Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta electricidade. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta electricidade. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240828

Un cambio na tarifa de subministro / consumo de auga


Un cambio na tarifa de subministro / consumo de auga

    Coido que nos traspasos de bens entre persoas e entidades, cada unha das partes que intervén considera unha visión diferente da outra. Ese é o caso, en particular, do subministro de auga, un ben que representa un punto esencial na supervivencia de cada un de nós.

    Lembro, de pequeno, ter ido á fonte por auga para a casa. Vexo agora esa fonte abandonada, e máis que pena ou nostalxia dáme que pensar. Non lembro que daquela se considerara que o concello entregara, doara ou agasallara a auga á xente; pode que pola miña idade non tivera conciencia desas cousas e si existira un sentimento parello. O caso é que hoxe hai 'auga corrente' nos fogares, pagase polo subministro e si hai unha mentalidade de trato co concello ou compañía concesionaria da xestión, de 'transacción económica'. Ó haber unha factura con importe variable segundo consumo, considérase iso, unha 'compra', variando o concepto de dereito sobre a auga, un ben sen o que non podemos vivir. Levando isto máis aló, mentres en zonas do planeta a xente segue ter que ir a por auga lonxe e polos seus propios medios, noutros tense dado a concesión de auga a empresas privadas, privando dese recurso básico á poboación do lugar, ben para dedicala a outros quefaceres, ben para embotellala e obter beneficio.

    Hoxe e en Ribadeo, o mesmo que en moitos outros lugares de Galicia, a moi grande maioría do subministro está mediatizado polo concello, que delega a súa xestión nunha empresa privada. Por suposto, o levar anos concedida a xestión fai enfocar a visión da auga cara ó privado e o comercio/empresa, por moito que se siga a considerar 'servizo' e sexa unha necesidade. Visión e relación ca auga que se matiza coa estrutura da factura, aínda que conste que unha porcentaxe apreciable de xente non sabería dar un mínimo detalle dela. E visión e relación que se pode contribuír a cambiar variando esa estrutura da factura, mesmo deixando á beira outras consideracións.

    Así, podemos ver que en Ribadeo, a factura dun fogar inclúe un mínimo de 20 m3 bimestrais (isto último, aproximado), 330 L/día, que se cobran consúmanse ou non, sexa unha soa persoa na vivenda para o seu consumo ou cinco, e que o prezo a que se cobra o litro (ou o metro cúbico) é o mesmo sexa corresponda a ese consumo mínimo ou sexa de 'consumo extra'. É dicir, non se produce, a través da factura, un chamamento ó aforro, á apreciación ou á equidade, senón máis ben a un consumo linear, tirando máis ben para arriba. É de supoñer que o ‘consumo mínimo’ cobrado, máis que para forzar ese mínimo consumo sen coidado, estea pensado, igual que no caso da electricidade (outro día podemos falar dese consumo), cara ó mantemento da ‘conexión coa rede de subministro público’. Estimo que o propio sería que esa conexión, como dereito universal, estivera ligada a impostos, que houbera un mínimo gratuíto por persoa e logo un aumento do custe por litro en función do consumo, sendo máis cara a unidade de auga a maior consumo por persoa. Hoxe sería meter uns cálculos no ordenador en lugar de outros, se ben o levar as contas de persoas por casa a estes efectos, sería unha novidade que, a máis, podería considerar por exemplo primeira ou segunda residencia e evidentemente levaría a outros cambios de visión. Tamén é evidente que o que aquí indico non é unha proposta detallada, senón só iso, unha indicación dun camiño que estimo axeitado cara ó futuro. Camiño con máis trabas das que indico mais ó que, cos medios actuais, non entendo por que non nos imos aproximando se queremos aproveitar a auga e distribuíla dun xeito máis humano. Claro, estou vendo as cousas non dende o concello ou unha concesionaria...

    Por certo que a factura ‘da auga’ inclúe asociada e dependente a do lixo, parte á que se lle poden aplicar consideracións semellantes cun resultado que podería axudar á diminución do lixo producido.

20240629

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE. Pablo Mosquera

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE

Pablo Mosquera

A incertidume que vive a factoría de Alcoa afecta a todo o legado que deixa detrás súa, incluíndo a “balsa de barros vermellos”, un depósito onde teñen rematado durante cuatro décadas todos os residuos químicos e non químicos despois de limpar a bauxita para extraer alúmina. Esta alúmina introdúcese en cubas electrolíticas que a transforman en aluminio líquido que se leva ós fornos de fundición para crear aluminio primario.

O transporte destes lodos faise en camión por unha estrada local que acusa xa os anos de idas e vidas destes transportes e a súa carga. A zona está cuberta dunha capa de arxilla vermella que en días de vento soe expandirse por todo o lugar, contaminando as parcelas privadas a máis de ocasionar molestias nas mucosas. 

Agora, e en previsión dun aumento na produción, a idea é ampliar a balsa para aumentar o almacenamento. “Claro que hai auga nesa balsa de barros, pero é augua procedente da chuvia e de regatos que van a parar alí”. “Esa auga é bombeada a uns depósitos para ser tratada e enviada ó mar a través dun emisario”.

O comité de Alcoa San Cibrao ten informado de que a Consellería de Sanidade catalogou a balsa de barros vermellos (Depósito de barros rojos, DBR) dA Mariña como “residuo perigoso”, polo que agora urxe á compañía a facer inversións para su ampliación.

Nun comunicado, o comité insta a que, á espera do trámite medioambiental, Alcoa aprobe “de forma urxente” a inversión do proxecto de ampliación do DBR ate a cota de 104 metros, catro máis da actual. Esta solicitude do comité procura “comezar de inmediato coa contratación das empresas concesionarias da obra e o acopio de materiais e maquinaria”.

Asociación pola Defensa Ecoloxista de Galicia: “O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?

No seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das cinco industrias asentadas en Galiza que máis dióxido de carbono emite (1 098 000 tm CO2), entre outros contaminantes: CO 31 000 tm; SOx 3740 tm; NOx 165 tm; HF (fluoruros) 114 tm e 177 tm de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 tm; CO 20.600 tm, NOx 207 tm, SO2 3.630 tm, PFC 1,3 tm; Ni 130 kg; Flúor 111 tm , PM10 232 tm.

Non só os sindicatos deben loitar polos postos de traballo. Son ciudadanos residentes na área de influencia da contaminación industrial que verte Alcoa por tierra, mar e aire. Non teñen patente de corso para esixir présa no aumento das dimensións dunha balsa que ten ao menos dous graves problemas. Físico. A acumulación de barros que podan romper o continente e producir unha catástrofe non natural. Eu sempre poño como exemplo lembratorio o que pasou co camping de Biescas, que levaba tempo sendo un risco por esvaramento, anunciado sen o menor cambio para evitar o que sucedeu. Químico. Os compostos que verten ó medio ambiente a transformación da bauxita en alúmina e esta en aluminio.

Non logro aceptar que non se siga unha continuada vixiancia sobre o impacto do medio ambiente na saúde. A Asistencia Sanitaria é unha fonte inmensa de información epidemiolóxica. Pero a máis, os Departamentos que vixían a Saúde Pública dunha Comunidade e as súas comarcas, deben ter moi presente o efecto dos cambios medio ambientais nas enfermidades que se diagnostican e tamén nas causas de morte. Ese aumento do cancro de pulmón que por fin dará lugar a un programa de diagnóstico precoz, como se implantou ou de Próstata ou o de Colon. Aí está a resposta ás sospeitas sobre a relación entre enfermidades oncolóxicas e vertidos procedentes da factoría de ALCOA.

¿E que se pode facer desde a sociedade civil? Non só aqueles colectivos concienciados en defensa do dereito ó patrimonio ecolóxico. As asociacións cidadás deben instar ós Concellos a investigar e persoarse ante ALCOA e esixirlle una información continuada, pero tamén ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tanto ou máis que ese comité de empresa formado por sindicalistas ós que só parece importarlles o seu emprego e salario mentres disfrutan de privilexios e esquecen os vertidos industriais que se poden ver ou percibir en canto se sae das nosas casas. ¡A súa conduta resulta egoísta!

Pablo Mosquera Mata

 

20240325

Do pasado ao presente e ante o futuro (III). Pablo Mosquera

Parte I

Parte II

Do pasado ao presente e ante o futuro (III)

O concello de Cervo cambia de Alcalde. Taladrid dá paso coa aquiescencia do Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento na provincia de Lugo e o nomeamento do Ministro da Gobernación Camilo Alonso Vega ó novo rexidor municipal Arcadio Pardiñas Vila, natural de Burela, que en jxnio de 1971 leva doce anos no cargo. Lembrando, ó facerse co bastón tiña 1600 habitantes e nas festas de San Xoán de 1971 acadaba os 3000. Con Pardiñas formaban consistorio: Manuel Mon e Jorge Dean como tenientes alcaldes; Antonio Barcia, Jesús Enríquez, José Ramón Ben, Antonio Rouco Basanta, Federico Ruiz Cayón, José Farré Pico como concejales. Burela prevé a construción dun Colexio Nacional e un Instituto de Ensino Medio. E o máis conflitivo, un proxecto para uns cien chalets na praia da Areoura. Lembremos os feitos. Construíuse un edificio que pretendía ser hotel, as vivendas unifamiliares, todo elo no territorio do Concello de Foz con invasión da praia e do terreo afectado por Costas, razóns que ata hai pouco tempo xustificaron a paralización e por fin o derrumbe de tales construcións.

Pero, con todo o que antecede, será no porto a obra máis emblemática. Unha ampliación do dique do peirao de 280 metros. Unha fábrica de xeo para a flota. Son 120 embarcacións adscritas á Confraría de pescadores que ocupan 1000 productores. Preténdese un carro varadeiro para tarefas de mantemento nos barcos. Ampliación dos depósitos de CAMPSA para subministrar combustible á flota. E por fin, un proxecto para a construción de vivendas sociais que benefician ás familias que viven da mar. Pero non será a única a actividade pesqueira. Hai fábrica que usa o caolín e a madeira. Os equipamentos e servizos fan de Burela unha vila con excelencia pola súa calidade de vida cun complexo deportivo en A Marosa. Todo elo nunha parroquia do Concello de Cervo.

Mentres tanto: ¿Qué acontece en San Cibrao? Ese Museo Provincial do Mar que se constitúe en 1970 e que dirixe Don Francisco Rivera Casás. Procédese a urbanizar Os Campos. Servizos Médicos da Seguridade Social que se engaden ós do ISM no edificio da Cofradía. Urbanización dos terreos próximos á praia de Cubelas no porto de arriba. Acceso á estación do FEVE. E a posta en escea do Plan Marisquero para protexer de xeito eficiente a explotación e cría do marisco que tanta fama está conseguindo dende esta procedencia e con eses viveiros naturais que son as islas Farallóns ou o Cabo de Morás.

Hoxe a crise de Alcoa continúa sendo un dos principais obstáculos ós que se enfronta a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao en termos de actividade. A caída na bauxita e a alúmina, compoñentes primarios para a fabricación de aluminio e principais tráficos das dársenas portuarias de ALCOA-SAN CIPRIAN.

Os destacables resultados dos portos nacionais contrastan enormemente co porto de San Cibrao, onde a caída na actividade acada o 60,65 % nos primeiros nove meses do ano, pasando dos 4,7 millóns de toneladas en 2022 a 1,8 este ano. Deste modo, no conxunto dos dous portos que xestiona o organismo, a baixada situouse no 26,78% -de 8 842 566 a 6 474 946 toneladas-.

40 anos danando o medio
O rexeitamento á planta nuclear no concello de Xove foi unha desas loitas comunitarias en defensa la terra: milleiros na marcha histórica do 10 de abril de 1977 impulsada polo nacionalismo galego. Pouco despois chegou o aluminio cunha promesa de industrialización para a comarca deixando de lado unha posible aposta polo naval, o forestal ou a industria agroalimentaria, os sectores propios que hoxe botamos en falta.

As emisións veñen afectando durante décadas a veciños, gando e cultivos da zona. Alcoa foi condenada xa dez veces a indemnizar con máis de 4 millóns de euros a particulares, que cursaron demandas e chegaron ao Parlamento coa asociación veciñal Airiños do Lago.

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, explica que o flúor úsase no proceso de produción de aluminio: "Sempre hai certas emisións que se teñen que manter por baixo duns máximos legais. Se son importantes, poden afectar ós cultivos e tamén á saúde das persoas, porque o flúor é un elemento moi agresivo". Diversos informes amosaban que se excedían de xeito claro os límites.

Máis afectacións ignoradas no debate público: o carbón que abastecía as térmicas galegas viña de Indonesia, onde Greenpeace denunciou nun extenso informe a vulneración dos dereitos humanos, as afectacións na saúde, no medio e a violencia contra as comunidades locais. No caso de Alcoa San Cibrao, a bauxita vén da minería en Guinea. Nun informe de Human Rights Watch, denúnciase a escasa compensación para os habitantes da zona, a destrucción de terras ancestrais e recolle testemuñas que revelan que desde o comezo da minería, escasea a auga para a poboación

Destes problemas derivados do proceso, o debate mainstream dos grandes medios de comunicación e os partidos só propón solucións para o prezo (no consumo) da enerxía, cunha tarifa eléctrica ou co Estatuto das electro intensivas. O Estado ten estado subvencionando a electricidade de Alcoa con máis de 1000 millóns de euros, o que a UE ten cualificada de "subvencións disimuladas".

Tal foi a deixadez, que Alcoa afirma que a situación é "insostenible", que se van, que non hai nada que facer. O despido de traballadores nunha zona dependente desta empresa capitalista necesita dunha solución. O plan non partirá dunha estratexia socioeconómica de futuro para a zona, baseada no interese público e responsable co medio ou coa minería. Os tempos e as condicións márcaas Alcoa.

Hai que buscar industrias sostibles, baseadas na riqueza autóctona do país e que non contribuíran a destruír o planeta, senón todo o contrario: a restauralo. Argumenta Patricia Grela que "Alcoa representa o exemplo da ausencia de transición ecolóxica porque é totalmente insostible enerxéticamente". Sería máis "conveniente" invertir tendo en conta a crise climática, e mencionar a necesidade de apostar pola industria agroalimentaria ou a xeración de enerxía eólica.

Patricia Grela apoia "Hay que facer unha planificación democrática con vías para producir menos, facer unha transición enerxética e recuperar sectores indispensables para a vida". Menciona Grela á agricultura ecolóxica, a ganadería extensiva, o mar ou o forestal.

Antón Sánchez: "Si nos anos 70 tivésemos capacidade de decidir, seguramente todos os recursos que apostaron por estas industrias se destinaran ao naval, á industria agroalimentaria.

"Os primeiros empresarios de electricidade nas aldeas eran os muiñeiros", lembra Casal Lodeiro, facendo referencia a unha descentralización da produción de enerxía. "Temos que volver a iso, porque así estaría en mans de cada comunidade aproveitar o que tivese. Pero non centralizar en grandes parques toda a produción, porque iso é o que lle convén aos monopolios".

No que todas coinciden, en cuestionar una industria tan destructiva co medio e a necesidade dunha resposta de futuro para os traballadores. No caso de Alcoa San Cibrao, as condicións puxéronse desde un despacho de Estados Unidos, que se quere marchar para lucrar noutro lugar, deixando pasivos ambientais e unha comarca deprimida.

E unha gran incógnita pouco debatida. ¿A actual man de obra de ALCOA sabe facer algunha outra cousa distinta á que fai e que lle permita ser reinsertada laboralmente noutros sectores?

Parte I

Parte II 

Parte III

Parte IV 

Parte V

Parte VI

 

Pablo Mosquera Mata



 


20220424

Estatísticas de guerra


 

Estatísticas de guerra

    Na nosa modernidade, onde os mortos son estatística, as guerras son transmitidas e visibilizadas tamén por ese medio, as estatísticas. E hainas que presentan un balance de tanques feitos anacos, avións derribados ou persoas mortas, sen necesidade de facer unha presentación gráfica, senón sinxelamente achegando números. Números que soen ser abondo diferentes segundo as fontes, que cada bando ten que manter a moral e presentarse como os bos do conto. Ás veces, mesmo parece como se se puidesen eliminar tanques sen dispararlles, ou disparar e causar grandes danos materiais sen 'vítimas civís colaterais'. O caso é presentar números. Números que complementan: para elevar os ánimos doutro xeito xa están as imaxes impactantes, moitas veces repetidas, que esquecen os números de estatísticas ós que irían asociadas, e mesmo ás veces esquecen que foron tomadas noutro lugar e tempo: estamos a falar de estatísticas ou de imaxes, non de veracidade.

    Ó tempo que as estatísticas e as imaxes da guerra saen fóra, tamén se poden producir estatísticas (e imaxes) dende fóra sobre a guerra. Ilustrativas dunha realidade máis achegada, máis nosa, se non estamos implicados directamente como sociedade librando a guerra. Estaba pensando en cousas como as estatísticas de número de asistentes ás concentracións pola paz. Estaba pensando nunhas concretas, ás que vou, os xoves dende que comezou a invasión da Ucraína. Porque se di invasión, non guerra, non?

    Volvendo ó tema, de xeito aproximado, en oito edicións da protesta que van, o primeiro día (xusto unha semana despois do comezo) a xente non se deu decatado -algo normal- e houbo que considerou que era pouca asistencia. O segundo a xente duplicouse. Polo que estimo un erro de táctica (o xeito no que se fixo ese segundo día) e coa colaboración do mal tempo, a participación comezou a baixar, semana tras semana, reducíndose na oitava edición -aúltima cando isto escribo- a só unha fracción da primeira vez.

    Vale... resulta que na segunda semana de guerra foi máis ou menos cando máis medo se pasou pola posibilidade dunha guerra nuclear. Logo, a cousa foi a menos. Tamén foi cando máis énfase se puxo nos efectos posibles da suba do gas, e aínda non chegara a disrupción mental que supuxo a entrega virtual do Sáhara, outra guerra máis. Despois a guerra foi relativizándose, non tanto en intensidade como en efectos sobre a nosa vida diaria. Con altibaixos, o temor nuclear cotiza á baixa, os combustibles fósiles baixaron o prezo 'á vista', a electricidade o mesmo, os refuxiados están máis invisibilizados polo momento e sen eleccións en curso que puideran axitar as augas, e así sucesivamente. Por exemplo, pasaron as máscaras (o poder quitalas, abondo máis que as comisións á súa conta) a ter unha importancia relativa maior que a guerra, que volve a estar lonxe. Iso explicaría a baixada de asistencia ás concentracións pola paz abondo máis que o que se podan convocar mellor ou que teñan un ou outro formato.

    De calquera xeito, as estatísticas poden servir para medir o impacto de algo. No caso da guerra, da invasión rusa de Ucraína, a máxima asistencia ás concentracións no noso concello, Ribadeo, situouse nun 2% da poboación do concello. Evidentemente, moita máis xente quere a paz (asumindo que non toda), pero, ata que punto se quere? Querer a paz non significa ter que ir, si ou si, a unha concentración, pero iso, a manifestación sobre o que se quere a paz, lémbrame o conflito entre Lutero e a Contrarreforma: a contraposición das concepcións relixiosas elucubrando sobre se 'a fe sen obras é unha fe morta' ou a idea 'dádeme obras, que eu vos darei a fe'. Por certo, contraposición que levou a unha longa e cruel guerra da que se aproveitaron outros intereses. Non, cando nalgueres hai guerra, remata afectándonos a todos, aínda que pareza lonxe.

20220312

O concello de Vilalba presentou o que ve como futuro do centro da vila.

Unha das páxinas do proxecto

 

    O concello de Vilalba presentou onte o que ve como futuro do centro da vila. Deixo abaixo a nota de prensa tal como se pode ver na páxina web do concello, incluído o pdf cos planos. E antes, un pequeno comentario.

    Vaia por diante que me gustan os espazos peonís e considero que o centro das vilas non debe estar adicado ós coches. Pero tamén vaia que creo que a organización comunitaria debe facerse dende a comunidade, e iso necesita tempo longo de intercambio de pareceres, ideas e visións cara ó futuro.

    O que se presentou este venres 11 foi un proxecto, segundo a nota de prensa, pero o que se deixou á man para ser visto foron unicamente planos. Unha obra pública coido que, a máis de cumprir a regulamentación, seguridade, etc, debe ser útil e bonita, non chega con unha das dúas cousas. E nos planos pódese ver se é ou non bonita, pero non a súa utilidade, se resolve problemas que hai na actualidade, ou se crea outros novos. Iso require un estudo e informe aparte dos planos. E coido que o movemento veciñal dende os primeiros momentos despois do lume na casa dos maragatíns, coa posta en marcha da circulación nun único sentido na carretera/rúa da Pravia, ten manifestado cando menos temores ante os cambios que o concello propón. A estrutura urbana do centro de Vilalba merece unha decisión meditada despois do consenso, e, deixando aparte o que xa dixen das miñas preferencias, coido que os temores seguen sen aplacarse, cos problemas entrevistos sen deixar solucións claras. Máis aló de que todas as zonas peonís que coñezo remataran sendo estimadas polos veciños e comercio, a variación do tráfico e a necesidade de afastar o aparcamento son difíciles de resolver e entender nun documento só con planos, que permite que se escape polo medio unha rúa 'General Mola'.

    E, a partir daquí, a nota de presentación e os planos deixados na web:

O CONCELLO PRESENTA O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN E RENOVACIÓN INTEGRAL DA RÚA DA PRAVIA, RECUPERANDO PARA AS PERSOAS UN DOS PRINCIPAIS ESPAZOS PÚBLICOS DA VILA

O Concello de Vilalba presentou esta mañá o proxecto de renovación integral e humanización da rúa da Pravia, impulsando a recuperación para a veciñanza dun dos principais espazos públicos da vila. O proxecto foi presentado en rolda de prensa pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández , e Marta Rouco, tenente de alcaldesa e voceira do goberno local.

“É unha actuación ilusionante e moi beneficiosa para todos, un proxecto que forma parte dun plan para o conxunto do casco urbano de Vilalba no que é prioritario o obxectivo da humanización”, explicou a alcaldesa.

“Desde que comezou este mandato, no Concello de Vilalba puxémonos a traballar para a mellora da mobilidade interna e a acesibilidade da vila, definindo para elo unha serie de liñas estratéxicas a través dun Estudo de Mobilidade e Espazo Público no que a rúa da Pravia ten un papel protagonista, xa que é a arteria principal do concello”, engadiu.

Veleiro lembrou que “esta renovación integral tivo que adiantarse polo derrubamento dun dos edificios da rúa, polo que primeiro tivemos que preocuparnos pola seguridade das persoas e os bens materiais, que por suposto quedará garantida con este proxecto”.

“Estamos convecidos de que é un moi bo proxecto para todos, os peóns, os vehículos e por suposto o comercio e a hostalería, sectores produtivos vitais e estratéxicos para Vilalba”, apuntou.

En palabras da alcaldesa de Vilalba, “todas as medidas previstas, como a unidireccionalidade para o tráfico, a zona azul ou os aparcadoiros disuasorios, están enfocadas ao modelo urbano polo que apostamos, adaptado aos novos tempos e superando modelos anteriores que non se adaptan ás necesidades actuais”.

O proxecto establece o cambio a dirección única da Rúa da Pravia e a construción dunha rotonda en cada un dos seus extremos, a fin de solventar os problemas de tráfico existentes, mellorando a súa fluidez á vez que se amplía o espazo peonil nunha das principais rúas comerciais da vila.

Boulevard

O concelleiro de Infraestruturas explicou pola súa parte que coa actuación “gañarase espazo para o tránsito peonil e para o desfrute da veciñanza, conformando na rúa da Pravia unha plataforma única, ampliando beirarrúas a dimensións acordes co carácter desta rúa, e introducindo zonas verdes”.

A configuración abandonará a actual plataforma segregada para crear un ‘boulevard’ de plataforma continua que garanta a máxima accesibilidade, facilite os tránsitos peonís e recupere a noción de espazo de encontro, paseo e actividade que tivo nos seus orixes, conformada como unha alameda lonxitudinal.

Haberá un carril central para o paso de vehículos rodados de 3 metros. Nas marxes deste espazo rodado aparecerán bandas de 2,2 metros de pavimentos permeables, que alternarán os aparcadoiros coas zonas verdes.

“En canto ó nivel de acabados, o obxectivo é o de xeralizar o emprego de materiais cun alto nivel de acabado, acorde co ámbito de centralidade e carácter histórico no que se vai intervir”, manifestou Fernández.

No tocante ás infraestruturas de servizos, instaralase unha nova rede de abastecemento que solucione os graves problemas existentes, de igual xeito que se fará co saneamento separativo (pluviais e fecais). Así mesmo, prevense seccións soterradas para a redes aéreas de telecomunicacións e electricidade existentes na rúa, ademais de garantir o acceso ás telecomunicacións e o gas a todos os predios da rúa. A todo elo hai que sumar que a iluminación prevista incorporará tecnoloxía LED de baixo consumo.

Accesibilidade

A concelleira Marta Rouco puxo en valor a importancia da accesibilidade no proxecto, “adaptando este espazo público para garantir o pleno e libre desenvolvemento das persoas, e de forma especial aquelas que razóns diversas presentan algún tipo de limitación”.

“Neste caso concreto da rúa da Pravia, a plataforma única garante esa accesibilidade, facilita os tránsitos peonís e recupera a noción de espazo de encontro e non só de paso, un lugar pensado para o paseo e o lecer”, afirmou. 

Durante moitos anos, na meirande parte de vilas e cidades os os vehículos foron comendo terreo ás persoas, con todas as consecuencias que isto conleva a nivel de interacción, accesibilidade e por suposto tamén a incidencia negativa no medio ambiente. Nós apostamos por promover, tal e como están recomendando desde organismos internacionais, a redución dos desprazamentos no coche sempre que isto sexa posible”, manifestou.

“Non é unha cousa que inventemos en Vilalba, non temos máis que ver un pouco a liña de actuación doutros municipios para ver que todos gañamos coa humanización dos espazos. A veciñanza recuperará un espazo principal no núcleo urbano de Vilalba, e tamén estamos seguros de que o comercio e a hostalería sairán beneficiados desta obra”, concluíu.

 

20220208

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

Imaxe da NASA: zona do globo oposta a norteamérica.

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

    Gústame a música. Non vin as actuacións do festival de Benidorm en directo. Sí estiven ó tanto -máis ou menos– da polémica posterior. E si, estou posicionado. Pero coido que o ‘posicionamento particular de cada quen’ está moi atrás das circunstancias, e non só pola necesidade de participación conxunta.

    Lembrará o lector unha referencia ó imperio español no sentido de que ‘esteamos preparados para que a próxima vez que o Sol pase por riba das nosas testas, poidamos aproveitalo’? Eu lembro o sentido, pero non as verbas concretas, o que me impide atopar a cita exacta, por quen e cando foi feita. Ben, a idea da frase é que as sociedades e as súas manifestacións organizativas, como poden ser os estados, rematan tendo oportunidades sucesivas de éxito. Oportunidades que, estando preparados –poñendo traballo previo, procurando coñecemento, información, disciplina...- poden aproveitar para obter un bo rendemento. No caso do imperio, pois a nivel imperial, claro!

    Volvendo ás Tanxugueiras, parece que o tiñan ‘todo’ da súa parte, que estaban preparadas. Mais a cousa non resultou. Por? Non sei se de xeito inocente ou consciente, foron meterse na boca do lobo, alimentar entidades con ánimo de lucro que se lucraron con elas de paso que as aproveitaban doutros xeitos. Por exemplo, propaganda. Porque anda que non deu lugar a propaganda (para as Tanxugueiras, pero tamén para as contrincantes) que sacaran case vinte veces máis votos do público que a ganadora, mentres o xurado as deixaba nun recuncho. Do desenvolvemento da polémica, os chamamentos á calma, etc, esqueceríame: é algo así como as árbores que non deixan ver o bosque de Tagore. É o sistema o que levou á polémica, ó pago por voto ou á elección de Chanel. E non, para iso non estaban preparadas nin elas, nin os votantes, polo que agora queda o recurso ó pataleo contra unhas normas postas por entidades que non son controladas publicamente (non, tampouco o ‘chiringuito’ RTVE). Non digo que coa protesta posterior non se resolva nada, aínda que o dubido. Nin que sexa doado facer o control do sistema, pero onde non hai control, hai... descontrol. Descontrol dende o punto de vista de quen non exerce control, claro. Se hai alguén que controla, pon as normas, por moi arbitrarias ou pouco democráticas que sexan, e fai que se cumpran. Para ese alguén, hai control. Está claro?

    E Alcoa, que ten que ver con isto? Alcoa é o último nome de referencia da fábrica de Alúmina-Aluminio de S. Cibrao, na Mariña. O último nome, que corresponde a unha empresa multinacional privada con sede na outra beira do Atlántico. É dicir, algo sobre o que non temos control. E iso, despois de nacer pública, que debera ser equivalente a ‘de todos’ e polo tanto, ‘controlada por todos’. Repito, debera. O caso é que a traxectoria pasou dun relativo ‘control’ a través das institucións públicas que deben ser a cabeza e as mans da xente, a un total descontrol no que queda o pataleo, a ‘loita’, dende a situación da balsa de lodos e o seu futuro ó apagado das cubas e o futuro dos postos de traballo. Aquí tamén, a ‘votación popular’ tomou partido, pero o ‘gran xurado’ tomou a decisión. Non, non o mercado ou o prezo subvencionado da electricidade –aínda que todo conta-, que escusas é doado poñelas, mesmo aproveitando situacións conxunturais, para centrar o debate onde interesa a quen pon as normas, remachar cravos ou esquecer os intereses de todos. Non fai falta nin que sexan cribles, senón só que se estea en situación de poder poñelas. No medio, moitos anos de bonanza que puideron aproveitarse para facer que agora foran algo máis ca unha simple lembranza. Moitos anos nos que se puido diversificar, crear industria de desenvolvemento de produto, procurar solucións ás debilidades percibidas, ou lembrar tamén que, a máis de Alcoa, outros sectores estaban en peor situación e tamén había que apoialos, desenvolvelos...

    No medio do título, aínda que pareza desprazada, Galicia. A situación de Galicia ten abondos máis exemplos equiparables ós dous citados. E, co conxunto deles, problemas derivados ou relacionados: na rede de comunicacións ou no despoboamento rural ou na emigración da xente nova ou na perda de identidade e de lingua, ou noutros máis. Por certo, un inciso: parece que a identidade e a lingua non pintarían nada no medio do resto do discurso económico ou social, pero si contan. E moito. Non só por ser a lingua un activo intanxible, senón porque para poder prepararse ou facer cousas hai que ser alguén, e ata o de agora, a lingua é parte fundamental da nosa identidade, esa que constrúe o noso ‘alguén’. Volvamos ó tema. Unha imaxe: mentres poñamos apósitos en troques de curar a enfermidade e levar unha vida saudable para prever futuras recaídas, pouco máis poderemos facer que laiarnos e como moito, confiar en solucións caídas do ceo, a modo de agasallo. Confiar nos demais? Si. Chuparse o dedo, non.

    Mentres, seguiremos a ocuparnos do que pasa en Madrid, ou Barcelona, ou Benidorm. Do que pasa en Washington xa se ocupan en Madrid ou Bruxelas.

20210912

9:53 20210910 Corte longo de luz #cortesdeluzRibadeo

   Había tempo que non se producía un corte de luz tan longo en Ribadeo. Polo camiño quedan, nestes últimos tempos, unha ristra de microcortes, e algún non tan micro, como o do día da patroa. E queda tamén, claro, a suba do custe da electricidade, meteórica este ano.

   No seu momento, deixara de reseñalos coa etiqueta #cortesdeluzRibadeo pensando en que estaban camiño de solución. Non era a nova liña de alta tensión e subestación construídas as que nos ían sacar deste tema ata esquecelo, e o principal motivo escrimido para construíla en contra de diversos temas que facían oposición a ela? Pois a liña está aí, non se solucionaron, e tampouco os cortes de luz.

   Quedan sen reseñar moitos microcortes, pero nesta 'nova serie' da que haberá que haberá que comezar a tomar nota, aí van dous:

   20210908 Zona: todo Ribadeo. Hora: 2:30. Duración: segundos

   20210910 Zona: todo Ribadeo. Hora: 9:53. Duración: 9 minutos aprox.

   Coido que este traballo de procurar información dos cortes de luz debe ser colectivo: beneficia a todos, facilita os tratos dos usuarios coas compañías, presiona ás elećtricas, facilita as reclamacións de seguros... As queixas e mesmo as notas de prensa, sexan de ACISA, do concello ou de quen sexan, teñen máis forza con datos precisos. A etiqueta #cortesdeluzRibadeo segue a ter uso. Deceas de cortesxa a levan e por ela pódesen procurar. É escribir a historia dos cortes de luz en Ribadeo.

   Nota: naturalmente, admítense referencias para ir incorporando no blog e no meu arquivo, aínda que coa etiqueta poden colocarse mesmo nas redes sociais.

20210712

Colaboracións público-privado fronte a público-comunitario

   Madrid e a súa vacinación no Corte Inglés volve a presentarme unha vez máis a chamada 'colaboración público-privada', vista ó noso arredor, en hospitais, autoestradas... e en calquera outro lugar onde se poda sacar lucro con servizos, lucro privado a conta do público, da xestión do comunitario. Coido que esa é a cuestión dunha expresión que considero un eufemismo: o lucro. Se non fose polo lucro, as 'colaboracións público-privadas' respondería a outra idea, darían outra visión, tería outro desenvolvemento, como colaboración. Ou sexa, non habería tal 'colaboración' entrecomiñada e como substitución de contrato mercantil ou semellante, senón sinxelamente colaboración, sen comiñas, e por moito que o Corte Inglés pareza un ánima caritativa poñendo vacinas. Despois de ter preferencia na vacinación do seu persoal, servindo de propaganda gratuíta e ademais atraendo xente ó lugar do negocio. E despois de torpedear a sanidade como servizo público dende dentro. E todo, propiciado pola política ao mando e presentando a desfeita como algo que debemos agradecer á empresa privada nun acordo como din os americanos win-win, entre vencedores, no que todo o mundo gana: a xente pode vacinarse antes e os dependentes da empresa, aínda antes: Que pode estar mal?.

   Por outra banda, non se fala máis que raramente dunha colaboración sen a que a estrutura pública veríase fortemente afectada, colaboración que ademais leva tempo sendo repelida de diversos xeitos por moitas institucións que ven a xestión comunitaria como un 'coto privado' das institucións chamadas públicas por depender da estrutura política, é dicir, que substitúen a idea de xestión co común por xestión das autochamadas institucións públicas. Tal parece ás veces que o comunitario fose un anatema fóra da propaganda que se poda facer á súa costa, e o público algo que non é de ninguén e do que hai que fuxir unha vez trasladadas as súas funcións ó ámbito privado, da sanidade ó exército, da educación á burocracia. A través de chiringuitos esperando o día de poder allear mesmo ese poder incontrolado e opaco e facer máis privada a sociedade. Non unha sociedade calquera, non, senón A Sociedade. Esa sociedade que deixou o comunitario, bens e servizos, en mans de xestores, confiando neles para unha xestión que agora deciden subcontratar, quedándose e aumentando os beneficios do seu posto e diminuíndo o poder e a riqueza da comunidade en conxunto, nun traspaso do que é de todos ó que é só dun puñado. É dicir, para privar a sociedade da súa esencia para conseguir o obxectivo de privatizala.

   Metaforicamente pódese falar de que se se chega ate a pechar con chave legal mesmo o Sol. Así se poden interpretar as trabas a dispor de enerxía solar de xeito autónomo nas casas: quérese o tellado como lugar de produción para o exterior a custe cero para a rede, mentres os prezos da electricidade subministradas por ela medran sen moito control, comezando dende o pago sinxelamente por dispor de electricidade, independentemente de canto se consuma, a máis do propio consumo. E non só en España. Aínda hoxe remato de ler un titular que apunta á preferencia de Biden de aumentar o número e potencia das liñas eléctricas 'para transportar electricidade dende as granxas solares e parques de aeroxeradores', primando iso, as compañías privadas de xeración, sobre a posibilidade de aproveitamento do Sol de xeito directo por parte da comunidade.

   Por certo, que é a escravitude se non o alleamento de posesións e actos, pasando a ser privativos da persoa ou entidade escravista? Nese proceso de alleamento anda a nosa sociedade...


20210629

Con luz e taquígrafos

Con luz e taquígrafos

   Esa era una expresión usada para manifestar que algo quedaba exposto con datos, de xeito razoado e claro. Hoxe os taquígrafos desapareceron, substituídos polos medios de recordatorio verbal, gravacións mesmo con imaxes e interpretación escrita: estamos nunha era dixital, querendo dicir con iso algo que vai máis aló do seu significado orixinal, comprendendo dende o uso das ondas electromagnéticas codificadas á intelixencia artificial, nunha mistura que soe escapársenos en profundidade e nebulosa en amplitude, contradicindo ó significado da expresión 'con luz e taquígrafos' que, non obstante, fixo quedar anticuada.

   Volvendo á expresión, o de 'con luz', hoxe é caro: os custes ó consumidor están disparados, mentres as ganancias que se lles permiten ás eléctricas tamén o están, e as inxustizas de tarifa, custando só o mantemento da liña unha boa porción do total, a asimetría do trato entre as grandes eléctricas, impoñendo condicións e substraéndose de servizo, etc, fan a situación máis lamentable. Carencia ou pobreza enerxética, así a chaman, e queda encapsulada, clasificada... e oculta a idea do que representa de mala distribución, enriquecemento legal pero ilícito, normas ad hoc en contra do medio humano e ambiente... e corrupción.

   En 'Regreso ó futuro' hai unha pasaxe da película no que hai unha confusión de quen ven do pasado ó presente sobre Ronald Reagan, o actor de segunda, coa conseguinte aclaración de que é o presidente do goberno dos Estados Unidos. Pero é quen ven do pasado quen queda sorprendido, mentres quen non cambia de tempo non ten ningún asomo de sorpresa, pero tampouco de recoñecemento de contraste. Aquí sería ó revés, ó preguntar se segue sendo presidente do goberno, ou ministro, ou... aquel ou aquela conselleira das eléctricas, o que nos levaría máis ben, de 'regreso ó pasado' de connivencia e convivencia de poder político e económico, de caciquismo, para empregar unha verba que por estes lares coñecemos ben. Por outra banda, un recoñecemento que, ós que vimos xa cunha algo longa traxectoria vital, temos asimilado, mentres quen ten menos idade segue sen recoñecer como nada más que real (no sentido de 'natural'...)

   De xeito paralelo, parece que os novos 'taquígrafos' non recollen moito da letra pequena dos contratos, como corresponde ós murmurios nas conversas, inaudibles, pero que prestan efecto para quen os di e son efectivos, causan efecto e considéranse, se ten o poder. Ou sexa, como as grandes eléctricas, telefónicas ou bancos, en relación coas que se podería dicir 'dálles os cartos e corre', non vaia ser que te pidan máis, porque outra cousa non vas sacar, os servizos van ser os que queiran eles, igual que o prezo. Dubido que coñeza a ninguén maior de idade que non tivera un encontronazo (e saíra perdendo) cunha telefónica, unha eléctrica, un banco...

   Non hai taquígrafos, e a luz está cara. Non porque custe conseguir electricidade, senón  polas ganancias que se queren lograr. E penalizar o baixo consumo, aumentando o tramo fixo da factura, fai que as guerras pola tarifa do consumo realmente feito (enerxía, e non potencia contratada) teña importancia pero non sexa máis ca unha distracción de que pase o que pase, as eléctricas seguirán a gañar.

   Unha cousa. E, todos eses sectores, banca, telefonía, electricidade, non son servizos, non poden estar incluídos no servizo público? Non houbo unha telefonía pública en España? Non seguen sendo EDF e EDP testemuñas de empresas públicas de electricidade durante décadas pasadas nos países veciños? Non está a capitalización bursátil dos maiores bancos españois por baixo das axudas recibidas pola banca e nunca recuperadas por esa entidade comunitaria que é o estado?

   Debo recoñecer, por último, que as orixes deste escrito teñen pés nas novas de ganancias das eléctricas e nun pequeno desencontro (segundo eles non chega a iso) coa telefonía. Nada novo: seguirá. Por iso mesmo, nós tamén temos que seguir turrando para poder desfrutar da luz con claridade recollida en medios fiables polos taquígrafos.

20200601

Alcoa sálvase soa


   ‘Alcoa sálvase soa. O que hai que salvar é o tecido industrial da Mariña. Postos de traballo mellor remunerados que os da hostalería.
   O anterior é o comezo do comentario dun amigo. Pola miña parte, considereino unha continuación de “Alcoa na Mariña: tan lonxe, tan preto”, un tema que daría para un libro enteiro. Pero sigo citando:
   ‘Tamén os riscos son maiores. Tamén hai que salvar a produción propia e non depender do aluminio de Arabia Saudí, tamén de Alcoa, que xa se está a vender aquí. Tamén do aluminio chinés, aínda que iste non compite en calidade. Alcoa tiña un compromiso de manter empregos uns anos, que xa expirou. Alcoa tiña a promesa dunha enerxía barata, que xa expirou tamén. E se ben é certo que a electricidade, en España, prodúcese por moito menos do que custa, tampouco é cousa de que se lle regale a Alcoa e se nos cobre a nós a diferencia. Non se trata de salvar a Alcoa, trátase de salvar a fábrica, as tres fábricas, e poñerse a fabricar aluminio. Unha empresa estatal non ten por que dar beneficio, tan só ten que ser sostible. O obxectivo dunha empresa estatal é crear emprego de calidade e ser sostible no tempo. E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.
   O obxectivo desta entrada é mirar a cita que remato de poñer cos meus ollos. Comezo.
   Si, Alcoa é unha empresa privada e estranxeira, móvese polo interese e non ten por que coincidir co interese da Mariña. É mais, o raro sería que coincidise. Outra cousa é o tecido industrial que a rodea. Totalmente dependente, pois non se crearon empresas que aporten valor engadido ó produto, nin se diversificaron para non depender do mantemento desa fábrica. É pouco pero é o que hai, e o que se podería salvar. Postos de traballo máis cualificados e remunerados que os da hostalería. E sen discontinuidade ó longo do ano.
   Nestes momentos, os riscos para a industria alumineira son maiores que na hostalería, parece. Coa incertidume introducida pola pandemia xa non estou tan seguro, aínda que no que respecta a este verán semella evidente aínda coas limitacións previsibles.
   É Alcoa a que se está a facer competencia a si mesma. Vexamos. Se dúas fábricas producen o mesmo produto, hai sobreprodución e unha está situada nunha zona de alto consumo e medrando mentres a outra nunha zona no que o consumo e menor e mesmo diminúe, non leva esta última as de perder? Pois iso está pasando co consumo en Europa fronte ó consumo de Asia, máis aló dos custes laborais ou enerxéticos.
   E Alcoa, a empresa, non a fábrica, tiña compromiso de manter postos de traballo. Para iso se lle deron unha morea de cartos. Tiña, non ten. Ao menos, iso é o que pensa que pode facer a empresa. Alcoa tiña e ten enerxía barata. Outra cousa é que queira aínda mellores condicións de prezo e servizo. A pesares de que no balance das empresas eléctricas sexamos nós o contrapeso desa rebaixa. Unha situación inxusta de por si que se pode pretender non só continuar senón agravar, pero que non é de recibo máis que para os que nos chegan ás casas.
   O que se perdeu cando se privatizou a fábrica de San Cibrao foi algo máis que a nuda propiedade. Foi a capacidade de decisión e foron os obxectivos. Certo, unha empresa estatal antepón -debera antepor- a súa función social ós beneficios. Pero o mesmo que vender significa desfacerse dun problema de xestión, comprar -neste caso, nacionalizar- significa o contrario. Nunha situación de falta de inversión, na que na empresa sigue no mercado e é de supoñer que non quererá competencia, e na que a empresa sigue a dispoñer de control das redes de subministro e de venda. E na que as empresas multinacionais teñen en boa parte, escapado ó control dos estados e mesmo fan depender de tribunais privados as súas relacións con estes. Seguramente se poda facer, pero máis aló de cargar tamén cunha balsa de lodos que está asfixiando a produción de alúmina, que continuará polo momento, non é cousa que se prepare dun día para outro.
   E así estamos, coa sostibilidade -xa non só ambiental, senón sinxelamente empresarial, e non só dunha empresa, senón de todo un ecosistema empresarial- comprometida. Coa sostibilidade económica dunha comarca enteira baixo tensión... en un mundo enteiro baixo tensións. 'E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.'
--
Nota posterior. Engadido a ter en conta: https://sghn.org/balsa-de-lodos-vermellos-de-alcoa-en-san-cibrao-unha-herdanza-envelenada

20200217

Quen defende ao medio rural? por Pablo Mosquera

Como o Guadiana aparecen de xeito conxuntural o campo, a ganadería, a pesca, o forestal, as aldeas, as nosas parroquias... Ten que haber unha tractorada na cidade da señá Cibeles, máis aló da bucólica imaxe da transhumancia polas vellas cañadas reais, para que pensemos que pensar debemos na relación entre sector primario da economía e despoboamento do medio rural, hoxe España baleirada.
Mentres uns din que os privilexios para abaratar a factura da electricidade nas denominadas electrointensivas é insuficiente e gritan "será a guerra!". Os campesiños heroes habitacionais do rural buscan desesperadamente alguén que os defenda, sen mentiras piadosas, ante os recortes da Unión Europea, onde España entrou cos pantalóns dobrados no brazo, polo menos en canto a dereitos do seu tradicional sector agroalimentario.
Aínda resoa nos meus oídos, durante a miña estancia laboral e sanitaria en Tenerife, aquela melodía dos Sabandeños: "O intermediario". Como fórmula para concienciarse e avergoñarse do inxusto e tradicional abandono do sector primario da nosa economía, escoiten a súa letra. Segue estando de rabiosa actualidade. E si son galegos con inquietudes históricas, analicen científicamente os motivos da Diáspora cara América dos nosos antepasados.
A denominada cadea alimentaria é tan groseira que resulta incomprensible descubrir como os aldeanos se empobrecen, apenas poden facer fronte aos custos de produción, mentres as grandes superficies de distribución ao consumidor fórranse e o país pon como exemplo de éxito empresarial ao presidente do Villarreal ou as cooperativas do grupo Mondragón. Todo iso, aderezado cun mercado sen fronteiras que permite tirar os prezos, poñer nas estanterías para o ama de casa conservas chegados desde Chile, patacas holandesas ou americanas, leite e queixos a prezos irrisorios que rematan co noso produto nacional. E mentres, aínda funcionan economatos camuflados, só nos preocupa a industria -contaminante- por moi obsoleta que se quedou sen que ninguén se preocupase na súa decadencia -partidos maioritarios e sindicalistas liberados- Todo eles unidos no presente val de bágoas...
Recomendo ilustrarse cos traballos do profesor Pegerto Saavedra Fernández e o seu discípulo A. Fernández González -"Os grupos de poder local en Galicia, 1750-1850", para saber as raíces historiográficas do conflito socio económico que se vive na Galicia rural, esa que agora a Xunta de Galicia descobre e con motivo electoral quere recuperar intervindo nunha carreira conxuntural co Goberno de España, que descubriu a situación do desequilibrio e brutal asimetría entre territorios do Estado, dando publicidade á denominada España baleirada, que aquí está nas Parroquias que se morren...
O noso veciño Portugal puxo en marcha o Plan "Traballar no interior". Desde o próximo un de marzo, o Goberno a través da Ministra Ana Mendes, de Traballo, Seguridade Social e Solidariedade, incentivará con 4800 euros a quen decida traballar e vivir no interior de Portugal. Tal medida alcanza a cidadáns non portugueses con permiso de traballo que opten por iniciar a súa carreira profesional fóre das áreas urbanas. Apóstase pola cohesión territorial, as oportunidades ao medio rural, dinamizar aldeas envellecidas, a máis diso impulsar outra economía social capaz de xerar autoempregos.

20191221

Que non nos enganen: dúas novas económicas que afectan a Galicia

Temporal. Unha cancelación dunha actividade que me afecta polo Fabien. O tempo está tolo. E coa economía quérennos tolear.
Pode parecer que non teñen relación, pero as dúas novas de onte que remato de ler en El Economista e que afectan a Galicia coido que teñen relación co clima. Unha, que as contas do pasado ano sobre o medre das diversas autonomías estiveron abondo mal feitas. En concreto, sobreestimadas en 14 das 17 autonomías (o que leva a unha sobre estimación do 'medre' ds contas do conxunto de España). Entre elas, cun 2,2 % de sobreestimación, de Galicia.
A outra, fronte á petición dunha elecricidade máis barata das empresas electrointensivas, a nova de que hoxe teremos a electricidade máis barata de Europa. Hoxe, e as empresas, non nós.
Que Galicia medre menos do dito implica que houbo un trunfalismo para poñerse medallas e contabilizar, por exemplo, nas eleccións. Non debe ser doado levar unha contabilidade exacta a esa escala, mais a deriva cara arriba de 14 das dezasete comunidades autónomas de España debera facer pensar nun erro sistemático, non accidental, e polo tanto, máis doado de corrixir se se quixera. Ademáis, erros dese tipo tenden a desconectar a economía do entorno, facendo que uns indicadores vaian nunha dirección e outros noutra, perdendo ou mellor, ocultando, conexións e relacións entre cousas diversas, como a produción e o impacto ambiental. Onte mesmo, nunha charla en Ribadeo, Iván Lombardero deixaba claro que na actualidade parece haber unha correlación moi axustada entre variación do PIB e emisións de CO2. Un PIB calculado con datos semellantes ós que agora se corrixen pero que hai tempo que se sabe que non ten tanta relación co benestar persoal, e un CO2 causante -non único- do efecto invernadoiro extra que está a facer que a temperatura superficial media do planeta medre.
Por outra, que en España hoxe sexa a electricidade máis barata que no resto de Europa, como anunciou onte a ministra do ramo para rebatir as pretensións das industrias electrointensivas -léase Alcoa como exponente principal en Galicia- é algo que para comentalo cun mínimo de profundidade tería que dispoñer dun espazo moi superior ó que estou disposto a empregar, polo que van ir só algunhas pinceladas. Comecei o artigo dicindo que hoxe entraba o Fabien, é dicir, que os aeroxeradores teñen "materia prima" abondo (mesmo terán que parar algúns para que non queden destrozados por exceso de vento), e, despois das chuvias desta tempada, as centrais hidroeléctricas, tamén. Esta mesma semana anunciouse que por primeira vez dende que hai rexistro, España non tivo que recurrir ó carbón durante un día para producir electricidade, obviando que en algunha illa non se conseguiu polo sistema de xeración que hai alí. É dicir, enerxía prima gratuíta grazas a unhas renovables denostadas longo tempo por caras, ineficientes, difícis de usar de xeito continuado, etc. O caso é que o anuncio é para hoxe, esquecendo que de media non é así. E a media é o que importa... Pero é que ademáis, esa factura baixa 'non ten que ver' connosco, consumidores de a pé, cunha tarifa que non vai ser hoxe a menor de Europa, e uns custes de enganche que tampouco o serán. E o debate sobre o consumo enerxético / produción de enerxía estase a facer dun xeito monetario, totalmente illado dos presuntos acordos de redución de consumo enerxético -e polo tanto de produción- a pesar da súa validez cacarexada para propaganda. Con Alcoa, a compañía esquécese de que toda actividade emprendedora ten os seus riscos, e carga estes sobre os traballadores e a sociedade, empregando os mesmos traballadores como punta de lanza dos intereses empresariais a curto prazo e non dos intereses da sociedade a longo prazo. Por suposto que existe un problema se Alcoa se marcha -algo que a non moi longa prazo, como teño razoado noutras entradas, é previsible que faga- e por suposto que afecta a toda a zona e á economía galega. Mais a solución dentro dun sistema viciado como o actual tenderá a estar viciada de saída e a ser curtopracista e curta de miras. Así, entre outras moitas preguntas que se poderían facer:
- Hai algunha previsión de alternativas?
- Hai algunha visión de enxuague social conxunto dunha entrada de ingresos como a que representa Alcoa? (non me estou referindo a subvencións ou ós cartos do paro, senón algo máis profundo)
- Algunha consideración do problema de funcionamento dunha fábrica así no seu conxunto e non só no binomio enerxía-cartos? (co que se pon xa de comezo a vida ds persoas en función dos cartos, e non ó revés)
Vivimos nun mundo interrelacionado, e non podemos obviar que novas que aparecen como algo máis, ben lonxe de nós, en termos 'macro' nos afectan de xeito directo, e temos que miralas cun certo detemento, pois outra cousa será só deixarnos enganar.

20191113

A pista de xeo de Ribadeo morreu


Polo que parece, morreu de éxito: cada campaña era un éxito, ata a desaparición final. A última, con tanta concorrencia que deu un saldo negativo de 27 000 € para o concello. Ou sexa, 2,7€ por cada ribadense -que tal unha viaxe gratis a conta deses cartos?- ou 185 € por cada comercio de ACISA -anunciados beneficiarios da subvención extra, o número de 150 socios invariable dende hai moito-.
O caso é que este Nadal a pista de xeo para patinaxe non acompañará ás 800 000 led para máis brilo de Ribadeo, o parque non se amputará unha vez máis para a labor e Ribadeo non será lugar para escenas fotografables sobre xeo como en anos anteriores.
Polo que parece, estase 'na procura de alternativas' por ser o da pista 'un modelo esgotado'. Coido que, polo contrario, despois de varios anos coa pista funcionando, a xente dos arredores xa o tiña na cabeza e era máis doado sacarlle partido, pero habería que cambiar o sistema de financiamento para non disparar os números vermellos para o concello (non disparar a subvención). Números vermellos que coido non se presentaron nunca dun xeito consolidado incluíndo cousas como gasto de electricidade, por unha beira, ou cun estudo realista da súa influencia efectiva no movemento de cartos en Ribadeo.

20190501

Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa

Hai un par de días, un amigo guioume polas beiras de Alcoa S. Cibrao a descubrir algúns lugares senlleiros. O, para min, máis significativo foi a balsa de lodos. Por varias razóns. A primeira, por tomar conciencia de que ó fin, 'iso' son residuos industriais tóxicos, en cantidades case inimaxinables. A segunda, por confrontar que se presentan algo así como un toma-daca a cambio de postos de traballo. Outra, por constatar como nestes momentos está claro un aumento de capacidade recente da balsa a base de aumentar a altura dos seus muros. E poderiamos continuar, pero non é necesario: xa abonda confusión levan consigo as razóns anteriores. Cada unha delas.
Aínda que non estiveramos nos arredores do un de maio, a 'festa do traballo', como se lle chama parece que para esquecer a súa orixe de loita e vidas perdidas, a confrontación postos de traballo-esixencia calqueira presentada como ineludible pola empresa correspondente, é un clásico. Sexa o eucalipto presentado como especie non invasora a cambio de postos de traballo (e cartos para as madereiras correspondentes), sexa, seguindo no mesmo sector, a prolongación da contaminación de ENCE en Pontevedra como 'mal menor' fronte ós postos de traballo que 'produce' (e os millóns de euros de ganancia da empresa), sexa no caso de Alcoa o rebaixe do prezo da electricidade, ou o desentenderse dos lodos acumulados na balsa, pois están en xogo postos de traballo (din que non é rentable senón...), sexa o que sexa, fronte a unha situación de oferta/demanda de traballo controlada polas empresas, os argumentos presentados pasan a ser o de menos.
No caso da balsa de lodos, a constatación de que o volume da balsa é limitado a pesar das ampliacións-parche feitas ou que se pretendan facer, implica unha consecuencia pra o traballo: de xeito independente a outras consideracións, como o prezo da enerxía, e a falta doutras alternativas na actualidade (como o uso dos lodos como materia prima noutros procesos), se non hai unha nova balsa de lodos, a empresa rematará en algo parello ó afogamento na súa propia merda. Vista a balsa, diría que un prazo de cinco anos só se conseguiría en base a incumprir máis medidas de seguridade na contención dos lodos. É dicir, isa sería duración da fábrica -con electricidade gratis-. Tomo nota de que máis importante que o prazo concreto de datos que poden ter un erro considerable, o número de anos, é o peche por unha limitación física, e de que nin estou a xulgar cousas como a toxicidade do material.
De calquera xeito, segue a estar claro que os postos de traballo serán empregados mentres dure a fábrica para obter vantaxes de todo tipo, mesmo nas contraprestacións da empresa a cambio do traballo, comezando polo soldo.
Si, e... alternativas? Evidente: as alternativas non saen da nada, e se son alternativas, son porque marcan diferencias claras co anterior. Véñenme a bote pronto dúas situacións que se poderían contrapoñer destes últimos anos. Unha a nivel estatal e outra lonxe, no estranxeiro. A primeira, o plan E, en plena crise do ladrillo, foi aproveitada polas institucións ás que ía dirixido, os concellos, para máis ladrillo, como o amaño de rúas. Algo que podía (ou non, segundo casos) ser necesario, pero que tiña como efecto inmediato o manter o sistema que contribuiu a crear a crise, basado na construcción (a máis de que nalgún caso, os cartos empregados na propaganda correspondente eran equiparables ós usados na mesma actuación prevista). A segunda, o paso de China de ser un país atrasado e agrícola a ser, nunha xeración, referencia mundial en comercio electrónico, telefonía móbil, superordenadores ou intelixencia artificial. É evidente que se seguiran facendo o mesmo, o cambio non tería tido lugar.
E ambos casos, dentro dun sistema, o capitalista, que está demostrado que está levando ó planeta e a nós a puntos límite en moitos campos, e que, como mínimo se non é substituído, terá que sufrir fortes cambios para poder sobrevivir. Pero eses cambios non van xurdir da nada: seremos nós quenes teremos que impulsalos como afectados. Mentres, en troques de seguir a defender cada un dos postos de traballo de xeito inmediato, afundíndonos máis nos brazos asfixiantes das condicións actuais, habería que poñer máis fincapé no conxunto, no reparto e nas condicións de vida de mañá e pasado mañá, que tamén van ser nosas.
Vista da balsa de lodos

Nota:
Datos (estimados) da balsa.
Medio millón de m2 de superficie.
Lonxitude da barreira principal: 900 m
Altura da barreira principal: 70 m
Volume ocupado na actualidade: 15 000 000  m3
Para facerse unha idea, unha cantidade cunha masa maior que toda a mercadoría embarcada en Mirasol en toda a súa historia.

20180214

“When you light a candle, you also cast a shadow.” ― Ursula K. Le Guin

Cando acendes unha vela, tamén proxectas unha sombra.
Coincideume no tempo o enterarme de que ía a ser a inauguración da subestación eléctrica de Piñeira e o atoparme coa cita que deixo arriba. De aí esta entrada, con fotos, a nova, ligazón a historia e algunha reflexión (pequena).
 A estrada 'do monte' dende a entrada á subestación.
Vista xeral da subestación:

 Detalle do perímetro.
Acceso secundario. Estado actual.

 Zona de transformación.
Terraplén á estrada.

 Perímetro cabo do terraplén anterior.
Vista dende a zona da entrada:
 Detalle á entrada.
E a posición:

A nota de prensa do concello de onte:
BARCIA DIXO QUE HOXE É UN BO DÍA PARA RIBADEO
Nova subestación
13/02/2018
O alcalde, Fernando Suárez, asistiu esta mañá á inauguración da nova subestación eléctrica que Viesgo pon en marcha na parroquia ribadense de Piñeira. O rexedor agarda que Ribadeo “acade a autonomía enerxética, que non tivo ata o de agora”. Tamén espera que o polígono industrial quede blindado para que calquera empresa de gran consumo enerxético poida traballar con total normalidade.
O rexedor dixo que "por fin podemos inaugurar hoxe esta subestación eléctrica aquí, en Ribadeo, despois de hai xa varios anos que se asinou o convenio inicialmente co conselleiro de Industria do bipartito, Fernando Blanco, xunto cos representantes de Sepes, da empresa pública de solo que xestionou a construción do polígono, como tamén cos representantes de EON e Viesgo, naquel momento".
Suárez Barcia sinalou que "por fin despois de todos estes anos vamos poder traballar con seguridade enerxética aquí, en Ribadeo. Despois de que tantas e tantas molestias teñan causado aos veciños, aos usuarios de sistemas eléctricos aquí, en Ribadeo, por ter un mal subministro de electricidade, por ter tantos apagóns, microcortes, etcétera".
O alcalde agarda que "hoxe deamos carpetazo a todo isto, porque o subministro eléctrico é algo moi necesario que habitualmente non se ve pero só se bota de menos e se valora cando falta. E aquí, en Ribadeo, podemos dicir que temos cum laude en que nos falte o subministro eléctrico".
E engadiu: "polo tanto esperamos que a partir de agora xa haxa estabilidade no subministro e que Ribadeo acade unha autonomía enerxética que non tivo ata agora. E non só para el, senón que agora Ribadeo tamén subministrará a unha parte importante do concello de Barreiros. E ao mesmo tempo o polígono industrial de Ribadeo queda preparado, queda blindado para calquera iniciativa industrial, empresarial que requira do consumo de grandes cantidades de enerxía eléctrica".
Para Fernando Suárez "hoxe é un moi bo día para Ribadeo".
E algún comentario:
-Autonomía enerxética? Coido que está mal usado o termo. Máis ben, subministro adecuado (o que depende do estado da liña, e por un tempo supónse que será bó, e se se mantén en bo estado, seguirá a selo...)
-Coido que habería que sinalar algo da historia do proceso nesta nota. Queda coxa ó dicir só que 'é o remate de varios anos'.
-A redacción parece indicar que os cortes e en xeral, mal subministro era por falta da estación. Coido que quedou demostrado en diversas circunstancias que non era así. Que agora se poda substituír a liña vella e ter mellor subministro non implica que a culpa fora de que o subministro era insuficiente, como apuntei antes.
-Fálase do concello de Barreiros como dependente da subestación. Se se fixa un nas fotos, hai unha saída rotulada 'Mondoñedo'.
--
Sobre a subestación eléctrica de Piñeira.

20180208

SUBESTACION ELECTRICA. Evaristo Lombardero Rico

   Polo que din as obras da subestación eléctrica de Ribadeo xa están rematadas, e séguese repetindo o mantra de que houbo un retraso por culpa do contencioso administrativo prantexado polos veciños de Piñeira. Convén crarexar, máis unha vez, e sabendo que non chegará, que esa información non se axusta a secuencia dos feitos.
   Sen entrar agora nas fases anteriores, os datos concretos dos últimos anos son os seguintes:
- O día 3 de xaneiro de 2013 o concello de Ribadeo concedeu a licencia de obras.
- A mediados de febreiro comezaron os movementos de terras, desmontes e algunha obra.
- A mediados de abril a empresa paralizou as actividades sen dar nengún tipo de explicación
- Só a mediados de decembro do mesmo ano se formalizou o contencioso pola Comunidade de Montes de Piñeira.
- Ainda tardou seis meses a empresa en anunciar que estaban as obras paralizadas por mor do contencioso, pero non fai falla ser un lince para entender que os tempos non casan. Non é o caso do Sr. Alcalde de Ribadeo que tamén se apuntou á mensaxe da eléctrica.
   Non nos preguntes porque foi este retraso nen os anteriores, eso sábeno eles se o saben. O único que podemos contar é que primeiro iba ser unha subestación de 400 000 voltios e despois de 132 000, naturalmente sen explicacións. Tamén se sabe que o proxecto foi moificado polo menos duas veces dende o anuncio inicial en xullo de 2008, cando se asinou o convenio entre SEPES, EON, a Consellería de Industria e o concello de Ribadeo, como tamén é sabido que polo medio andiveron EON, ENEL, BEGASA e VIESGO. De algunha cousa hai documentación e por ahí están es hemerotecas. Dos intríngulis nin se sabe, nin saberá pero quede claro que, no tocante aos retrasos os veciños non tiveron a mais mínima intervención. ¡Ainda quen cas eléctricas!
--
Electricidade de calidade, sobre a subestación eléctrica.
+ da subestación (a modo de historia).

Electricidade de calidade

Polo comunicado de onte da alcaldía, enterámonos de que a subestación eléctrica nova, que ó parecer será estreada o martes do antroido en Piñeira, será a panacea que paliará todas as lagoas de mantemento de liñas, rematando cos cortes de luz. Amén, descansen en paz.
Coido que a estación suporá unha mellora, pero que o mantemento das liñas elñectricas para a distribución está abandoado, e que esa foi (é) a causa da mala distribución . Que se empregara para presionar cando a liña e a subestación estaba cuestinada e había unha oposición mesmo xudicial, esa é outra cuestión de aproveitamento de recursos informativos dun xeito fraudulento por parte da empresa para outra causa que non tiña que ver (déranlle ou non a razón á empresa na causa xudicial)
O troceamento do subministro eléctrico en produción, distribución e comercialización, que se fixo efectivo en España hai xa anos, formalizou unha producción e comercialización altamente rendibles e totamente privadas, e unha distribución de alto custe de mantemento en monopolio público tutelado polas privadas e desatendido. Dese xeito, todos sabemos que para protestar pola abusiva factura da luz temos que ir a un sitio -sen moita esperanza no fundamental, blindado legalmente-, pero a calidade depende de outro... que non ten contacto directo connosco.
Ademáis, unha parte considerable do custe (por iso se di ás veces que a electricidade en España non é 'tan cara' a pesar de estar no pelotónde cabeza europeo) vai a á cota fixa de enganche, desalentando os aforros de consumo.
E, sobre aforros de consumo, en todo o mundo occidental hai un equilibrio entre a instalación de producción eléctrica e o seu consumo. Foi cando se viu que pola ganancia de eficiencia o consumo non ía tirar moito para arriba cando a tarifa de enganche subiu, como seguro de ingresos, aínda que non haxa consumo.
E así andamos. Con ou sen a nova e cuestionada subestación eléctrica de Ribadeo.
Subestación eléctrica. Imaxe de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Subestaci%C3%B3n_electrica_1.jpg . Foto realizada por Angel Aroca Escámez. Lic.CC by-sa 3.0.
Comunicado sobre o retardo  do proceso da subestación, por Evaristo Lombardero.
+ da subestación (a modo de historia).

20170426

Fáigase a luz! ... e amenceu. O secuestro eléctrico de Ribadeo


De traca. Unha burla. Tómannos polo pito do sereno. Son só algunhas das frases cualificativas do desleixo no que as compañías elećtricas teñen a Ribadeo. Na entrada de onte, cando a din podido publicar, ten a referencia dalgúns cortes arredor das 8 da mañá, pero seguíronse a producir pola mañá (como di a nota do alcalde) e pola tarde. Estropeando traballos, facendo perder tempo, fastidiando equipos... son algunhas das consecuencias.
Coido que non vale a resposta da nota do alcalde índose queixar á Xunta. É totalmente insuficiente. A recollida de datos é indispensable para poñer unha demanda a BEGASA/EON/VIESGO, que non importa moito a propiedade, senón a falta de servizo (imos deixar o do atraco vía facturación paras outra). No blog hai abondo, pero son moitos máis os que se teñen escapado deste reconto persoal ó que van contribuíndo algunhas amizades. Ó igual que outras veces, o pobo está unido en relación ó que está sucendendo coa electricidade. E non se está a aproveitar para conseguir un subministro adecuado.
Vale de queixas, e máis actuación. Esta entrada queda tamén coa etiqueta 'historia', porque coido que na historia de Ribadeo os cortes de luz xa teñen o seu oco.

20170116

Mínimos contraproducentes

A conta dunha queixa ó Valedor do Pobo sobre o mínimo do consumo de auga no concello de Barreiros, volve a estar visible o cobro de cantidades non consumidas.
Con diferentes xustificacións, atopamos pagos 'mínimos' en moitos servizos, dende telefonía a auga, pasando por electricidade ou gas canalizado. A xustificación soe estar relacionada con que o manter a dispoñibilidade do servizo, custa. Mais o que pasa é que se emprega ese mínimo de xeito recadatorio, esquecendo que unha vez feita a instalación, o mantemento correspondente é moito menos que recadado, usando os pagos para engrosar beneficios da compañía (e/ou, no caso de participación de institucións públicas, aumentar a recadación)

A denominación (como ocorre na factura de Viesgo que se amosa) é o de menos. O de máis é que pode existir unha mínima xustificación de cobro por mantemento, pero dispárase para 'equilibrar' ingresos das compañías e/ou institucións sen vir a conto, mesmo pasando a ser a parte principal do cobro, forzando un desinterese sobre o aforro (e sobre o consumo). No caso do recorredor ó Valedor do Pobo barreirense, segundo parece non había consumo, e houbo cobro. No caso das eléctricas, xa ten saído na prensa veces abondas casos semellantes, mesmo aparatocos , de cobro por subministro. Na factura que se presenta, hai máis cobro 'por potencia contratada' (é dicir, independente do consumo) que 'por enerxía consumida'. A factura pertence a unha zona como a nosa, con cortes abondantes no subministro eléctrico, que fai supoñer que o mantemento se realiza de xeito abondo deficiente, non garantindo a potencia contratada. Algo polo que, por certo, as grandes empresas pagan un canon extra (ver o caso de Alcoa) que polo que parece non chega e subvencionamos todos...
Voltando ó comezo, estamos pagar ás grandes empresas (quenes se encargan destes cobros son en xeral grandes empresas, mesmo que sexan por conta dos concellos por privatización do cobro) algo que non nos garantizan, e o estamos a facer a prezo de ouro. E, ademáis, usan ese 'canon' para dicir que os servizos son baratos, non contabilizándoo no custe do propio servizo... Mais, se non o contabilizan como custe de servicio, por que o cobran?
E, mentras non nos rebelemos, a cousa ha seguir así. Ou peor. E mentras, seguirán desincentivando o aforro e collendo, tamén por ese método, máis poder.