a facelo- investigar o destino real das remesas enviadas polos emigrantes, un aspecto decisivamente importante tendo en conta, ademais, que Ribadeo contaba con dúas casas de banca, Bengoechea e Casas. Obviamente todo o capital enviado non sería para construír ou mellorar domicilios, como ao que se ve alguén deu a entender por medio de letreiros equívocos, salferidos a eito, polo casco urbano. Parece claro que nén aquí, nen en Galicia polo xeral, as cantidades enviadas tiveran como destino prioritario proxectos industriais transformadores, ainda que si contribuiron a crear decisivas dotacións de todo tipo, especialmente educativas e, no noso concello, un deseño inédito de ensino agrario vencellado a unha alternativa de transformación agrícola elaborada polo enxeñeiro Henrique Suárez Couto.
Con todo, a sona da enorme fortuna de algúns indianos -- nomeadamente os irmáns Moreno Ulloa, Ramón González ou Pedro Murias --, alimentaron durante moitos anos a identificación dos americanos como administradores do corno da fortuna, un fenómeno que chega até épocas relativamente recentes. A comezos dos anos cincuenta do pasado século, o Concello diríxese aos herdeiros dos irmáns Moreno Ulloa en percura de axuda económica para os gastos que ocasionaría o Instituto Laboral, recentemente concedido. O alicerce éra claro: os filántropos encargaran proxectos para construir un Instituto de Segundo ensino. Naturalmente pasaran moitos anos, mesmo desde a morte dos irmáns Moreno, a comezos dos anos vinte o maior, e ao remate da década, o máis novo. En cartas que asinan Alberto Martínez, José de Pontes e a viúva de Fernández Moreno, a resposta foi diáfana: non podían atender a petición, dado o "decrecimiento' da herencia, aparte das dificultades "da vida actual". A ubicación definitiva do concedido Centro de ensino, construíndo un novo edificio, daría varias voltas. Nestas mesmas datas estaban moi adiantadas as negociacións con Isabel Martínez Pasárón, para a adquisición 'do edificio coñecido como A Residencia, derrubado hai tempo para construir as vivendas sociais do Parque. Non obstante si que fructificaron algunhas das peticións feitas a un filántropo hoxe case esquecido, Amador Fernández, que costeou a construoción dun novo grupo escolar ubicado no que foran as Cocheiras da Casa de Casas, daquela xa edificio municipal. Ampliando o edificio orixinal construiuse o actual Centro de Servizos Sociais, na rua Ibáñez.
Moitas das importantes realizacións levadas a cabo polos indianos enriquecidos, contaron con atrancos de diversa etioloxía, polo común residenciados en sectores retardatarios ou francamente retrógrados. Algunhas proposicións non chegaron á callar. Serva como exemplo o caso qxe relata Alberto Vilanova sobre Antonio Rodríguez del Busto (1848 - 1926). Desexando este contribuiur á mellora da vila, dirixiuse aos seus paisanos en demana da obra mais necesaria e urxente para a prosperidade da vila. Ao mesmo tempo suxería que se reunisen cunha serie de persoas competentes, coñecidos seus. Ocorreu que unicamente se evacuaron consultas co párroco da vila, quen solicitou que Rodríguez del Busto sufragara o soldo dun capelán para o cárcere. Non o sabemos, pero quizais os nomes evocados para a consulta non eran da simpatía de determinadas forzas vivas, un asunto sumamente suxerente, tendo en conta a existencia dunhas liñas xenealóxicas con aboenza en materia, de cobizas e cutrerías. Mais polo de agora, isto non toca.

20101104

Sobre poboación: o xarrón poboacional

Con datos do último censo publicado, 2009, a chamada 'pirámide poboacional' de Ribadeo debera chamarse mías ben 'xarrón poboacional', pois máis que dunha pirámide a súa forma é a dun xarrón, coas beiras ben amplas e saíntes.
Destacaba onte La Voz de Galicia que en Lugo provincia hai máis xente entre 85 e 89 anos que entre 0 e 4 anos. Se miramos o gráfico correspondente a Ribadeo (que se pode ampliar premendo co rato sobre el), atopamos que hai máis mulleres maiores de 75 anos que menores de 15 (nos homes non ocorre o mesmo, pois a esperanza de vida é menor).
A pirámide poboacional de Ribadeo non debe tomarse separada da do resto de Galicia e España, pero, baixo os criterios 'normais' ata hai pouco, presenta un perfil desastroso. Desastroso porque non asegura nin moito menos a poboación (o mesmo que toda Galicia, o número de habitantes, de non mediar emigración, caerá en caída libre), o chamado 'relevo xeracional', que fará que a poboación siga a envellecer e cree problema como o de o coidado de persoas maiores e os recursos para facelo, a competitividade produtiva, etc.
Voltando á pirámide poboacional de Ribadeo, parece abondo lóxica a decisión tomada de reconverter os dous IES nun só, aínda que dita decisión se inscriba noutros parámetros. Tamén parecería lóxico que os próximos 20-30 anos deran lugar a unha certa tregua ós servizos de atención a maiores de Ribadeo, antes dun incremento relativo explosivo ó chegar os seguintes segmentos poboacionais á vellez.
Como unha curiosidade, a porcentaxe de homes por tramo de idade deixa clara a pervivencia das mulleres, tamén en Ribadeo.
Con outro conxunto de variables, temos para a poboación de orixe extranxeira por homes e mulleres:
-------Homes------------------------- Mulleres
Total Española Estranxeira Total Española Estranxeira
4.745 __4.541__ 204____ 5.238__ 5.002 __236
Iso significa que a poboación de orixe extranxeira está en menos do 4% en homes e no 4,5% en mulleres, abondo lonxe do 10% de media hispana.
Respecto a estes datos, non tiro conclusións, pero apunto que a práctica 100% está en idades comprendidas entre 15 e 60 anos, isto é, con pouca carga para os servizos sociais de atención á idade (por certo, na prensa de hoxe trae os adxudicatarios do sorteo de 30 vivendas sociais, entre os que se atopan dous -2- nomes que soan a orixe extranxeiro, isto é, 6,7%, e polo tanto, unha porcentaxe inferior que a que teñen os 'extranxeiros' no grupo de idade en disposición de pedir unha praza no sorteo).
Máis cousas e con máis porfundidade se poden sacar da estatística, pero por agora, aquí queda.

20241220

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

    Adxunto deixo nota de prensa sobre o acto de onte da plataforma pola defensa das nosas árbores, xunto con algunha foto das tomadas por Suso. Axustar á nota que o acto durou perto de dúas horas, das que máis dos tres cuartos foron a raíz de intervencións dos asistentes, manifestación dos fortes sentimentos suscitados.

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES


    Na tarde-noite de onte, xoves, celebrouse a charla informativa anunciada por este colectivo na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo.
    Antes do comezo dedicouse un minuto de silencio pola memoria de Rejane, a  muller asasinada en Viveiro nun novo crime machista e convidouse aos asistentes a participar na concentración de repulsa que terá lugar hoxe, venres as 20:00, na Praza do Oito de Marzo.
    No acto participaron mais de cincuenta persoas con moitas intervencións e un intenso debate, que deron conta da inquedanza social que están suscitando as talas reiteradas e inxustificadas de árbores en diferentes puntos do concello e o temor a que estas sigan adiante e se estendan a outros lugares no sucesivo. Tamén se deu conta da falla de información sobre a reforma do Parque Municipal e o Campo de Santa María, anunciada en varias ocasións polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación, pero negada por este na xuntanza celebrada no Concello o día 3 de decembro con seis membros de esta plataforma.
    No acto participaron tamén varias persoas da Xunta Directiva da ANPA do Colexio Gregorio Sanz que amosaron a súa sorpresa pola corta indiscriminada de moitas árbores sen información previa, e subliñouse que algúns dos informes relativos a esta intervención foron realizados con posterioridade á devandita corta. Algúns destes informes foron proxectados polos relatores e destacouse que as datas de redacción destes documentos presentan contradicións evidentes coas declaracións da alcaldía.
    Pola outra banda salientouse que un dos informes asinado por unha empresa privada, polo demais a mesma que realizou as cortas, xustifícaas, entre outros motivos, en base a que 'as árbores dan sombra e as follas caen nos canalóns e despois hai que limpalos' (sic). Tamén se chamou a atención sobre o feito de que as cortas se realizasen en días lectivos e estando os nenos nos patios de recreo. Sobre o proxecto, recoñecido polo Sr. Alcalde, de suprimir os contedores de lixo diante das vivendas sociais da Rúa Clemente Martinez Pasarón salientouse que fan un estimable servizo e que poden ser reparados sen excesivo custo e mesmo, segundo persoas residentes nestas vivendas dende hai mais de 30 anos, non é certo que se vexan ratas como se intentou usar de xustificación.
    Como proxectos para o futuro acordouse estar vixiantes a calquera nova actuación do Concello, esixir unha información e transparencia que non existiu ata a actualidade, seguir reuníndose periodicamente e convocar actos públicos de rexeita cando se considere necesario.

Ribadeo, 20 de Decembro de 2024 

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES


 

20240325

Do pasado ao presente e ante o futuro (III). Pablo Mosquera

Parte I

Parte II

Do pasado ao presente e ante o futuro (III)

O concello de Cervo cambia de Alcalde. Taladrid dá paso coa aquiescencia do Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento na provincia de Lugo e o nomeamento do Ministro da Gobernación Camilo Alonso Vega ó novo rexidor municipal Arcadio Pardiñas Vila, natural de Burela, que en jxnio de 1971 leva doce anos no cargo. Lembrando, ó facerse co bastón tiña 1600 habitantes e nas festas de San Xoán de 1971 acadaba os 3000. Con Pardiñas formaban consistorio: Manuel Mon e Jorge Dean como tenientes alcaldes; Antonio Barcia, Jesús Enríquez, José Ramón Ben, Antonio Rouco Basanta, Federico Ruiz Cayón, José Farré Pico como concejales. Burela prevé a construción dun Colexio Nacional e un Instituto de Ensino Medio. E o máis conflitivo, un proxecto para uns cien chalets na praia da Areoura. Lembremos os feitos. Construíuse un edificio que pretendía ser hotel, as vivendas unifamiliares, todo elo no territorio do Concello de Foz con invasión da praia e do terreo afectado por Costas, razóns que ata hai pouco tempo xustificaron a paralización e por fin o derrumbe de tales construcións.

Pero, con todo o que antecede, será no porto a obra máis emblemática. Unha ampliación do dique do peirao de 280 metros. Unha fábrica de xeo para a flota. Son 120 embarcacións adscritas á Confraría de pescadores que ocupan 1000 productores. Preténdese un carro varadeiro para tarefas de mantemento nos barcos. Ampliación dos depósitos de CAMPSA para subministrar combustible á flota. E por fin, un proxecto para a construción de vivendas sociais que benefician ás familias que viven da mar. Pero non será a única a actividade pesqueira. Hai fábrica que usa o caolín e a madeira. Os equipamentos e servizos fan de Burela unha vila con excelencia pola súa calidade de vida cun complexo deportivo en A Marosa. Todo elo nunha parroquia do Concello de Cervo.

Mentres tanto: ¿Qué acontece en San Cibrao? Ese Museo Provincial do Mar que se constitúe en 1970 e que dirixe Don Francisco Rivera Casás. Procédese a urbanizar Os Campos. Servizos Médicos da Seguridade Social que se engaden ós do ISM no edificio da Cofradía. Urbanización dos terreos próximos á praia de Cubelas no porto de arriba. Acceso á estación do FEVE. E a posta en escea do Plan Marisquero para protexer de xeito eficiente a explotación e cría do marisco que tanta fama está conseguindo dende esta procedencia e con eses viveiros naturais que son as islas Farallóns ou o Cabo de Morás.

Hoxe a crise de Alcoa continúa sendo un dos principais obstáculos ós que se enfronta a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao en termos de actividade. A caída na bauxita e a alúmina, compoñentes primarios para a fabricación de aluminio e principais tráficos das dársenas portuarias de ALCOA-SAN CIPRIAN.

Os destacables resultados dos portos nacionais contrastan enormemente co porto de San Cibrao, onde a caída na actividade acada o 60,65 % nos primeiros nove meses do ano, pasando dos 4,7 millóns de toneladas en 2022 a 1,8 este ano. Deste modo, no conxunto dos dous portos que xestiona o organismo, a baixada situouse no 26,78% -de 8 842 566 a 6 474 946 toneladas-.

40 anos danando o medio
O rexeitamento á planta nuclear no concello de Xove foi unha desas loitas comunitarias en defensa la terra: milleiros na marcha histórica do 10 de abril de 1977 impulsada polo nacionalismo galego. Pouco despois chegou o aluminio cunha promesa de industrialización para a comarca deixando de lado unha posible aposta polo naval, o forestal ou a industria agroalimentaria, os sectores propios que hoxe botamos en falta.

As emisións veñen afectando durante décadas a veciños, gando e cultivos da zona. Alcoa foi condenada xa dez veces a indemnizar con máis de 4 millóns de euros a particulares, que cursaron demandas e chegaron ao Parlamento coa asociación veciñal Airiños do Lago.

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, explica que o flúor úsase no proceso de produción de aluminio: "Sempre hai certas emisións que se teñen que manter por baixo duns máximos legais. Se son importantes, poden afectar ós cultivos e tamén á saúde das persoas, porque o flúor é un elemento moi agresivo". Diversos informes amosaban que se excedían de xeito claro os límites.

Máis afectacións ignoradas no debate público: o carbón que abastecía as térmicas galegas viña de Indonesia, onde Greenpeace denunciou nun extenso informe a vulneración dos dereitos humanos, as afectacións na saúde, no medio e a violencia contra as comunidades locais. No caso de Alcoa San Cibrao, a bauxita vén da minería en Guinea. Nun informe de Human Rights Watch, denúnciase a escasa compensación para os habitantes da zona, a destrucción de terras ancestrais e recolle testemuñas que revelan que desde o comezo da minería, escasea a auga para a poboación

Destes problemas derivados do proceso, o debate mainstream dos grandes medios de comunicación e os partidos só propón solucións para o prezo (no consumo) da enerxía, cunha tarifa eléctrica ou co Estatuto das electro intensivas. O Estado ten estado subvencionando a electricidade de Alcoa con máis de 1000 millóns de euros, o que a UE ten cualificada de "subvencións disimuladas".

Tal foi a deixadez, que Alcoa afirma que a situación é "insostenible", que se van, que non hai nada que facer. O despido de traballadores nunha zona dependente desta empresa capitalista necesita dunha solución. O plan non partirá dunha estratexia socioeconómica de futuro para a zona, baseada no interese público e responsable co medio ou coa minería. Os tempos e as condicións márcaas Alcoa.

Hai que buscar industrias sostibles, baseadas na riqueza autóctona do país e que non contribuíran a destruír o planeta, senón todo o contrario: a restauralo. Argumenta Patricia Grela que "Alcoa representa o exemplo da ausencia de transición ecolóxica porque é totalmente insostible enerxéticamente". Sería máis "conveniente" invertir tendo en conta a crise climática, e mencionar a necesidade de apostar pola industria agroalimentaria ou a xeración de enerxía eólica.

Patricia Grela apoia "Hay que facer unha planificación democrática con vías para producir menos, facer unha transición enerxética e recuperar sectores indispensables para a vida". Menciona Grela á agricultura ecolóxica, a ganadería extensiva, o mar ou o forestal.

Antón Sánchez: "Si nos anos 70 tivésemos capacidade de decidir, seguramente todos os recursos que apostaron por estas industrias se destinaran ao naval, á industria agroalimentaria.

"Os primeiros empresarios de electricidade nas aldeas eran os muiñeiros", lembra Casal Lodeiro, facendo referencia a unha descentralización da produción de enerxía. "Temos que volver a iso, porque así estaría en mans de cada comunidade aproveitar o que tivese. Pero non centralizar en grandes parques toda a produción, porque iso é o que lle convén aos monopolios".

No que todas coinciden, en cuestionar una industria tan destructiva co medio e a necesidade dunha resposta de futuro para os traballadores. No caso de Alcoa San Cibrao, as condicións puxéronse desde un despacho de Estados Unidos, que se quere marchar para lucrar noutro lugar, deixando pasivos ambientais e unha comarca deprimida.

E unha gran incógnita pouco debatida. ¿A actual man de obra de ALCOA sabe facer algunha outra cousa distinta á que fai e que lle permita ser reinsertada laboralmente noutros sectores?

Parte I

Parte II 

Parte III

Parte IV 

Parte V

Parte VI

 

Pablo Mosquera Mata



 


20080523

A nova de hoxe

    A nova de hoxe aínda a teño que dixerir: que sexa o goberno asturiano no seu parlamento quen diga que a nave non se vai a construír, que llo dixo o goberno galego, sóname a tempos medievais en Galicia e de ilustración e Asturias. Voltarei sobre o mesmo.
    Mentras, outra parte do pleno (anteriores: http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-pleno-diferenciado.html , http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-novo-da.html , http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/da-munidal-da-biodiversidade.html :
    No pleno do luns, (20080519) e despois das referencias anteriores, a acta do pleno anterior foi aprobada por unanimidade.
    No segundo punto xurdiu algunha pregunta, en particular sobre o teléfono móbil de protección civil (dous aparellos) que en tres meses supuxeron 1000€. Informouse no mesmo punto que o do alcalde e os integrantes do equipo de goberno teñen o saldo limitado. O do alcalde, a 200€.
    O terceiro, aprobado por unanimidade, foi da petición de subvención para servizos sociais.
    Punto 4 Estiveron de acordo en pedir axuda para poder afrontar diversas rehabilitacións; o taller seguirá a chamarse 'Ría del Encuentro II'
    Punto 5. Abstívose a UPRi, votando a favor o resto, pero poñendo diversas críticas a oposición polo recurso á expropiación para obter os terreos correspondentes a un novo aparcadoiro, que suscitou tamén algunha crítica de escepticismo sobre o seu valor. Non embargantes, non se falou nada en relación a que a construcción do aparcadoiro fora á beira do mar, algo que coido que sería tema a tratar.
    No punto 6, acordaron presentar ante o ISM/SS a petición a reversión da 'Casa do Mar' (antiga cárcere), estando implicada no tema a S.S. e a Xunta. O ISM pasaría de xeito provisorio ó auditorio (o PP apunta que sería convinte que pasara a instalacións vacías no porto). Votouse por unanimidade, estimando de xeito unánime que non se desenvolveron as condicións da cesión. Dese xeito, o edificio pode quedar como 'Casa da música', como pretende o goberno municipal, nome que tería ó ser adicado ó desenvolvemento musical.
    No punto seguinte, todos acordaron por unanimidad a petición da Torre de Hércules como Patrimonio da humanidade.
    8. Acordouse a limitación horaria de aparcamento na zona do mercado, distribuíndo discos horarios gratuítos por parte das tendas para os seus clientes (4000). Foi interesante a discusión, na que UPRi apuntou a dificultade de control e a influencia negativa que terá nos veciños (apuntada con anterioridade no blog), motivo da súa abstención. Os outros grupos, votando positivo, apuntaron 'á espera do aparcadoiro subterráneo' (PSOE) e felicitaron ó goberno municipal pola idea, incidindo en que hai que insistir ante patrimonio para poder levar a cabo o aparcadoiro subterráneo (PP).
    No punto seguinte, a expropiación dos terreos para a nova depuradora serán pagado a 7€/m2, 8 no caso de fincas con eucalipto, cos comentarios sobre o recurso á expropiación xa tamén referidos no punto 5
    10. Respecto á galescola, UPRi apoiou a moción polos postos de traballo e de gardería, instando á vixiancia para o cumprimento de prazos. O PSOE apoiou, indicando que debería incluírse a recuperación do resto da finca. E o PP votou en contra alegando algo moi claro: gardería, si; galescola, non.
    11. Aumento de taxas, que xa foi tratado no blog.
    12. Foron ratificadas as licenzas (pero non podo dicir cales)
    13. E acordouse tramitar de xeito positivo outros expedientes máis relativos a varias unifamiliares, o edificio de Julio Lazúrtegui 4, Alza 15, Ramón González 5, e dous da rúa S. Roque (ambos de 'O Gallopín'), máis outro máis que non puiden coller a ubicación.
    14.Relacionouse este punto cou outro de UPRi de 17 de setembro de 2008, explicando o por que daquela o mesmo PP votara en contra e agora propón algo semellante. O PSOE abstívose, e UPRi deu lugar a unha pequena disquisición ó dicir o seu portavoz 'os ribadenses saben ben a quen lle deben a obligación', en referencia a que fora ese grupo quen fixera a primeira proposta. Así, despois de que o BNG dera un informe sobre os diversos prazos de tempo transcorridos en relación con esa obra da Deputación, pasou o turno ó PP, que falou de desparalizar o proceso e denunciar públicamente quen está fallando no mesmo, despois de paralizar as obras do goberno (provincial, de outro signo político) anterior, e rematando cun 'os ribadenses non lle deben obriga a ninguén'. A discusión deu lugar a outro turno, curto, pero no que se embarullou algo máis a cousa, falando de gobernos da Deputación e no que tivo tamén lugar a petición/expresión de desexo de UPRi de que sinxelamente, se fagan. A votación arroxou os votos de abstención de PSOE e UPRi.
    15. A moción en favor dos agricultores meteuse de cheo en política non municipal. O PSOE anunciou que non entendía a cousa (por xenérica, inconcreta, e dicindo que 'xa está o ministerio para solventalo') absténdose, mentras os outros grupos votaron a favor.
    Foi incluído a continuación un punto por vía de urxencia: a aprobación da extensión da exposición pública do PXOM un mes máis, proposta polo PP e votada por unanimidade.
Pasouse logo a rogos e preguntas, punto 16. Foi como unha copiosa choiva na que participou todo concellal que non fora do grupo de goberno, presentando en xeral (con honrosas excepcións) cousiñas que podían evitar a extensión do pleno, sendo ademáis máis propias de tratar noutros momentos.
    Comezou por turno, UPRi.
- Estado de tramitación das novas vivendas sociais. Xa foi adxudicada a obra.
- Ribadeo ten só dúas categorías de bandeira verde. Só se presentou a dúas das catro por considerar que había méritos para esas.
- Existencia de anuncios eleitorais aínda. Está cursada unha petición á comisión eleitoral.
- Adecentamento de setos na Virxe do Camiño
- Non funcionan farolas na Avda. de Galicia. A alusión xa foi feita en plenos anteriores, sendo a culpa da realización do xa célebre edificio que nos seus baixos dá cabida a Alimerka (o mesmo que deu lugar a un desprendimento da calzada e tivo cortado ó tránsito un paso ó Xardín dende a Avda. de Galicia)
- Falta de sinal de stop na Devesa.
    O PSOE:
- Petición de amaño da pista de Loureiro a Campo Xurado.
- Na rúa S. Lázaro, ó ter aparcamento nas dúas beiras e tráfico nos dous sentidos, prodúcense situacións nas que os coches teñen que parar por non poder pasar ó tempo nos dous sentidos.
- Situación dalgúns edificios ameazados polo concello polo seu estado. Baixos do bar Cubano (ver post anteriores e as súas fotos fotos), púxose unha liña de protección polo concello pero no está; en deseño o proxecto para a súa posterior execución. Trinidad 6. Obra xa comezada. Edificio fronte ó Millo: obra a comezar nestes días.
- Estado de tráfico da rúa Ramón González. Baralláronse varias solucións, quedando seguramente que sexa peonil, de acceso en coche nos dous sentidos a quen vive alí, despois de descartar a opción de que poidera soportar tráfico, pero sen paradas.
- Petición dunha repulsa oficial pola tala de árbores centenarios nos terreos da Granxa-Escola Pedro Murias, segundo din, relacionado co sobrevó de liñas de Barras Eléctricas (aquí sinaluse un pequeno dato: 'a quen se lle debe tanto favor'). Polo momento, o alcalde négase a facelo.
    ... quedan preguntas do PSOE e PP. Polo tanto, continuará.

20060625

Dúas notas de prensa

Hoxe só adxunto dúas notas de prensa ben dispares. Unha, a que aparece máis abaixo, sobre o ruído en Vigo, a modo de testemuña noutro sitio sobre un tema do que escribo con frecuencia. Outra, a que aparece mesmo a continuación, de O Tesón, a asociación de veciños ribadense sobre o nome da ría de Ribadeo, chega máis preto de nós.
--
Nota de prensa
O Tesón

A asociación de veciños O Tesón, despois de ter apoiado de calquera iniciativa institucional ou social que puidera xurdir a favor do uso do nome de 'ría de Ribadeo', e en vista de que continúa o intento de variar a oficialidade desta denominación, facemos público novamente o noso apoio ó coidado e conservación da ría de Ribadeo e á súa propia denominación.
Con esta idea, instamos a potenciación do uso da denominación 'ría de Ribadeo' polo concello, institucións, asociacións, veciños e empresas, tanto con iniciativas positivas de utilización e difusión do nome como polo rexeitamento do uso de outras denominacións en escritos oficiais, solicitudes e documentos en xeral.
Como posibles ideas nese sentido, a máis das xa realizadas e que deben ser relanzadas, está a súa utilización na cartelería propia de sinalización de lugares relacionados coa ría, de xeito que o nome de ría de Ribadeo quede asociado a eles. Podería podería ser o caso dos miradores, como “Mirador de San Miguel. Ría de Ribadeo”. Do mesmo xeito, a potenciación desexada pode incluír a denominación como 'ría de Ribadeo' de algún edificio de uso público, como un polideportivo municipal, ou a animación a novas empresas (como algún dos novos hostais ou hoteis) e colectivos de inclusión do nome de 'ría de Ribadeo' na súa propia denominación.
En certo xeito, trátase de enmendar decisións que, dende a perspectiva actual, parecen ter sido feitas con pouca visión, como a do nome da 'Casa da Ría', curto e manexable, pero que de pouco serve para a súa ubicación xeográfica.
Somos conscientes que boa parte do esforzo polo mantemento do nome da ría inclúe aspectos políticos. Pero tamén o somos de que hai que procurar non só ter a historia detrás, senón asemade o futuro. E o futuro debe pasar por asociar o nome de 'ría de Ribadeo', un lugar que asociamos tanto a nós que a chamamos sinxelamente Ría (aí está a 'Casa da Ría'), á nosa vida diaria e a outras realidades que apoien o seu uso, conservación e coñecemento.
--
AVCOR - Asociación viguesa contra o ruído
Comunicado 2/2006 , Xuño / 2006

UN NEGOCIO POR RIBA DO OCIO.-

Un numeroso grupo de veciños desta cidade, uns individualmente, de xeito colectivo outros, presentaron unha alegación ao PXOM en trámite para que por éste se contemplase a incompatibilidade dos usos residenciais cos usos industriais correspondentes ao sector dos pub e discotecas: en concreto, tratábase de que, con fundamento na vixente lexislación, nos baixos dos edificios de vivendas e nos edificios beirantes aos de vivendas, non puderan instalarse os devanditos negocios.

Na base da alegación está a evolución da distribución dos espazos urbanos en relación a ubicación de certas actividades que poideran interferir no normal e pacífico desenvolvemento da vida cotiá da veciñanza. Este proceso evolutivo enténdese ben cuns sinxelos exemplos: se nun tempo as touradas se celebraban nas Prazas Maiores, chegado un período (século XIX), constrúense os cosos taurinos nas aforas para permiteren aos veciños que o quixeran, poderen permanecer alleos ao espectáculo; o mesmo pasou coas actividades deportivas e coas feiras: o desprazamento do centro da urbe ao extrarradio foi continuado; o que tamén sucedeu coas actividades industriais e certos negocios ou servizos, desprazados dos cascos urbanos a polígonos, cidades tecnolóxicas, nós de comunicacións, grandes superficies comerciais, centros de distribución… Proceso que tamén comenza a afectar, finalmente, á chamada industria do ocio (discotecas, parques temáticos, zonas específicas de copas en polígonos industriais en decadencia ou abandonados…).

Cando nos atopamos fronte a establecementos que desenvolven unha actividade danosa para a veciñanza (así, a violencia acústica que ten a súa orixe en pubs, bares con música e discotecas), no medio de zonas de vivendas, a primeira solución que aplica o sentido común é a de pensar alonxalos das zonas habitadas o mais pronto posíble. Por iso, calquer postura retardataria deste proceso resulta fondamente retrógada e cabe preguntarse lícitamente qué intereses pode haber tras unha actitude tan fondamente insolidaria e contra o natural proceso evolutivo da convivencia social.

Ben, pois na reunión do goberno municipal do pasado día 11 de maio, a devandita alegación, foi rexeitada polo grupo de goberno municipal -PP- co apoio do grupo municipal do BNG.

Chama a atención a base da argumentación do voceiro do goberno municipal, Sr. Figueroa, para tal rexeitamento: 45.000 clientes semanais “xustifican” que haxa pubs en edificios de vivendas. O Sr. Figueroa, Concelleiro de Urbanismo, tería que saber do drama de moitisimos veciños da cidade -e das súas familias-, que se ven na obriga de ter que abandonar os seus fogares as fins de semana (outros están sometidos a tratamento psicolóxico, incluso con fármacos, a causa diso). Estes veciños non poden disfrutaren do seu ocio (por exemplo, descansando), porque para o Sr. Figueroa o ocio resultaría ser un negocio. A insólita explicación do Sr. Figueroa merece un comentario (non paga a pena falar da vacuidade argumental da xustificación invocada polo seu compañeiro de Corporación o Sr. Vieitez).

Sen necesidade de engadir mais, o argumento resulta estarrecente: os pubs moven 45 mil clientes semanais. Non cita a fonte ¿de onde saca o dado? (por certo ¿os impostos que pagan son consontes a tal volume de negocio? ¿disfrutan os seus traballadores de seguros sociais, contratos estables, salarios dignos, condicións de traballo saudables?).

Pero aceptémolo dado coma hipótese. Os tales clientes, serían xentes que, dócilmente, semana tras semana, adicanse ao ritual de arruinaren a súa saúde entramentras enchen os petos dos donos dos ditos establecementos (e, probablemente, algún peto mais do entorno). Os efectos directos deses hábitos son coñecidos: alcoholismo; problemas auditivos polo altísimo volume da música neses locais; tráfico e consumo das mais diversas sustancias psicotrópicas de ultimísima xeración e sen control sanitario ningún...

Respeitando o dereito de todo cidadan á facer no seu tempo libre o que lle pete (sen interferir na liberdade dos demais), cabe reflexionar se a Administración debe protexer esas formas de emprego do ocio. Máxime cando está en xogo o respeito aos dereitos daqueles que sofren as súas consecuencias; ou a saúde das novas xeracións.

Por outra parte semella que os Srs. Concelleiros que votaron contra da alegación non entenden o cerne do problema das víctimas das agresións ocasionadas por aqueles que actúan coma maltratadores acústicos dende os locais e pubs que rexentan. Ben, pois trátase dunha clara violación dos dereitos humanos mais elementais: dereito á intimidade persoal, dereito á integridade física e moral. Neste sentido, as sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, do Tribunal Constitucional e das diversas instancias xudiciais, forman un corpo de doutrina consolidado. Se os políticos non son os primeiros en reaccionar ante as agresións que sofren os cidadans, preguntámonos para que están ¿como son capaces de obrigar ás víctimas a prantexar longos e carísimos pleitos para se defenderen, cando na súa man está o artellar os medios de protección mais eficaces?

En fin, ante tan gravísimas agresións, esgrimese o argumento da facturación: os pubs son negocio. Non se comprende que fronte as violacións dos dereitos humanos ceden todos os demais dereitos, incluída a liberdade de empresa. Dende o Concello semella non entenderse que o pobo vigués (nin pobo ningún) non pode desexar o establecemento de negocios nos que o prezo a pagar sexa o alto prezo das agresións acústicas á veciñanza.

20070321

Unha casualidade: 15 anos de xuízos posibles para Ribadeo


Onte, por casualidade, entereime dunha lei de hai máis de 30 anos, é dicir, da época de Franco pero que rexe aínda, na que se da protección ós castelos e murallas (considerando falta grave perseguible ata quince anos despois da súa realización), o ataque a calquera destes bens. O ano pasado xurdiu en Ribadeo (e foi denunciado no blog varias veces, por exemplo, en 'Noite de eclipse en Ribadeo' ou en 'O día despois' a parte de ser preguntado polo Tesón en pleno e non respondido de xeito adecuado) o tema da realización dunha porta de garaxe na muralla (na rúa que leva o seu nome) e agora mesmo está tirada unha parte un pouco máis abaixo (... a teoría que que practica moito en Ribadeo: se ves que deixan ó veciño, por que non podes facelo ti?). Coincide que esta época pasada foi de abondo traballo e a asociación non da feito máis, pero así sabemos que temos quince anos para perseguir ó culpable: aínda que eventualmente non se restableza a muralla a como estaba (cousa difícil a toro pasado), a súa consecuencia pode exemplificar para que non se sigan a facer falcatruadas. O sexa que, pouco a pouco, con tesón, iremos adiante, que non só polo tesón da ría se chamou así a asociación.
A foto, esquecerame poñela días atras: as casas do instituto que parece que van ser cedidas de novo polo concello, esta volta para a construcción de vivendas sociais, segundo se aprobou no pleno da pasada semana. Estas casas xa saíran en 'Ribadeo falls'. Por certo, que esto me lembra que hoxe volta a haber dous plenos máis, extraordinarios, pedidos pola oposición, e en horario de mañá, co que non haberá tanta afluencia de xente como o outro día.

20070308

Novas vellas no día da muller en Ribadeo


Faltábame de poñer a nota de O Tesón votada na asamblea. Aí vai:

“A Asociación de Veciños O Tesón de Ribadeo, reunida en Asamblea Xeral o 23 de febreiro de 2007, e en relación ó problema do ruído pola movida nouturna en Ribadeo, solicita a tódalas entidades con responsabilidades na materia a súa acción conxunta para atallar o mesmo, e en concreto:
a diminución no horario nouturno permitido ós diferentes tipos de establecementos, conforme ós horarios noutras autonomías,
a declaración de zonas acústicamente contaminadas de aquelas que teñen grande densidade de establecementos nouturnos, con medidas limitantes efectivas para as mesmas e a prohibición e apertura de novos establecementos,
facer cumprir as normativas sobre ruídos e illamento de locais, coa revisión de licencias para a súa adecuación á realidade do local,
a maior vixiancia nouturna,
a existencia de medidas e campañas para diminuír o impacto da movida no exterior dos locais,
a contundencia no emprego de correccións legais,
a claridade e transparencia no tratamento dado pola administración ó tema,
peticións máis salientables despois de ver que o ruído segue un ano máis, e despois de ver que a algunhas delas se lles prometeu solución e non se cumpriu.
Estas solicitudes serán enviadas polos representantes da asociación ós organismos e entidades en xeral implicadas, facéndose públicas despois do seu envío.”

En fin, esto foi o que houbo. Estáse no proceso, e xa se recibiu algunha confirmación de envío e de traslado a instancias superiores.
A outra nova xa vella neste día de conmemoración/exaltación de base sexual, é unha pequena ofrenda que xa foi feita hai algún tempo: o cargar na rede, no blog Física e Química en Ribadeo a exposición 'A ciencia ten nome de muller', hoxe disposta para a súa visita en Cangas do Morrazo.
Polo demáis, as loitas políticas xa aburren, e quedaría a nova de máis cultura en Ribadeo (hoxe, á noite, no Hernán Naval, 'Corpos disidentes', que promete sobre a relación coa muller) . Pero hai unha de interferencia política do tenente de alcalde que merece reseñarse: a variación do que era previsto inicialmente unha venda dun solar para convertila en cesión e a edificación de vivendas sociais pola Xunta. Lugar? Preto do colexio das monxas. Esperemos que se logre, pois fan falta.
A foto, no estreitamento da peonil, unha casa en restauración cun cartel roto polo vento.

20230624

Rastros dunha burbulla especulativa. Pablo Mosquera

 Rastros dunha burbulla especulativa


A última campaña que culminou o 28-M insistiu ata o paroxismo co dereito á vivenda. Nalgunhas declaracións realizadas cando se acende o semáforo en vermello do altofalante para comunicarlle que se emitirán xestos e palabras pola televisión pública, desencadeouse unha "poxa entre políticos" sobre a oferta de vivendas sociais. Despois de pasar polas urnas, volveu o silencio. Excepto por esas continuas noticias de medo. Hai unha tribo urbana cuxa impunidade é temible. Os ocupas. Pero... non é a miña intención perturbar un espazo que se converteu nunha oferta para as compañías de seguros. E é que o medo provoca angustia social e tamén unha fonte que alimenta o lume dos negocios.

O arquitecto galego Carlos Fernández Coto percorreu a nosa Galicia e ao estilo de Ruth Matilda Anderson fotografou o que denominou “canibalismo urbano e maltrato da paisaxe”. Levamos trinta anos non só para sinalar a perigosa uralita -Amianto- tamén denunciando esa contaminación que chamamos FEISMO. Como me doe o máis próximo, non teño menos que sinalar os esqueletos da entrada do meu porto de San Ciprián no que se chamaba Polígono de Galdín e algúns vendíano como “Corredor Verde” hoxe en mans da SAREB. Sen esquecer o esqueleto construído sobre Castro Celta na Atalaya da miña vila coa reivindicación de dúas moles -FARO I E II- aínda que a outra mole construída nos anos setenta foi derrubada pola dirección municipal.

“Unha vez aprobada en 2016 a Lei do Solo e outras normativas como as Directrices de Ordenación do Territorio ou a Lei de Protección da Paisaxe, Galicia, unha das comunidades máis afectadas polo feísmo e os excesos urbanísticos, dotou nos últimos anos dun avanzado marco normativo e de inspección, instrumentos como a Axencia Pola Legalidade Urbanística (APLU), co fin de frear o deterioro urbanístico e derrubar os peores exemplos a través dos instrumentos de disciplina urbanística”.

Non necesito lembrar os tres vértices dun triángulo patrimonial. Casas típicas galegas. Os Centros Históricos das nosas Vilas. A paisaxe verde esmeralda ou azul. Ante tal poño aos Concellos como primeiro garante, vixiante e xestor. Non vale vender fume en campaña e despois “ten que ser”, ou “imos mirar e ver”.

Pablo Mosquera

20070313

Pleno o pleno de Ribadeo



   Mágoa, alongouse de máis e tiven que marchar. Foi curioso ver a un público que non se achega por alí normalmente, de tódalas tendencias, pero de xeito preferente PP, achegarse a un pleno inusual. Nel faltaban candidatos ás eleccións xa nomeados.
   Non foi curioso porque o goberno estivera en minoría (a orde do día minimizaba calquera posible desliz nese aspecto), senón polas poucas (e suaves) saídas de tono dos edís municipais en relación a outras veces.
   Que o alcalde, a pesar de todo, estaba nervioso, é un feito, manifestado ademáis por un detalle externo. Que ademáis, tivera o aviso de modificar a lista eleitoral por falta de paridade non impidiu que lle dixera en algún momento á oposición que 'como non se deu a coñecer a lista do PP...'.
   Non hai moito que contar e si hai cousas importantes. Do 'por supuesto que el ayuntamiento de Ribadeo cumple la ley', contestación do alcalde a Reinante que me lembrou a condena xudicial que indica o contrario, pasouse a ver sucesivamente en varios puntos que o concello incumple a lei reiteradamente. Que a oposición se abstivera polo delicado dos temas e votacións, ou que fora acusada de facer o mesmo cando mandaba, non é sorpresa, pero avisou reiteradamente da falta de legalidade. Pregúntome se eso servirá para que actúe algún xuíz. Probablemente non, están sobrecargados con outros temas...
   Paso de que a adhesión á homenaxe a Díaz Pardo sexa da alcaldía e non do concello (porque non se lle deu oportunidade, que se se lle dera ó mellor non era de todos), pero a falta de orzamentos deu lugar a situacións cómicas, onde a defensa do alcalde non foi o ben común, senón o decir 'antes fixéronno vostedes igual'. É dicir, sigamos 'chapuzando' que estamos xustificados polas chapuzas anteriores. Non importa que fora sobre as vivendas sociais, ou sobre a exención de licenzas a unha empresa privada (eso si, concesionaria para construír unha nova EDAR - Estación de Augas Residuais) por poñer dous exemplo. Vamos, xa non é a discusión sobre as cousas que se fan, senón o como se fan que leva avisando O Tesón hai tempo (Por certo, estou escribindo mentras xa levo escoitado pasar tres coches pola zona peonil cara arriba, para evitar unha volta)
   Saídas de tono, repito, houbo algunha polo menos ata que me marchei, pero non graves: unha denegación do alcalde a un requerimento para que puxera máis atención chamoume a atención a min pola chulería, pero non é nada fronte ó que ten habido. As alusións feitas ó asesor do alcalde (entendo que o secretario) tamén foron chamativas para o público e rexeitadas polo xefe.
   En fin, perdínme a maioría das preguntas (parece que máis de 60 foron feitas por Santiago) e non sei se responderon ás do Tesón, que serían despois do pleno. Polo tanto, continuará.
   A foto, propaganda dun novo establecemento (reapertura) para a movida, en zona quente: un novo 'cumprimento' do concello.

20241204

Concentración en defensa e protección das nosas árbores

    Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:


    Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:








    Texto do manifesto:

BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!

O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.

Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.

Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...

Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.

ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.

Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.

AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.

As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.

Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.

Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.

AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.

A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!

Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.

O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.

Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.

Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.

Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.

Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:

“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS

SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.

Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!