Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta prehistoria. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta prehistoria. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20230608

Tito, Lourenzo Fernández Prieto, en Ferrol, na Academia, na RAG

        Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, humildes entre outras cousas máis relevantes, foi investido o día 3 como Académico de Número da RAG nun acto no Teatro Jofre de Ferrol. Deixo a continuación o vídeo do acto, un pequeno comentario meu e a nota de prensa da Academia, ambos con fotos.

    Ó acto de Ferrol foi unha cantidade de xente que encheu o teatro. Entre ela, atopábamonos case media centea de ribadenses que queríamos acompañar a Tito. Foi un acto ó tempo entrañable e académico. De que resultara así encargouse principalmente el no seu discurso de aceptación da cadeira académica, que como se pode ver no vídeo ou no resume da nota de prensa da RAG, constou de varias partes ben diferenciadas, resaltando así o aspecto humano antes que o aspecto de estudo. Neste último tamén salientou aspectos humanos na confrontación entre Paz Andrade e Cela, mirando a súa proxección at a Galicia actual.

    No acto atopábanse os xa académicos, entre os que se conta Francisco Díaz Fierros, académico dende 2002.






Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG reivindicando a memoria silenciada como fonte para escribir a historia

Lourenzo Fernández Prieto ingresou este mediodía na Real Academia Galega reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real. O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo”.

O director da Sección de Historia, Ramón Villares, dálle resposta a Fernández Prieto en nome da Academia.

“Hai aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “pero tamén o que queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para substituíla”, matizou.

O investigador traballa dende os seus comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia. “O caso é dar con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, pero si os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha escavación mal feita”, comparou.

Lourenzo Fernández Prieto ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública celebrada no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino. Nos primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa dende hoxe e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, recoñeceu o historiador.

A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante
Lourenzo Fernández Preito (A Devesa-Ribadeo, 1961) converteuse en membro de número da Academia nunha sesión extraordinaria e pública celebrada este mediodía no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou. O historiador tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a lingua do país.

“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte. Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito. Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo, organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de 1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no Instituto Concepción Arenal.

O director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia”. Lourenzo Fernández Prieto -salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”. “Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”, valorou.

O lance entre Paz-Andrade e Cela
Lourenzo Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o esquecemento que existía, na Galicia de 1977, respecto da tradición republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que dan conta do episodio. Entrevistado telefonicamente nas vésperas da xuntanza da Asemblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18 senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4 de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á elección popular democrática.

Pouco despois Cela daríalle a réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios de Galicia. Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política de Galicia”, puña “en cuarentena su actitud de restar y no de sumar respecto a Galicia” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez Paz” e “pescadero mayor del Régimen” que desprende cheiro a “aroma de pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e Isaac Díaz Pardo.

Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios de Galicia.

O certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico. Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela. “A fractura encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936. Unha solución case inevitable, a falta doutro texto alternativo sobre o que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou amputa”, analiza o historiador.

“O balance político de todo este episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na súa proposta, pero tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e antifranquista e na recentemente adquirida como representante de Galicia na Comisión dos Nove que negociara co goberno de Adolfo Suárez a saída democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de 1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía de Galicia que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”, suxire.

Perfil académico
Lourenzo Fernández Prieto estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio extraordinario. Profesor titular dende 1993 e catedrático dende 2005 na mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.

O novo académico investiga dende os comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Os primeiros traballos de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas, profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

Como xestor académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).

Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.










20230515

PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 


PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

O termo Prehistoria expresa aquela parte da Historia que abarca estudos do período da vida humana anteriores a aparición de fontes escritas. Cronoloxicamente a Prehistoria supón o 99% do transcurso da Historia do Home sobre a Terra. (1) Dun total preto de catro millóns de anos que levan os homínidos sobre a terra, solo hai documentos escritos de fai 5000 anos, en escritura cuneiforme sobre arxila, anteriores aos xeroglíficos exipcios, polo que o home viviu en culturas ágrafas e a escritura aparece cando xa existe un home moderno cunha avanzada civilización establecida.

Practicamente todo o que se coñece da forma de vida do home prehistórico está relacionado coa Arqueoloxía. Polas súas ferramentas de pedra e de óso intúese a súa forma primitiva de vivir, a súa evolución, o seu coñecemento cognitivo; en que época chegou a dominar o lume e os materiais dos que se valeu para o desenrolo do seu vivir diario.

A poboación máis antiga que se coñece de Ribadeo, aparece nitidamente no xacemento arqueolóxico de Louselas do Paleolítico Inferior, onde se fixeron achados, entre os anos 1980-2000 de raspadeiras, raedeiras, bifaces e fendedores, datados en 480 000 anos de antigüidade, algo totalmente esquecido para o pobo de Ribadeo, pois a administración patrimonial da Xunta mandou as pezas atopadas para o Museo Arqueolóxico de Vilalba e nós, ribadenses, quedamos co terreo baleirado de restos e cunha Memoria Louselas (Ribadeo) do que foi aquilo, que publicou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV Nº6). Por non ter non temos nin sequera unha sinalización do lugar, nin por parte autonómica nin municipal do que é a súa contorna para poder mostralo aos miles de visitantes que temos o ano.

Por outra banda, tamén hai importantes xacementos arqueolóxicos da Cultura Castrexa dos celtas da Idade do Ferro, e da romanización, repartidos en nove castros, catro de litoral: As Grobas (Vilaselán); Fornelos (Piñeira); Meirengos e os Castros (A Devesa); e cinco castros de interior: A Coroa ou a Aira da Croa (Arante); A Pumarega (Covelas); Porto de Arriba e A Torre (Vilaosende) e As Cárcobas (Ove), cuxa situación e toponimia nos explicou nun pequeno libriño, “Sobre os Castros de Ribadeo” o noso inesquecible veciño José María Rodríguez Díaz. Pero é posible que haxa máis xacementos e todos eles esquecidos pola administración da Xunta da Galiza, e polos presupostos municipais, en onde nunca aparece unha pequena partida para descubrir ou, ao menos, sinalizar algúns deles, sequera para facer unha Ruta dos Castros, unha gran ruta turística para os nosos visitantes e veraneantes, incluso para nós veciños de Ribadeo ou para facilitar o camiño a aqueles academicamente preparados que fan investigacións castrexas.

Porén, os materiais arqueolóxicos máis importantes que transcenden incluso a nosa propia Historia particular, están no fondo da Ría de Ribadeo. Son pezas que proveñen das civilizacións avanzadas do Mediterráneo, as máis delas, pezas de cerámica, armas brancas e de fogo, adornos con todo tipo de filigrana, e de distintos materiais, ouro, ferro, madeira... pezas imprescindibles para reconstruír e datar acontecementos non solo da nosa propia Historia, senón da evolución do Comercio Marítimo de Europa.

Pero en Ribadeo, vamos ter que empezar a enumerar as riquezas patrimoniais por “As Desfeitas”. Vemos na prensa, case tódalas semanas, que se destrúen mámoas, antigos elementos estruturais de poboación en espazos patrimoniais dentro do ámbito forestal, sen que se tome ningunha medida administrativa, xudicial ou penal, contra dos depredadores, moitas veces ignorantes do que hai, pois Patrimonio nin por parte da Xunta, nin de Costas, nin do Concello, fixeron unha delimitación visible das zonas de excepción catalogadas como patrimonio da Galiza, e tampouco puxeron a ninguén a vixiar estas prezadas zonas cando se vai a traballar preto delas, para parar tal ou cal desfeita. Moitas veces ó contrario, a administración pechou os ollos e deixaron facer a desfeita impunemente.

A Ría de Ribadeo estase destruíndo día a día coa colmatación de area que a está deixando completamente cegada, e noutros vinte anos poderase ir andando por toda ela en marea chea. Efectivamente. Pero NON SE PODE DRAGAR a Ría sen ter antes mirado o que se está dragando, pois sería un atentado manifesto o patrimonio subacuático cara aos restos arqueolóxicos que son testemuñas únicas e moi importantes para saber de como evolucionou o comercio marítimo na Galiza e en Europa.

Xa no ano 2011 desde a Asociación de Veciños “O Tesón” facíamos fincapé deste despropósito de dragar a ría sen ter rescatado primeiro os bens que por aquel entonces xa estaban inventariados. A contestación de “Cultura da Xunta de Galiza” foi que “un arqueólogo supervisaba os traballos” (A Mariña, El Progreso, mércores 16 novembro 2011). Punto, así nos vai doce anos despois sen solucións efectivas de ningún tipo.

No fondo da Ría de Ribadeo hai tanta riqueza en pecios que unha vez ao descuberto, estudalos será cuestión de dedicarlles unha vida enteira, pero ¿e mellor deixalos onde están, e que vaian desaparecendo pouco a pouco en dragados incontrolados?. Aínda non se convenceu a Xunta, Portos de Galiza ou mesmo o Principado, que a Ponte dos Santos e as escolleras e diques que se foron facendo en “obras inciviles” son unha ruína ambiental totalmente en contra do noso ecosistema, totalmente en contra do Porto Comercial de Ribadeo? Estarán facendoo adrede para revalorizar os portos limítrofes e deixar a Ribadeo ao marxe do comercio marítimo? Non é de extrañar, pois xa acabaron con tódolos barcos de pesca de altura e de baixura, que nada menos chegou a ter 350 homes apuntados no Pósito de Pescadores. Estará pasando o que mesmo que pasa co Xulgado de Primeira Instancia, que non ven por estar mellor en Mondoñedo, Viveiro ou en Lugo?

Como se vai poder manter a profundidade do canal ao Porto de Ribadeo, sen destruír a riqueza da ría? Primeiramente, tería que irse cambiando a estrutura en viga da Ponte dos Santos, por unha ponte en arco ou unha ponte colgante ou atirantada que evite a construción de pilastras centrais, para ampliar a súa luz e a súa altura, creando un gálibo de navegación apropiado e adaptado aos tipos de barcos mercantes modernos, de máis calado e de máis guinda ou altura de topes (air gap); un gálibo que non debera de ser menor de 45 m ou 50 metros de altura que incluso permita entrar a barcos de vela arbolados que navegan ao largo de todo o ano, e principalmente nas regatas máis importantes do Atlántico.

A Ría de Ribadeo e o Porto de Porcillán foron desde sempre o gran refuxio seguro, durante toda a roda do ano, para os barcos mercantes e de guerra nas fortes galernas do Cantábrico, tanto para aqueles grandes veleiros desde a alta Idade Media, como para os pequenos e medianos barcos de cabotaxe de todos os tempos. Teñamos en conta que o tráfico marítimo, foi o gran motor da economía de Ribadeo, e a Ponte dos Santos é un atranco, un estorbo artificial que parece posto a propósito para destruír a Ría, para destruír a hexemonía marítima milenaria de Ribadeo. Aqueles vellos mariñeiros dos anos 1960 e 70 cando se estaba proxectando a ponte e o primeiro “paseo marítimo” que destruíu a dársena e praia de Cabanela, xa o dicían: “A Ría de Ribadeo non é o Duero, aquí hai marea cada seis horas”. Non fixeron caso, e a colmatación de area é incontrolable hoxe en día, pois aínda que se chegara a dragar cada catro ou cinco anos, sería como querer quitar cunha culleriña do café o arrastre de area que pode meter a forza do mar nunha marea.

A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, fondeadoiro e Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as pezas que se están atopando nas pouquiñas mostras arqueolóxicas que se fan na Ría, serven para demostrar que este comercio internacional a gran distancia xa existía un milenio antes da nosa era. E faltan de supervisar centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca e media profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar as decenas de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvelábanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

A diferenza de criterio entre “Cultura” da Xunta de Galiza e Castela, é que cando se estaba facendo a trincheira daquela liña de ferrocarril no corredor da Bureba tan necesaria entre a conca do Ebro e o río Douro, atopouse o xacemento arqueolóxico de Atapuerca, e inmediatamente se pararon as obras de escavación e se desviou o trazado do ferrocarril pois aquel tesouro humano representaba un achádego importantísimo, unha historia e vida para o seu entorno e o de toda a humanidade. Levan estudando o xacemento desde fai máis dun século, e ao seu redor se fixeron salas de exposicións, museos, escolas de capacitación e estudo, e tódolos anos reciben miles de visitantes.

Aquí temos algo parecido, salvando as distancias, para saber do comercio marítimo da antigüidade de Galiza e de Europa, dos tipos de barcos e dos seus secretos de construción, fábrica e armamento que Cesáreo Fernández Duro xa expoñía en 1880 en “A la Mar Madera”, pero as mentes académicas que pararon a trincheira ferroviaria de Atapuerca, na Ría de Ribadeo brillan pola súa ausencia, e queren dragar a toda costa e destruír toda unha riqueza patrimonial que se sabe de certo que existe. Unha vergoña institucionalizada nas disposicións da Xunta e de Portos da Galiza, e que non debe de tolerarse.

Nós non podemos facer nada inmediato para evitalo, solo patalexar ou escribir algún artigo como este para seguir alertando da pasividade e indiferenza con que se trata desde as administracións este delicado tema que unha vez destruído non ten volta de folla.

Pero, aínda que son ateo convencido, grazas a Deus, como recoñecía Oriana Fallaci, voulle pedir a Divindade do Cosmos por medio da Virxe do Carme Patroa de todos nós, os mariñeiros, que faga algo, que non permita tamañas falcatruadas sen que teñan consecuencias para quen as permita. Amén.

--

1 La Prehistoria y su Metodología, Ana Fernández Vega, Sergio Ripoll López, Amparo Hernando Grande, Francisco Javier Muñoz Ibañez, José Manuel Quesada López, José Manuel Maíllo Fernández y Jesús Jordá Pardo. Segunda Edición 2014, Editorial Universitaria Ramón Areces, UNED. Páx. 11.↩

20221123

Respeto Barbón, Ria do Eo, NON. Pancho Campos Dorado

 


Respeto Barbón, Ria do Eo, NON

Pancho Campos Dorado

Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.

Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.

O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.

O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.

Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!

Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).

Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!

Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.

Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).

Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.

A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.

En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (...) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (...).

En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve...” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.

Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.

Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.

En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias. No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.

20221101

Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos

Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos

     Comezou cedo unha etapa que estaba destinada a ter algunha torcedura. A primeira foi xa o día anterior, o non atopar onde durmir no destino previsto, Salas de los Infantes, o que obrigou a rematar desta volta en Santo Domingo de Silos, cun pequeno porto engadido, e retornar ó día seguinte polo mesmo lugar para seguir o camiño trazado. Non porque non houbera outras posibilidades de paso, senón porque as estimei peores, para ir quería ver Salas de los Infantes, e logo quixen evitar o salvar máis desnivel.

    Foi o primeiro día que me decatei de que, a pesar de ir cara ós días curtos, cun atraso da saída do Sol de máis dun minuto ó día, o meu pedalear cara ó leste facía que cada vez amencera lixeiramente máis cedo. E claro, a noite precipitábase en chegar. Para discutir cos temas de cambio de hora...

    A saída de Burgos foi pola vía verde Santander - Mediterráneo, que comezou moi prometedora nos primeiros quilómetros para logo quedar desbaratada a promesa ó converterse nun camiño de mal piso, e mesmo en lugares, desviado da antiga vía do ferrocarril, camiño polas rochas. E iso, aínda contando cun túnel para salvar un alto no quilómetro 158 da antiga vía.

A vía verde, á saída de Burgos. Foto tomada cara atrás, o Sol estaba baixo aínda.

    Así pois, ó comezo parecíame que podía comerme o camiño, aínda que todo era subida, pero logo, mesmo nas baixadas o tempo parecía non rendir.

Túnel no alto.

    O camiño de pedras, polo que había que ir con moito coidado para non esvarar, estaba baleiro. Moitos tramos mesmo os campos ás beiras estaban baldíos, e no camiño, no medio do secarral, medraban cardos.

Estación abandonada en Campolara.

    Antes de chegar o tramo máis desértico quixen facer un descanso. A sinalización estaba ben, e un peón ocasional no camiño (isto xa non era o Camiño Francés) indicoume que no próximo pobo, Revilla del Campo, había unha cantina xusto ó pé da vía. Sábado, a media mañá (pasaba das 11), a cantina pechada. Fun mirar e si, había outro local neste asentamento de segundas residencias. Tamén pechado. Volvín, e preto da vía verde e da cantina había un lugar con árbores, unha fonte e un banco. A falta de café (ó fin, unha desculpa para tomar un descanso e se cadra, meterme entre a xente do lugar), uns sorbos de auga e un debuxo para lembrar o punto. Unha señora que pasou deume algo de conversa e apuntouse a substituír o selo de certificación de paso.

     A pedalada continuou entre o Sol queimándome as pernas e campos cada vez máis desertos. Foi neste tramo onde, a pesar de atoparme na vía verde, o mapa sinalábame no medio da nada. Tamén foi onde unha bandada de codornices levantou vo a escasos metros de min.
    Continuei ata atopar un pobo case á beira. E alí, un lugar que tiña pinta de taberna. Un home que estaba sentado fóra nun artefacto abandonado, xa me dixo que ó mellor non tiñan funcionando aínda a cafeteira, e resultou así, co que unha cola (1,2 €) veu ben para acompañar á charla co par de parroquianos dentro do local. Así saciei a curiosidade sobre Peñalara (por certo, hai un a tiro de pedra, en Mambrillas de Lara, e outro en Rascafría, no límite entre Madrid e Segovia, o máis famoso). Iso si, era o local onde exerce a peña recreativa cultural de Villaespasa (o nome do lugar), e quedou constancia diso no diario.

    Incorporado á estrada despois da vía verde, hora de comer. Barbadillo del Mercado, tamén en festas. E claro, comín en Doña Lambra, 'o local', coa cafetería ateigada de xente en celebración tanto dentro como na terraza. Para comer de festa aínda era algo cedo, e notábase o comedor máis despexado. Ó saír, estaban valando para unha carreira pola tarde, cun ambiente festivo na praza do pobo. Nun pequeno parque na mesma praza, unha representación de Dona Lambra, o mito do pobo polo que preguntei e tentaron explicarme unhas rapazas sentadas no banco próximo. Ó final, non me quedou claro que parte había de mito e que de realidade, que parte de icono e que de afastamento actual, que parte de heroína e que de malvada. Tiven que facer recurso da rede para, despois, saber un pouco máis da nebulosa historia e o por que de poñer signos de diversas relixións detrás de Dona Lambra no monumento do parque. O caso é que, ó poñer algo (cando unha das tres, despois de dicir que escribía ela, tivo que ser animada polas outras para rematar facéndoo), as rapazas definíronse como 'Lambradas novas' (non 'Lambras'). Todo, baixo a escrutadora mirada dun grupo de rapaces un par de bancos máis aló, máis no ambiente festeiro.


    De aí a Salas de los Infantes (os infantes de Lara, relacionadas coa lenda de Dona Lambra e apelido que acompaña a diversos lugares na zona), pobo cun museo adicado ós dinosaurios e lugar curioso, pero do que a imaxe de conservado e antigo que tiña non casa coa realidade: pensábao máis coa historia que coa prehistoria. Pregúntome se terá que ver o dos dinosauros cos seus restos en bo estado co cambio de cor da terra que observei no camiño, terras vermellas ó pé da Serra da Demanda diferentes das calcarias de Burgos, ou de Silos, tan preto e tan diferente.

    E de aí, seguindo polas terras que se anuncian como 'Camino del Cid', polo alto de Carazo (1138 msnm, despois de levar boa parte da entapa entre 900 e 1000 msm), a Santo Domingo de Silos, cos últimos quilómetros entre un desfiladeiro bonito. A costa ata o alto resultou mellor do que pensaba despois do cansazo do que máis que vías verdes tiña resultado vías grises das pedras do piso.

    Silos, un pequeno parque temático en xeito de acompañamento ó Mosteiro. Escoitar o Canto Gregoriano dos oficios, albiscar o ciprés, xa cerrada a posibilidade de visita pola hora, o ascender ó saínte da outra beira do río para ter unha visión xeral, foron posibilidades aproveitadas, xunto coa volta por un pobo que se recorre nuns minutos. Coido que cunha poboación de menos de 300 habitantes repartidos en varios núcleos nun concello de 3/4 de superficie da do concello de Ribadeo, de 10 000 habitantes, é comprensible. Iso si, a infraestrutura hostaleira fai que se procuras polo lugar, saian antes as web de hostalería que do propio concello ou as referidas ó mosteiro. E ó fin, a anciá propietaria do lugar onde me hospedei, o máis grande do pobo, visitara Ribadeo antes da pandemia.

    Na etapa, uns 74 km, 500 m de desnivel e 5 horas e media sobre a bici con ceo despexado e quietude arredor.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

 

20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20211009

LA DIADEMA DE RIBADEO. José María Rodríguez Díaz (2007)

   Un tema repetido en José María, a prehistoria, cunha compoñente subxacente en torno á diadema de Ribadeo. Dende que foi escrito, en 2007, hai novas apartacións sobre as orixes da diadema, como o testemuña a copia que deixo da p. 111 do Boletín do Museo Arqueolóxico Nacional, nº 34 (2016)

Sábado, 27 de enero de 2007

LA DIADEMA DE RIBADEO

• Publicado por jmrd_ribadeo a las 9:35

Al escribir sobre esta joya del arte castreño desde Ribadeo pretendo desterrar de mi pluma todo rasgo de chauvinismo. Trato de ser lo más objetivo posible en mis juicios y apreciaciones sobre la procedencia atribuida a esta joya. El nombre de la ría de Ribadeo ha generado, últimamente, una lamentable dinámica de desencuentros con ciertos sectores del occidente de Asturias. Desencuentros impulsados desde las más altas jerarquías del Principado con motivo del nombre y la propiedad de la ría que compartimos, ignorando los más elementales hechos históricos de esta comarca galaico asturiana que desde antiguo compartimos ambas comunidades humanas. Por eso, no es mi intención seguir por ese camino, pues, no se ve que el lugar de procedencia de la llamada Diadema de Ribadeo tenga, en todo caso, alguna importancia, a favor o en contra, de uno u otro lugar. No pasaría de ser una simple discusión bizantina.

Son bastantes los autores que, desde hace ya tiempo, han escrito sobre el valor y la importancia de esta joya, la más importante de la orfebrería castreña y de su valor como reliquia arqueológica. Su valor no ha sido puesto en duda por nadie. No ha sido así el consenso sobre su procedencia, extremo este sobre el que se ha discutido, con más o menos acierto y fortuna, y aún se discute en la actualidad, aunque sin verdaderas bases argumentales, al menos, que yo conozca.

Algunos autores, como Eduardo Peralta o A. García y Bellido, afirman que procede de Moñes, en Piloña (Asturias). Otros, como J. Manzanares o J.M. Gómez Tabanera, se la atribuyen a Valdereixe, en San Martón de Oscos. Francisco Lanza Álvarez, que se ocupa de ella en su libro 'Ribadeo Antiguo', en donde la describe con todo detalle, no duda, fundando sus opiniones en los estudios de Pedro Bosh Gimpera y la opinión de los arqueólogos López Cuevillas y Bouza Rey, en atribuirle su origen a Ribadeo. Del castro de As Grobas.

Lo que parece evidente, a falta de argumentos demostrativos serios y definitivos, que demuestren fuera de toda duda su procedencia, es que nos movemos en el terreno de las hipótesis y las conjeturas. Lo que no ofrece duda es la presencia de la preposición de, de procedencia, que acompaña su nombre. Un argumento para atribuírsela a Ribadeo.

Se trata de una joya de oro, formada por una ancha lámina rectangular, dividida en dos fajas horizontales, con bajorrelieves que representan bellas escenas en las que aparecen guerreros a pie y a caballo, armados con puñales y lanzas, con escudos y cascos, personajes portando grandes calderos o ánforas y un pequeño potrillo. Toda la escena tiene lugar en un río, con salmones y cormoranes pescando. El simbolismo de esta escena está, sin duda, relacionado con las creencias celtas en las que los ríos eran las rutas del más Allá.

Esta joya se encuentra actualmente dividida en varios fragmentos que se guardan en tres museos: El Museo Arqueológico de Madrid, el Instituto de Valencia de Don Juan, en Madrid y el Museo Saint Germain - en Laye, en París.-

José Mª Rodríguez

Outros Artigos de José María.

20210818

En consideración do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   Fágome eco dun correo electrónico dos Amigos do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía que coido merece difusión.


O Organismo Autónomo Local "Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba" (MUPAV) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, ven desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba, Lugo) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.

O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo MUPAV, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo MUPAV. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente.

Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio a este movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión, agradecendo de antemán a axuda e colaboración prestada.

 

 

MANIFESTO.

1.- A firme e ineludible necesidade de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles.

2.-A convicción de que o MUPAV ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.

3.- A necesidade de dotar ao MUPAV de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos.

4.- A intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio MUPAV.

5.- Avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.

 


 

Para adherirse ao presente manifesto pode encher e enviar este formulario por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, tamén pode envialo por correo (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800 Vilalba, Lugo) ou entregalo no Museo sede.

 

Os datos recollidos gardaranse nun ficheiro de tratamento mixto pertencente á Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, eliminación e portabilidade dos datos e oposición e limitación ao seu tratamento ante a entidade responsable (amigos@museovilalba.org).

--

Nota: A pesar do que di , non traía ningún formulario, polo que quen queira debe poñerse en contacto directo mediante o correo.

Nota2: xa está dispoñible o formulario. Déixoo a continuación para quen queira imprimilo ou sinxelamente copiar os datos que piden e envialo: