Adxunto deixo nota de prensa sobre o acto de onte da plataforma pola defensa das nosas árbores, xunto con algunha foto das tomadas por Suso. Axustar á nota que o acto durou perto de dúas horas, das que máis dos tres cuartos foron a raíz de intervencións dos asistentes, manifestación dos fortes sentimentos suscitados.
NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
Na tarde-noite de onte, xoves, celebrouse a charla informativa anunciada por este colectivo na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo.
Antes
do comezo dedicouse un minuto de silencio pola memoria de Rejane, a
muller asasinada en Viveiro nun novo crime
machista e convidouse aos asistentes a participar na concentración de
repulsa que terá lugar hoxe, venres as 20:00, na Praza do Oito de Marzo.
No acto participaron mais de cincuenta persoas con moitas intervencións
e un intenso debate, que deron conta da inquedanza
social que están suscitando as talas reiteradas e inxustificadas de
árbores en diferentes puntos do concello e o temor a que estas sigan
adiante e se estendan a outros lugares no sucesivo. Tamén se deu conta
da falla de información sobre a reforma do Parque
Municipal e o Campo de Santa María, anunciada en varias ocasións polo
Sr. Alcalde nos medios de comunicación, pero negada por este na xuntanza
celebrada no Concello o día 3 de decembro con seis membros de esta
plataforma.
No acto participaron tamén varias persoas
da Xunta Directiva da ANPA do Colexio Gregorio Sanz que amosaron a súa
sorpresa pola corta indiscriminada de moitas árbores sen información
previa, e subliñouse que algúns dos informes relativos a esta intervención
foron realizados con posterioridade á devandita corta. Algúns destes informes foron proxectados polos relatores e destacouse que as datas de redacción destes documentos
presentan contradicións evidentes coas declaracións da alcaldía.
Pola
outra banda salientouse que un dos informes asinado por unha
empresa privada, polo demais a mesma que realizou as cortas, xustifícaas, entre outros motivos, en base a que 'as árbores dan sombra e
as follas caen nos canalóns e despois hai que limpalos' (sic). Tamén se
chamou a atención sobre o feito de que as cortas
se realizasen en días lectivos e estando os nenos nos patios de recreo.
Sobre o proxecto, recoñecido polo Sr. Alcalde, de suprimir os
contedores de lixo diante das vivendas sociais da Rúa Clemente Martinez
Pasarón salientouse que fan un estimable servizo e
que poden ser reparados sen excesivo custo e mesmo, segundo persoas
residentes nestas vivendas dende hai mais de 30 anos, non é certo que se vexan ratas como se intentou usar de xustificación.
Como proxectos para o futuro acordouse estar vixiantes a calquera
nova actuación do Concello, esixir unha información e transparencia que
non existiu ata a actualidade, seguir reuníndose periodicamente e
convocar actos públicos de rexeita cando se considere
necesario.
Ribadeo, 20 de Decembro de 2024
PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
Ningún comentario:
Publicar un comentario