Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20241220

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

    Adxunto deixo nota de prensa sobre o acto de onte da plataforma pola defensa das nosas árbores, xunto con algunha foto das tomadas por Suso. Axustar á nota que o acto durou perto de dúas horas, das que máis dos tres cuartos foron a raíz de intervencións dos asistentes, manifestación dos fortes sentimentos suscitados.

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES


    Na tarde-noite de onte, xoves, celebrouse a charla informativa anunciada por este colectivo na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo.
    Antes do comezo dedicouse un minuto de silencio pola memoria de Rejane, a  muller asasinada en Viveiro nun novo crime machista e convidouse aos asistentes a participar na concentración de repulsa que terá lugar hoxe, venres as 20:00, na Praza do Oito de Marzo.
    No acto participaron mais de cincuenta persoas con moitas intervencións e un intenso debate, que deron conta da inquedanza social que están suscitando as talas reiteradas e inxustificadas de árbores en diferentes puntos do concello e o temor a que estas sigan adiante e se estendan a outros lugares no sucesivo. Tamén se deu conta da falla de información sobre a reforma do Parque Municipal e o Campo de Santa María, anunciada en varias ocasións polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación, pero negada por este na xuntanza celebrada no Concello o día 3 de decembro con seis membros de esta plataforma.
    No acto participaron tamén varias persoas da Xunta Directiva da ANPA do Colexio Gregorio Sanz que amosaron a súa sorpresa pola corta indiscriminada de moitas árbores sen información previa, e subliñouse que algúns dos informes relativos a esta intervención foron realizados con posterioridade á devandita corta. Algúns destes informes foron proxectados polos relatores e destacouse que as datas de redacción destes documentos presentan contradicións evidentes coas declaracións da alcaldía.
    Pola outra banda salientouse que un dos informes asinado por unha empresa privada, polo demais a mesma que realizou as cortas, xustifícaas, entre outros motivos, en base a que 'as árbores dan sombra e as follas caen nos canalóns e despois hai que limpalos' (sic). Tamén se chamou a atención sobre o feito de que as cortas se realizasen en días lectivos e estando os nenos nos patios de recreo. Sobre o proxecto, recoñecido polo Sr. Alcalde, de suprimir os contedores de lixo diante das vivendas sociais da Rúa Clemente Martinez Pasarón salientouse que fan un estimable servizo e que poden ser reparados sen excesivo custo e mesmo, segundo persoas residentes nestas vivendas dende hai mais de 30 anos, non é certo que se vexan ratas como se intentou usar de xustificación.
    Como proxectos para o futuro acordouse estar vixiantes a calquera nova actuación do Concello, esixir unha información e transparencia que non existiu ata a actualidade, seguir reuníndose periodicamente e convocar actos públicos de rexeita cando se considere necesario.

Ribadeo, 20 de Decembro de 2024 

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES


 

20241209

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA  INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
 
        Como xa temos informado, o pasado dia 26 de novembro un grupo de veciñas s e veciños de Ribadeo decidimos constituírnos na Plataforma para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello diante das repetidas cortas que se viñeron producindo nos últimos meses.
        Nas xuntanzas deste colectivo decidiuse pedir unha entrevista ao Sr. Alcalde e convocar unha concentración veciñal para deixar constancia do malestar  existente na sociedade ribadense.
        Da concentración, que tivo lugar o martes, dia tres de decembro, xa deron conta os medios de comunicación e nas fotos pódese apreciar que pese a estar un tempo moi desapacible asistiron como mínimo unhas duascentas persoas.
        Da entrevista co Sr. Alcalde que se celebrou o mesmo martes ás nove da mañá e á que asistimos seis persoas, imos dar conta de seguido, se ben adiantamos que non é doado por ser unha entrevista que non tivo unha liña regular, con participación de todas e todos os asistentes e numerosos comentarios e valoracións persoais de difícil comunicación.
       Os aspectos que queremos suliñar da devandita entrevista son os seguintes:
    
1º Segundo o Sr. Alcalde, as cortas de árbores no Colexio Público foron realizadas tras un informe técnico por unha empresa acreditada. Deixando aparte que se alude á suposta infalibilidade dos técnicos cando non hai outros argumentos, debemos suliñar que o devandito informe –que xa coñecíamos uns días antes por unha vía paralela– foi redactado pola mesma empresa que despois fixo a corta ordenada pola alcaldía. Como non queremos entrar en insinuacións nen suspicacias só diremos que este procedemento de contratación entra no que se chama un clarísimo conflito de intereses e que neste contexto os informes técnicos quedan autodescualificados sen entrar sequera a lelos, como pode entender calquera estudante de segundo de primaria. Pola outra banda temos acreditado con documentos oficiais que as datas que figuran nalgún destes informes son posteriores ás cortas realizadas no colexio.
 
2º O Sr. Alcalde repetiu ata a saciedade as accións e omisións dos gobernos anteriores, insinuado que a nosa plataforma podería ter algunha relación cos partidos políticos ou persoas de gobernos anteriores. Temos particular interese por suliñar que esta é unha insidia política e que esta plataforma non ten a mais mínima relación con ningún grupo ou partido político real ou imaxinario.
 
3º A pregunta directa de se existe un proxecto de reformas no campo de Sta. María e no Parque Municipal que suporían a corta de mais árbores, o Sr. Alcalde manifestou que non existía tal proxecto.  Sin embargo ao día seguinte atopamos tres  declaracións á prensa e radio  do Sr. Alcalde dos últimos meses nas que afirma  que se van realizar reformas nos parques sen concretar. Diante de esta contradición, que nos abstemos de cualificar, estaremos á espreita de calquera movemento na liña de novas cortas de árbores e esiximos que se publiquen eses proxectos e non se actúe por sorpresa ás sete da mañá como veu sucedendo. Asemade preguntóuselle ao Sr. Alcalde sobre un suposto proxecto de cortar as sete arbores que existen enfronte das vivendas sociais, na rúa Clemente Martinez Pasarón e respostou que existía ese proxecto, que se ían suprimir os colectores de lixo subterráneos por motivos “técnicos” e que non se ían cortar as árbores, pero non presentou o proxecto nin prometeu presentalo ao público.
 
        Nos próximos días anunciaremos un acto público para informar e debater sobre este asunto e anunciamos que seguiremos loitando por evitar que se produzan mais cortas de árbores inxustificadas no concello de Ribadeo e que se publiquen os proxectos de obras que podan afectar ao benestar, á calidade de vida da veciñanza e á imaxe de un Ribadeo verde, moderno e humanitario.
 
PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS ARBORES DO CONCELLO DE RIBADEO. 9/12/2024

 

Foto de orixe descoñecida. O parque de Ribadeo.

20250227

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. NOTA INFORMATIVA


PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA

Ribadeo, 20250227

Dende a Plataforma pola defensa das árbores de Ribadeo queremos amosar o noso agrado pola poda realizada esta mañá (xoves 27 de febreiro) na rúa Clemente Martínez Pasarón. Consideramos que se fixo no momento axeitado e respectando as árbores afectadas. Os pequenos defectos observados, como a escasa aplicación de pasta de protección, non invalidan unha actuación que se encamiña cos criterios que vimos defendendo.

Cremos que é conveniente un seguimento do mantemento das nosas árbores por parte da xente do pobo, entre a que nos atopamos, e así o seguiremos a facer.

Por outra banda, felicitámonos polo feito de que as nosas accións en defensa das árbores do noso Concello vaian dando froito.

20250122

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

O noso colectivo ven de presentar no Rexistro do Concello de Ribadeo as sinaturas recollidas da veciñanza contra as cortas indiscriminadas de árbores no Colexio Público e noutros puntos do casco urbano, e solicitando que se repoñan as árbores derrubadas, que non se prodiguen estas cortas no sucesivo e que se informe ao vecindario dos proxectos de obras no Parque Municipal, no Campo de Santa María e fronte das vivendas sociais que foron anunciadas polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación.

En total recolléronse 541 sinaturas, o domingo, día 12 de xaneiro na Praza de España e o mércores, día 15, no mercado, que non chegaron a catro horas.

Destes datos cómpre suliñar o seguinte:

1º Nos últimos anos nunca se recolleron tantas sinaturas por colectivos sociais, que no mellor dos casos nunca chegaron ás 350.

2º Faltan por contabilizar as que se están recollendo por medios telemáticos, que a día de hoxe pasan das 300 e das que daremos conta no seu momento.

3º A estas hai que engadir as presentadas polas veciñas das vivendas sociais, que pasan das 150.

En resume, tendo en conta que esta recollida de sinaturas produciuse no mes de xaneiro, en poucas horas e en condicións climáticas moi adversas, pode entenderse que en Ribadeo existe unha grande sensibilidade social en relación cas cortas indiscriminadas de árbores e un temor xustificado a que estas se extendan nos próximos meses. Maiormente cando o Concello segue sen dar unha información axeitada dos seus proxectos e existen moitas dúbidas e contradiccións nas declaracións do Sr. Alcalde.

Agardamos que se teña en conta esta opinión de un sector significativo de veciñanza e seguiremos na teima de vixiar e denunciar novas cortas en caso de chegarse a producirse e pular por un Ribadeo mais verde, onde as árbores conviden a unha maior proximidade ca natureza, unha mellor convivencia, un medio ambiente máis sano e uns espazos públicos máis atractivos para os visitantes.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

20241231

Comunicado sobre árbores e Ribadeo

    Onte tivemos unha xuntanza informal da Plataforma pola defensa das nosas árbores. De alí saíu unha nota de prensa que adxunto, e á que incorporo antes un plano do parque coa descrición das árbores que me faltou de poñer na entrada www.ribadeando.com/2024/12/o-parque-de-ribadeo-no-seculo-xx-do.html e deixo por poñer para máis adiante un moi pequeno resume da xuntanza que parecía mesmo unha concentración polo número de xente que nos achegamos.

    O folleto, feito con motivo do día da árbores de 1988 pola Del. de Educación do Concello con debuxos de Fermín Rodríguez baixo indicación indicación de Vicente Méndez, daquela xardineiro do concello. Teño que agrader á actual bibliotecaria, Mónica Martínez, a súa procura: 

 



    Tendo falado na xuntanza sobre facer unha lista de árbores, transcribo doutro xeito e con algunha corrección a última folla, incluíndo o nome, nome científico e número de exemplares, por se poidera servir cara ó futuro:

    Árbores no Parque de Ribadeo en 1988:

-    Zona do Parque de San Francisco (parque dos nenos, parque da igrexa, zona do palco da música...)

Choupo do Canadá / Populus canadensis - 12 exemplares

Choupo branco / Populus alba - 4

Plátano do Oriente / Platanus orientalis - 8

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 2

Pradairo / Acer platanoides - 2

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia - 6

Salgueiro Chorón / Salix babilonica - 2

Acacia de tres espiñas / Gleditsia triacanthos - 1

Magnolia / Magnolia grndiflora - 1

-    Zona da Praza de España (Parque do Viejo Pancho, Parque do Cantón)

Castiñeiro das Indias / Aesculus hippocastanum - 16

Olmeiro Común (Negrillo) / Ulmus campestris - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pupila - 2

Olmeiro (Olmo) / Ulmus pendula -2

Cinamomo / Melia azederach - 5

Pradairo / Acer platanoides - 21

Robinia (Falsa Acacia) / Robinia pseudoacacia -1

Washingtonia / Washingtonia filitus -4

Moreira Branca / Morus alba (var. pendulae) -4

Cedro / Cedrus atlantica - 1

Palmeira Canaria / Phoenix canariensis - 5

Tuia de Oriente / Thuja orientalis -1

Tuia / Thuja plicata - 1

    O comunicado enviado á prensa:

 

COMUNICADO DE VECIÑ@S DAS VIVENDAS SOCIAIS DA RÚA CLEMENTE MARTINEZ PASARÓN


   Un grupo de veciri@s da vivendas sociais estamos recollendo sinaturas de apoio ao escrito que abaixo se reproduce. Como se pode ver no texto, o motivo de inquedanza está plenamente xustificado. En poucos días estará rematada recollida e serán presentadas no rexistro do Concello de Ribadeo.

 Sr. Alcalde de Ribadeo:

     Os abaixo asinantes, veciñas e veciños residentes nas vivendas sociais da Rúa Clemente Martínez Pasarón e colindantes desexamos
comunicarlle a nosa inquedanza polos rumores de unha posible reforma urbanística do espazo próximo aos nosos domicilios que suporía a tala das árbores alí existentes, a eliminación do espazo verde e a supresión dos vertedoiros de lixo subterráneos que prestan un inestimable servizo, sen cheiros nin outro tipo de incomodidades.
     Dado que descoñecemos o que terían de certo ditos rumores, solicitamos se nos facilite información oficial que confirme ou desminta a existencia do devandito proxecto.
    Asemade debemos transmitirlle as queixas de numerosos veciños e veciñas polo temor de que dito proxecto poda facerse realidade e que se teña en conta esta opinión e se deixe en suspenso o devandito proxecto en caso de existir.

    Ribadeo, 4 de Decembro de 2024

20250122

A atención das árbores en Ribadeo

A atención das árbores en Ribadeo


    O coidado das árbores está esta tempada na mirada dos ribadenses. Se esta mañá publicaba aquí mesmo a 'Nota Informativa da Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores', deixo agora unha noticia complementaria, tendo como actores a oposición no concello de Ribadeo, tanto BNG como PSOE. Trátase da presentación da petición dun pleno extraordinario sobre o tema. A destacar que, legalmente, e tras ter sobrepasado o número de concelleiros necesarios (sobraba cos do BNG, pero presentan unha fronte común co PSOE), o pleno debe convocarse den 15 días útiles. De non ser convocado, automáticamente se convoca para 10 días despois (tamén laborables, é dicir, o 26 de febreiro se non están mal feitas as contas) ás 12 da mañá. É dicir, teremos un pleno adicado a dito tema como moito en pouco máis dun mes.

    A transcrición da imaxe:

"Ao abeiro do indicado no artigo 46 da Lei Reguladora de Bases do Réxime Loca, os concelleiros e concelleiras Pablo Vizoso Galdo, Vicente Castro Reigosa, Raquel Ferreira Álvarez, Marcos Antonio Villamil Martínez, Martín Graña Pérez e Marta García Rey, representando máis dunha cuarta parte da corporación municipal, solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar do seguinte punto único:

1. Debate e aclaración sobre o acontecido coas cortas de árbores en diferentes lugares do concello e a manifestada intención do proxecto de reforma sobre o Campo de San Francisco.

Nas últimas semanas e meses asistimos á tala indiscriminada e sorpresiva en diferentes lugares do noso concello, que afectou especialmente o Centro Educativo Gregorio Sanz e á praza Pancho Maseda. Todas estas actuacións provocaron a indignación e reacción social de diferentes colectivos. Ademais, nos últimos meses, recibimos a través dos medios de comunicación e en conversas información sobre a intención do goberno municipal de acometer unha reforma integral do campo de San Francisco.

Polo exposto, proponse debater o punto e aprobar os seguintes acordos:

1. Paralización inmediata da tala de árbores, agás para casos debidamente xustificados con informes técnicos previos.

2. Calquera actuación hipo´tetica ou futura sobre o Campo de San Francisco deberá contar coa exposición pública previa á licitación do mesmo, para permitir a participación da veciñanza.

En Ribadeo, a 22 de xaneiro de 2025

"

    Deixo tamén a nota de prensa anunciándoo, coa foto de Pablo Vizoso e Marta García que acompañaba:

 

"A oposición ao completo solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para aclarar o acontecido cas cortas de árbores e o plan de reforma sobre o campo de San Francisco.

Os concelleiros do BNG de Ribadeo e a concelleira do PSdG solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para aclarar o acontecido nas últimas semanas. Preguntaremos sobre as cortas masivas de árbores realizadas polo goberno municipal, así como as súas intencións de reforma integral sobre un dos espazos máis emblemáticos de Ribadeo: o campo de San Francisco.

A oposición en pleno realiza esta solicitude despois das reaccións e demandas dunha gran parte da veciñanza de Ribadeo, ignorada e ninguneada de xeito reiterado polo alcalde.
"

20241204

Concentración en defensa e protección das nosas árbores

    Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:


    Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:








    Texto do manifesto:

BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!

O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.

Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.

Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...

Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.

ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.

Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.

AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.

As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.

Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.

Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.

AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.

A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!

Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.

O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.

Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.

Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.

Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.

Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:

“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS

SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.

Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!