Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta electricidade. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta electricidade. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20120717

Máis historia en Ribadeo

Onte, no DOG, proclamábase o "DECRETO 153/2012, do 5 de xullo, polo que se transforma o centro público integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo en centro público de educación primaria, se fusionan os institutos da localidade de Ribadeo e se trasladan ensinanzas."
É dicir, xa é oficial que o próximo curso haberá o Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, polo momento sen máis nome e sendo de esperar que aínda se lle tarde en asignar un un certo tempo. Facelo doutro xeito sería ben esquecer unha parte da historia de Ribadeo, por un nome novo, ben dar preeminencia a un dos nomes anteriores, cousas ambas que coido desaconsellables.
Primeiro, corto e pego a historia do de vida máis longa dos que se fusionan, o IES Dionisio Gamallo Fierros:
Anos 20
Créase en Ribadeo o primeiro Instituto de Ensino Secundario. Pechou ó rematar a guerra.
1955
Inicia a súa actividade o actual Instituto, sendo Dionisio Gamallo Fierros o primeiro director. En principio as clases eran na casa do óptico, por non contar con edificio propio.
1958
 Inaugurouse o actual edificio. Ó acto asistiu Francisco Franco, como quedou recollido na prensa da época.

"El Jefe del Estado, con su esposa y demás miembros de la comitiva, fue recibido en el Instituto Laboral por el Director del mismo, D. Dionisio Gamallo Fierros, y el Claustro de Profesores.

"En el vestíbulo del nuevo edificio se había levantado un altar, en el cual se revistió con los ornamentos litúrgicos el Prelado de la Diócesis, Dr. Argaya Goicoechea, que procedió a la bendición del Instituto.

"A continuación, el Caudillo, acompañado de su esposa, del Ministro de Educación Nacional y del Director del Centro, visitó las dependencias de éste, interesándose por su funcionamiento y examinando detenidamente el material pedagógico y científico de que dispone, y escuchando las explicaciones dadas por el Ministro.
"Terminada la visita, el Jefe del Estado expresó su complacencia por las nuevas instalaciones del Instituto Laboral, trasladándose luego, con la misma solemnidad que a la llegada, al Parador de Turismo.
"Las características del nuevo edificio del Instituto de Enseñanza Media Profesional de Ribadeo, son las siguientes:
"Ha sido construído a la salida de la villa, en la margen izquierda de la carretera de Asturias a Galicia. Sencillo de líneas y armonioso en el conjunto, el proyecto se ha debido al Arquitecto del Ministerio de Educación Nacional, D. Francisco Navarro Borrás.
"Consta la edificación de cuatro plantas. La baja mide 1.400 metros cuadrados, destinados a salón de actos, patio cubierto para recreo, oficinas, talleres de diversas actividades, etc. La planta primera mide 820 metros cuadrados, y en ella están el vestíbulo, el anfiteatro, la capilla y cinco aulas, de 60 metros cuadrados cada una.
"La segunda planta mide 680 metros cuadrados, y en la que se han instalado el local del Frente de Juventudes, bar, cocina, salas de dibujo y laboratorios. La última planta se destina a almacenes y una torreta, donde se han colocado aparatos para observaciones meteorológicas.
"El edificio tiene capacidad para dar en él enseñanza a numerosos alumnos, y todas las instalaciones y servicios han sido adecuados a la función a que se destinan, no sólo para su utilización en la actualidad, sino para que en el Instituto puedan recibir enseñanzas numerosos alumnos en años futuros".
Revista Lucus, Excma. Deputación Provincial, nº 3, decembro de 1958, páxs. 11-13.

Déuselle o nome de "Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel"
1963
O Instituto pasa a ser mixto. Ata esa data só asistía alumnado masculino.
Curso 1966-67:
 Implántase o Bacharelato Superior.
1967:
 Créase un Colexio Menor. Os alumnos residían nas vivendas anexas ó centro.
 Implántase o Bacharelato Elemental nocturno.
Curso 1975-76
Extinguido o vello plan de Bacharelato, comeza a impartirse o BUP.
Curso 1998-99:

 Pasa a impartirse un Ciclo Superior de Animación Sociocultural.
 Intégrase o Centro Dámaso Alonso, ata entón independente, e dedicado á educación permanente de adultos.
 Empeza a impartirse a ESO
2000:
 O IES nº 1 pasa a denominarse IES Dionisio Gamallo Fierros.
Curso 2001-02:
Empeza a impartirse un Ciclo Superior de Educación Infantil e un Programa de Garantía social de Auxiliar de Puericultura.
E logo, a do Porta da Auga:
A historia do centro comezou o 23 de agosto de 1975 cando polo decreto 2490/1975 se creou o Centro de Formación Profesional de 1º e 2º grao de Ribadeo. Isto aparece publicado no B.O.E nº 254 con data do 23 de outubro de 1975 asinado aínda por Francisco Franco e sendo ministro de Educación e Ciencia Cruz Martínez Esteruelas.
No B.O.E. do 31 de decembro de 1975 por Orde do 9 de decembro dese mesmo ano faise público que o seu funcionamento comeza en novembro de 1975.
Impartiranse as ensinanzas da:
  • Rama Administrativa e Comercial, profesión Administrativa.
  • Rama Electricidade e Electrónica, profesión Electricidade.
  • Rama do Metal, profesión Mecánica
Segundo esta mesma Orde o cadro de persoal do centro será o seguinte:
  • Un profesor da Área Formativa Común.
  • Un profesor da Área de Ciencias Aplicadas.
  • Un profesor de Expresión Gráfica.
  • Un profesor de Idiomas.
  • Un Profesor de Tecnoloxía para cada profesión concedida.
  • Un profesor de Relixión.
  • Un profesor de Formación Cívico-Social e Política.
  • Un profesor de Educación Físico –Deportiva.
  • Un mestre de Taller ou profesor de Prácticas por cada profesión concedida.
O cadro de persoal administrativo conforme o B.O.E. anteriormente citado estaría composto por:
  • Un oficial e un auxiliar.
E o de persoal subalterno por:
  • Tres ordenanzas
  • Tres serventes de limpeza.
Por orde do 2 de decembro de 1975 adscríbese provisionalmente ó Instituto de Formación Profesional de Ribadeo o seguinte profesorado docente con efectos do comezo do curso escolar 75-76, aínda que moitos deles non chegaron a impartir clase no centro:
  • D. Alberto Mediavilla Martínez
  • D. José Benito Santana Gutiérrez
  • D. Jesús Fermín Rodríguez Pérez
  • D. Mario López Durá
  • D. Leonardo Díaz Sedano
  • D. José González de Sela Torres
O 16 de febreiro de 1976, e co obxecto de non demorar o comezo das clases como Instituto de Formación Profesional, o Delegado do Ministerio de Educación decide que, provisionalmente, José Benito Santana Gutiérrez , organice a iniciación das actividades docentes. O 31 de marzo de 1976 o director en funcións comunica ó Delegado provincial de Educación e Ciencia o horario semanal dalgúns dos profesores do centro:
  • Formación do Espírito Nacional
      Dª Antonia Lazurtegui Cuervo.............................4h.
  • Ensinanzas do Fogar.
      Dª Fernanda González de Sela Torres................2h.
  • Educación Física.
      DªCarmen Gómez Montero...................................3h.
  • Educación Fisica
      D. Francisco López Castro ..................................3h.
  • Relixión
      D. José Yáñez Basanta.........................................4h.
O 19 de abril de 1976 autorizase a contratación do seguinte persoal docente para o curso 76-77: Juana Mª Guzmán Suárez , Mª del Pilar Moro Fernández e Jesús Eugenio García García , aínda que xa desde febreiro impartiron clase neste Instituto.
O 6 de outubro de 1976 comunícase ó director do centro que durante o curso académico 76-77 Juan Ignacio García Cernuda , impartirá as ensinanzas de Educación Física e Deportiva que, anecdoticamente, naquel momento tivo que compartir coas de Formación Cívico-Social e Política.
O 8 de febreiro de 1977 asígnase en Madrid o primeiro director ó Instituto de Formación Profesional de Ribadeo, Jesús Eugenio García García, proposto para este cargo polo claustro de profesores.
O 23 de marzo de 1977 asínase en Madrid o nomeamento da primeira secretaria do centro, Mª del Pilar Moro Fernández , e ó día seguinte noméase como primeira xefa de estudios do Instituto de Formación Profesional de Ribadeo a Juana Mª Guzmán Suárez . Na actualidade estas dúas profesoras continúan exercendo o seu labor docente no centro.
Con entrada do 6 de maio de 1977 chega ó centro o contrato das serventes de limpeza: Carmen Santos Amor , Antonia Amor López e Elvira Saavedra Peña , aínda que tamén se aclara nun documento anterior que deben constar con este cargo desde o 1 de outubro de 1976.
O 1 de maio de 1977 é asinado o contrato da primeira auxiliar da rama administrativa que traballa no centro, Mª Victoria García Reigada , que aínda hoxe continúa realizando os labores administrativos e que despois seguiu a súa formación neste mesmo instituto.
A entrada no rexistro do centro data do 20 de setembro xunto co primeiro contrato de persoal subalterno no que figura para este cargo Manuela Cancio Díaz, que realizou labores de administrativa ata a incorporación de Victoria.
Polo que respecta a solicitudes de axuda ó estudio, as primeiras do centro foron as presentadas no curso 76/77 por Elva Fernández Rodriguez e Mª Victoria García Reigada, actual administrativa do centro.
En canto ó material escolar a primeira orde de distribución rexistrada no arquivo do Instituto é do 31 de maio de 1976 e nela adxudícanse ó centro:
  • 1 armario A-1
  • 40 cadeiras xiratorias.
  • 40 máquinas de escribir.
  • 40 mesas de máquina de escribir.
  • 1 calculadora.
  • 1 fotocopiadora.
Na orde do 3 de novembro de 1976 asígnase ó centro unha mesa de profesor e un sillón.
O 2 de xullo de 1977 realizouse o primeiro inventario de material do centro, que estaba composto polo citado nas dúas ordes de districución anteriores e polo seguinte prestado polo I.N.E.M:
  • 70 pupitres.
  • 70 cadeiras.
  • 3 mesas de profesor
  • 2 sillóns .
  • 2 mesas de oficina.
  • 2 cadeiras de oficina.
  • 1 máquina de carro grande.
  • 1 percha.
Posteriormente chegaría ó centro por orde de distribución do 1 de xullo de 1977 o seguinte material:
  • 1 xogo de ciceis e burís.
  • 4 tesoiras para cortar chapa de 8”.
  • 1 armario con peche de persianas e equipo de ferramentas para electricista.
  • 40 equipos de ferramentas mecánicas para alumno.
Cómpre destaca-lo orzamento co que o centro contaba para o primeiro , segundo e terceiro trimestre de 1976 que ascendeu a un total de 192.000 pts .
O 15 de novembro de 1977 o director do centro comunica ó delegado privincial de Educación e Ciencia de Lugo que o terreo onde está ubicado o centro ten unha superficie de 2.800m2 dos cales 286 corresponden ó inmoble, 500 ó patio frontal e quedan libres 1961m2 de superficie libre edificable e solicita a construcción dun taller de electricidade, de talleres de mecánica, a colocación de calefacción central(pois só se contaba con catro estufas de butano do instituto de ensino medio que tiveran que ser devoltas por necesidades do I.N.E.M) e o cambio da instalación eléctrica que era moi antiga e bifásica, Naquel curso aínda se impartían as clases na antiga Casa do Óptico con enderezo no Xardín, en Ribadeo.
O centro foi medrando e construíuse o novo edificio no que está ubicado desde o curso académico  1981-82.
Nestas dúas fotos pódese observar o aspecto das partes anterior e posterior do novo edificio no mesmo ano da súa inauguración (bueno, a verdade é que non houbo ningún acto oficial de inauguración).
No terreo baldío que vemos nesta foto actualmente atópase o polideportivo e o edificio que alberga os talleres de electricidade e aula do Bacharelato de Tecnoloxía.
O mesmo tempo tamén se foi incrementando a oferta de especialidades de Formación Profesional, empezouse a impartir a ESO de forma anticipada, sendo un dos primeiros centros de Galicia en incorporar estas ensinanzas, e a continuación chegaron os Bacharelatos, tamén de forma anticipada.
Na seguinte táboa móstrase a evolución da implantación de ensinanzas ata o curso 2002-03:
Ano
Ensinanzas implantadas
1975-76
FP1 Administrativo
1977-78
FP2 Administrativo
FP1 Electricidade
1979-80
FP2 Electricidade
1981-82
FP1 Automoción
1983-84
FP2 Automoción
1984-85
FP1 Sanitaria
1987-88
FP2 Anatomía Patolóxica
1992-93
3º E.S.O.
1994-95
Bacharelatode Humanidades e Ciencias Sociais
Bacharelato de Tecnoloxía
1995-96
CFGM Electromecánica de Vehículos
CGFM Equipos e Instalacións Electrotécnicas
1996-97
CFGS Administración
CFGS Automoción
1997-98
CFGM Coidados Auxiliares de Enfermería
CFGM Xestión Administrativa
1998-99
Prog. Gar. Social: Axudante de Operacións de Carrocería do Vehículo
1999-00
Último ano de Anatomía Patolóxica e do
CFGM Coidados Auxiliares de Enfermería
2000-01
Prog. Gar. Social: Dependente de comercio
2001-02
CFGM Acabados de construcción
(réxime nocturno)
2002-03
CFGM Carrocería (réxime nocturno)
2003-04
Condición de Centro Integrado de Formación Profesional
2007-08
Primerio curso que funcionan desdobrados o IES e o Cento Integrado de Formación Profesional Porta da Auga
Con todas estas especialidades e ciclos formativos o espacio dedicado a estas actividades tivo que ser aumentado e foi en marzo de 1999 cando o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria inaugurou novas instalacións. Completáronse con dous novos bloques destinados a Electricidade e Electrónica e aula do Bacharelato de Tecnoloxía - o primeiro- e a taller de Automoción -o segundo-. As novas aulas contan cunha superficie de 605 metros cadrados e a nave taller de 405m2. 0 investimento foi de 122.509.661 pesetas.
As novas especialidades e reformas fixeron preciso a modificación da propia denominación do centro xa que pasou de Instituto de Formación Profesional a Instituto de Educación Secundaria e o 10 de febreiro de 1998 foi aprobado no Consello Escolar o seu nome actual Porta da Auga.
As instalacións seguiron aumentando e construiuse un pavillón de deportes cunha superficie de 1000 metros cadrados destinado a aula de Educación Física e patio de recreo; no verán de 2001 fixéronse unha serie de reformas quedando novos locais para Conserxería, Orientación, Secretaría, Recepción de pais, Biblioteca, Salón de actos, así como un despacho independente para cada membro do equipo directivo; durante o curso 2001/02 construiuse unha nave para impartir as ensinanzas de Acabados de Construcción, de 240 metros cadrados, e no 2002/03 unha aula de Informática de 27 metros cadrados e un despacho para o responsable de calidade.
No curso 2003-04 o IES Porta da Auga pasou a ser o primeiro centro da provincia de Lugo en adquirir a denominación de Centro Integrado de Formación Profesional, pasando a impartir, ademais da ESO e Bacharelatos, tódalas modalidades da Formación Profesional: reglada (Ciclos Formativos), ocupacional e continua.
En setembro do 2006, mediante o Decreto 154/2006, do 7 de setembro (DOG do 18 de setembro e corrección de erros no DOG do 22 de setembro), o centro desdóbrase en dous, por un lado o propio IES Porta da Auga e por outro o Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga. A orde do 30 de novembro de 2006 (DOG do 2 de xaneiro) autoriza a oferta educativa dos dous centros, quedando o IES Porta da Auga coa ESO, Bacharelatos (modalidades de Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais), os ciclos formativos da familia profesional de Administración (ciclo medio de Xestión Administrativa e ciclos superior de Administración e Finanzas) e os programas de garantía social (Axudante de operacións de carrozaría do vehículo, dependente de comercio, operario de albanelería e instalador electricista).
Ó longo destes anos de implantación de novos estudios e reformas cómpre salientar aos máximos responsables: os nosos directores, que co seu traballo e coa axuda dos distintos equipos directivos e profesorado fixeron posible isto. Xa mencionamos ao director que provisionalmente se encargou de comezar a nosa andaina: José Benito Santana Gutiérrez. Logo dirixiu o centro Jesús Eugenio García García e os seguintes foron:
  • Flor Núñez Sánchez
  • Antonio Gregorio Montes
  • Xose Antón Méndez López
  • Luis Manuel Álvarez Martínez
  • Álvaro Doural Leiras
  • Alfonso Piñeiro Funcasta
Coa nova oferta tamén aumentou considerablemente o número doutros dos protagonistas desta historia, os alumnos e alumnas, que chegaron a ser mais de 600 no curso 1996-97, como se aprecia no seguinte gráfico:

20191221

Que non nos enganen: dúas novas económicas que afectan a Galicia

Temporal. Unha cancelación dunha actividade que me afecta polo Fabien. O tempo está tolo. E coa economía quérennos tolear.
Pode parecer que non teñen relación, pero as dúas novas de onte que remato de ler en El Economista e que afectan a Galicia coido que teñen relación co clima. Unha, que as contas do pasado ano sobre o medre das diversas autonomías estiveron abondo mal feitas. En concreto, sobreestimadas en 14 das 17 autonomías (o que leva a unha sobre estimación do 'medre' ds contas do conxunto de España). Entre elas, cun 2,2 % de sobreestimación, de Galicia.
A outra, fronte á petición dunha elecricidade máis barata das empresas electrointensivas, a nova de que hoxe teremos a electricidade máis barata de Europa. Hoxe, e as empresas, non nós.
Que Galicia medre menos do dito implica que houbo un trunfalismo para poñerse medallas e contabilizar, por exemplo, nas eleccións. Non debe ser doado levar unha contabilidade exacta a esa escala, mais a deriva cara arriba de 14 das dezasete comunidades autónomas de España debera facer pensar nun erro sistemático, non accidental, e polo tanto, máis doado de corrixir se se quixera. Ademáis, erros dese tipo tenden a desconectar a economía do entorno, facendo que uns indicadores vaian nunha dirección e outros noutra, perdendo ou mellor, ocultando, conexións e relacións entre cousas diversas, como a produción e o impacto ambiental. Onte mesmo, nunha charla en Ribadeo, Iván Lombardero deixaba claro que na actualidade parece haber unha correlación moi axustada entre variación do PIB e emisións de CO2. Un PIB calculado con datos semellantes ós que agora se corrixen pero que hai tempo que se sabe que non ten tanta relación co benestar persoal, e un CO2 causante -non único- do efecto invernadoiro extra que está a facer que a temperatura superficial media do planeta medre.
Por outra, que en España hoxe sexa a electricidade máis barata que no resto de Europa, como anunciou onte a ministra do ramo para rebatir as pretensións das industrias electrointensivas -léase Alcoa como exponente principal en Galicia- é algo que para comentalo cun mínimo de profundidade tería que dispoñer dun espazo moi superior ó que estou disposto a empregar, polo que van ir só algunhas pinceladas. Comecei o artigo dicindo que hoxe entraba o Fabien, é dicir, que os aeroxeradores teñen "materia prima" abondo (mesmo terán que parar algúns para que non queden destrozados por exceso de vento), e, despois das chuvias desta tempada, as centrais hidroeléctricas, tamén. Esta mesma semana anunciouse que por primeira vez dende que hai rexistro, España non tivo que recurrir ó carbón durante un día para producir electricidade, obviando que en algunha illa non se conseguiu polo sistema de xeración que hai alí. É dicir, enerxía prima gratuíta grazas a unhas renovables denostadas longo tempo por caras, ineficientes, difícis de usar de xeito continuado, etc. O caso é que o anuncio é para hoxe, esquecendo que de media non é así. E a media é o que importa... Pero é que ademáis, esa factura baixa 'non ten que ver' connosco, consumidores de a pé, cunha tarifa que non vai ser hoxe a menor de Europa, e uns custes de enganche que tampouco o serán. E o debate sobre o consumo enerxético / produción de enerxía estase a facer dun xeito monetario, totalmente illado dos presuntos acordos de redución de consumo enerxético -e polo tanto de produción- a pesar da súa validez cacarexada para propaganda. Con Alcoa, a compañía esquécese de que toda actividade emprendedora ten os seus riscos, e carga estes sobre os traballadores e a sociedade, empregando os mesmos traballadores como punta de lanza dos intereses empresariais a curto prazo e non dos intereses da sociedade a longo prazo. Por suposto que existe un problema se Alcoa se marcha -algo que a non moi longa prazo, como teño razoado noutras entradas, é previsible que faga- e por suposto que afecta a toda a zona e á economía galega. Mais a solución dentro dun sistema viciado como o actual tenderá a estar viciada de saída e a ser curtopracista e curta de miras. Así, entre outras moitas preguntas que se poderían facer:
- Hai algunha previsión de alternativas?
- Hai algunha visión de enxuague social conxunto dunha entrada de ingresos como a que representa Alcoa? (non me estou referindo a subvencións ou ós cartos do paro, senón algo máis profundo)
- Algunha consideración do problema de funcionamento dunha fábrica así no seu conxunto e non só no binomio enerxía-cartos? (co que se pon xa de comezo a vida ds persoas en función dos cartos, e non ó revés)
Vivimos nun mundo interrelacionado, e non podemos obviar que novas que aparecen como algo máis, ben lonxe de nós, en termos 'macro' nos afectan de xeito directo, e temos que miralas cun certo detemento, pois outra cousa será só deixarnos enganar.

20210712

Colaboracións público-privado fronte a público-comunitario

   Madrid e a súa vacinación no Corte Inglés volve a presentarme unha vez máis a chamada 'colaboración público-privada', vista ó noso arredor, en hospitais, autoestradas... e en calquera outro lugar onde se poda sacar lucro con servizos, lucro privado a conta do público, da xestión do comunitario. Coido que esa é a cuestión dunha expresión que considero un eufemismo: o lucro. Se non fose polo lucro, as 'colaboracións público-privadas' respondería a outra idea, darían outra visión, tería outro desenvolvemento, como colaboración. Ou sexa, non habería tal 'colaboración' entrecomiñada e como substitución de contrato mercantil ou semellante, senón sinxelamente colaboración, sen comiñas, e por moito que o Corte Inglés pareza un ánima caritativa poñendo vacinas. Despois de ter preferencia na vacinación do seu persoal, servindo de propaganda gratuíta e ademais atraendo xente ó lugar do negocio. E despois de torpedear a sanidade como servizo público dende dentro. E todo, propiciado pola política ao mando e presentando a desfeita como algo que debemos agradecer á empresa privada nun acordo como din os americanos win-win, entre vencedores, no que todo o mundo gana: a xente pode vacinarse antes e os dependentes da empresa, aínda antes: Que pode estar mal?.

   Por outra banda, non se fala máis que raramente dunha colaboración sen a que a estrutura pública veríase fortemente afectada, colaboración que ademais leva tempo sendo repelida de diversos xeitos por moitas institucións que ven a xestión comunitaria como un 'coto privado' das institucións chamadas públicas por depender da estrutura política, é dicir, que substitúen a idea de xestión co común por xestión das autochamadas institucións públicas. Tal parece ás veces que o comunitario fose un anatema fóra da propaganda que se poda facer á súa costa, e o público algo que non é de ninguén e do que hai que fuxir unha vez trasladadas as súas funcións ó ámbito privado, da sanidade ó exército, da educación á burocracia. A través de chiringuitos esperando o día de poder allear mesmo ese poder incontrolado e opaco e facer máis privada a sociedade. Non unha sociedade calquera, non, senón A Sociedade. Esa sociedade que deixou o comunitario, bens e servizos, en mans de xestores, confiando neles para unha xestión que agora deciden subcontratar, quedándose e aumentando os beneficios do seu posto e diminuíndo o poder e a riqueza da comunidade en conxunto, nun traspaso do que é de todos ó que é só dun puñado. É dicir, para privar a sociedade da súa esencia para conseguir o obxectivo de privatizala.

   Metaforicamente pódese falar de que se se chega ate a pechar con chave legal mesmo o Sol. Así se poden interpretar as trabas a dispor de enerxía solar de xeito autónomo nas casas: quérese o tellado como lugar de produción para o exterior a custe cero para a rede, mentres os prezos da electricidade subministradas por ela medran sen moito control, comezando dende o pago sinxelamente por dispor de electricidade, independentemente de canto se consuma, a máis do propio consumo. E non só en España. Aínda hoxe remato de ler un titular que apunta á preferencia de Biden de aumentar o número e potencia das liñas eléctricas 'para transportar electricidade dende as granxas solares e parques de aeroxeradores', primando iso, as compañías privadas de xeración, sobre a posibilidade de aproveitamento do Sol de xeito directo por parte da comunidade.

   Por certo, que é a escravitude se non o alleamento de posesións e actos, pasando a ser privativos da persoa ou entidade escravista? Nese proceso de alleamento anda a nosa sociedade...


20210629

Con luz e taquígrafos

Con luz e taquígrafos

   Esa era una expresión usada para manifestar que algo quedaba exposto con datos, de xeito razoado e claro. Hoxe os taquígrafos desapareceron, substituídos polos medios de recordatorio verbal, gravacións mesmo con imaxes e interpretación escrita: estamos nunha era dixital, querendo dicir con iso algo que vai máis aló do seu significado orixinal, comprendendo dende o uso das ondas electromagnéticas codificadas á intelixencia artificial, nunha mistura que soe escapársenos en profundidade e nebulosa en amplitude, contradicindo ó significado da expresión 'con luz e taquígrafos' que, non obstante, fixo quedar anticuada.

   Volvendo á expresión, o de 'con luz', hoxe é caro: os custes ó consumidor están disparados, mentres as ganancias que se lles permiten ás eléctricas tamén o están, e as inxustizas de tarifa, custando só o mantemento da liña unha boa porción do total, a asimetría do trato entre as grandes eléctricas, impoñendo condicións e substraéndose de servizo, etc, fan a situación máis lamentable. Carencia ou pobreza enerxética, así a chaman, e queda encapsulada, clasificada... e oculta a idea do que representa de mala distribución, enriquecemento legal pero ilícito, normas ad hoc en contra do medio humano e ambiente... e corrupción.

   En 'Regreso ó futuro' hai unha pasaxe da película no que hai unha confusión de quen ven do pasado ó presente sobre Ronald Reagan, o actor de segunda, coa conseguinte aclaración de que é o presidente do goberno dos Estados Unidos. Pero é quen ven do pasado quen queda sorprendido, mentres quen non cambia de tempo non ten ningún asomo de sorpresa, pero tampouco de recoñecemento de contraste. Aquí sería ó revés, ó preguntar se segue sendo presidente do goberno, ou ministro, ou... aquel ou aquela conselleira das eléctricas, o que nos levaría máis ben, de 'regreso ó pasado' de connivencia e convivencia de poder político e económico, de caciquismo, para empregar unha verba que por estes lares coñecemos ben. Por outra banda, un recoñecemento que, ós que vimos xa cunha algo longa traxectoria vital, temos asimilado, mentres quen ten menos idade segue sen recoñecer como nada más que real (no sentido de 'natural'...)

   De xeito paralelo, parece que os novos 'taquígrafos' non recollen moito da letra pequena dos contratos, como corresponde ós murmurios nas conversas, inaudibles, pero que prestan efecto para quen os di e son efectivos, causan efecto e considéranse, se ten o poder. Ou sexa, como as grandes eléctricas, telefónicas ou bancos, en relación coas que se podería dicir 'dálles os cartos e corre', non vaia ser que te pidan máis, porque outra cousa non vas sacar, os servizos van ser os que queiran eles, igual que o prezo. Dubido que coñeza a ninguén maior de idade que non tivera un encontronazo (e saíra perdendo) cunha telefónica, unha eléctrica, un banco...

   Non hai taquígrafos, e a luz está cara. Non porque custe conseguir electricidade, senón  polas ganancias que se queren lograr. E penalizar o baixo consumo, aumentando o tramo fixo da factura, fai que as guerras pola tarifa do consumo realmente feito (enerxía, e non potencia contratada) teña importancia pero non sexa máis ca unha distracción de que pase o que pase, as eléctricas seguirán a gañar.

   Unha cousa. E, todos eses sectores, banca, telefonía, electricidade, non son servizos, non poden estar incluídos no servizo público? Non houbo unha telefonía pública en España? Non seguen sendo EDF e EDP testemuñas de empresas públicas de electricidade durante décadas pasadas nos países veciños? Non está a capitalización bursátil dos maiores bancos españois por baixo das axudas recibidas pola banca e nunca recuperadas por esa entidade comunitaria que é o estado?

   Debo recoñecer, por último, que as orixes deste escrito teñen pés nas novas de ganancias das eléctricas e nun pequeno desencontro (segundo eles non chega a iso) coa telefonía. Nada novo: seguirá. Por iso mesmo, nós tamén temos que seguir turrando para poder desfrutar da luz con claridade recollida en medios fiables polos taquígrafos.

20190501

Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa

Hai un par de días, un amigo guioume polas beiras de Alcoa S. Cibrao a descubrir algúns lugares senlleiros. O, para min, máis significativo foi a balsa de lodos. Por varias razóns. A primeira, por tomar conciencia de que ó fin, 'iso' son residuos industriais tóxicos, en cantidades case inimaxinables. A segunda, por confrontar que se presentan algo así como un toma-daca a cambio de postos de traballo. Outra, por constatar como nestes momentos está claro un aumento de capacidade recente da balsa a base de aumentar a altura dos seus muros. E poderiamos continuar, pero non é necesario: xa abonda confusión levan consigo as razóns anteriores. Cada unha delas.
Aínda que non estiveramos nos arredores do un de maio, a 'festa do traballo', como se lle chama parece que para esquecer a súa orixe de loita e vidas perdidas, a confrontación postos de traballo-esixencia calqueira presentada como ineludible pola empresa correspondente, é un clásico. Sexa o eucalipto presentado como especie non invasora a cambio de postos de traballo (e cartos para as madereiras correspondentes), sexa, seguindo no mesmo sector, a prolongación da contaminación de ENCE en Pontevedra como 'mal menor' fronte ós postos de traballo que 'produce' (e os millóns de euros de ganancia da empresa), sexa no caso de Alcoa o rebaixe do prezo da electricidade, ou o desentenderse dos lodos acumulados na balsa, pois están en xogo postos de traballo (din que non é rentable senón...), sexa o que sexa, fronte a unha situación de oferta/demanda de traballo controlada polas empresas, os argumentos presentados pasan a ser o de menos.
No caso da balsa de lodos, a constatación de que o volume da balsa é limitado a pesar das ampliacións-parche feitas ou que se pretendan facer, implica unha consecuencia pra o traballo: de xeito independente a outras consideracións, como o prezo da enerxía, e a falta doutras alternativas na actualidade (como o uso dos lodos como materia prima noutros procesos), se non hai unha nova balsa de lodos, a empresa rematará en algo parello ó afogamento na súa propia merda. Vista a balsa, diría que un prazo de cinco anos só se conseguiría en base a incumprir máis medidas de seguridade na contención dos lodos. É dicir, isa sería duración da fábrica -con electricidade gratis-. Tomo nota de que máis importante que o prazo concreto de datos que poden ter un erro considerable, o número de anos, é o peche por unha limitación física, e de que nin estou a xulgar cousas como a toxicidade do material.
De calquera xeito, segue a estar claro que os postos de traballo serán empregados mentres dure a fábrica para obter vantaxes de todo tipo, mesmo nas contraprestacións da empresa a cambio do traballo, comezando polo soldo.
Si, e... alternativas? Evidente: as alternativas non saen da nada, e se son alternativas, son porque marcan diferencias claras co anterior. Véñenme a bote pronto dúas situacións que se poderían contrapoñer destes últimos anos. Unha a nivel estatal e outra lonxe, no estranxeiro. A primeira, o plan E, en plena crise do ladrillo, foi aproveitada polas institucións ás que ía dirixido, os concellos, para máis ladrillo, como o amaño de rúas. Algo que podía (ou non, segundo casos) ser necesario, pero que tiña como efecto inmediato o manter o sistema que contribuiu a crear a crise, basado na construcción (a máis de que nalgún caso, os cartos empregados na propaganda correspondente eran equiparables ós usados na mesma actuación prevista). A segunda, o paso de China de ser un país atrasado e agrícola a ser, nunha xeración, referencia mundial en comercio electrónico, telefonía móbil, superordenadores ou intelixencia artificial. É evidente que se seguiran facendo o mesmo, o cambio non tería tido lugar.
E ambos casos, dentro dun sistema, o capitalista, que está demostrado que está levando ó planeta e a nós a puntos límite en moitos campos, e que, como mínimo se non é substituído, terá que sufrir fortes cambios para poder sobrevivir. Pero eses cambios non van xurdir da nada: seremos nós quenes teremos que impulsalos como afectados. Mentres, en troques de seguir a defender cada un dos postos de traballo de xeito inmediato, afundíndonos máis nos brazos asfixiantes das condicións actuais, habería que poñer máis fincapé no conxunto, no reparto e nas condicións de vida de mañá e pasado mañá, que tamén van ser nosas.
Vista da balsa de lodos

Nota:
Datos (estimados) da balsa.
Medio millón de m2 de superficie.
Lonxitude da barreira principal: 900 m
Altura da barreira principal: 70 m
Volume ocupado na actualidade: 15 000 000  m3
Para facerse unha idea, unha cantidade cunha masa maior que toda a mercadoría embarcada en Mirasol en toda a súa historia.

20180208

Electricidade de calidade

Polo comunicado de onte da alcaldía, enterámonos de que a subestación eléctrica nova, que ó parecer será estreada o martes do antroido en Piñeira, será a panacea que paliará todas as lagoas de mantemento de liñas, rematando cos cortes de luz. Amén, descansen en paz.
Coido que a estación suporá unha mellora, pero que o mantemento das liñas elñectricas para a distribución está abandoado, e que esa foi (é) a causa da mala distribución . Que se empregara para presionar cando a liña e a subestación estaba cuestinada e había unha oposición mesmo xudicial, esa é outra cuestión de aproveitamento de recursos informativos dun xeito fraudulento por parte da empresa para outra causa que non tiña que ver (déranlle ou non a razón á empresa na causa xudicial)
O troceamento do subministro eléctrico en produción, distribución e comercialización, que se fixo efectivo en España hai xa anos, formalizou unha producción e comercialización altamente rendibles e totamente privadas, e unha distribución de alto custe de mantemento en monopolio público tutelado polas privadas e desatendido. Dese xeito, todos sabemos que para protestar pola abusiva factura da luz temos que ir a un sitio -sen moita esperanza no fundamental, blindado legalmente-, pero a calidade depende de outro... que non ten contacto directo connosco.
Ademáis, unha parte considerable do custe (por iso se di ás veces que a electricidade en España non é 'tan cara' a pesar de estar no pelotónde cabeza europeo) vai a á cota fixa de enganche, desalentando os aforros de consumo.
E, sobre aforros de consumo, en todo o mundo occidental hai un equilibrio entre a instalación de producción eléctrica e o seu consumo. Foi cando se viu que pola ganancia de eficiencia o consumo non ía tirar moito para arriba cando a tarifa de enganche subiu, como seguro de ingresos, aínda que non haxa consumo.
E así andamos. Con ou sen a nova e cuestionada subestación eléctrica de Ribadeo.
Subestación eléctrica. Imaxe de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Subestaci%C3%B3n_electrica_1.jpg . Foto realizada por Angel Aroca Escámez. Lic.CC by-sa 3.0.
Comunicado sobre o retardo  do proceso da subestación, por Evaristo Lombardero.
+ da subestación (a modo de historia).

20150909

Economía ou asalto

Esta tempada estamos vivindo na Mariña situacións que, por repetidas, non deixan de ser cada vez máis desastrosas e manifestación dunha tendencia que vai moito máis aló da nosa xeografía local. Poderían darse máis exemplos, pero hai dous que sobresaen, e non timidamente, sobre os demáis.
Un é o de Alcoa. Un ano máis, celebrouse a subasta enerxética que tivo (e ten) en vilo á planta. Calquera atento minimamente ás novas puido enterarse de que houbo unha rebaixa do 10%. Bravo! Non é abondo. Saíu peor parada que o ano pasado, en verbas de representantes empresariais. En que, como? Non hai información. Menor cantidade enerxética, vale. Custe? Non hai información. Non se sabe se vai haber continuidade, os traballadores, despois de presionar presionados pola empresa, seguen presionados pola empresa sen ter nin a oportunidade de presionar xa a ninguén. Ou si? Inmersos na sociedade, é a propia sociedade no seu conxunto a que actúa de refén, incluíndo as estruturas das que está dotada. E si, é certo que o sistema de cotas non parece a mellor posibilidade, e menos a unha empresa que necesita moita, moita enerxía, pero case seguro que o precio é abondo inferior ó que pagamos pola electricidade nas nosas casas, mesmo sen cota de conexión, a trampa que incrementa o prezo da electricidade ao través de aplicar as leis de consumo ó dereito de subministro. Repito, é o mesmo, e así a empresa conseguirá máis rebaixa nos soldos, se decide seguir pagándoos aquí. Por certo, non hai que esquecerse que comezou como unha empresa pública, privatizada, que eu saiba, sen deixar de ganar cartos nunca.
Vaca rubia galega pastando.
Outro, o da leite. O prezo de saída volve ser insostible. Menor que no resto da península ou que en boa parte do resto de Europa. Din que as grandes cadeas distribuidoras apretan ás fábricas, e estas, ós gandeiros, indefensos cunha cabana animal que coidar e á que están atados. Mais non se ve que noutros lugares a cadea de distribución sexa moi diferente, mentres que os resultados para os gandeiros si o son. Mellor non lembrar o tema da cota láctea, as ocultacións de produción (para obtela e despois de obtela) e da correspondente supertaxa, e cinguirse ó presente. E o presente é que as fábricas que quedan en Galicia non son galegas. As cooperativas desapareceron na práctica (pola zona hai unha, que segue a pagar prezos superiores ós de recollida das fábricas, e recollendo), e con elas, o poder dos gandeiros para negociar asociados. Hai poucos días, o alcalde de Ribadeo emitiu unha nota de prensa/alegato para que as cadeas de distribución non vendan con prezos demasiado baixos, tentando tocar o corazonciño das empresas. Non me parece mala idea acompañada doutras medidas, pero as empresas non teñen corazón, e soa, non creo que vaia a ningures. Por iso tamén a prensa se fixo eco de non consumir leite por baixo dun determinado prezo e iso si que creo que significa aumentar ganancias na intermediación para tentar que chegue algo ó gandeiro, abondo máis improbable. Mentres, a regulación de prezos, din, está poibida pola UE, que como Bruxelas queda lonxe é o chivo expiatorio cando xa pasou a elección correspondente. A problemática non se queda nos custes de alimentación do gando. Ten tamén algo que ver o endebedamento para a modernización das explotacións, por exemplo. Mentres, os gandeiros ven como se apoian outros proxectos veciños, e así, José Ángel Fernández, Gelo, gandeiro cunha das maiores explotacións da zona, apostilla que, estando na Devesa, quizais deba cerrar a súa explotación, reconverter a nave e aproveitar os cartos que se derraman sobre as catedrais, tanto de turistas como de apoio institucional.
En calquera caso, se nos centramos en solucións inmediatas, non hai, só parches, e as solucións a medio-longo prazo pasan por unha participación e implicación social a todos os niveis que precisamente se trata de liquidar.

20240325

Do pasado ao presente e ante o futuro (III). Pablo Mosquera

Parte I

Parte II

Do pasado ao presente e ante o futuro (III)

O concello de Cervo cambia de Alcalde. Taladrid dá paso coa aquiescencia do Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento na provincia de Lugo e o nomeamento do Ministro da Gobernación Camilo Alonso Vega ó novo rexidor municipal Arcadio Pardiñas Vila, natural de Burela, que en jxnio de 1971 leva doce anos no cargo. Lembrando, ó facerse co bastón tiña 1600 habitantes e nas festas de San Xoán de 1971 acadaba os 3000. Con Pardiñas formaban consistorio: Manuel Mon e Jorge Dean como tenientes alcaldes; Antonio Barcia, Jesús Enríquez, José Ramón Ben, Antonio Rouco Basanta, Federico Ruiz Cayón, José Farré Pico como concejales. Burela prevé a construción dun Colexio Nacional e un Instituto de Ensino Medio. E o máis conflitivo, un proxecto para uns cien chalets na praia da Areoura. Lembremos os feitos. Construíuse un edificio que pretendía ser hotel, as vivendas unifamiliares, todo elo no territorio do Concello de Foz con invasión da praia e do terreo afectado por Costas, razóns que ata hai pouco tempo xustificaron a paralización e por fin o derrumbe de tales construcións.

Pero, con todo o que antecede, será no porto a obra máis emblemática. Unha ampliación do dique do peirao de 280 metros. Unha fábrica de xeo para a flota. Son 120 embarcacións adscritas á Confraría de pescadores que ocupan 1000 productores. Preténdese un carro varadeiro para tarefas de mantemento nos barcos. Ampliación dos depósitos de CAMPSA para subministrar combustible á flota. E por fin, un proxecto para a construción de vivendas sociais que benefician ás familias que viven da mar. Pero non será a única a actividade pesqueira. Hai fábrica que usa o caolín e a madeira. Os equipamentos e servizos fan de Burela unha vila con excelencia pola súa calidade de vida cun complexo deportivo en A Marosa. Todo elo nunha parroquia do Concello de Cervo.

Mentres tanto: ¿Qué acontece en San Cibrao? Ese Museo Provincial do Mar que se constitúe en 1970 e que dirixe Don Francisco Rivera Casás. Procédese a urbanizar Os Campos. Servizos Médicos da Seguridade Social que se engaden ós do ISM no edificio da Cofradía. Urbanización dos terreos próximos á praia de Cubelas no porto de arriba. Acceso á estación do FEVE. E a posta en escea do Plan Marisquero para protexer de xeito eficiente a explotación e cría do marisco que tanta fama está conseguindo dende esta procedencia e con eses viveiros naturais que son as islas Farallóns ou o Cabo de Morás.

Hoxe a crise de Alcoa continúa sendo un dos principais obstáculos ós que se enfronta a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao en termos de actividade. A caída na bauxita e a alúmina, compoñentes primarios para a fabricación de aluminio e principais tráficos das dársenas portuarias de ALCOA-SAN CIPRIAN.

Os destacables resultados dos portos nacionais contrastan enormemente co porto de San Cibrao, onde a caída na actividade acada o 60,65 % nos primeiros nove meses do ano, pasando dos 4,7 millóns de toneladas en 2022 a 1,8 este ano. Deste modo, no conxunto dos dous portos que xestiona o organismo, a baixada situouse no 26,78% -de 8 842 566 a 6 474 946 toneladas-.

40 anos danando o medio
O rexeitamento á planta nuclear no concello de Xove foi unha desas loitas comunitarias en defensa la terra: milleiros na marcha histórica do 10 de abril de 1977 impulsada polo nacionalismo galego. Pouco despois chegou o aluminio cunha promesa de industrialización para a comarca deixando de lado unha posible aposta polo naval, o forestal ou a industria agroalimentaria, os sectores propios que hoxe botamos en falta.

As emisións veñen afectando durante décadas a veciños, gando e cultivos da zona. Alcoa foi condenada xa dez veces a indemnizar con máis de 4 millóns de euros a particulares, que cursaron demandas e chegaron ao Parlamento coa asociación veciñal Airiños do Lago.

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, explica que o flúor úsase no proceso de produción de aluminio: "Sempre hai certas emisións que se teñen que manter por baixo duns máximos legais. Se son importantes, poden afectar ós cultivos e tamén á saúde das persoas, porque o flúor é un elemento moi agresivo". Diversos informes amosaban que se excedían de xeito claro os límites.

Máis afectacións ignoradas no debate público: o carbón que abastecía as térmicas galegas viña de Indonesia, onde Greenpeace denunciou nun extenso informe a vulneración dos dereitos humanos, as afectacións na saúde, no medio e a violencia contra as comunidades locais. No caso de Alcoa San Cibrao, a bauxita vén da minería en Guinea. Nun informe de Human Rights Watch, denúnciase a escasa compensación para os habitantes da zona, a destrucción de terras ancestrais e recolle testemuñas que revelan que desde o comezo da minería, escasea a auga para a poboación

Destes problemas derivados do proceso, o debate mainstream dos grandes medios de comunicación e os partidos só propón solucións para o prezo (no consumo) da enerxía, cunha tarifa eléctrica ou co Estatuto das electro intensivas. O Estado ten estado subvencionando a electricidade de Alcoa con máis de 1000 millóns de euros, o que a UE ten cualificada de "subvencións disimuladas".

Tal foi a deixadez, que Alcoa afirma que a situación é "insostenible", que se van, que non hai nada que facer. O despido de traballadores nunha zona dependente desta empresa capitalista necesita dunha solución. O plan non partirá dunha estratexia socioeconómica de futuro para a zona, baseada no interese público e responsable co medio ou coa minería. Os tempos e as condicións márcaas Alcoa.

Hai que buscar industrias sostibles, baseadas na riqueza autóctona do país e que non contribuíran a destruír o planeta, senón todo o contrario: a restauralo. Argumenta Patricia Grela que "Alcoa representa o exemplo da ausencia de transición ecolóxica porque é totalmente insostible enerxéticamente". Sería máis "conveniente" invertir tendo en conta a crise climática, e mencionar a necesidade de apostar pola industria agroalimentaria ou a xeración de enerxía eólica.

Patricia Grela apoia "Hay que facer unha planificación democrática con vías para producir menos, facer unha transición enerxética e recuperar sectores indispensables para a vida". Menciona Grela á agricultura ecolóxica, a ganadería extensiva, o mar ou o forestal.

Antón Sánchez: "Si nos anos 70 tivésemos capacidade de decidir, seguramente todos os recursos que apostaron por estas industrias se destinaran ao naval, á industria agroalimentaria.

"Os primeiros empresarios de electricidade nas aldeas eran os muiñeiros", lembra Casal Lodeiro, facendo referencia a unha descentralización da produción de enerxía. "Temos que volver a iso, porque así estaría en mans de cada comunidade aproveitar o que tivese. Pero non centralizar en grandes parques toda a produción, porque iso é o que lle convén aos monopolios".

No que todas coinciden, en cuestionar una industria tan destructiva co medio e a necesidade dunha resposta de futuro para os traballadores. No caso de Alcoa San Cibrao, as condicións puxéronse desde un despacho de Estados Unidos, que se quere marchar para lucrar noutro lugar, deixando pasivos ambientais e unha comarca deprimida.

E unha gran incógnita pouco debatida. ¿A actual man de obra de ALCOA sabe facer algunha outra cousa distinta á que fai e que lle permita ser reinsertada laboralmente noutros sectores?

Parte I

Parte II 

Parte III

Parte IV 

Parte V

Parte VI

 

Pablo Mosquera Mata



 


20101209

Idas e vidas do mercado e Ribadeo

Hoxe a prensa recolle dúas actuacións sobre mercados que afectan a Ribadeo. Nun primeiro momento tal parece que unha fora positiva e outra negativa. Logo ... pode ser que ó final a cousa sexa diferente. Aí van:
Unha: O principado impulsa unha área comercial preto de Navia. Máis ben cabe dicir que impulsará, pois a cousa aínda está moi verde. O obxectivo si está maduro: evitar un fluxo de asturianos cara a Ribadeo a deixar cartos na área comercial, e de paso, no centro comercial. E tamén están xa quedando claras filias e fobias: Os comerciantes de Navia recelan dunha competencia que lles pode comer clientes... En calquera caso, cousa de dous anos non hai quen llos quite (a lembrar o tema do ramal ferroviario a ENCE-Navia) e mentras poñeranse alomenos dous comercios máis na área comercial Eroski-Lidl en Ribadeo.
Dúas: O mercado de Castropol anda revolto: os comerciantes piden números clausus para evitar máis competencia da que consideran necesaria. Asemade, piden adecuar o lugar, ir ó Parque Loriente. Non é boa cousa que procuren restrinxir competencia para tentar seguir... Leva algo máis dun ano. A pregunta é: chegará a outro?
Outros anteriores relacionados: A salto de ría, o mercado son mercados. Saneamento nas beiras da ría de Ribadeo. A voltas co mercado. 11 mércores ás 11. Actualidade. Mércores, mercado. Aposta forte. Pasou o mércores. Electricidade, custo e distribución. De novo, a voltas co mercado. Unión/desunión. Tamén de política, esta volta no mercado.

20110531

En crise e a media luz...

... seguindo a canción, 'de noche y a media luz'. Agora trátase de algo diferente: o canon eléctrico e a normativa das liñas eléctricas.
Digamos que un afecta ós ribadenses e outro, a Ribadeo...
O canon eléctrico é unha taxa que se pide ás empresas pola producción de enerxía nun determinado lugar, contraprestación que debera cobrer, por exemplo, o efecto de manter unha terra anegada decenios para unha central, incomunicando as beiras, e un longo etc. En principio, digo, sería algo que a empresa aboaría a poderes públicos que administran a zona como compensación. Agora, cunha reforma en marcha, parece pretenderse que o canon sexa pagado... tachín! polos consumidores locais que serían os que terían que recibir os efectos de seren outros quenes se aproveiten do que se produce no seu entorno. Rizando o rizo: burros e apaleados. A parte, claro, de discriminados e indignados. Pagando máis pola electricidade que se consome beira da casa. Teño que haber entendido mal, non pode ser... pero quen mire os xornais de onte, xa me dirá: Galicia tería recibos máis caros por ter implantado o canon eólico.
Sobre as liñas eléctricas: agora os concellos terán que submeterse a unha nova normativa na que, máis ou menos, por ser as liñas supramunicipais, terán preferencia (máis da que tiñan ata o momento) para o tendido, quedando os concellos 'a velas vir', nunca mellor dito. Pero resulta que en Ribadeo temos xa varios anos de tratos (non coñecidos pola cidadanía, pero teñen que estar aí, segundo as novas de prensa que periódicamente deixan ver algunha novidade ó respecto) en relación a unha nova liña e unha nova subestación transformadora. Algo que está a facer falta, polo que parece, para que o polígono marche como debe. Por certo, que chama a atención agora que se di que España non necesitará novas centrais eléctricas ata máis aló do 2020, que para algo se leva anos tentando que a xente empregue a nerxía de xeito máis eficiente e eficaz.

20151208

16 árbores, 25 comercios, e (por outra banda), moitos euros

Xa hai nova do éxito certo do mercado da Inmaculada Constitución antes de rematar, non sexa que non nos foramos enterar e se perdera unha oportunidade máis de facer propaganda, que estas cousas necesitan comunicación, non coma outras, que aínda que durman os papeis sen contestar pola casa do concello, non pasa nada.
Esta tempada, a máis do mercado, anunciado directamente polo concello, vai o anuncio de 13 000 € de convenio con ACISA, e máis doutros 7 000 € de financiación exclusivamente do concello para o alumeado de Nadal. Non sei se terá algo que ver niso (o lixeiro aumento de contribución do concello para espolear as vendas) o que o ex-xefe de ACISA sexa agora un opositor no salón de plenos. De calquera xeito, coido que hai unha nova relacionada coa animación das vendas que non foi patrocinada nin polo concello nin por ACISA á que se debera prestar máis atención por máis dun motivo.
A nova é que 16 árbores da avda. de Galicia foron engalanados a raíz da iniciativa dalgúns comerciantes (que chegaron a convencer a 25 comercios), sen participación do concello (máis que para a autorización) nin de ACISA (para nada). Cóidoo porque significa unha iniciativa novidosa, sen gasto de mantemento (son adornos, non gasta electricidade) e o xerme doutro tipo de asociación comercial fóra da estrutura actual de ACISA (web en mantemento segundo parece dende abril).
Non penso en que se vaia constituír outra asociación xa, senón máis ben en que o alumeado de Nadal e engalanamento de rúas ten máis desenvolvemento na zona peonil, e mesmo o mercado da Inmaculada Constitución atrae á xente cara ó parque e zonas limítrofes (zona peonil), co que a iniciativa constituiría unha especie de sistema de defensa dos comerciantes dunha zona que se pode ver relegada polas circunstancias. Sistema de defensa, polo que se ve, con menos aportación pública que o institucional.
Deixo unha mostra de fotos tomadas hoxe mesmo:
-Fronte ó nº 7 (dende o mercado, á esquerda)
 -Fronte á anterior, un pouco máis adiante.
 -Ó comezo da rúa, coas luces asignadas á zona en contraste:

20131023

Estratexias. Inimigo: os cortes de luz

Luns ás oito hai convocada unha protesta contra os cortes de luz en Ribadeo. Será no mercado, e está chamado todo o mundo, a iniciativa de ACISA.
Estimo que a iniciativa é boa, pero non sei nin a xente que haberá nin os efectos que terá. De cortes de luz, en Ribadeo, sabemos abondo. De microcortes a macrocortes. A calquera hora, día e noite. Sufrimos dende hai moito. Estropean o traballo que temos entre mans, esnaquizan aparellos, interrompen a actividade...
Do que non sabemos, nin aquí nin noutros lugares, é de protestas. Usamos das concentracións ou das manifestacións para visualizar a protesta ante poderes que se van facendo máis cegos e mudos. A eficiencia está baixando ante os poderes políticos, ó fin dependentes de quenes protestan e ante os que aínda manteñen un certo medo pola posibilidade de variar o voto. fronte a compañías en situación de cuasi monopolio, que veñen abusando de suba tras suba de tarifa, que controlan o poder político que fai as normas á súa medida, coido que a única influenza é económica. Fálase de protestar nun marco no que están afeitas a que a normativa a medida lles de a razón, pero non de deixar de usar os seus servizos e impactar a súa base económica... Que teñen mala prensa? E que, se os usuarios están cautivos? Que teñen razón? E que, se non teñen normas que os favorezan e permiten actuar ás que hai? Que queren que a empresa sufra para que saiba que os está perxudicando? E que, se non dan artellado unha estratexia que o consiga?
As perspectivas de resposta cidadá, na actualidade, son tales que posiblemente a resposta da empresa non vaia máis aló dun 'atenderemos, veremos que pasa e diremos.  Comportámonos con respecto á normativa, pero se podemos mellorar, melloramos'. e a continuación, o arquivo do caso.
O luns protesta. Pero tendo claro que se non se está disposto a ir máis aló dalgún xeito, o rendemento será nulo. E iso hai que facerllo comprender á empresa e a quen proteste. Ou viceversa, primeiro a quen proteste para que a empresa o comprenda.
--
Engadido posterior:

-->
AVV O Tesón
Nota de prensa

Comunicado de solidariedade con ACISA na protesta contra os cortes de luz

Ribadeo, 20131023

A AVV O Tesón manifesta a solidaridade coa protesta organizada por ACISA ante os contínuos cortes de luz en Ribadeo. A asociación propón ós seus asociados unirse ó próximo luns 28 de outubro ás oito da noite na praza do mercado para que todo Ribadeo chame a atención de xeito solidario contra os cortes de luz e o sistema que os permite de xeito impune ó tempo que facilita a suba do recibo de electricidade e ningunea ós usuarios.

Creemos que a unión nunha protesta así é fundamental para que nos faigan caso e conseguir o objectivo dun servizo de calidade, como Ribadeo merece.

20090901

O esencial é invisible ós ollos

(publicado na Mariña / El Progreso o 4/10/1996, e en http://personal.redestb.es/agremon/marina/marina1.html )

Flor III. Así se titula o 1º premio do certame fotográfico medio ambiente 96 organizado polo ateneo ferrolán. A fotografía é sinxela: a central térmica das Pontes iluminada de noite, con tres das catro torres de refrixeración xerando vapor de auga, que forma unha nube e non permite ver a cheminea na súa parte superior. Antoine de Saint-Exupéry fíxolle dicir á súa creación, o Pequeno Príncipe, que a esencia das cousas non é visible. En flor III maniféstase unha invisibilidade parella: A contaminación que aparece visible non é nada comparada coa que está producíndose ahí mesmo e non se ve, oculta por ela.

Nas Pontes, a condensación de auga nas torres de refrixeración é moita, xera un desequilibrio no medio, e iso é unha contaminación. Pero afecta a unha pequena zona que de por si xa era húmida. É un desequilibrio menor. En cambio, pola alta cheminea (cando se fixo, a máis alta de Europa), saen día a día moitas toneladas de gases perxudiciais. Non só se produce o resultado típico da combustión "limpa", o dióxido de carbono, que parece ser o maior causante do efecto invernadoiro, senon tamén gases con azufre, por exemplo. Estes últimos, xunto coa auga que hai no aire, forman un dos ácidos de mellor reputación como tal: o ácido sulfúrico. Ó caer á terra cando chove, podemos ver como queima as plantas. E iste efecto faise sentir moito máis lonxe que as néboas producidas polas torres de refrixeración. Está claro que as néboas que se sufren na Mariña non teñen a súa orixe en As Pontes, pero sabemos cando chove con vento daquela zoa con só mirar algunhas árbores. Nós e ate os ingleses, que presionaron para conseguir modificacións na chimenea.

A central térmica ten un sistema de depuración de residuos, e tamén un sistema de seguemento de varios tipos de contaminación. E segue a contaminar. Agora hai que traer carbón do estranxeiro, máis enerxético, barato e menos contaminante, ... para o que hai que queimar gas-oil., non tendo xa en conta outras cousas relacionadas coa economía.

O caso é que a electricidade producida fáinos a vida máis facil. Ainda que sempre haberá quen diga que non, que con todos estos "modernismos" o que estamos a facer é complicarnos a existencia, o certo é que hoxe por hoxe é imposible deixar de usalos. Deste xeito a humanidade enteira vese abocada a consumir os recursos do planeta e usalos para producir un desequilibrio cada vez meirande. Aumentan as manchas de petróleo nos océanos, os vertedeiros e as catástrofes como Bens, Chernóbil ou Mar Exeo, para poder transportar, manter a casa limpa, aforrar algún carto, usar cada vez máis enerxía máis barata ou ... ¿que máis da?. Para todo se pode atopar un motivo, e convintemente aleccionado, sempre se atopará quen o defenda.

Para tratar de reequilibrar a situación, a mellor campaña pode que sexa o ordenar o que coidamos sobre o equilibrio natural e tratar de actuar conforme a unha sentencia: "Pensa globalmente, actúa localmente". Cada vez que un se pon a meditar sobre ela, atópalle unha nova aplicación, dende a ecoloxía á corrupción, pasando pola educación ou a paz. E, ¿neste caso concreto?. Todos podemos poñer o noso grao de area, non só esixindo de gobernos e empresas o control ecolóxico, senon mellor aínda axudando a producir menos contaminación. Dende apagar esa bombilla cando saímos da habitación , ou o televisor que non estamos a ver nin escoitar realmente, ate plantearse a utilidade real de moito alumado público que pasa a noite sen iluminar a ninguén e que pedimos que se poña, quizáis para protexernos. Pode que nos dous primeiros exemplos logremos un pequeno aforro de cartos e tamén que as bombillas ou televisor duren máis. No último, o aforro pódese empregar precisamente en preveer para que non teñamos que protexernos tanto e o mundo sexa un pouco máis agradable. Novamente, manter o equilibrio. É cousa de pensalo.

20110302

O cobre está caro


'Intento de roubo'. Así titulaba o concello a nota de prensa que deu sobre a tentativa de mangar a conducción eléctrica que ilumina o paseo cara ó faro.
O cobre é un dos metais máis usados do mundo, da construcción á fabricación de mquinaria, electricidade, fabricación de moedas, etc. é doado procurar na rede o prezo do metal e facer unha gráfica. A que poño á beira foi realizada así, a partires dos datos dunha web (sobre o prezo de 'futuros' subministros), e só dende hai ano e medio. É dicir, en plena crise mundial. E as previsións da maioría dos mantedores de opinión (xente que debera saber algo do tema) é que seguirá a subir a curto e medio prazo. Na gráfica vese claro: o prezo segue a subir, de xeito que agora anda entre 4 e 5 € o kg. Resultado: os ladróns teñen máis alicerces.
Ata aquí, unha explicaciónsobre o cobre. A explicación sobre a tentativa de roubo neste caso particular é máis difícil. Na prensa hai tempo que saen roubos de rollos de cobre, ou mesmo de cobre instalado en tendidos aéreos ou ó menos, sobre terra, que parece moito máis doado de manexar. Neste caso, está metido por dentro de obra, os cables conectados ás lámpadas, hai que abrir as arquetas, é unha zona relativamente transitada durante o día, co que o tempo de actuación queda reduciro á noite, está próxima a un pobo, ... parece como se os ladróns pensaran que aquí é doado roubar. Despois da vaga de roubos en casas, que non deu lugar a detencións pero que parece que parou, hoxe sae nos xornais o intento de roubo de coches na piscina... debemos alarmarnos? Despois de ver como se usan as alarmas 'protectivas', coido que debemos esperar para decretar unha alarma. Pero iso non quita que non se poñan medidas para que as cousas funcionen.
Complemento:
Fixen algunha averiguación de cánto poderían sacar uns ladróns do tema. Coas lóxicas imprecisións que comezan por non saber canto mide en total a liña (que tomo por 1 km), serían uns 250-300 kg de cobre, unha vez pelado, o que daría arredor duns 1 500 €.

20070318

Reincidencias en Ribadeo


Os domingos en xeral son parcos de novas. No blog, despois das tres entradas de onte, sobre Ribadeo só teño que comentar dos ruídos da noite e do incumprimento horario dos locais, dos que xa estarán fartos os que me siguen de xeito asiduo. E dos de anteanoite, venres a sábado, na que outro veciño chamou á Guardia Civil (ó non estar cuberta a noite pola policía local a pesares das promesas de comezos de mandato) poucos días despois da apertura dun local anunciada no blog, nunha zona para a que se pide que sexa declarada acústicamente contaminada.
Hoxe chama a atención na prensa que Alcoa agora si quera gas natural cando a Xunta paralizou o proxecto para levalo alí porque antes non o querían. A cousa ten que ver coas tarifas elećtricas e a súa liberalización, e con que ó non haber outras industrias na zona pode facer menos presión sobre a compañía subministradora, e ó non estar moi achegada (si achegada, pero non moito) a unha planta produtora, as perdas de traslado da enerxía son grandes e o prezo que lle pode supoñer, maior. É dicir, unha vez que entra a competencia, tenta cubrirse tras ter protección antes. E esto lémbrame unha pequena polémica (é dicir, que trascendeu ós medios como pequena) de fai cousa dun ano sobre os prezos da electricidade e a situación de novas centrais: en purismo capitalista, había quen defendía prezos menores para as cidades, basado en que a concentración de consumo facía que o seu transporte fora máis doado de organizar e barato, e polo tanto, preferente fronte a moitas zonas rurais, onde se teñen instaladas as centrais polo momento. Como se ve, unha lóxica típica que leva ó desastre ó ser o mundo algo máis que economía e cartos.
A da foto, unha nova rúa en Ribadeo, entre Calvo Sotelo e Rosalía de Castro. O agasallo dos construtores do que remata de virme á cabeza de se o subsolo é garaxe ou no, é dicir, se é público ou privado (lembro aínda a curtoa polémica sobre o subsolo da parte nova do cantón, se mal non lembro concedida polo concello para uso privado para non romper a liña dos outros edificios alí situados...)

20170426

Fáigase a luz! ... e amenceu. O secuestro eléctrico de Ribadeo


De traca. Unha burla. Tómannos polo pito do sereno. Son só algunhas das frases cualificativas do desleixo no que as compañías elećtricas teñen a Ribadeo. Na entrada de onte, cando a din podido publicar, ten a referencia dalgúns cortes arredor das 8 da mañá, pero seguíronse a producir pola mañá (como di a nota do alcalde) e pola tarde. Estropeando traballos, facendo perder tempo, fastidiando equipos... son algunhas das consecuencias.
Coido que non vale a resposta da nota do alcalde índose queixar á Xunta. É totalmente insuficiente. A recollida de datos é indispensable para poñer unha demanda a BEGASA/EON/VIESGO, que non importa moito a propiedade, senón a falta de servizo (imos deixar o do atraco vía facturación paras outra). No blog hai abondo, pero son moitos máis os que se teñen escapado deste reconto persoal ó que van contribuíndo algunhas amizades. Ó igual que outras veces, o pobo está unido en relación ó que está sucendendo coa electricidade. E non se está a aproveitar para conseguir un subministro adecuado.
Vale de queixas, e máis actuación. Esta entrada queda tamén coa etiqueta 'historia', porque coido que na historia de Ribadeo os cortes de luz xa teñen o seu oco.

20180214

“When you light a candle, you also cast a shadow.” ― Ursula K. Le Guin

Cando acendes unha vela, tamén proxectas unha sombra.
Coincideume no tempo o enterarme de que ía a ser a inauguración da subestación eléctrica de Piñeira e o atoparme coa cita que deixo arriba. De aí esta entrada, con fotos, a nova, ligazón a historia e algunha reflexión (pequena).
 A estrada 'do monte' dende a entrada á subestación.
Vista xeral da subestación:

 Detalle do perímetro.
Acceso secundario. Estado actual.

 Zona de transformación.
Terraplén á estrada.

 Perímetro cabo do terraplén anterior.
Vista dende a zona da entrada:
 Detalle á entrada.
E a posición:

A nota de prensa do concello de onte:
BARCIA DIXO QUE HOXE É UN BO DÍA PARA RIBADEO
Nova subestación
13/02/2018
O alcalde, Fernando Suárez, asistiu esta mañá á inauguración da nova subestación eléctrica que Viesgo pon en marcha na parroquia ribadense de Piñeira. O rexedor agarda que Ribadeo “acade a autonomía enerxética, que non tivo ata o de agora”. Tamén espera que o polígono industrial quede blindado para que calquera empresa de gran consumo enerxético poida traballar con total normalidade.
O rexedor dixo que "por fin podemos inaugurar hoxe esta subestación eléctrica aquí, en Ribadeo, despois de hai xa varios anos que se asinou o convenio inicialmente co conselleiro de Industria do bipartito, Fernando Blanco, xunto cos representantes de Sepes, da empresa pública de solo que xestionou a construción do polígono, como tamén cos representantes de EON e Viesgo, naquel momento".
Suárez Barcia sinalou que "por fin despois de todos estes anos vamos poder traballar con seguridade enerxética aquí, en Ribadeo. Despois de que tantas e tantas molestias teñan causado aos veciños, aos usuarios de sistemas eléctricos aquí, en Ribadeo, por ter un mal subministro de electricidade, por ter tantos apagóns, microcortes, etcétera".
O alcalde agarda que "hoxe deamos carpetazo a todo isto, porque o subministro eléctrico é algo moi necesario que habitualmente non se ve pero só se bota de menos e se valora cando falta. E aquí, en Ribadeo, podemos dicir que temos cum laude en que nos falte o subministro eléctrico".
E engadiu: "polo tanto esperamos que a partir de agora xa haxa estabilidade no subministro e que Ribadeo acade unha autonomía enerxética que non tivo ata agora. E non só para el, senón que agora Ribadeo tamén subministrará a unha parte importante do concello de Barreiros. E ao mesmo tempo o polígono industrial de Ribadeo queda preparado, queda blindado para calquera iniciativa industrial, empresarial que requira do consumo de grandes cantidades de enerxía eléctrica".
Para Fernando Suárez "hoxe é un moi bo día para Ribadeo".
E algún comentario:
-Autonomía enerxética? Coido que está mal usado o termo. Máis ben, subministro adecuado (o que depende do estado da liña, e por un tempo supónse que será bó, e se se mantén en bo estado, seguirá a selo...)
-Coido que habería que sinalar algo da historia do proceso nesta nota. Queda coxa ó dicir só que 'é o remate de varios anos'.
-A redacción parece indicar que os cortes e en xeral, mal subministro era por falta da estación. Coido que quedou demostrado en diversas circunstancias que non era así. Que agora se poda substituír a liña vella e ter mellor subministro non implica que a culpa fora de que o subministro era insuficiente, como apuntei antes.
-Fálase do concello de Barreiros como dependente da subestación. Se se fixa un nas fotos, hai unha saída rotulada 'Mondoñedo'.
--
Sobre a subestación eléctrica de Piñeira.