Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Eduardo Ramil. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Eduardo Ramil. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20151117

O XACEMENTO DE LOUSELAS DE RIBADEO, Artigo de Pancho Campos

Fai meses que levo pensando en escribir algo sobre o xacemento de Louselas, localizado na parroquia de Sta. María de Vilaselán, pero aínda que é un tema para min apaixoante, éme difícil desenrolar estas liñas posto que carezo dos coñecementos académicos indispensables para resumir paso a paso de forma sinxela os feitos que somentes pretendo espallar entre os meus veciños “daquela maneira” para que sexan mellor entendidos e se lles empece a dar a gran relevancia patrimonial que teñen, e descúlpenme os profesionais do asunto se meto a pata en algunha disquisición. Os datos que refiro son adquiridos da lectura da monografía e da charla que nos deu na Casa das Letras o arqueólogo Eduardo Ramil Rego do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), este pasado mes de Agosto donde presentou a Monografía Nº6, LOUSELAS (Ribadeo, Lugo) da que el é coautor xunto con José Ramil Soneira (q.e.p.d)
 Louselas é un xacemento arqueolóxico o aire libre que se identifica no Paleolítico inferior nos inicios do poboamento humano da rexión cantábrica. Ten, nada menos, que unha antigüedade de 480 000 anos, e o seu estudo presta especial atención as ferramentas de pedra tallada que se atoparon, e a súa clasificación morfotipolóxica dos útiles bifaciales.
 Aqueles homes que habitaron Louselas, eran casi como “animais carroñeiros” pois comían as sobras que quedaban da caza doutros animais máis veloces e poderosos ca eles, e comezaron a construir e utilizar ferramentas de pedra lascada para poder sobrevivir comendo a carne dos animais. Así, atópanse útiles chamados “choppers” que son coitelas discoideas ou talladeiras; fendedores, usados para fender os ósos e chuparlles o tuétano. Outras eran para raer e raspar a carne pegada as pieles e ós ósos, chamadas: raedeiras e raspadores.
Biface. Didier Descouens, CCby-sa 3.0
 Os artesáns de Louselas utilizaban para confeccionar aquelas ferramentas, cuarzo filoniano leitoso e maiormente as cuarcitas de grao fino que atopaban na zona. Dentro da Ría de Ribadeo os xeólogos e arqueólogos tamén atoparon espallados algúns montóns de nódulos de silex, pero pronto souberon que eran materiais exógenos “recentes”, non propios dos xacementos prehistóricos da Galiza, e a este material amontoado coñecese como “lastreiras” debido a que son as pedras que os barcos procedentes de Inglaterra traían como lastre, e as tiraban preto dos fondeadeiros, cando ían a cargar madeira ou outros produtos de exportación peninsular (Isidoro Asensio Amor e J.C Iglesias Vidal, 1989)
 A cuestión de maior interés para a comprensión do xacemento de Louselas, foi o diacronismo ou relación entre o feito da ocupación humana e a orixe e depósitos da Rasa cantábrica. Estudos do noso veciño Isidoro Asensio Amor, xunto con Hernandez Pacheco en 1963 e con H. Nonn en 1964, así como, estudos de G. Mary en 1970 e 1975, demostran que hai dous niveles de cantos marinos na zona de Ribadeo, un a 100 metros e outro a 55-60 m que corresponden a cambios do nivel do mar durante o Pleistoceno que é o período glacial cuaternario que sigue xeolóxicamente o Plioceno, un período de gran actividade volcánica, e precede o Holoceno ou período recente da era cuaternaria.
 Estes estudos do nivel do mar son moi importantes para a datación do xacemento, debido a que fai 480 000 anos Louselas era un asentamento de homínidos, e fai 200 000 anos, Louselas estaba completamente sumerxido a 38 metros por debaixo do nivel do mar. ¿Como se sabe que o xacemento de Louselas é anterior a aquela desglaciación que inundaba o lugar de asentamento?. Polas cuarcitas talladas atopadas no xacemento, pois presentan lustre exterior, e as aristas e nervaduras sufriron desgaste desigual, coloracións ocres e violáceas de acusada ferruxe, características que se producen en contextos de grandes cantidades de choiva combinados con períodos prolongados de inmersión marina.
 Do xacemento de Louselas hai medio millar de evidencias líticas ou pedras talladas polo home, que deron lugar a un estudo pormenorizado das distintas fases do seu desenrolo operativo, esto é, adquisición e transformación inicial das pedras, ata a fase da producción das ferramentas.
 Pois ben, con toda esta magnífica historia da prehistoria, fixose a monografía Nº6 do MUPAV, que se basa na tesis doctoral de Eduardo Ramil Rego, defendida na Universidade de Santiago de Compostela en outubre de 2014 baixo o título “Prehistoria Antigua del Occidente Cantábrico. Las primeras Poblaciones”.
Quixera rematar cunhas reflexións. Todos estes estudos líticos tan minuciosos e difíciles os fixeron persoas preparadísimas intelectualmente e na maioría dos casos non percibiron nin un triste céntimo de subención nin para gastos, somentes os moveu o coñecemento académico e a pasión de descubrir verdadeiros tesouros da historia, dos que nós temos a obriga de poñer en valor.
 En Ribadeo tivemos e temos a gran sorte de poder contar con grandes estudiosos da nosa xeografía, orografía, xeoloxía, historia, toponimia, etc. etc. Entre aqueles, e entre outros o Inxeñeiro Schultz e Isidoro Asensio Amor, e hoxe en día Laureano Busto, “La Dote en el siglo XIX”; Chemi Lombardero sobre a “Sociedade de Ribadeo (1900-1936)” e “O Porto Comercial de Ribadeo”, e por antonomasia José María Rodriguez Díaz, historiador e latinista que publicou libros e monografías como: “Sobre Os Castros de Ribadeo, “O Mosteiro de Esperautano”, a “Colexiata de Ribadeo”, “Vilaselán Aproximación a Historia”, “Toponímia de Ribadeo” entre outras decenas de artigos de prensa, nos que nos deu e da a coñecer decenas de anecdotas e momentos relevantes da nosa historia.
 Ademáis do asentamento do mosteiro de Esperautano, por investigar na Graña, e dos castros de Vilaselán, de Piñeira, de Arante, das Anzas, de Vilaosende e da Devesa, que están por terras do Concello de Ribadeo, cuxos restos o descuberto farían un percorrido turístico espectacular xunto coa croa de Reinante, a fraga da Cova da Veneira e o castro de San Miguel de Reinante, a fraga de fentos e fervenza de Augas Santas do Santo Estebo do Ermo en San Cosme de Barreiros, as mámoas do Mondigo, de Comado, das Pallaregas, da Cadeira, etc. Hoxe en día tamén temos de actualidade, o pecio dun galeón do século XVI sepultado no fondo da Ría de Ribadeo que foi descuberto en 2011 durante o dragado do canal de acceso a Figueirúa ou muelle de Mirasol. Pois ben, os castros siguen abandoados a súa sorte como fai máis de dous mil anos, e o pecio do Galeón de Ribadeo está a punto de desaparecer debido a que está desenterrandose e enterrándose sucesivamente cos movimentos das augas das mareas e o rebufo das hélices dos barcos, e dicen os buzos que: “desenterrar o pecio levaría poucos meses e a esa profundidade non necesitaría un gran presuposto”. ¡E hai un montón de pecios na ría con cuxos restos faríase un Museo Marítimo de valor académico e cultural incríble!
 E eu me pergunto ¿Como é posible que tendo un territorio tan sumamente plagado de historia terrestre e marítima, non teñamos un triste recurso para poñelo en valor? Sabendo que en Madrid o que se considera Ministerio de Cultura é un simple cartel guindado dunha parede, ¿tamén é o mesmo a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza?, ¿un simple cartel guindado dunha porta sin máis utilidade que o adorno? e ¿que pasa coas nosas institucións provinciais, comarcais e das do propio concello? ¿Non hai maneira de elevar ningún recurso en prol do porvir da nosa sociedade? ¿temos que seguir emigrando para buscar traballo e despois ir de vacacións a Stonehenge para ver pedras megalíticas de data máis recente cas nosas?
 Francisco José Campos Dorado

20150803

Louselas, o libro


O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro "Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica", de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da saída da ría de Ribadeo. Nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento. Os homínidos que se estableceron en Louselas corresponderían á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón

20220608

O 11 de xuño en Vilalba

    Coido que é de xustiza, a máis de aproveito, dar difusión a dúas iniciativas -calqueira delas apetecible- que se poderán aproveitar este sábado 11 de xuño en Vilalba.

    A primeira, pola mañá, o XVI Hectómetro literario no paseo dos soños, adicado a Sonia Villapol Salgado, despois dos quince primeiros, adicados a 

I-Paco Martín (Francisco Martín Iglesias), en 2006, 

II-Manuel María Fernández Teixeiro, 2007, 

III-Agustín Fernández Paz, 2008, 

IV-Xabier P. DoCampo (Francisco Xavier Puente Docampo), 2009, 

V-Darío Xohán Cabana, 2010, 

VI-Xosé Manuel Carballo Ferreiro, 2011, 

VII-Margarita Ledo Andión, 2012, 

VIII-Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, 2013, 

IX-Xosé Chao Rego, 2014, 

X-Ramón Luis Chao Rego, 2015, 

XI-Xulio Xiz (Julio Modesto Giz Ramil), 2016, 

XII-Mini e Mero, 2017, 

XIII-Alfonso Blanco Torrado, 2019, 

XIV-Miguel Anxo Fernán-Vello, 2020, 

XV.- Víctor Corral (2021)


    A segunda, pola tarde un roteiro polo pobo da man de Eduardo Ramil:


20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20210309

Xacementos castrexos en Vilalba

Plano do artigo coa situación dos Castros.

   Aló polo 1997, Eduardo Ramil publicou un documento que coido que hoxe está esquecido e que a máis dun lle pode resultar agradable ter e ver ou consultar para visitar algún dos 27 castros do concello (por certo, un grande descoñecido entre nós, que animo a visitar e desfrutar). O seu título, "Xacementos castrexos no Concello de Vilalba (Lugo). Análise dos emprazamentos" da unha idea abondo boa do contido.

   Deixo un resume dun dos castros, o de Samarugo, parte da informacion tratada no artigo:

-  Castro de Samarugo (3). 

Situación. 

Lugar: Castro. 

Parroquia: Samarugo. 

Coordenadas U.T.M.: X: 613.380. Y: 4.803.300. 

Cartografía: (Esc.: 1:10.000), 23-4-4 (Fig.: 7). 

Emprazamento. 

Características: Castro de ladeira, situado no termo dunha penechaira e comezo dunha ladeira pronunciada. 

Altitude: 547m. Penden- te FAO: 2/3. 

Fisiografía do relevo: Remate da chaira e comezo do chanzo que da lugar á “costa”. 

Xeoloxía. 

Substrato: Serie de Vilalba. 

Afloramentos: Xisto no entorno inmediato. 

Solo: Solos Podsolizados e Podsol. 

Vexetación. 

Do xacemento: Prados, matogueiras e carballos. 

Do entorno: prados e terras de labor. 

Capacidade produtiva: Terras non aptas, pero mellorables. 

Descrición. F

orma do recinto principal: De tendencia circular. 

Sistema defensivo: Consta dun parapeto de 8 a 10 metros de anchura por 4 de altura, un parapeto no extremo noroeste, e un foxo no norte. 

Dimensións: 120 metros N-S, e 140 W-E; croa de 4.580 m2 e superficie total de 10.590m2 (Fig.: 8). 

Achados. Non se coñece achado algún.

Distancia a outros castros (km). Vilamaior, 1,2; Corvelle, 4,1; A Pereira, 3,7.