20191211

O que nos chega do cumio climático

Esta tempada, algunhas novas teñen mala sorte: a formación de goberno enléase con Cataluña e mesmo con ETA, de tal xeito que se toma a información dunha parte da negociación como representante e referencia por toda ela, quedando o resto arrinconado. E isto, o que está a ocorrer nunha parte da actualidade nun estado secundario a nivel mundial, asemade está reducindo o espazo-noticia dunha conversa que, xa só por tratar de toda a humanidade como afectada directa, parece que debera comerse o pastel informativo. Pero non. E, por se acaso, aí está a figura de Greta para ter outras cousas secundarias de que tratar: hoxe mesmo, nunha emisora de radio escoitei algo ó que non podía dar creto, falar do peinado de Greta Thunberg, como se nos seus tempos de Greta Garbo se tratase. Menos mal que xa lle saíu un contrapeso pouco máis que adolescente, Hilda Nakabuye,de 22 anos, que hoxe tamén pillou cámara co aplauso de Greta.
Así, dende moitos lugares, como Ribadeo, vendo dende aquí as inundacións cada vez máis frecuentes na Veiga en marea alta, ou as dúas novas marcas de temperaturas máximas na Pedro Murias de aínda hai un par de anos, ou a variación do réxime de chuvias que está habendo, podiamos pensar máis nos resultados e solicitar unha información máis axeitada do que está a ocorrer. Porque atopar novas como a que atopo na 'Vanguardia', de hoxe mesmo, é raro. Por desgraza. De que se trataba? Pois da interrupción das conversas no cumio do clima. E, por? Pois pola negativa de moitos países a incluír a axenda de xénero nos compromisos para frear o cambio climático. E iso que se acordara nun cumio anterior. E que está demostrrado que dos dous sexos, as mulleres sofren máis as consecuencias do cambio precisamente por desigualdade social, ó igual que está mosado que un maior desenvolvemento das mulleres beneficiaría a toda a humanidade, tamén no cambio climático, pero non só nese aspecto.
E isto, mentres Groenlandia perde nas estacións cálidas sete ves máis xeo que nos anos 90 (nova que tamén vin hoxe por primeira vez, noutro medio), ou se poden comezar a facer relacións entre o 'suicidio poblacional' galego e as extincións por suicido ou perda de interese na vida de tribos en lugares tan distantes como a amazonia ou a estepa, ante o avance dunhas condicións de vida que non identifican como súas e que non poden nin queren asimilar. Condicións socioeconómicas que Galicia ve aumentar coa emerxencia climática.

Ningún comentario: