Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta cambio climático. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta cambio climático. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20200923

Ribadeo está na Terra, non? Pois está chamado á acción o sábado

 Amigos da Terra únese á convocatoria mundial:


 O vindeiro 25 de setembro, 25S, levarase unha nova convocatoria mundial para demandar accións globais contra o cambio climático. Desde Galicia, o Movemento Galego polo Clima, realiza accións baixo o lema Xustiza climática para sair de todas as crises! #XustizaClimática, que se realizarán entre o 21 de setembro e o 4 de outubro. Concretamente Amigos da Terra participará nas seguintes actividades:

  • Conversa sobre como comunicar o Cambio Climático / xoves 24 / 20 h / online.

Verdegaia organiza a presentación en  streaming de O Libro do Clima publicado por Catro Ventos editora e na que Patricia Iglesias, membro de Amigos da Terra, debaterá xunto con Miguel Pardellas, membro de Verdegaia e educador ambiental,  sobre a maneira en que podemos comunicar o cambio climático e incidir socialmente na comprensión do mesmo.  Máis información aquí>>

  • Voluntario forestal contra a Emerxencia Climática /domingo 27 / 10:30 / Tourón (Melón).

Continuamos cas labores de mantemento das zonas restauradas desta  aldea ourensana afectada pola vaga de lumes que devastaron milleiros de hectáreas en Galiza no 2017.  Dende entón estamos a levar accións de restauración, plantación e conservación do monte autóctono  para chamar a atención sobre a problemática dos incendios forestais, como os que están asolagando a provincia este verán. Estes son consecuencia da nefasta xestión forestal e o abandono do noso rural, que se ven agravados polos efectos do cambio climático. Máis información aquí>>

 

A pandemia da COVID-19 fixo tremer as bases do noso sistema. Evidenciáronse as debilidades e contradicións dunha economía depredadora que se atopa ao límite do colapso; dun sistema neoliberal que precariza os servizos públicos e crea grandes desigualdades; dunha globalización que se sostén sobre a explotación do territorio e as persoas, e que globaliza tamén a catástrofe, en forma de pandemia, de cambio climático ou de inestabilidade económica. O virus non é causa, senón consecuencia dunha crise sistémica profunda, e supón un cambio de contexto que apenas empezamos a comprender. Necesitamos actuar, reivindicar Xustiza Climática para sair destas crisis, realizando accións en diferentes lugares do mundo e concretamente en Galicia levaranse todas estas actividades.

Estas actividades englóbanse dentro da Escola de Activismo da convocatoria de Iniciativa Xove.

O mapa das accións: https://fridaysforfuture.org/action-map/map/

20211108

Pero... que é isto?

   Tan afeitos estamos a algunhas cousas que xa non nos causan impacto. Iso ocorre mesmo con flagrantes contradicións. Como a da actual conferencia sobre o cambio climático que está a ter lugar en Glasgow, a COP 26 ('Conferencia 2021 das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático' no seu nome oficial, con COP como acrónimo da 'Conferencia das Partes' implicadas). E é que resulta que nesa conferencia mundial organizada pola Organización das Nacións Unidas, o principal grupo de representantes non é unha nación, senón a agrupación de representantes da industria de combustibles fósiles, carbón, petróleo e gas.

   Claro que a industria sería unha receptora das normas e acordos da conferencia, que tería que cumprir, e xa ven sendo tradicional que, en casos semellantes, as empresas que puideran resultar máis afectadas fagan presión dos máis diversos xeitos para que as normas sexan ditadas ó seu favor. Na práctica, sen impedimento en moitos dos casos. A iso, dun xeito eufemístico chámaselle 'facer lobby'. Lobby, se se vai ó dicionario, aínda hoxe significa vestíbulo, e aplícaselle ó caso pode porque en tempos as xentes que querían influír esperaban no vestíbulo dos que querían influenciar, para que os atenderan. Pero diso, a certos niveis, hai tempo xa que se pasou. Por poñer un caso da evolución do 'sector', antes non se coñecía o fenómeno das portas xiratorias. E hoxe, por esa práctica insana (os que a desfrutan é posible que opinen outra cousa, xa se sabe), pois... que as eléctricas queren influír nun goberno? O exgobernante de quenda, agora a soldo da empresa, sen facer nada aparentemente, e que contribuíu a que os gobernantes actuais teñan a súa poltrona, vai facer algo: fai unha chamada de teléfono ó seu (ou súa) antigo pupilo, e listo. Para que esperar no vestíbulo? As veces, nin iso é necesario. Non quedaran citados para cear? Pois mira, xa teñen de que falar.

   Na outra cara da moeda, os representantes medioambientais... existen? Si, como aquelo de 'Teruel existe!' Sen ir tan aló, que o conxunto de países quizais máis afectados polas inclemencias derivadas do cambio climático teñan -repito, en conxunto- menos representantes que a industria que negocia cos combustibles que son a causa principal dese cambio, deixa clara a importancia duns e outros, mesmo nun cumio 'de nacións'. Si, ata o de agora omitín o número de 'nacións máis afectadas' que incluía no grupo. Oito. Abondas, non? A súa poboación, ben máis de cinco centos millóns de habitantes, tamén é abonda.

   Idea da importancia relativa duns e outros, polo demais, que se ve reforzada se temos en conta que moitos países xa levan na súa representación tamén a xente da industria de combustibles fósiles, por exemplo a conto de que son produtores. Iso ocorre co Brasil, a delegación nacional máis numerosa, aínda que tamén quede por baixo da representación da industria dos combustibles fósiles.

   Podería crese que con esa supremacía de influencia a cousa remataría aí: para que máis? Pero non, non remata. Así temos que os cumios necesitan cartos para celebrarse. E, quen os pon? Pois, en parte, os patrocinadores. É dicir, intereses privados. E todos sabemos que o 'segue a pasta' non se refire ós spaguetti, senón ós cartos para saber de onde veñen as ordes. Pois si, se estabas pensando que os principais patrocinadores están relacionados con intereses en contra da redución de emisións, acertaches! Non verás nunca (posiblemente) asinado por un representante deses intereses unha norma que lle vaia afectar. Pero na conferencia hai intérpretes, poñamos por caso, pagados con eses cartos. Podería poñer outros profesionais, pero pensei nos intérpretes porque 'interpretan'. 

   E ti, 'interpretas'?

--

COP 25

20241107

Desolación e futuro. A modo de fábula moderna

Desolación e futuro. A modo de fábula moderna

    No estado español, a 'guerra de Gaza' ou 'o xenocidio de Gaza', segundo que as fontes beban de man sionista ou non, teñen pasado a un segundo plano na semana de cambio de mes. Máis de douscentos mortos, máis de mil desaparecidos, e cuantiosos danos deixan un golpe climático claro. Desolación.

    O futuro sempre comeza hoxe, e, para os que por xeografía estamos lonxe desta catástrofe, ese futuro ven anunciado por unha cacofonía de voces e actores diversos que tentan ocultar responsabilidades, lanzalas cara outro, evitar autocrítica, introducir desordes interesados e nin pensar en cambios de uso se solo, políticos, sociais, económicos, ou de costumes que podan supoñer un custe de principio (político, económico...). É dicir, dende un punto de vista humano, esas voces denotan, máis ca unha falta de responsabilidade, unha irresponsabilidade a que nos cae -literalmente- encima.

    Cando xa pasaban de cen os mortos anunciados, tiven unha conversa que cortei antes de pasar a maiores. Basicamente, dicíame outra persoa que 'agora' parece ser que todo fora provocado. Non puiden conter un pequeno riso, e entón fun interpelado de novo, dicíndome que ría, porque non cría niso, pero... E cortei: río por non discutir. E pasei a falar doutra cousa. Mortos por diante, despois de avisos cada vez máis frecuentes de desastre climático dende hai décadas, e vou resolver iso respondendo a unha provocación (dobre, dunha DINA nunha ampla zona, e persoal, no momento, por non crer en teorías da conspiración). É moito máis doado facerse ouvidos a calquera bulo que comezar a mencionar que hai zonas inundables nas que se leva construíndo a saco e que o cambio climático inducido pola nosa actividade na Terra ten duplicado a intensidade e a probabilidade de fenómenos semellantes... Mentres, os voluntarios comezaban a actuar en Valencia.

    Unha anécdota que por suposto non ten importancia no contexto xeral de morte e destrución, pero que ilustra como poden chegar as catástrofes a collernos tan desprevidos. E con poucos reflexos para actuar e tentar que non cheguen a ser tan destrutivas, palialas e mellorar e aumentar a capacidade e reacción despois de que ocorran.

    Engade empatía á túa caixa de ferramentas para vivir. Protéxete contra os bulos con datos e contraste. Non te fíes de que acusa ó diferente porque o é; máis aínda cando sabemos que nas cousas de todos, máis ou menos a todos se nos pode acusar dalgunha miguiña de culpa E pensa no cambio climático, non só na reacción do goberno ós desastres que produza.

20120906

Cambio climático aplicado a Ribadeo: temperaturas do verán

Onte falei sobre o cambio climático aplicado a Ribadeo, a conta das medusas. E prometín datos. Noutro día con boa temperatura para setembro, aquí vai unha tanda de datos da Pedro Murias elaborados; son correspondentes ós meses de xullo e agosto do que levamos de século (2001-2012).
Na primeira gráfica está todo confuso: corresponde ás temperaturas medias diarias, nas que este ano está representado por unha liña azul, nin a máis obscura (2001) nin a máis clara (2006). O que si se pode observar é que as liñas (as temperaturas) están un pouco máis altas en xeral en agosto que en xullo, como se comproba coa táboa final

A smedias de xullo dan un valor para o deste ano máis ben baixo dentro do que levamos de século: 18,2ºC de media. Iso si, na media van incluídas tamén as horas nouturnas ...

Agosto foi diferente: foi o segundo con máis temperatura media do que levamos de século, 19,9ºC

A media xeral xullo/agosto deixa este ano 2012 en cuarto lugar, despois de 2006, o máis caluroso, 2003 e 2010.

Por último, a táboa (ampliar premendo sobre ela para poder vela correctamente) testemuña o dito antes: en xeral, agosto é máis cálido que xullo, e coa excepción de 2002, que marcou un profundo mínimo xeral e en cada mes, o cambio climático non deixa ver aínda a súa evolución en Ribadeo.


Sería interesante tomar outros datos como comparativa. Ireino facendo con tempo, aínda que para un dos datos máis interesantes, o da temperatura da auga, o primeiro será recollelos dun xeito sistemático durante longo tempo e ver o xeito de representalos claramente (os primeiros datos, indicativos, xa están tomados por David Casariego)

20090528

Doutras cousas, stress menores

No medio da loita do leite, e cando xa hai abondas informacións contraditorias, fíxome en dous titulares, a análise do stress do millo pola meteoroloxía cambiante (cambio climático) e a ampliación do emisario cervense por mor de non fastidiar a toma das piscifactorías. Cousas pequenas, pero en ambos casos, algo así como se a ecoloxía doutras especies primara sobre a nosa propia ecoloxía. Entendámonos, nós como especie estamos incluídos no catálogo xeral, e polo tanto, a ecoloxía 'xeral' en principio ten maior rango. Pero a cousa está noutro lugar: no primar a ecoloxía 'non humana', non considerando á mesma altura de consideración a nosa propia microecoloxía, algo que me atopei máis dunha vez ó investigar sobre o tema do ruído. O stress do millo polo cambio climático non quita que o cambio climático afecta á sociedade (algo estudado) e ás persoas (algo descoñecido, sen estudar). E, no caso de Cervo, naturalmente está ben alongar e apartar o emisario da entrada de auga para a piscifactoría, pero se se trata de procurar auga máis pura, non sería máis lóxico que fora a entrada de auga a que se metera máis no mar? Ou as dúas, apartándose unha da outra? Ata que viu o tema de parar todo movemento construtivo na costa, a piscifactoría de Meirengos tiña o emisario preto da costa, con protestas dos percebeiros, e a cousa seguía adiante, no que entendo que é unha semellanza perniciosa co de Cervo. En ambos casos estaría afectada a alimentación humana...

20241204

Concentración en defensa e protección das nosas árbores

    Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:


    Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:








    Texto do manifesto:

BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!

O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.

Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.

Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...

Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.

ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.

Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.

AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.

As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.

Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.

Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.

AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.

A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!

Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.

O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.

Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.

Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.

Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.

Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:

“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS

SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.

Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!

20191203

Estamos na hora das promesas

Comezando coa COP 25, chegan as promesas. Como só son promesas, sen consecuencias punitivas en caso de incumprimento, e a comunidade mundial non é especialmente compacta para presionar, importa un bledo que o mundo se vaia ó garete.
Chaman a atención diversas cousas, comezando pola propia realización da conferencia mundial en Madrid. Si, porque estaba preparada para Chile, pero alí non puido ser: hai moita protesta porque hai moita desigualdade (algo que se retroalimenta tamén coa emerxencia climática), e asío curioso emblema:
Din que o fracaso grande tería sido que non se celebrara, cando por exemplo os EUA, o segundo país máis contaminante do planeta, na actualidade opóñense a calquera acordo climático (aínda que as súas cidades están en moitos casos actuando para un menor impacto climático). Nese sentido, obxectivo conseguido: vaise celebrar, aínda que nunha vila que remata de suprimir medidas como Madrid Central ou quilómetros de carril bici, que non van precisamente a favor do combate contra o cambio climático.
Nos primeiros actos do cumio, o Presidente do goberno en funcións comprometeuse a reducir as emisións máis do que pide a UE. Aínda non sabe o que vai ser do seu futuro a dous meses vista, pero promete. É un presidente promesa, ou prometedor. E o Rei, pide determinación. Será a mesma que cando viaxa ó extranxeiro vender armas despois de predicar a paz?
Por suposto que seguirá a cousa. Pero mentres, coido que a postura das cidades dos EUA, poñéndose a traballar xa sobre o cambio climático vai na boa medida. Que propostas se teñen feito e determinacións tomado nos nosos pobos para aminorar a emerxencia climática?
Coido que tereemosd que voltar lembralo, xunto con outras cousas menores que se queren converter en principais para desviar a atención (por exemplo, que fai Greta Thunberg fóra da escola?)

20191211

O que nos chega do cumio climático

Esta tempada, algunhas novas teñen mala sorte: a formación de goberno enléase con Cataluña e mesmo con ETA, de tal xeito que se toma a información dunha parte da negociación como representante e referencia por toda ela, quedando o resto arrinconado. E isto, o que está a ocorrer nunha parte da actualidade nun estado secundario a nivel mundial, asemade está reducindo o espazo-noticia dunha conversa que, xa só por tratar de toda a humanidade como afectada directa, parece que debera comerse o pastel informativo. Pero non. E, por se acaso, aí está a figura de Greta para ter outras cousas secundarias de que tratar: hoxe mesmo, nunha emisora de radio escoitei algo ó que non podía dar creto, falar do peinado de Greta Thunberg, como se nos seus tempos de Greta Garbo se tratase. Menos mal que xa lle saíu un contrapeso pouco máis que adolescente, Hilda Nakabuye,de 22 anos, que hoxe tamén pillou cámara co aplauso de Greta.
Así, dende moitos lugares, como Ribadeo, vendo dende aquí as inundacións cada vez máis frecuentes na Veiga en marea alta, ou as dúas novas marcas de temperaturas máximas na Pedro Murias de aínda hai un par de anos, ou a variación do réxime de chuvias que está habendo, podiamos pensar máis nos resultados e solicitar unha información máis axeitada do que está a ocorrer. Porque atopar novas como a que atopo na 'Vanguardia', de hoxe mesmo, é raro. Por desgraza. De que se trataba? Pois da interrupción das conversas no cumio do clima. E, por? Pois pola negativa de moitos países a incluír a axenda de xénero nos compromisos para frear o cambio climático. E iso que se acordara nun cumio anterior. E que está demostrrado que dos dous sexos, as mulleres sofren máis as consecuencias do cambio precisamente por desigualdade social, ó igual que está mosado que un maior desenvolvemento das mulleres beneficiaría a toda a humanidade, tamén no cambio climático, pero non só nese aspecto.
E isto, mentres Groenlandia perde nas estacións cálidas sete ves máis xeo que nos anos 90 (nova que tamén vin hoxe por primeira vez, noutro medio), ou se poden comezar a facer relacións entre o 'suicidio poblacional' galego e as extincións por suicido ou perda de interese na vida de tribos en lugares tan distantes como a amazonia ou a estepa, ante o avance dunhas condicións de vida que non identifican como súas e que non poden nin queren asimilar. Condicións socioeconómicas que Galicia ve aumentar coa emerxencia climática.

20200321

No medio doutra crise

O Covid 19 colleunos en medio doutra crise. Cabería mellor dicir doutras, pero imos simplificar, centrándonos nunha soa. Así pois, no medio doutra crise.
Podemos escoller crise. Así pois, collo a crise climática, pode que a que se vai percibindo como máis acuciante no tempo. Cólloa porque remata de chegar á miña vista un artigo, "Estas son as 76 solucións climáticas que necesitamos escalar xa para ter unha oportunidade" que concreta algunhas cousas que máis ou menos xa coñecía. Basicamente, esas concrecións poden resumirse nestos puntos:
1.A humanidade ten a tecnoloxía para lograr parar o cambio climático.
2.O custe do cambio sempre será menor, aínda a medio prazo, que a inactividade.
3.Calquera cambio efectivo pasa polo apoio e a concienciación da humanidade.
Os tres puntos anteriores envolven ao menos unha mala e unha boa noticias. A mala, que a humanidade ten que actuar, implicarse  como sociedade. E a boa, tamén que a humanidade ten que actuar, implicarse  como sociedade.
É boa e mala ó tempo. Boa, porque implica que dependemos de nós, de todos, e só de nós. E mala porque sabemos como estamos a responder noutras ocasións e as dificultades que entrana iso.
No medio da 'outra' crise, a do coronavirus, atopamos xente que quere escapar, sinxelamente como tomándose unhas vacacións. Xente insolidaria, que fai como se a cousa non fora con ela por algún motivo. Xente á que non lle importa infectar a outros, porque ó fin, ela está 'en bó estado'. Xente que se sacrifica polos demais despois de estar puteada. Xente que ...
Cada persoa é un mundo, dise, e non só porque o número de células de cada un de nós sexa máis grande que o número de persoas na Terra, senón porque as posibilidades de actuacion ante un feito calquera tamén teñen unha variedade inmensa.
Polo que parece, aprendemos máis rápido algunha cousa concreta que a empatía social. Pode que en parte sexa tamén porque practicamos máis esas 'cousas concretas', sexa conducir ou sumar, que a empatía social, que por outra parte é máis necesaria.
O que nos leva a outra crise solapada: a crise que consiste en vivir. Nese desequilibrio contínuo que é nacer, medrar e morrer. Desequilibrio que por unha beira, se transmite á sociedade en conxunto, e por outra, tentamos amañar do mellor xeito, de reequilibrar, para facer a vida máis duradeira e mellor.
Sempre se vive en crise, e sempre debemos tentar mellorar a situación. Agora tamén. Entre todos.
--
Versión posterior enviada ós medios:

No medio doutra crise
O Covid 19 colleunos en medio doutra crise. Cabería mellor dicir doutras, pero imos simplificar, podemos escoller crise, centrándonos nunha soa. Así pois, no medio doutra crise.
Collo a crise climática, pode que a que se vai percibindo como máis acuciante no tempo, a máis vívida, aumentando pouco a pouco. Cólloa tamén porque remata de chegar á miña vista un artigo, "Estas son as 76 solucións climáticas que necesitamos escalar xa para ter unha oportunidade" que concreta algunhas cousas que ou facemos ou viviremos menos (teremos máis mortandade) e mentres, peor (aínda que algunha xente vai notalo menos e alguén se vai aproveitar un tempo). Basicamente, o artigo pode resumirse nestes puntos:
1.A humanidade ten a tecnoloxía para lograr parar o cambio climático, para estabilizar o clima.
2.O custe do cambio para a sociedade en conxunto sempre será menor, aínda a medio prazo, que a inactividade.
3.Calquera cambio efectivo pasa polo apoio e a concienciación da humanidade como conxunto.
Os tres envolven ao menos unha mala e unha boa noticias. A mala, que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade. E a boa, tamén que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade. É boa e mala ó tempo. Boa, porque implica que dependemos de nós, de todos, e só de nós. E mala porque sabemos como estamos a responder noutras ocasións -vexamos algunhas respostas individuais crise do Covid 19- e as dificultades que entrana iso.
No medio da crise do coronavirus, atopamos xente que quere escapar, sinxelamente como tomándose unhas vacacións. Xente insolidaria, que fai como se a cousa non fora con ela por algún motivo. Xente á que non lle importa infectar a outros, porque ó fin, ela está 'en bó estado'. Á beira, xente que se sacrifica polos demais despois de estar puteada. Xente que ...
Cada persoa é un mundo, dise, e non só porque o número de células de cada un de nós sexa máis grande que o número de persoas na Terra, senón sobre todo porque as posibilidades de actuacion ante un feito calquera tamén teñen unha variedade inmensa. E polo que parece, ás veces aprendemos máis rápido algunha cousa concreta que a empatía social. Pode que en parte sexa tamén porque -ás veces- practicamos máis esas 'cousas concretas', sexa conducir ou sumar, que a empatía social, que por outra parte é máis necesaria aínda nun estado no que as institucións debéranse encargar de moitas cousas.
O que nos leva a outra crise solapada: a crise que consiste en vivir. Vivir é un desequilibrio contínuo: nacer, medrar e morrer. Desequilibrio que por unha beira, se transmite á sociedade en conxunto, e por outra, tentamos amañar cada quen do mellor xeito, de reequilibrar, para facer a vida máis duradeira e mellor.
Sempre se vive en crise, e sempre debemos tentar mellorar a situación. Agora tamén. E cada vez máis, entre todos.

20171103

Temperies e interpretacións

O 15 do mes pasado foi o día de temperatura máis alta no que levamos de século en Ribadeo. O Cambio climático non só e medido, senón que é sentido a traverso da nosa pel e tamén polos fenómenos que produce. Os datos acumúlanse.
Este ano está resultando seco, aínda que hai un un par de anos que teñen sido ata o momento máis secos que este no século. Tamén está sendo un ano caloroso, se ben tampouco é ata o momento o máis caloroso do século, como se ve no gráfico inferior:
As tendencias locais do clima sofren variacións máis aleatorias que as xerais e disponse de menos datos para referilas, por iso hai que tomalas con máis precaución. No caso de Ribadeo, ademáis, hai que ter en conta factores como o seu lugar a carón do mar, que suaviza o cambio.
Por iso, que onte mesmo un xornal presentara un titular con "Galicia necesita 500 litros de lluvia durante varios meses para recobrar la normalidad", necesita cando menos unha explicación. Trátase de que caia chuvia ós poucos (cousa que explica máis ou menos no interior da nova) para que non se produza arrastre do chan queimado, queima que se superpón á seca. E trátase de litros caídos en cada metro cadrado, naturalmente, non en toda Galicia. Pero non que poidan ser, poñamos, 10 meses, para eses 500 litros por metro cadrado, pois iso significaría que continuaría a seca precisamente nos meses máis chuviosos do ano...
Asemade, hai poucos días, outra nova apuntaba a unha alza notoria da temperatura do Cantábrico. Molesteime en recoller as temperaturas do mar recollidas máis próximas/semellantes ó Cantábrico na zona. Velaí os gráficos:

O primeiro é a representación das medias dos 12 meses anteriores dende o 2004. Contando o tempo que non estivo operativo, indica... un descenso de temperatura media! Moi suave, pero descenso. E é que o cambio de correntes no Cantábrico pode dar moitas sorpresas, traendo ou afastando auga máis cálida da corrente do Golfo, por exemplo. A lembrar que as augas desta zona son máis cálidas que as das rías baixas, onde afloran augas profundas.
En cambio, o segundo, que colle as medias mensuais, como comeza as series nun marzo, a interrrupción de medidas prodúcese precisamente dende que comezaba a baixar a temperatura nos meses de outono ata un mes, xa no verán, no que a temperatura estaba alta de novo. E ademáis, aínda estamos en meses con temperatura por riba da media, resulta que, neste caso, a tendencia é que a temperatura suba preto de cinco centésimas de grao ó ano de media... dun xeito ficticio.
Si, o cambio climático está xa aquí. Pero é serio, non para tomalo de calquera xeito.

20130124

O cambio climático en Ribadeo

Despois da entrada de onte sobre o clima, vin que é doado facerse unha idea falsa da temperie que ven en cada momento, e que ás veces, menos datos poden resultar en máis claridade. Así, onte, a temperatura en Ribadeo foi superior á de antonte, en varios graos, mentras que había xente que dicía que facía máis frío. O quid está no que se chama sensasión térmica, que depende da temperatura, pero tamén do vento e da humidade, e que fai sentir unha sensación de máis frío por acción do vento. E onte houbo abondo vento. En canto ó que dicía de menos datos e máis claridade, en Ribadeo o cambio climático está visible en pequenos detalles, como o adiantamento das estacións meteorolóxicas e cousas relacionadas, como a floración ou a saída de follas, que fai ique algunhas árbores sofran stress.
En canto a clarificar as cousas con menos datos, deixo abaixo unha táboa feita coas temperaturas máximas recollidas na Pedro Murias, pero tomando só o número de días en cada ano nos que a temperatura medida nalgún momento superou os 25 graos. A tendencia ascendente é clara, podendo dicir que aumenta de media un día por ano ...
... aínda estando lonxe de ser un número de anos e medidas abondo como para dicir que en Ribadeo estamos sufrindo o quencemento climático.
Por certo, hoxe hai 5 anos que tíñamos sobre nós o 'Klaus'.

20210705

Canadá, 50 ºC. Ribadeo, frío.

Gráfica da NASA manifestando a anomalía de temperaturas en norteamérica estes días, en comparación coa media dos sete anos anteriores. Imaxe no dominio público.

 

   As novas dan fe: no Canadá están a sufrir temperaturas de case 50 ºC, en zonas onde o normal é que nesta época pouco máis teña feito que comezar o desxeo. Mentres, Ribadeo marcou o comezo de ano máis frío deste século.

   Está tolo o clima? Diría máis ben que quen está tolo somos nós, como especie, os humanos. O clima só responde ás leis físicas, aínda que ás veces sexan complicadas de entender, ou mesmo, aínda descoñecidas.

  E, mentres, está a estenderse de que hai que difundir os efectos extremos para amosar a gravidade da situación climática e propiciar unha mentalización rápida e a conseguinte actuación para enfrontarse ó cambio nocivo que estamos a experimentar. En contra, ese alarmismo é respondido dende filas opositoras, chamándoo como econazismo ou etiquetas semellantes.

   Na realidade, non fai falta poñer fincapé na difusión de catástrofes, nin provocadas polo clima, nin doutro tipo: pola súa propia natureza, eses efectos extremos son carne de noticia. E, en relación ó clima, cada vez son máis frecuentes e máis extremos. De xeito estatístico, eses efectos que soian darse de cento en vento, aumentan de xeito rápido a súa frecuencia con aparentemente pequenas variacións de temperaturas medias. Ó fin, que é un aumento de 1 ºC?

   Ese aumento de frecuencia non só é para aqueles fenómenos que asociaríamos con temperaturas altas, senón que nun aparente paradoxo (só aparente) tamén vemos aumentos doutros fenómenos que asociamos con temperaturas baixas. E así, hai non moito, a pasada primavera, mentres unha ampla zona de Europa centrada no Báltico, estaba a sufrir unha abafante vaga de calor 'mediterráneo', ó estilo do que se pode pasar nas costas cálidas dese mar no verán, a zona mediterránea estaba a sufrir unha vaga de frío 'polar'. Ambas vagas, anómalas, por máis que fora máis rara a calor báltica. E ambas, episodios puntuais que por si sós non significarían nada máis que unha flutuación típica, se ben pouco frecuente. Pero a suma de flutuacións dun e outro signo vese aumentar en cantidade e profundidade, e iso si, ese cambio de frecuencia e profundidade do conxunto, é efecto do cambio climático

   E é que un aumento da temperatura media supón que a atmosfera dispón de máis enerxía, e polo tanto, é máis inestable. Dicir algo como que 'en Galicia viranos ben que aumente algo a temperatura polo cambio climático' é afirmar o propio descoñecemento do tema, e non só no que a rexistros de temperatura poda afectar, pois unha cousa é pensar na temperatura media e outra que debido a ese aumento se podan rexistrar máis veces indesexables extremos da temperatura, sobre todo, altas. E, por suposto, desestimar outros efectos asociados como a seca e o descontrol de precipitacións ou a chegada de furacáns ás nosas costas. Non, por desgraza as novas non son alarmismo: son alarmantes aínda que haxa que comprendelas e matizalas.

20071012

Premio Nobel da Paz: Al Gore e o Panel Integubernamental do Cambio Climático (3ª de hoxe)

Coido que este, o da Paz, si paga a pena poñelo (mágoa non decatarme os anos anteriores):
"for their efforts to build up and disseminate greater knowledge about man-made climate change, and to lay the foundations for the measures that are needed to counteract such change", ou sexa, máis ou menos, 'polos seus esforzos para construír e diseminar un maior coñecemento sobre o cambio climático provocado polo home, e por poñer a base das medidas necesarias para contrarestar tal cambio'

20140922

Rematado o verán: a variación da temperie en Ribadeo

Este ano, o verán comeza aínda mañá, 23 de setembro, aínda que sexa ben cediño (2:29 UTC, isto é, ás 0:29 hora oficial, media hora escas despois do cambio de día), co que podemos considerar que aló foi, máis aínda coa chuvia que está a caer a estas horas en Ribadeo, xusto antes de comezar a clarexar.
É dicir, a tempada de boa temperatura vai pasada, aínda que poda haber días sorpresa con sol e temperatura agradable, pero dificilmente chegarán ás máximas do verán.
E aí ía: mentres que o cambio climático se vai producindo lentamente, subindo a temperatura media de xeito imperceptible, o ser unha cuestión estatística, nos extremos desa temperatura, en momento puntuais do día a día, nótase máis a variación.
Dende comezos de século, a estación automática de medición meteorolóxica da Pedro Murias leva dándonos os resultados, e, se collemos as temperaturas máximas diarias, observamos o que tembos embaixo:

É dicir, o número de días que se leva acadado en Ribadeo temperaturas superiores a 25ºC vai aumentando paulatinamente, de media, a razón de máis de 3 días/ano cada catro anos. Se collemos os catro últimos (neste aínda pode haber algún día máis con temperatura maior que 25ºC, aínda que sexa improbable), temos 65 días con temperaturas superiores, mentras que nos catro primeiros do século (o 2000 pertence ó século XX) o número é de 30.
Non sei o que nos deparará este inverno, pero o aumento de temperaturas, o cambio climático, está claro en Ribadeo.

20201103

Estatísticas


   Remato de ver a estatística. Un pouco antes das oito da mañá somos no mundo 7 822 868 455 persoas. Volvo mirar. Xa non, o contador xa vai en 7 822 868 570 persoas. Cando vexas isto, seguro que os números son moi diferentes, mesmo incluída a unidade de millón. Os datos son, naturalmente, aproximados (obtidos de https://www.worldometers.info/). Impactan pola velocidade de cambio. Este ano achegarémonos ós 140 000 000 nacementos e 60 000 000 mortos. Entre outras cousas, iso indica que tanto duns como doutros, cada segundo se producen varios a nivel mundial. Ou que este ano de pandemia, a poboación mundial aumentará uns oitenta millóns de persoas. Cousas da demografía, si, pero con consecuencias de vida.

   Noutro momento podemos comentar outras cousas, que da para moito, mais quedome con isto: a nivel mundial, está claro que por moita primacía que a pandemia teña nas novas e nas cabezas neste momento, hai que considerala un tema de segundo orde. Non é capaz, nin moito menos, de dobregar o medre en número da humanidade. E mentres, máis do 10% das persoas están desnutridas e a estas horas da mañá xa ten morto de fame más xente que a que hai en Ribadeo. Cousa dun quinto do total de mortes a nivel global. Abondo máis que as mortes por coronavirus. E segue aumentando a terra desertificada: no que vai de ano, unha superficie maior que tres veces Galicia, co que iso implica de máis fame para a xente do lugar e máis vulnerable. Mentres, os milleiros de toneladas de dióxido de carbono verquidas a atmosfera aumenta máis rápido que os segundos que pasan (atención, un milleiro de toneladas equivale a un millón de kg!). E con eles, o medrar da temperatura, a desaparición do entorno polar, o aumento da seca ou do nivel do mar...

   Non esquezamos tampouco que se hai moita xente desnutrida no mundo, a cifra de xente con sobrepeso é máis ou menos o dobre: só o número de obesos, o estadio superior en canto ó peso, iguala ó de xente desnutrida. Iso da unha idea da desigualdade. Desigualdade que se manifesta en casos concretos, en persoas, e nas súas posibilidades de afrontar unha enfermidade (covid ou outra, non importa) ou os efectos do cambio climático, sobrelevar a calor ou a seca...

   Si, certo, temos que loitar contra o coronavirus, convertido en pandemia por acción e deixación humana. E temos que loitar xuntos e cada un. É un problema de todos e de vida ou morte. Mais é sabido que a loita polo momento é paliativa e preventiva. Nos mesmos termos que a loita contra o cambio climático, ou a desigualdade, pero a nivel moito mis pequeno aínda que queden eclipsadas na portada e mesmo cun trato desigual a desigualdade. Coido que quédanos como materia pendente o aprender a loitar xuntos e aprender a vivir. Tamén, a vivir xuntos, non só cadaquén a súa vida.

--

Nota: unha versión lixeiramente diferente está a saír en Crónica3, Galicia Dixital ou Praza.

20220415

Aire no futuro de Ribadeo

Ribadeo no Sigpac

 

Aire no futuro de Ribadeo

    O venres 15 de abril, o día seguinte a que se celebrase o aire novo que representou o advenemento da II República, apareceu na portada da Comarca del Eo (datada o sábado 16) un artigo co título 'El futuro de Ribadeo ya no está en el aire', sen asinar. En tempos pos-covid, cun entorno completamente cambiante, resulta raro un título así. Foi o que pensei ó velo e sigo pensando tras lelo. Por iso quero deixar aquí algún comentario a dito artigo.

    Evidente: Ribadeo afronta cambios. Fíxoo sempre, seguirá a facelo, e non diminuíu a taxa de cambio no comezo da pos-pandemia. Pero, nun mundo interconectado de múltiples xeitos, por influenzas máis externas que internas, dependendo o futuro do turismo ou a inflación (por non falar directamente de cambio climático ou estrutura enerxética), máis que doutras circunstancias máis locais. E máis aínda, se a palabra 'estruturais', que aparece no artigo aplicada ós cambios, lle ven demasiado grande.

    Din (di o artigo) que chega a revolución industrial porque baixan os prezos das parcelas no polígono (supostamente) industrial. Deixando aparte a xa longa historia da revolución industrial, celebro unha baixa de prezos que non comprendo, pois, se levan os prezos das parcelas altos máis dunha década (o polígono é de 2010), a baixada ven con retardo. E, o seu efecto a futuro, despois de chegar atrasado e perder a competencia con Barres (que ten unha extensión dobre e está abondo máis poboado) e outros polígonos (unha poboación semellante, Vilalba, ten un polígono catro veces máis extenso e ocupado), está aínda por ver. Sen ir máis lonxe, non sei que se fixera ningún estudo que apoie a afirmación da próxima 'revolución industrial ribadense'. Evidente, mal non lle ven, pero o polígono, polo momento, sinxelamente deixará de estar no aire para pasar a estar no vento.

    Din que o centro de saúde lambe as súas feridas, e que o solar que deixará o vello ó trasladarse 1 km máis aló será ouro puro. Coido que para a sanidade ribadense a ferida principal neste momento, a necesidade máis perentoria, é a falta de persoal médico, e que o mero feito do cambio de lugar non vai suplilo. Nese sentido, terá que seguir a lamber as feridas en troques de curalas de xeito efectivo máis que coa saliva. O cambio de situación, se ben vai supoñer a mellora de acceso para algúns, para a maioría da poboación vai ser o contrario: xeografía e servizos cantan claro. Non sei o que custaría poñer o centro de saúde ó día, pero dubido que sexa máis do que custará un novo. E, non dá que pensar que o lugar do vello sexa cualificado de 'ouro puro'? Se ten tan boa situación, para que facer que se marche de aí?

    Din 'cambio de urbanismo' cando coido debera dicir 'máis do mesmo'. Ou as últimas aprobacións urbanísticas cambiaron o futuro do que xa hai? Saltaron por riba e estableceron liñas diferentes en relación ó PXOM?

    Un casco histórico e unha torre dos Moreno que xa non asuste? Ribadeo, por sorte, leva máis dunha década rehabilitando o seu casco vello. Pode verse como estaba hai algo máis de quince anos no documento 'Ribadeo Falls. Presentación sobre as casas caíntes en Ribadeo'. Pode apreciarse a diferencia. E nun paseo, pode verse o que lle falta. Seguirá a mellorar. A torre tamén, esperemos.Pero polo momento, desde que chegou Paisajes de Asturias, os amaños vense compensados co desgaste, e non creo doado dicir se o balance é positivo ou negativo. De feito, o mesmo artigo citado, entre outras cousas, ten escrito 'hace ya tiempo que su nueva propietaria mayoritaria, Paisajes de Asturias, tendría que tener listo su proyecto de rehabilitación del edificio'. Ou sexa, foi polo vento, veu polo aire...

    Remata con algo no que estamos, máis ou menos, de acordo: garantirase un 'pulmón verde' entre o formigón. O proxecto inclúe pistas, que farán que o verde se vexa sobrepasado por outras cores. Benvida á nova dotación. Fai falta unha zona de calistenia (ver a nota de prensa do concello) aínda que na parcela veciña, rúa Daniel Cortezón por medio, haxa elementos de ximnasia que non se potenciaron. Iso si, o proxecto non mellora as traseiras dos edificios nin a súa beleza.

    Benvidos os cambios? Parte deles, si. Pero, mentres vexo voar as gaivotas sobre a ría, lémbrome do vello son 'Pousa, pousa': fun polo vento, vin polo aire...

20241003

ALCOA e os seus vertidos vulneran dereitos fundamentais. Pablo Mosquera


 ALCOA e os seus vertidos vulneran dereitos fundamentais

Pablo Mosquera

Teño motivos para sinalar que o problema de ALCOA limítase á relación entre os representantes sindicais dos traballadores relacionados coa fábrica de aluminio e a multinacional con sede lonxe do noso país -Estado-Nación-Comunidade-Rexión-Concellos-Habitantes dun territorio- Esta é a primeira cuestión de trasfondo ideolóxico que debemos corrixir e difundir entre a cidadanía galega e mariña.

Teño todos os motivos para denunciar que houbo e existe unha certa colisión entre o dereito a un emprego estable e cun salario digno e as contas de resultados dunha empresa que, por desgraza, se converteu nun “monocultivo económico” para un territorio con dereitos históricos por razóns ecolóxicas, culturais, consuetudinarias, marítimas. Tal realidade funcionou e segue funcionando como "xestión do medo". "Alcoa somos todos". "Sen Alcoa non hai futuro". "Mariña depende de Alcoa". Renuncio ao meu dereito a protexer a miña saúde para continuar tendo o traballo e os soldos que xera a fábrica de aluminio.

O dito antes foi manipulado, consentido e promovido pola empresa, os seus traballadores e todas as Institucións Políticas e Económicas que operan na Mariña Luguesa. E aínda hai: persoas, cidadáns, colectivos socioculturais, que non se senten representados por tal pensamento e decisión á hora de dimitir ou de elixir. Comecemos atacando un dos temas que non foi suficientemente debatido e divulgado.

O DEREITO HUMANO A UN CONTORNO SAN E EQUILIBRADO. A maioría dos autores que manteñen a existencia deste dereito atopan a súa formulación no Principio 1 da Declaración de Estocolmo sobre o Medio Humano de 1972. «O home ten o dereito fundamental á liberdade, á igualdade e ao goce dunhas condicións de vida adecuadas tal calidade que lles permite levar unha vida digna e gozar de benestar e ten a obriga solemne de protexer e mellorar o medio ambiente para as xeracións presentes e futuras.

Un segundo instrumento xurídico que incorpora o chamado "Dereito a un medio ambiente saudable e ecoloxicamente equilibrado" atópase no artigo 24 da Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos de 1981.

O Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais de 1950 non ten unha disposición especial referida a este “Dereito Humano ao Medio Ambiente”, existen, non obstante, numerosas xurisprudencias e casos referidos ao tema que demostran que, en moitos sentenzas, a Comisión Europea de Dereitos Humanos tende a recoñecer este dereito.

O DEREITO AO MEDIO AMBIENTE É UN DEREITO HUMANO DE TERCEIRA XERACIÓN. Segundo Kiss e Shelton, hai aproximadamente corenta constitucións en todo o mundo que consagran ou teñen unha referencia xeral ao dereito humano ao medio ambiente. En xeral, estas constitucións consagran a idea da protección ambiental como un "dereito humano" e, en consecuencia, o seu cumprimento é responsabilidade dos Estados.

Así, como consecuencia do deterioro ecolóxico, as políticas de desenvolvemento insostibles, a contaminación e a desertización, moitos habitantes do mundo están a migrar e abandonar os seus lugares de residencia habitual para trasladarse a outros lugares, obrigados polo dano ambiental do seu hábitat.

Unha vez máis sobre o dereito á saúde e a identificación de riscos nun territorio determinado cunha poboación que os poderes públicos -Estado e Autonomía- deben protexer, non só asistir cando se declarou a enfermidade. O Sistema de Saúde ten un antes e un despois da enfermidade. O primeiro é EDUCAR PARA A SAÚDE; PREVIR AS CAUSAS DE ENFERMIDADE; IDENTIFICALAS E ELIMINALAS. -Plans de saúde, vixiancia continuada, eliminación integral dos elementos nocivos que sabemos son causantes-

A emisión de gases de efecto invernadoiro en Lugo é "máis que" a media de Galicia. O Observatorio Galego de Acción Climática indica que a cifra vén desencadeada pola actividade do sector primario e de Alcoa en San Ciprián. O último inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica confirma que Lugo, de feito, concentra o 20,9% das emisións brutas de gases causantes do cambio climático en Galicia, con máis de 4 millóns de toneladas fronte ás case 19,5 que conforman o total galego.

O cambio climático provoca un aumento das mortes por calor e das infeccións transmitidas por vectores. Así mesmo, provoca un aumento de afeccións respiratorias como asma, rinosinusitis ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC). Tamén é a causa do aumento da incidencia de enfermidades alérxicas, enfermidades cardiovasculares e do número de infartos de miocardio.

E volvemos ao máis urxente. Co medo a que "se están a facer cambios no estanque de lodos vermellos". "Que se está a utilizar a táctica do feito consumado". "Que haxa silencios cómplices".

As investigacións realizadas indican que o lodo vermello presenta as seguintes características: 

- Irritante: Corresponde a residuos que ao aplicarse poden provocar irritacións cutáneas ou lesións oculares. 

- Provoca graves queimaduras na pel e danos oculares graves. 

- Provoca irritación da pel. 

- Provoca irritación ocular grave. 

- Toxicidade específica de órganos diana

- Toxicidade por aspiración: pode provocar irritación das vías respiratorias

- Pode provocar defectos xenéticos

- Carcinóxeno: Corresponde a residuos que inducen cancro ou aumentan a súa incidencia. 

- Mutacións: Corresponde a residuos que poden provocar unha mutación, é dicir, un cambio permanente na cantidade ou estrutura do material xenético dunha célula.

20120906

Cambio climático, aplicado a Ribadeo: praga de medusas

Unha nova nos xornais de hoxe xa non é tan nova, pois non é a primeira volta que ocorre: praga de medusas nas praias da zona, con varias notas do concello
Ás veces,facémonos á idea de que vivimos nun mundo illado, ou todo o máis con counsas que contan ocorrendo nun perímetro limitado. Non obstante, é doado ter que ollar un pouco máis aló e ver que esa non é a realidade, aínda que usemos ese esquema de illamento de xeito válido para moitas cousas: a crise na que levamos cinco anos inmersos non se pode explicar dende o núcleo urbano Ribadense, aínda que teñamos as construccións de Barreiros aí á beira, por exemplo.
De igual xeito, o tema das medusas non se pode incluír nunha casualidade ou nalgo específico de Ribadeo, senón que hai que contemplar o cambio climático a nivel planetario para facer aínda que só sexa unha primeira aproximación ó tema. E iso que o pasado verán en Ribadeo non bateu marcas en canto a temperatura media en Ribadeo (aínda que foi dos quentes, como amosarei noutra entrada)
O caso é que estas circunstancias externas van ir cambiándonos a vida, como calquera circunstancia cambiante que fai que nos teñamos que amoldar dun xeito ou outro para sobrevivir ...
Anteriores sobre medusas na nosa costa: 2008-1 2008-2 e aquí (cara ó final) dábase nota dunha charla para creación dun grupo de vixiancia de medusas na costa.

20201111

Un iceberg dúas veces o tamaño da Mariña

Hai máis de tres anos deixaba esta entrada: Un billón de toneladas de xeo. daquela, a nova era que estaba recén desprendido da Plataforma Larsen C da Antártida un xigantesco iceberg de máis de 100 km de longo. Tardou tempo, uns dous anos e medio, en afastarse da Península Antártica, deixando atrás o punmto máis ó norte do continente xeado. Pero este ano, xa no océano aberto, arrastrado pola corrente, está a moverse moito máis rápido, e posiblemente chegue a colisionar contra unha illa colonia británica, Xeorxia do Sur (si, a base máis próxima que usaron os británicos cando atacaron as Malvinas).

O caso é que tan xigantesco anaco de xeo (A-68A por nome) pode tardar dez anos en derreterse substancialmente. E iso aínda despois de partirse en anacos máis pequenos, pois o orixinal chamábase A-68, do que o A-68A é o maior.

E o choque é un problema medioambiental para as illas. Mirando o tamaño relativo na imaxe da ESA que relata o seu movemento  ata a actualidade coido que pode comprenderse de xeito doado:

E é que a distancia actual de separación coa illa, uns 300 km, é só unhas tres veces a súa lonxitude, e o tamaño da illa, 3756 km2, é semellante ó de A-68A. Se pode deixar a costa sur da illa cuberta dunha grosa capa de xeo durante dez anos, o ecosistema dunha zona superior á Mariña resentirase... Cousas do cambio climático? Máis ben, cousas que acelera o cambio climático, pois desprendemento de icebergas xigantes habíaos de antes, pero non na cantidade que hai agora. Así, sen ir máis lonxe hai pouco máis dun ano desprendeuse outro que podería dar de beber a Ribadeo durante... 300 000 anos, o D28.

20181207

O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo


Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos  por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".