Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta camiño de Santiago. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta camiño de Santiago. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250226

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Parece ser que xa está resolto o asunto de “impoñer” un escudo e unha bandeira para o Concello de Ribadeo, sen ter contestado as nosas alegacións. Cuestión de mala educación e falta de ética do goberno con maioría absoluta do PP de Ribadeo, que sigue a fe cega, os “sanos usos e costumes” de non facer caso a ninguén que non sexa da súa corda política.

Quizais pensaron que non era preciso contestar a uns “vulgares veciños” de Ribadeo pois a Comisión de Heráldica estaba formada por personaxes relevantes e con nome propio como son: D. Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, que segundo a descrición de Google é historiador especializado no estudo da nobreza baixomedieval galega e profesor de investigacións do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Outro membro da Comisión, D. Pablo Otero Piñeyro Maseda, licenciado en Historia pola universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 

E por parte da comisión municipal de Ribadeo está: D. Eduardo Gutierrez Fernández, Cronista de Ribadeo e algún concelleiro máis dos que non coñezo o nome.

Pois ben, o escudo e a bandeira que nos propoñen e nos “impoñen” ambas as partes da comisión, é unha absoluta chorrada, pois desvirtúa, escurece e esquece a historia real de Ribadeo.

Non se pode consentir que veña xente de fora a impoñer sentencias inventadas, e encima apoiadas por árbitros locais que parece mentira deles. Polo menos iso creo eu.

Vamos ó asunto. O escudo mantén a colocación das armas e os esmaltes: “En campo de azur ondas de azur e prata en punta, unha chave no abismo colocada en banda co paletón cara á destra e o anel a sinistra, superada por unha estrela de prata”.

As ondas seguen como estaban; á chave “enriquecérona” con tres floreos no anel. Por qué engadiron esta variante na chave orixinal, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda? Quizais por que queda así máis guapiña?

A estrela de oito puntas, de onde sacaron, Señor estudoso do mundo baixomedieval? Aparece nalgún libro ou documento histórico de Ribadeo, señor Piñeyro? Teño a impresión de que nos queren impoñer unha estrela da “bordura compostelán” (oito estrelas de oito puntas), por ser Ribadeo porta marítima principal do Camiño de Santiago. Pois si é así, están inventando, e para inventar e entremeter este argumento, poderían ter posto toda a bordura, como sería debido; pois no caso de facer algo mal, facelo ben e a conciencia.

Por outro lado, non quero pensar que se fixaron nos escudos laterais do Pazo do Xulgado de Ribadeo, onde hai semellanza a un estrela con moitas puntas, cousa que xa comentou Francisco Lanza na súa magnífica obra o “Ribadeo Antiguo”, na que explica na páxina sete (7) o seguinte: “Poco después del año citado (1797), se encargaron al escultor D. Santiago Vaamonde los escudos de cantería que se ven en la fachada de la Casa Consistorial (hoxe Pazo do Xulgado). Los “armeros” locales habían descubierto ya la estrella de cinco puntas que luce sobre la llave del escudo. Pero la estrella no pasó aún a completar las armas populares de Ribadeo, porque el escultor, incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró, en lugar de aquella, un hermoso rodete de espuela, que también podía ser símbolo... En 1833 mandó el Ayuntamiento hacer un sello de bronce dorado, con las armas de la villa en relieve, y en ese sello es donde por vez primera -que sepamos- aparece el escudo tal como hoy se usa”.

Polo tanto a estrela de cinco puntas, é a do escudo de Ribadeo desde fai dous séculos. Onde está o documento que acredita a imposición dunha estrela de oito puntas, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda?. En ningún sitio.

Así mesmo, podemos ver que están impoñendo en toda a comunidade galega o timbre dunha coroa imperial en tódolos escudos municipais, pois é unha coroa real rematada cun orbe. Por qué se admitiu esta disposición, señores estudosos? Acaso Galiza é un imperio?

Polo menos, si se fora coherente coa nosa historia, haber posto a coroa real do Reino de Galiza; non lles parece, estudosos?

Non cabe dúbida ningunha que Ribadeo é un condado desde tempo inmemorial, é foi rubricado como tal en 1369 por Enrique II “O Fratricida ou o das Mercés”, que acababa de asasinar o seu medio-irmán, o rei Pedro I “O Xusto”, chamado “O Cruel” polos nobres casteláns que viron minguados os seus privilexios durante o seu reinado.

Entón si Ribadeo é un condado desde fai oito séculos, con condes tan relevantes como Villandrando que loitaba o lado de Xuana de Arco, fai seis séculos, a qué ven isto de perder a súa coroa propia de conde, e nosa coroa propia dun condado? Coñecen o escudo do Condado de Barcelona?, creen qué terían arrestos para cambiárllela os barceloneses?

Señores estudosos, espero que expliquen pública e claramente todas estas “anomalías”. Non se vaian de “rositas” pensando no “ben que o fixeron” pois foron aplaudidos por...

Referente a bandeira, expliquen tamén por qué se engadiron as ondas de mar en vertical, semellando raios cósmicos dos “marcianitos”, en vez de investigar nos arquivos da Armada Española, cal era o pavillón dos barcos de Ribadeo?. Moitas grazas, e a súa disposición.

Nota: este artigo refírese ó que deixa ver o texto da nota https://www.ribadeo.gal/ribadeo-xa-ten-listos-o-escudo-e-a-bandeira-oficial-a-sua-aprobacion-ira-agora-a-pleno/ , publicada na web do concello do ía 19 de febreiro, na que se da por feito o cambio de escudo e bandeira, e ás alegacións presentadas, das que se deu parte no blog en https://www.ribadeando.com/2025/01/escudo-e-bandeira-de-ribadeo-pancho.html ou en https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html

20250102

ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado


ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Vemos en notas publicadas polo Concello, que cambiaron substancialmente o aspecto do escudo de Ribadeo e se inventaron tamén unha bandeira.

As formas e a colocación das pezas en Heráldica son moi importantes. Xeralmente un Mestre Heraldo antes de renovar unha peza dun brasón, trata de buscar o vestixio máis antigo de dito brasón, e logo, con criterio histórico, cambialo se ha lugar.

No caso do escudo de Ribadeo, non hai nada que cambiar. O escudo de Ribadeo é o que presenta Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, que xa era antigo no ano 1699. Escudo español redondeado en punta: en campo de azur, ondas de auga de prata e azur en punta, unha chave de ouro en banda, co anel a sinistra e o paletón á destra cara abaixo, superada por unha estrela de prata de cinco puntas en xefe. No timbre unha coroa condal, guarnecido o círculo de pedrería e realzado de dezaoito perlas grosas sobre outras tantas puntas, visibles nove delas.

A forma dunhas ondas do mar están perfectamente establecidas no escudo da capela da Virxe do Camiño, en horizontal, e na capela da capela de San Lázaro, un pouco inclinadas cara a destra. Por outro lado, a chave, está en pao, no brasón da Virxe do Camiño, e en banda, en San Lázaro.

A chave pasou de estar en pao, a estar en banda por ser a figura en pao, o que representa a lanza dun xefe e o mando dunha xurisdición. A banda, representa o tahalí dun xeneral ou dun xefe. (Nota, o tahalí é a correaxe dende o ombreiro dereito o costado esquerdo, de onde pende a espada envaiñada dun cabaleiro).

Explicar estes cambios de posición na chave, obedecen á nosa propia historia. No século XIII, Ribadeo perdeu a xurisdición eclesiástica, pois pasou de estar facéndose unha Catedral a facer unha Colexiata, pois privouse da sede bispal. O bispo era quen tiña o mando da xurisdición. Recordar que Ribadeo, foi nomeada Vila Real polo rei Fernando II (1137-1188) en 1183, quen lle outorgou Carta de Foro, con dereito de Carga/Descarga no seu porto comercial, moi importante sempre até que se fixo a “incivil obra” da Ponte dos Santos sobre a Ría de Ribadeo, que nos privou dun gálibo de navegación libre e competitivo para os barcos da Mariña Mercante actual, pero ben, iso é de outro artigo.

Fernando II, tamén lle concede Carta Puebla para poder celebrar mercado e todo canto necesitara: “...para incremento de mi reino y servicio mío y de mi heredero...”

Por mediación de Fernando II, a sede mindoniense que estaba en Vilamaior de Vallibria trasládase a Ribadeo en 1182, a cargo do bispo don Rabinato (1182-1199) e tamén o rei cómpralle a xurisdición ó Conde Don Rodrigo Vela de Montenegro, e cédella ao bispo mindoniense de Ribadeo.

Neste momento, a chave do escudo de Ribadeo, que brasona a capela da Virxe do Camiño, está en pao, pois é peza da xurisdición de Facenda que cobraba o bispo, de aí que o brasón estea colocado no hastial dunha igrexa e non nunha fortaleza ou na casa brasonada dun conde ou dun fidalgo ao mando. A chave, neste caso, non ten que ver con ser Ribadeo unha vila amurallada con “porta”, como se di o alcalde José María Sela en 1876, xa que a muralla de Ribadeo tiña, seis portas e tres postigos. Polo que se a chave representase a entrada á parte amurallada, estarían colocadas varias chaves e non unha soa, como ocorre por exemplo, coas dúas chaves das “portas do ceo” representadas no escudo papal, aínda que din que hai sete ceos. A representación das chaves en pao é brasón da Facenda Pública, como se pode ver no primeiro cuartel do escudo esquerdo da Casa dos Miranda, na rúa Amando Pérez, case en fronte da Fonte dos Catro Caños. Brasón do Marquesado de Campo Sagrado, de D. Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño.

A chave do brasón da capela da Virxe do Camiño, está surmontando varias ondas do mar, pois representa todos os privilexios das alcabalas que o bispo tiña, emanados do porto de mar de Ribadeo, o que abarcaba todas as compras e ventas do transporte marítimo, ou sexa, era o “recadador” dos impostos e dereitos de Aduana, que era unha grande renda.

O bispado pasa de don Rabinato a don Pelaio II de Cebeira, desde o ano 1199 a 1218. O bispo segue cobrando as alcabalas do porto, e mantense a chave en pao. Pero a autoridade militar da vila, seguramente en mans da Orde de Cabalería dos Hospitalarios, cuxa cruz emblemática se pode ver na igrexa parroquial de Ove, goberna e exerce a vixilancia do Camiño de Santiago e inclina a chave, e brasona en banda o escudo de Ribadeo, tal como se ve na capela de San Lázaro, que como dicimos arriba, a banda representa o tahalí dos cabaleiros, e estes tamén cobraban por manter segura a senda contra asaltantes dos peregrinos.

O cobro das alcabalas do peirao, pasa a ser outra vez xurisdición da autoridade civil, cando Enrique II “o das Mercés” lle concede no ano 1369 o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines: “...con sus rentas e pechos derechos dellas...” (F.Lanza,p.44); logo pasará en 1415 a Rui López Dávalos e máis tarde, en 1431, a Rodrigo de Villandrando, e entón a chave queda definitivamente en banda.

Pero por aquelo de que aquí cada un fai o que lle ven en gana, tamén podemos ver en varios escudos repartidos polo pobo, con máis de 100 anos de antigüidade, a chave en barra, o que representa bastardía ou de un fillo ilexítimo (M. Costa y Turell, p.56).

Tanto no brasón da capela da Virxe do Camiño como no de San Lázaro, a chave ten o ollo dunha chave, e non ten ollos laterais, que semellan un festón das charreteras dos uniformes da cabalería de Felipe V (1683-1746). Un ornamento mal traído, aínda que poida quedar moi guapo nun traxe dunha comparsa do Entroido.

Seguindo coas figuras que se montaron no novo escudo do ano 2024, seguimos a estar fora dos cánones históricos e heráldicos do Concello de Ribadeo, pois plántase unha estrela de oito puntas, que o escudo nunca tivo e non se atopa en ningún arquivo mención algunha a tal tipo de estrela, pois desde que entrou no brasonado do escudo, é unha estrela de cinco puntas, como as da bandeira dos Estados Unidos, incluso con raios nos entrantes da estrela de cinco puntas, como a dos escudo da Casa do Concello. Esta estrela de cinco puntas, ten un certo “tufo” aos inicios da masonería en Ribadeo, de mediados do século XVIII e primeiros do XIX, pois as cinco puntas representan os poderes da natureza: terra, auga, aire, fogo e tempo, aínda que se entenda oficialmente como que representa a estrela Polar, por estar Ribadeo o Norte de Galiza, cousa que puidera ser, pero é raro que nin Viveiro, nin Foz, nin Burela, nin Vicedo, nin Cedeira, nin Ferrol, teñan unha estrela Polar no seu brasón, estando tan o Norte como nós e ser tan galegos como nós.

Así, unha estrela de oito puntas, é unha invención errada do que fixo o proxecto heráldico, pois nunca tal figura tivo o escudo de Ribadeo, pois se fora así, tiña que ter sido especificada expresamente (Ciencia del Blasón, Costa e Turrell, ano1858,p.102) e isto non ocorreu nunca.

A coroa imperial do timbre é o símbolo oficial da España do “café para todos”, que se impuxo fai uns anos, en todos os concellos que tiveran, ou non, escudo heráldico propio. Un timbre que escurece a historia de máis de 800 anos de Ribadeo, sendo xurisdición de condes por ser Capitanía de todo un extenso territorio do Reino de Galiza.

Da bandeira non digo nada, pois é de película para nenos pequenos que as ondas do mar se poñan en vertical, como se foran os raios cósmicos lanzados por unha nave extraterrestre. Ten o seu aquel o asunto, pois habendo como hai, pinturas en cadros ó óleo de barcos que enarbolan o pavillón de Ribadeo nos seus mastros, qué necesidade había de inventarse unha bandeira? Vaia cos heraldos que se contrataron...! Menudos cronistas nos tocaron. Así nos vai coa defensa da nosa historia. Véxase a defensa que se fixo do topónimo da Ría de Ribadeo. Nada, absolutamente, nada. Pero poñer póñense moi guapos nas fotos. País.

--

    Anteriores sobre este tema: https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html

 

20240521

Sargadelos, un val poboado por unha industria (1). Pablo Mosquera

Auga para Sargadelos

Sargadelos, un val poboado por unha industria (1)

30 de abril de 1798. Habitantes das 17 parroquias próximas a Santiago de Sargadelos no Concello de Cervo marchan sobre a fábrica que rixe o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez. Son recibidos non só con improperios. Reciben granadas e balazos. Hai un morto e moitos feridos. Causas do motín: o imperativo de que teñen que cargar carbón, e diversos materiais relacionados coa fábrica, por un salario mensual de 12 reais por carro, que necesita dous homes e unha parella de bois cun tempo de dedicación de tres días, o que leva consigo o descuido das tarefas de sembra e colleita. A desobediencia é sancionada con multas e prisión nun maldito cepo instalado nas fábricas.

Ibáñez logrou, pola autoridade central do reino, autorización exclusiva para manexar as fragas de Rúa. Ante tamaño mandato, os paisanos buscan amparo na Intendencia Xeral do Exército de Galicia, o que non logran e provoca o aumento na represión do señor feudal-ilustrado. Sargadelos é unha fábrica de municións con amplos privilexios reais. A fidalguía civil e relixiosa acusaban a Ibáñez de ser un déspota cuxa conduta industrial desarticulaba a economía agropecuaria da comarca.

No entanto, non podemos de ningún xeito obviar os seus logros. Dos seus fornos saen os potes que dan para comer a moitas familias humildes da zona, os proxectís que defenden á nación en momentos cruciais ou as tubaxes que levan o progreso á capital do reino en forma de auga corrente.

Con frecuencia gozo ensinando Sargadelos. O paseo desde os fornos até a presa coa canle e os eucaliptos aos lados do carreiro. O museo que garda e expón as catro etapas da louza que chegou a competir con Picman e Cartaxena, e na súa primeira etapa até con Bristol. A fábrica fundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, con ese fermoso mural que lembra un guerreiro do denario ibérico, ou a presenza escultórica dos grandes pais da nosa literatura Galaica.

Aínda se conservan as mouteiras do camiño con peaxe entre Sargadelos e o porto sito nos Campos-Ría de San Cibrán, onde a flota de buques con pavillón da fábrica, traían e levaban, materiais relacionados coa produción. O pazo coa súa heráldica e unha fermosa fonte, entre escaleiras de pedra e xardíns. Se pecho os ollos e poño atención creo escoitar aquelas orquestras que animaban as festas do Apóstolo Santiago pegadas á Casa da Administración. Bailes de outrora. Tango, chachachá, bolero, vals. Era unha muchachada alegre entre pegadas da historia.

Unha historia que debería ensinarse na disciplina de "sociais" nos centros de ensino, polo menos da Mariña mindoniense. No seu forno de fundición elaborábanse até 30 000 quintais de ferro que deron cociñas, balcóns, tubos, molinetes para barcos, rodas hidráulicas, baterías de cociña, municións, potes a estilo Bordeus. Eses consumos de 50 000 quintais de carbón mineral, outros 20 000 de carbón vexetal, uns procedentes de minas astures e outros das fragas sitas en Rúa e Trasbar.

E o máis importante. A industria empregaba até 1000 familias, 250 carros con 300 parellas de bois, que achegaban e trouxeron mercadorías dun porto -Os Campos de San Cibrán- que chegou a contar cunha flota de 22 buques.

Tal actividade foi causante da creación dese pobo-parroquia. Non só obradoiros, casas para residencia dos numerosos operarios e as súas familias, e desde logo unha igrexa que encomendaron ao Apóstolo Santiago, así como ese mesón que perdura hoxe esquecido.

En 1804 comeza o esplendor da louza que será contrasinal do bo gusto, até ese momento en 1848 en que até S.M. a raíña acusa mediante Real Orde haber recibidos dúas fermosas vaixelas de tal compañía -Sociedad La Riva- que se considera como presente das artes e homenaxe á industria de Galicia. Fago un inciso para comparar o que antecede coa pestilencia contaminante desa ALCOA moribunda. En Sargadelos houbo emprendedores, comerciais, deseñadores e continua mellora nas instalacións e ferramentas. Incluso un camiño de peaxe do que hoxe quedan as mouteiras que nos indican por onde pasaban os carros celtas desde o emporio industrial até o porto na ría do Covo.

En pleno primeiro terzo do século XXI, a louza daquel Sargadelos do século XIX é un luxo que adoita estar exposto polo seu valor integral, que ademais para un galego da Mariña é un símbolo que alimenta o orgullo identitario. De todas as pezas posibles quedo coas fermosas escribanías que a recado estaban na mesa escritorio dun catedrático, un bispo, un médico de prestixio ou un avogado triunfal. As súas cores poden confundirse coa louza de Cartaxena ou da Cartuxa, pero non para alguén que sabe de marcas.

Pablo Mosquera Mata

 

20240308

No nome delas. Pablo Mosquera


 No nome delas

8-M. Non debéramos necesitar que nolo lembren. A cidadanía, que é fonte de dereitos (fundamentais e sociais contemplados na Constitución española vixente desde 1978), non ten xénero. Pero é bo recoñecer e agradecer o que fixeron por nós, habitantes de Galicia entre os séculos XX e XXI, tantas mulleres que construíron o progresismo co seu esforzo exemplar. Entendendo por progresismo, que as xeracións sucesivas viven mellor que as anteriores. Polo menos eu sempre estarei en débeda con elas.
Teño a sorte de pertencer a un espazo de traballo, o socio sanitario, onde dende a miña incorporación alá polo ano 1968, nese Hospital Clínico Universitario "San Carlos" de Madrid, vivín nun entorno con tres características: Actividade pública esencial e maioritariamente feminina. Igualdade de prestacións laborais, económicas e xerárquicas entre mulleres e homes. Dedicación exemplar das nosas damas, compañeiras dos equipos multidisciplinarios para curar e atender aos enfermos -penúltima vez pola pandemia-.
Mais houbo momentos nos que as veciñas do meu Concello tiveron que loitar, e son momentos históricos dos que podo dar fe documentalmente e que quero compartilo como cidadán dedicado á cultura.
No verán -23 de agosto- de 1892 as mulleres toman protagonismo e amotínanse, atacando as oficinas do Concello de Cervo así como a casa de José María Crego e Carlos Correa. Segundo informa a prensa, trátase dun problema chamado imposto ao consumo, que afecta a produtos alimenticios como carne, trigo, millo, centeo, patacas. Eran o alcalde Santiago Álvarez e o secretario municipal Justo Basanta, os que se atoparon con pedras e tiveron que refuxiarse na casa de don Jesús Balmayor. -O peor son as consecuencias, posto que a Garda Civil procedeu á detención das consideradas xefes do tumulto: Carmen Martínez Ben, Josefa Rey Castro, Carmen García Rodríguez, Concepción Paleo, Clotilde Rubiños Paleo.-
O camiño pola area, dende as rochas nas que se asenta o pazo das Cubelas. Cando ía de Cubelas a Los Campos quedou aquela última imaxe das mulleres que traballaban na salgadura. Antes era habitual atoparse no Coto cunha pescadora vestida de negro rigoroso. Era unha desas viúvas dos vivos, cos homes da casa embarcados para traballar todo o ano ao cabotaxe.
O domingo 13 de agosto de 1972 inaugurouse a fábrica de cerámica denominada “Pía do Xunco”. Pero non será só unha fábrica de cerámica e louza, estamos ante un enclave para a cultura, un punto de encontro de artistas e escritores, un laboratorio de formas e un mecenado do libro. "É bonito, traballamos e a fin de mes cobramos a nómina -- As nosas nais traballaban todo o día e parte da noite, por nada" - Así é ser asalariado nunha industria, algo parecido a o que pasa nas conserveiras de Celeiro e Vicedo- -A maneira de liberarse é co traballo, tal cambio débello á iniciativa de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

Pablo Mosquera Mata




20231011

Unha pregunta a ChatGPT: Historia da xente de Ribadeo

Alan Turing, pioneiro da IA

    Onte (10 de outubro) voltei a facer unha pequena tentativa con ChatGPT, para ver a súa evolución (e a miña no seu uso). Despois de tres tentativas que rexeitei, cheguei á cuarta, da que presento en baixo a miña proposta á IA e a súa resposta. Coido que podería facer unha análise do texto da pregunta e sobre todo da resposta, a máis dos evidentes erros e da influencia que pode ter unha ferramenta así para cousas dende facer propaganda de Ribadeo a esmendrellar a historia da vila e a súa percepción. Pero polo momento limítome a deixar esa posibilidade a quen estea a ler isto, a da lectura e sacar as propias conclusións:

- Escribe en galego a historia da xente de Ribadeo en menos de 2000 palabras

- ChatGPT

Na fermosa vila costeira de Ribadeo, na provincia de Lugo, Galicia, a vida transcorre tranquilamente ao compás do mar e das tradições. A historia desta comunidade é unha mestura de cultura mariñeira, calor familiar e adaptación aos tempos modernos. Nun ano como o 2023, os habitantes de Ribadeo reflexionan sobre o seu pasado e miran cara ao futuro co optimismo que sempre os caracterizou.

O mar sempre foi o sostén desta vila. Os barcos de pesca saían ao amencer, traxendo de volta a lonxa unha rica variedade de peixes, mariscos e percebes, estes últimos recollidos valentemente polos percebeiros nas perigosas rochas da costa. A vida no mar e a lonxa eran os motores económicos de Ribadeo durante xeracións.

As familias de Ribadeo eran sólidas e unidas. Os aEscribe en galego a historia da xente de Ribadeo en menos de 2000 palabrasnciáns compartían histórias dos vellos tempos e transmitían o seu coñecemento ás xeracións máis novas. As comidas en familia eran momentos sagrados, onde pratos tradicionais como o polbo á galega, o caldo galego e as empanadas enchían a mesa, e as risas e os contos abrillantaban as sobremesas.

As festas e celebracións tradicionais desempeñaban un papel fundamental na vida da comunidade. A Semana Santa e a Romaría de Santo Estevo eran ocasións nas que a vila se conxugaba coa súa cultura relixiosa e folclórica. A procesión da Romaría, que percorría as rúas coa imaxe de Santo Estevo, atraía a numerosos fieis e curiosos.

A vila de Ribadeo tiña un encanto histórico que a facía única. As casas de pedra con tellados de pizarra eran testemúñas dos séculos de historia. A Praza de España, cunha fermosa fonte no centro, era o punto de encontro para os veciños e visitantes. Ribadeo era un lugar onde o tempo parecía moverse máis devagar, onde as rúas adoquinadas contaban as histórias do pasado.

Non obstante, Ribadeo tamén tiña os seus desafíos. O sector pesqueiro estaba afrontando restricións cada vez máis estritas, e a sobrepesca estaba a afectar a captura. Os tempos estaban a cambiar, e os mozos de Ribadeo tiñan que decidir entre continuar coa tradición pesqueira ou buscar novas oportunidades noutros lugares.

A comunidade de Ribadeo non se deixou abater polos obstáculos. En lugar de renderse, decidiron diversificar a súa economía. O turismo foi un dos camiños elixidos para dar a coñecer a beleza natural da costa de Ribadeo ao mundo. A famosa Praia das Catedrais atraía visitantes de todas partes, deslumbrados polas esculturas naturais esculpidas pola erosión das ondas do mar.

A Romaría de Santo Estevo tamén viviu un renacemento en popularidade. A procesión anual atraía a máis peregrinos, que percorren unha ruta relixiosa e cultural. A tradición seguía viva en Ribadeo, unha vila que amaba compartir a súa cultura con quen a visitaba.

A tecnoloxía tamén chegou a Ribadeo. A conexión a Internet e os teléfonos móbiles abriron as portas á información e á comunicación co mundo. Os mozos podían agora estudar fóra e volver coñecedores do mundo, ou ben quedarse en Ribadeo e contribuír á súa comunidade de maneira nova e innovadora.

A pesca, aínda que cambiara, seguía sendo un dos pilares da economía local. Os pescadores seguían lanzándose ao mar e as rías en busca dunha boa captura, e a lonxa seguía sendo un lugar de encontro, onde se compartían historias e experiencias.

As tradicións seguían vivas en Ribadeo. As festas relixiosas e culturais enchían o calendario de eventos. Os grupos de gaitas e as escolas de danza mantiveron viva a música e a danza galega. A comunidade atopaba alegría nas súas raíces culturais, e a xente traballaba duro para preservalas.

Con todo, Ribadeo estaba a adaptarse ás novas realidades. A vila atraía visitantes e turistas de todo o mundo. Os restaurantes locais ofrecían pratos típicos galegos, e os bares servían viños e licores tradicionais. Ribadeo estaba a descubrir que, a pesar dos desafíos, podía atopar novas oportunidades na diversificación económica e no turismo.

A educación seguía sendo unha prioridade. A escola local ofrecía unha educación sólida e, a medida que avanzaba o novo milenio, actualizouse coas novas tecnoloxías. Os mozos de Ribadeo tiñan acceso ás mellores oportunidades educativas, tanto dentro como fóra da vila.

Os cambios tamén se reflexaban na paisaxe urbana. A vila estaba a restaurar o seu patrimonio histórico, mantendo vivas as casas de pedra e os edificios históricos. A Praza de España seguía a ser un lugar de encontro e un punto de referencia no corazón da vila.

Na actualidade, Ribadeo era un lugar de encontro para amantes da natureza, da cultura galega e do Camiño de Santiago do Norte, que pasaba pola vila. A beleza natural e a hospitalidade de Ribadeo atraían peregrinos e excursionistas de todo o mundo.

A economía local estaba a diversificarse aínda máis coa aparición de pequenos negocios e iniciativas emprendedoras. Os mozos de Ribadeo estaban a traer novas ideas e enerxía á súa vila, contribuíndo ao seu crecemento e vitalidade.

A comunidade tamén mantía o seu compromiso coa sostenibilidade e a protección do medio ambiente. A costa de Ribadeo era un tesouro natural que a xente de Ribadeo estaba comprometida a preservar. A Praia das Catedrais continuaba a ser un lugar de gran atractivo, cunha xestión responsable para protexer

20230910

En relación á Casa da Ría

En relación á Casa da Ría

Árbores na terraza da Casa da Ría

    Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

    A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

    Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne. 

    No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

    Anos despois quedou de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min hai cousa dunha ducia de anos.

    Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos uso e máis necesidade de mantemento.

    En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro alcalde para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso fóra dela. 

    Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil o uso, e así, mentres nalgún caso chovía por riba do aparello (o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto), oxidándose o espello, aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento, cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a larma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara un equipo no que participaba a súa filla.

    Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado no tema con anterioridade en Ribadeo, se deron un par de cursiños de verán e realizaron varias observacións astronómicas, sempre no verán, xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo decaeron para pasar a ser sinxela propaganda para uso turístico. Así, Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A. C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar dos sucesivos avisos (pódese ver aquí un en particular, e en xeral a historia en Ribadeando ou entre outras actividades en FQRibadeo).

    Polo medio, tentouse amañar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos, comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non só as observacións).

    Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde a 'non localización' de dous telescopios. Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.

20230824

Un ciclista sorrinte

 Un ciclista sorrinte

    Dende onte, un ciclista que sucaba Ribadeo sorrinte, xa non o fai.
    Secundino, Secundino Balsa Rodríguez, xunto coa súa muller por moitos anos pescadeiro no mercado de Ribadeo, morreu subindo dun dos seus lugares favoritos, o peirao.
    Amable e afable, transmisor de optimismo, deportista cun sorriso non só sobre a bici, senón na vida, eran características súas. Na bici, en triciclo ou a pé, os últimos tempos cos netos, esa é a lembranza que me queda de Secundino, a súa figura por Ribadeo adiante. Unha figura non só familiar, tamén agradable e vital.
    Atrás queda o seu facer o camiño a Santiago con outros compañeiros nunha mañá, antes da misa do apóstolo. Ou as súas repetidas subidas á festa da Ponte de Arante, xa unha institución dentro dela. Ou o seu ánimo no antroido, cun disfrace recoñecible, como dicindo ‘aínda que me disfrace, non podo evitar ser eu’. Ou múltiples outras cousas que se poderían engadir. En xeral, pequenas, que era de festas, pero non procuraba a algarabía se non saía de por si.
    Un naufraxio na súa ría non puido con el. Esta vez foi el quen non puido. Descanse en paz.
G.Gómez e A. Gregorio

20230509

Sr. Infanzón: Sen acritude pero con firmeza. Pablo Mosquera

Sr. Infanzón: Sen acritude pero con firmeza

Acabo de ler as súas declaracións na prensa. E fun ver o ambiente que se está formando na praza dos Campos do meu porto de San Cibrao. Teña en conta que comezo usando o termo PORTO. Si, das Reais Fábricas de Sargadelos. Si, pola costera do bonito e o bocarte hai máis de corenta anos. Cando viu á nosa antiga Britonia para traballar na transformación da bauxita en aluminio. E é que, de verdade, xa estabamos aquí e gozabamos dun orgulloso patrimonio histórico, artístico, relixioso, ecolóxico e tradicional. Vivíamos en galego e como galegos do Cantábrico.

Non entendo a súa descrición daquela Mariña de hai 42 anos. Podo asegurar que a chegada da industria deu novos postos de traballo á poboación e que o seu crecemento “violento” requiriu equipamentos e servizos educativos ou sociosanitarios. Pero asegúrolle que estabamos no mapa. Aparecemos nas Cartas Mariñas do século XVI, feitas de mar a terra polos holandeses. E as nosas vilas cos seus cascos históricos eran lugares meritorios. Viveiro, Mondoñedo, Ribadeo. Ou aqueles portos que foron a verdadeira actividade económica que nos cambiou a vida para mellor. Vila Mariñeira de Foz, Porto de San Cibrao, Celeiro. E a nivel de personalidade... San Martiño, o Camiño de Santiago pola Costa, Sargadelos e os xacementos baleeiros de Rinlo, Nois, Burela, poño como testemuñas.

Di vostede e non o podo aceptar, que "había bos peixes e mariscos -toda a razón- e grandes persoas -orgullosas da súa identidade como pobo con lingua propia- pero non había case nada máis". Tiñamos a mellor flota atuneira de Galicia, e moi superior á da súa Asturias natal, que deixou moitos cartos nas nosas parroquias; tiñamos uns edificios unifamiliares propios da arquitectura cántabra galega que foron perversamente derrubados e substituídos por colmeas de protección oficial, rompendo a nosa paisaxe con galerías cara ao mar; tivemos a mellor gastronomía, comedores con excelente ambiente, costumes dun mar de cultura e monumentos daquela Britonia que Maeloc fundou con sede en San Martiño, ademais dos mananciais para a caza e a corta de baleas que foron a primeira transformación e industria.

Non podo entender por que tivo que ir a Navia porque necesitaba un Xinecólogo. Se fose por un parto, aquí tiñamos médicos e matronas expertos. Se fose por un problema xinecolóxico, teño que lembrar que o Hospital situado no Concello de Cervo, parroquia de Burela, é moito máis antigo que o de Jarrio, a 4 quilómetros de Navia.

En canto ao estado das estradas, podo asegurar que os tres anos e medio que percorrín dende o meu San Cibrao ata Jarrio, a estrada do occidente asturiano era máis ou menos como a de aquí. Durante o meu mandato como Director Médico de Jarrio, vivín o desdobramento da autoestrada pola Ponte dos Santos.

Si lle dou a razón: estabamos e estamos moi preocupados pola contaminación industrial que antes non tiñamos. Con esa balsa de barro vermello que se encheu cos residuos do proceso industrial. Que estaban a piques de instalar unha central nuclear en Xove -A Roncadoira- para que a fábrica de aluminio tivese enerxía barata.

En canto a quedarse a vivir aquí, é lóxico. Esta antiga provincia de Mondoñedo é un paraíso natural coas mellores praias de mica e caolín e os seus galegos aos que lles gustaba erguerse e contemplar o estado do mar e de onde viña o vento. Por certo. Unha observación estética. Cando entro dende o Castelo cara ao centro de Santa María de Lieiro, confeso que a vista dos Farallones me estraga esa cheminea fumegante que debe ser algo así como o logotipo da súa historia.

Pablo Mosquera

20221227

Un belén e unha ausencia

    Un ano máis, a asociación belenista de Ribadeo montou unha exposición, que inclúe un belén florentino, outro belén que recorre o camiño norte, unha mostra de pequenos beléns recollidos dos lugares máis recónditos... entre outras cousas. En baixo deixo catro vídeos para dar fe da maioría do exposto (que non de todo) nos baixos da praza de José María López en horario de 18 a 20 h, como pon o cartel da entrada.
   
Este ano recolle tristeza dende a cartelería exterior. Non porque sexa un belén triste, que non o é, senón pola ausencia de Álvaro Lamas Pedreira, finado o 26 de marzo, pilar do equipo de colaboradores e da montaxe e do que en certo xeito o belén é unha herdanza. Con el teño recorrido edicións anteriores, nos antigos baixos que ocupaba o supermercado San José, en Casa Maseda ou na ubicación actual. A máis, tenme ensinado documentación e os planos, que continuou facendo no vetusto programa Paint ata o último momento, dun xeito laborioso, de moitas horas. En fin, coido que xunto con esa tristeza da ausencia, a mesma continuación da labor da asociación belenista e a montaxe de Nadal deste conxunto de máis de 400 m2 é un motivo de lembranza e agradecemento.

    Os vídeos:

    1.Beléns do mundo:


    2.Belén do camiño norte:
     

 3.Belén Florentino:


     4.E máis (pero non todo).


    E tamén deixo un vídeo dun belén desta asociación de anos anteriores:

--

Sobre Beléns: 

Beléns da asociación belenista de Ribadeo en 2019
Belén do camiño de Santiago en Ribadeo (2018)
Nadal 2015
En Vilalba (2015)
Beléns de Ribadeo (Asoc. belenista, Orde terceira, etc)
Nadal 2013 (actuación)
Nadal 2012
Nadal 2011
Nadal 2010
Nadal 2008
O Facebook da Asociación Belenista.
 

20221112

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

    A viaxe finalizada, non o está na cabeza, á que acoden lembranzas, sentimentos, posibilidades e moitas cousas máis.

    Indo aínda por terras de Castela, ocorréuseme que ó tempo que unha viaxe para coñecer terras e persoas, ou para sentir a natureza e o corpo, tamén era unha viaxe didáctica, de aprendizaxe. E comecei a tomar apuntes pensando nesa tarefa, para tentar que a outra xente lle puidera servir, a máis da visualización de algo parello a un libro de viaxes -ou sexa, o que levo esbozado-. E iso 'novo' dará de si -espero- outra serie de apuntes que teñen outro destino diferente ós presentes, e que aínda terán que madurecer para servir á súa finalidade.

    Está clara a evolución de sentimentos en relación á viaxe a medida que pasou o tempo, ou as xentes, a paisaxe, dende a saída da casa o 25 de setembro ás oito da mañá lixeiramente pasadas ata a chegada ó portal de Valencia o 10 de outubro ó fío da unha e media do mediodía. Está clara, pero non é linear, é demasiado complexa para que nuns cantos capítulos pequenos caiba enteira.

    Dito en números, sexan 1100 km ou 4 comunidades autónomas, unha morea de concas fluviais ou 10 provincias, entre outras moitas posibilidades, pode dar unha imaxe moi fría de dúas semanas que lembro cun conxunto cálido de sentimentos que tentei plasmar, dende o esforzo para subir a Cruz de Ferro á percepción de orgullo nunha interlocutora ó comentarme que o nome do seu pequeno e cada vez máis despoboado pobo aparecía nunha rotonda en Sagunto onde se daba fe das diferentes etapas dun camiño que conducía cara Santiago. Por certo, glorieta que me fixen intención de ver, pero que, sen telo apuntado no momento, lembrei cando xa era tarde, tendo aínda agora nas tebras da memoria mesmo o nome do pobo que tería que procurar nela ou a situación exacta a procurar en Sagunto. E, se detalles coma eses se perden na memoria, ó xuntarlle as perdas no paso da lembranza ó escrito, resulta un límite só superable mediante a fábula e a imaxinación. Ambas me gustan, pero non quixera aplicalas como tal de xeito consciente nestas letras, que polo contrario, tentan axustarse á realidade sentida.

    Un dos sentimentos foi o asentamento da fortaleza saudable, apoiado despois das primeiras e duras etapas polas máis suaves posteriores. Mesmo os pequenos tropezos, como o rachar dos labios pola labor do aire, ou o proído do tostado das pernas, sentinos así, pequenos inconvenientes que xa se irían solucionando, dentro dun benestar corporal no que tiveron cabida de xeito consciente diversos esforzos. Hai que ter en conta que unha das bases dese benestar sentido é precisamente a superación dos esforzos requiridos, que naturalmente tentei pautar como superables, ó meu alcance.

    En conxunto co anterior, o desfrute das etapas foi aumentando, ó ter un maior control da situación pola experiencia e unha maior veciñanza do destino. Visto en retrospectiva, noto que a duración e dureza de cada tramo, e o tempo empregado, non se ve reflectido de nunha influencia sobre o número de bosquexos ou de fotos tomadas. Máis ben é o tempo pasado, ou se se quere, o tempo previsto para chegar ó destino final, o que marcou o ritmo, psicolóxico, de apuntes sobre o camiño, en certo xeito balanceando entre a apropiación do entorno mediante fotos e debuxos e o desfrute directo del.

    As paisaxes variadas e a temperie, tiveron a súa influencia nese desfrute e no estado de ánimo. Máis difícil é de cualificar o resultado do contacto con outra xente, en marcha coma min ou xente da terra, nunha viaxe pensada para ir en solitario, decisión da que non me arrepinto. Por suposto, en cantidade de xente atopada, o tramo entre a entrada no Bierzo e Burgos sobrepasou con moito á cruzada antes ou despois, aínda que de Caudiel ata abandonar as vías verdes tamén estaba ateigado; neste caso, só de ciclistas. Iso facilitou o contacto con outra xente en ruta neso tramo Vilafranca - Burgos, mais foi despois cando tiven máis relación coa xente dos pobos, e coas dúas persoas coas que pasei máis tempo na viaxe, Antonio de Teruel e sobre todo, Pedro do Barqueiro, con quen sigo en contacto. Asemade, o cambio de mentalidade dunhas a outras persoas, da xente dos pobos á xente en camiño non deixa de ser curiosa, tanto pola evolución segundo o avance do camiño como polo cambio de lugar a lugar. Pouco ten que ver a mentalidade e carácter dos tres estranxeiros ciclistas de retorno cos que coincidín ó longo da subida á Cruz de Ferro coa do español e do estranxeiro camiño a Santiago no descanso mentres tomaba o apunte da igrexa de Bercianos. E pouco tamén a do rexedor do bar en Castrojeriz, 'castelán vello', coa do tamén rexedor de bar en Almenar, aparentemente afincado alí de primeira xeración dende o norte de África. Por contra, comparar a Julia, a camiñante australiana que me atopei en Hornillos, coa recepcionista de Teruel, novas as dúas e aparentemente de idade semellante, poidera ser máis doado e ter máis semellanzas visibles que nos outros casos anteriores.

    A viaxe tamén se pode dividir na parte en marcha e na outra, en poboacións. Dúas compoñente moi diferentes a tódolos niveis, dende esforzo a tranquilidade, mais ter en conta unha separación tan clara como tal separación, sería como partir unha cadeira á metade, resultando outra cousa moi diferente. Ambas partes, ambas 'metades' compleméntanse e en conxunto fan a viaxe o que é, aínda que choque que o estar parado nun lugar poda contribuír á viaxe.

    En fin, quixera rematar, esa é a finalidade desta entrada. Mais aínda que o faga por escrito, será unha especie de peche en falso, de poñer unha marca ata certo punto arbitraria, nun relato que seguirei a lembrar e que sinto que non rematou aínda, tanto porque puidera ter continuidade noutra ou outras viaxes semellantes como porque entroncou co resto das miñas vivencias, é parte da miña vida, e aínda non está conclusa.

     Só unha cousa máis. Repetir que animo a quen poda estar a ler a facer algo polo estilo, na medida das súas posibilidades de todo tipo. Vamos, unha toleada que non o sexa tanto por estar programada e ser factible. Un saír do normal da vida levada para traer tamén vida, aínda que non faga falta.

Comezo e fin de viaxe?

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221031

Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

 Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Unha nova etapa coas rutinas xa no seu sitio: rutinarias. Saída despois de almorzar e en só un cuarto de hora, en Frómista. Paro fronte a unha igrexa antiga, a de San Pedro, pero que se ve eclipsada pola máis famosa de San Martín de Tours. Aínda é cedo para facer un descanso diante dunha mesa, e continúo ata a saída do pobo, para enlazar co Canal de Castilla na célebre esclusa triple e seguir varios quilómetros á beira da auga embridada, na mesma senda que usan os peregrinos e a que está catalogada como ruta Eurovelo da Costa Atlántica. Si, esa ruta ciclista que recorre a fachada atlántica de Europa saltándose a zona entre o País Vasco e Portugal, onde entra polo sur, a Eurovelo 1. Claro que tamén o Camiño de Santiago é Eurovelo, a número 3... e, como descubrirei despois, ao menos nos tramos que recorrín, quedan moi por detrás de algunha das vías verdes que tamén fixen nesta viaxe.

Igrexa de San Pedro. Frómista.

    Frómista é agradable e antiga, non porque teña monumentos antigos, que tamén, senón porque o conxunto favorece esa percepción. E o chegar ó Canal de Castilla a min non me decepcionou. Se ben queda pequeno fronte a outras canles europeas ou asiáticas, a imaxe mental do seu uso para transporte e para rego, xunto ó baleiro de xente nas súas proximidades (exceptuando peregrinos, claro!) transmite tamén unha certa sensación riquiña, bucólica. E, por suposto, agradécese o terreo chá do camiño á súa beira, aínda que a zona xa é chá de por si.

    Nada máis deixar o Canal de Castilla, en Boadilla del Camino, atópome unha pequena perla, un bibliobus. Entre as bibliotecas que visitei, seguramente a máis curiosa. Unha pequena charla co bibliotecario lévao a comentarme a falta delas no noroeste, incluída case toda Asturias, onde parece que funciona algunha ligada a algún concello.
Dúas vistas do bibliobus.
    O chegar a Puente Fitero, o Pisuerga saúdame e escríbolle a un amigo pucelano e ciclista que pode vir nadando. É o límite entre Palencia, de onde saio e por onde foi o camiño unha vez pasado Sahagún, e Burgos, a onde entro, a cuarta división administrativa provincial que vou atravesar.
    O seguinte lugar de parada é Castrojeriz. Lembrado por telo estudado na escola como partido xudicial de Burgos, tiña idea de que me ía atopar cun pobo de certas dimensións. E, a pesar dunha sinal nunha glorieta, preguntei na estación de servicio se era aquelo. Sí, érao. Co menu comentario, a gasolineira viuse na obriga de engadir un 'nos estamos quedando sin gente' na pequena conversa que mantivemos. De calquera xeito, subín cara ó pobo, que queda ladeira arriba e non na estrada, e reconvinme e apunteino para visitalo de novo despois desta pequena visita en bicicleta con equipaxe. Rúas empedradas e inclinadas cerro arriba e tempo parado, aínda sen ter unha conservación especialmente coidada. O café serviume como compañeiro para o debuxo dunha casa que tiña fronte a min, unha como outras, ó tempo que tamén intercambiei algunha frase cos poucos camiñantes e xente do pobo na terraza.
Unha casa de pedra e adobe en Castrojeriz.
    Estrada ata Hontanas e camiño ata Rabé, a un tiro de pedra de Burgos. Ó pouco de Castrojeriz, os resto do convento de San Antón sorprenden coas súas arcadas baleiras de contido (mesmo coa estrada BU-P-4013 por baixo dalgunha) e invitan a unha parada, aínda que sexa pequena.
Convento de San Antón, entre Castrojeriz e Hontanas.

    Tamén no medio, había que comer, pero a pesar de estar no Camiño de Santiago e haber xente abonda facéndoo, cometín a equivocación que querer estender a mañá e comer tarde. O resultado, en Hornillos había un só lugar para comer, e estaba pechada a cociña, e 'pechados' tamén os bocadillos. Houbo que tirar de reservas das alforxas, unha mazá, un plátano, unha barriña enerxética... e, de paso que comía na praza, fixen un apunte do campanario da igrexa e trabei unha pequena conversa cunha peregrina australiana. Foi unha sorpresa que houbera alguén na casa do pequeno concello e me puxera un selo.
Crónica de Hornillos del Camino.

    Despois da comida, unha subida pendente a un novo páramo co camiño de pedras fixo que puxera o pé en terra de novo e por última vez no camiño para salvar menos de cen metros de distancia. E en Tardajos, xa preto de Burgos, un bocata quente
    A chegada a Burgos, polo carril bici, mireina con lupa. O día antes tiña chamado a un wikipedista para tentar quedar con el despois de decatarme por Wikimedia España de que organizara una xornada de edición sobre rutas ciclistas. Non foi posible vernos, pero fíxome algunha indicación da súa labor e o paso por Burgos foi algo así como un test sobre o que me dixo.
    E, despois de acomodar a bicicleta, aloxarme e ducharme eu, un paseo pola vila, comezando pola catedral. Era o previsto, pero o que non tiña previsto era a secuencia de festas que me atopei no camiño, comezado en domingo; case un seguimento de min parece que facían! E Burgos non se quedou atrás: festa medieval en venres, preludio da fin de semana e animación a tope no centro da vila. A cidade ten lugar para ela, certo. Oficina de turismo, biblioteca pública, visita dentro tamén a unha exposición de papiroflexia, visita ó local da CNT pola presentación dun libro (á que ó final, non me quedei, pero o local tiña cousas interesantes), e paseo por Burgos xa coa noite botada e despois de cear nun local de franquicia ateigado, pero menos que o resto dos que fun atopando cheos de festeiros.

A porta de entrada, xoia da biblioteca pública de Burgos.

    .. e isto é o resume dun recorrido duns 77 km salvando un desnivel acumulado de máis de 500 m en 5 horas e media sobre a bicicleta, desenvolto en gran parte por camiños.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221030

Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero

Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero

    Despois dunha etapa curta e suave, a perspectiva doutra tamén suave, pero longa, Ó final, truncado o tempo temperado por unha chuvia antes de entrar en Sahagún, funcionou a cobertura das alforxas, pero tamén o acubillo dunha entrada a un garaxe. A pesar desa chuvia, non funcionou tan ben a cobertura do Sol, que con camiseta de manga curta e calzón tamén curto, nesta etapa xa marcou diferenzas de cor entre tramos de pel exposta.

    Estaba aínda amencendo ó coller a bicicleta cara a saída de León. Ía moi lixeiro, iso me pareceu, ata que despois de pasar a ponte do río Toría, comezou a subida, e seguía lixeiro. Como non ía estalo, se non levaba as alforxas? Naturalmente, tocou volver por elas. Así daba comezo unha etapa que, a conta dese retorno e outras desviacións intencionadas ou non, resultou duns 108 km, acumulando un desnivel de 410 m despois dunhas 6 h sobre a bicicleta.

    Sen incidentes ata Mansilla de las Mulas: despois de deixar o val do río Bernesga, de novo a chaira. Mesmo en Mansilla, o maior Esla (ó que aflúe o anterior), non ten escavado un val moi apreciable. O pararme a tomar nota da escultura de lembranza ó peregrino, apunto tamén que da pouca xente que pasa, parte importante dela a constitúen mulleres con veo levando pícaros, suponse que para a escola (cheguei antes das nove e media da mañá).

Monumento ós peregrinos, en Mansilla de las Mulas.
    A parella de peregrinos representada en Mansilla ten trazos xuvenís. Coido que nestes momentos, da cantidade de xente que me teño atopado á contra facendo camiño, son minoría. Predomina a xente máis maior. Non parece que a media de idade baixe moito dos 50 anos, e podería subir deles (claro está, hai que considerar a época do ano, que inflúe en quen pode facer o Camiño). E tamén, as mochilas son máis pequenas que as representadas, para pasar o día ata recibir na seguinte posta o groso da equipaxe. Por último, as botas coas que son calzados xa non son universais, podendo verse calzado deportivo de diverso tipo, aínda que as 'botas-botas' sigan a ser numerosas.
 
    O seguir de Mansilla debera telo feito pola LE 6615 ou camiño á beira, camiño de Santiago. A confianza de seguir un camiño recto levoume por outra estrada. A falta de camiño alternativo, e sobre todo, de peregrinos á contra, levoume a parar abondos quilómetros máis adiante, en Santas Martas, a consultar os mapas dixitais e observar o meu erro. Entón, o desviarme ata Villamarco e alí coller de novo o camiño foi obrigado, ante a opción de seguir afastándome da ruta prevista. Por ser chá, non me causou moita contrariedade, se ben as pontes para atravesar as vías ou a autovía, coa súa pequena elevación pero pendente apreciable, si cortan o ritmo elevado de pedaleo que se leva na chaira.
 
    O paso por Villamarco, unha sorpresa ó atoparme á saída, e ata a LE 6615, un museo ó ár libre, adicado a aparellos agrícolas.
Unha das pezas do museo de aparellos agrícolas de Villamarca.
    De non terme perdido, de seguro perdería a vista deste museo que se foi desenvolvendo á beira do camiño ó longo de máis de medio quilómetro.
    Logo de coller a boa dirección, houbo algún despiste menor na etapa, é o que ten que as sinais estean previstas para quen ven no outro sentido. Pero cousa pequena, e así chegue primeiro a El Burgo Ranero, con parada para café e pequena conversa con peregrinos na mesma situación, e logo a Bercianos, onde me tomei outra pequena parada nun parque á beira do camiño e atopei cun par de peregrinos ben diferente entre si, comezando polo lugar de orixe.
O contacto coa xente pode suplir con avantaxe os selos do concello. Burgo (non 'Burgos') Ranero.
 
Tomando algo fronte á igresa de Bercianos, xunto con Santiago e Franck.
    No parque había algo máis que peregrinos. A foto dun lugar de liberación de libros da fe, aínda que se vexa case baleiro.
'Para viajar lejos no hay mejor nave que un libro'. Intercambio libre de libros en Bercianos.
    De Bercianos, fastiado do piso do camiño ás veces, pero aguantando por el, a Sahagún. Antes de entrar, chuvia intensa. Collido nun lugar con pouco acubillo, sigo ata as primeiras casas do pobo despois de atravesar o río Cea e alí me metín ata que escampou.
    Sahagún despistoume. As rúas inclinadas non me cadraban na chaira. Escaleiras nalgunha vía, o xeito no que o tren non corta a poboación cortándoa, o ser da praza Maior, rachan cos esquemas que tiña para un pobo desa zona. Ó final, ante a ameaza de máis chuvia, non só tomo algo para a sede mentres espero de novo o paso da auga, senón que recunco e como.
Non ía comer en Sahagún, pero ó final penseino mellor e tamén tomei un apunte da casa do Concello.
    Lémbrome dos campos de Castela indo por eles camiño de Carrión dos Condes, xa en Palencia tras deixar Sahagún, co vento en contra e con sol tras a chuvia. Despois de comer, poucos peregrinos no camiño, aínda con algún grupo meirande de ciclistas que me atopei.
A Nosa Señora de Belén acolle á entrada de Carrión (para os peregrinos, á saída).
    E en Carrión, nova sorpresa á entrada, co contraste entre o antigo Mosteiro de San Zoilo e o Santuario da Nosa Señora de Belén, do que tomo un apunte antes de subir a beira inclinada do río, unha vez pasada a ponte dende a beira chá do mosteiro. E o dar unha voltiña por Carrión, as súas rúas, tomar algo na súa praza principal, a praza Maior (aínda identificada en Google Maps como 'del Generalísimo'), e facer algunha compra de provisións para o camiño, un pracer. Mesmo sen separarme moito da bicicleta, pois aínda non chegara a destino e non tiña moito onde deixala. A Casa da Cultura, coa biblioteca, quedou tamén retratada. A súa sinxela fachada corresponde co que se pode observar no seu interior, coa excepción dos estantes de libros.
A Biblioteca e casa da Cultura de Carrión de los Condes.
    De alí, uns poucos quilómetros ata Villarmentero, pequena poboación a medio camiño entre Carrión e Frómista, e onde o que se podía facer era descansar ata o día seguinte. Ben, a máis de ver as estrelas, ler algo... ou lavar o básico e que secara ata o día seguinte para manter un equilibrio na equipaxe. Entre unhas e outras cousas, o día que máis tarde cheguei a destino, case as sete e media da tarde.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando