Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta A. C. Francisco Lanza. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta A. C. Francisco Lanza. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20250223

Celebración do día de Rosalía en Ribadeo 2025

    Este sábado 22 de febreiro a A.C. Francisco Lanza celebrou o día de Rosalía. Cun pouco de antelación para non coincidir coa manifestación en Santiago en defensa da lingua, arredor dun xantar en base ó caldo de gloria (inspirado no seu poema 'Miña casiña, meu lar') no material, e á confraternidade no que poderiamos chamar espiritual, desenvolvéronse unha serie de actividades, entre as que estiveron lectura de poesías polos máis pequenos, a estrea dunha peza musical de Eli García Bouso, acompañado por Toño Martínez, ou a interpretación de Farruco Graña acompañado dos anteriores, antes do xantar. E, despois, un pequeno recital libre, de poemas de Rosalía.

    Adxunta queda algunha foto, tres vídeos (ó non quedar gravado completo a peza de estrea, adxunto tamén a peza completa interpretada por Eli e a súa filla Mariña, nun vídeo que me pasou o autor), o cartón da celebración e o mantel, tamén ambos deseñados para a ocasión, este último co ramiño de heliotropo, a flor preferída de Rosalía, que nos atopamos ó chegar á mesa. [Unha nota: como complemento, achégase ó final unha foto de Pancho Campos da manifestación do día 23 pola lingua, en Santiago, xa na praza do Obradoiro].

    A tarxeta da comida:


    O mantel:
 

    Os vídeos:




    O día seguinte, en Santiago, 60 000 persoas...


20241101

Unha placa, unha memoria, en galego (II)

    Onte pola tarde chegou a min o que deixei posteado en 'Unha placa, unha memoria, en galego'. Á noite, recibín unha ampliación, o que agora acompaño, a nota de prensa da A.C. Francisco Lanza, con fotos, texto e vídeo (verbas de Farruco Graña, presidente da A.C.F.L.):

 




A AGRUPACIÓN CULTURAL FRANCISCO LANZA PARTICIPOU NO ACTO DE INAUGURACIÓN DUNHA PLACA CONMEMORATIVA, COLOCADA POLO CONCELLO DE RIBADEO Á ENTRADA DO CEMITERIO MUNICIPAL.

Este xoves 31 de outubro, ás portas da celebración de Defuntos, no recibidor do Cemiterio Municipal de Ribadeo inaugurouse unha placa conmemorativa “na memoria de todas as persoas que aquí xacen. Grazas a elas, Galiza segue a ter cultura e lingua de seu”. Este acto enmárcase no conxunto de actividades levadas a cabo a poñer en valor o uso do galego nos rituais funerarios.

Desde a Agrupación Cultural Francisco Lanza levabamos un tempo intentando desenvolver a exposición “Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego”. Requiriu o esforzo de visitar todos os camposantos ribadenses para ver quen empregou o galego para se despedir dos seus seres queridos e para lembralos nas súas lápidas; requiriu tamén o tacto de nos achegar ás familias correspondentes para lles explicar a idea da exposición, e o desexo de lle transmitir á cidadanía o porqué da súa aposta polo uso do galego neses momentos tan singulares. Requiriu o esforzo de nos volver trasladar aos cemiterios para fotografar aquelas lápidas máis significativas e que puideran formar parte da exposición inaugurada o pasado sábado 19 de outubro.

Neste sentido queremos destacar o excelente labor feito polas nosas compañeiras da ACFL, Dores Fernández Abel (traballo de campo e textos para a exposición), Belén Pérez Teijo (fotografía) e Maví López Louro (composición e maquetación do material da exposición).

E hoxe cristalizou este acto, prolongado ao longo da segunda quincena de outubro, na inauguración da placa que o Concello de Ribadeo puxo no Cemiterio Municipal de Ribadeo. Agardamos que poidamos seguir con esta colaboración en anos vindeiros para estender esta lembranza en forma de placa conmemorativa nos distintos cemiterios de Ribadeo (por suposto, coa previa consulta e proposta ás veciñas e veciños de cada unha das parroquias de Ribadeo).


20241020

O galego no cemiterio. Un recorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego

    Onte sábado tivo lugar a presentación da exposición "Un recorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego". Emotivo, sentido, o público enchía a oficina de turismo para ollar esta exposición construída da man da Asociación Cultural Francisco Lanza. Despois da nota de prensa e dúas das fotos distribuídas pola A.C. Francisco Lanza, deixo fotos e vídeos de Mati, que non exclúen, por suposto, a visita á exposición, posible ata o día 3 de novembro.

Nun acto ben emotivo inauguramos hoxe a exposición fotográfica "Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego: memoria viva, galego vivo".

Moitas grazas a todas as amigas e amigos da nosa lingua por lle axudar na pescuda necesaria para identificar as familias das persoas lembradas nos nosos cemiterios con epitafios e referencias na nosa lingua.

Moitas grazas ás persoas que se achegaron esta mañá á Sala de Exposicións da Oficina de Turismo para lembrarmos entre todos e todas nós os nosos seres queridos que viven por sempre na nosa memoria... E que mantiveron viva a nosa lingua no seu día a día...

Ás persoas que agora as lembramos debemos ter presente, en momentos tan especiais, que se as tratamos en galego, tamén debemos lembralas en galego. Ogallá as funerarias vaian consolidando o hábito de ofrecer en galego os servizos funerarios.

Está exposición pódese ver desde este sábado 19 de outubro até o domingo 3 de novembro na Sala de Exposicións da Oficina de Turismo en horario de apertura de ditas instalacións.



 






 


 

 






20240827

Un moderno Ribadeo Antigo

     A A.C. Francisco Lanza presenta a edición facsímile do Ribadeo Antigo. Aquí a nota de prensa e o cartel:



PRESENTACIÓN DA EDICIÓN FACSÍMILE DO “RIBADEO ANTIGUO” DE FRANCISCO LANZA.

SOBRE O AUTOR:

(tomado da Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lanza)

Francisco Lanza (26-3-1892; Ove, Ribadeo/14-1-1951; Buenos Aires) foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguista. Cursou os seus estudos en Ribadeo. Colaborou con Celestino Pérez Andrade e Camilo Cancio Quindós en La Voz del Pueblo e en 1912 en El Eco Mercantil. Foi un dos impulsores do Ateneo de Ribadeo en 1915. Fundou en 1919 o semanario local La Comarca (aínda hoxe en circulación), de tendencias liberais e progresistas, no que escribiu, ó parecer en colaboración co seu sogro Celestino Pérez Andrade, numerosos artigos baixo os pseudónimos de El Montañés e Un labrador gallego. Estes artigos eran de tal dureza que Celestino tivo que ausentarse da vila en numerosas ocasións por perigo da súa integridade.

En 1927 comezou a súa relación co Seminario de Estudos Galegos, no que entrou en 1929 co seu traballo 'Ribadeo bajo el señorío de sus condes', formando parte das seccións de xeografía e de historia. Colaborou na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega, onde publicou diversos traballos históricos e etnográficos sobre Ribadeo. Tamén colaborou en Faro de Vigo e El Sol (Madrid).

En 1931 emigrou a Buenos Aires, incorporouse á comisión de prensa de Galicia e traballou en diversos periódicos e publicacións ata o momento da súa morte. Entre outras obras, durante a súa estancia na Arxentina, traballou como tradutor (José Maria Eça de Queirós, Immanuel Kant) para a editorial Sopena Argentina, asinando como F. L. Álvarez.

Á súa morte foi soterrado no cemiterio de La Chacarita. A Agrupación Cultural Francisco Lanza fundouse en Ribadeo ós vinte anos do seu pasamento. Unha das rúas ribadenses leva o seu nome.

Obra

• Ribadeo antiguo: noticias y documentos (Madrid, 1933; reeditado por Ediciós do Castro en 1973 e logo polo concello de Ribadeo en 1999).

• Falan os de Ribadeo (publicado en Nós en 1933, nn. 114, 116 e 118) (reeditado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza e Ediciós do Castro en 1974, o Día das Letras Galegas). Recolle tres traballos, o primeiro, que dá nome o volume, foi publicado na revista Nós en 1932. O segundo, 'O ensino en Ribadeo dende o século XVI ó XIX' tamén foi publicado en Nós en 1932. O terceiro, 'Ribadeo, baixo o señorío dos seus condes' publicárase no segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929. A súa edición de 1974 foi prologada por Eduardo Gutiérrez Fernández.

• Dos mil nombres gallegos (Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires, 1953).

SOBRE A EDICIÓN FACSÍMILE:

A idea de editar unha edición facsímile do “Ribadeo Antiguo”, de Francisco Lanza, partiu dunha proposta da Agrupación Cultural Francisco Lanza, despois de termos escoitado en moitas ocasións as suxestións feitas por parte das librarías ribadenses (transmisoras das peticións das e dos lectores). Cremos que as novas xeracións, e calquera persoa que se estableza en Ribadeo, ou sinta curiosidade pola súa historia, ben merece poder facerse cun exemplar de tan significativo texto para a historia de Ribadeo.

A diferencia deste proxecto con respecto á última edición consiste en manter a esencia daquela impresión do ano 33, impresión e maquetación feita nos talleres da imprenta Mercurio, cun traballo tipográfico digno de amosar, e acompañado dos grabados de Amando Suarez Couto. A edicion facsímile é a que nos permite garantir esa fidelidade. Para manter a esencia da vella publicación escollemos unha gama de papel Arena Rough Ivory (a non ser as achegas iniciais para conmemorarmos esta nova edición). O libro foi entapado en formato rústico.

CHAMAMENTO ÁS NOVAS XERACIÓNS E ÁS XENTES QUE AMAN A HISTORIA LOCAL:

Agardamos que xente nova poida atopar neste texto (en capítulos breves e de lectura doada) un feixe inmenso de historias coas que aprender do noso pasado, pero tamén coas que botar a voar a imaxinación para encheren de contido os seus murais, as súas composicións musicais, as súas curtametraxes, vídeo-xogos...

Tamén agardamos que todas aquelas persoas que pouco a pouco van desenvolvendo o seu proxecto vital en Ribadeo e na contorna poidan atopar nestas páxinas un referente que lles permita comprender un pouco máis de onde vimos para así podermos reflexionar máis a fondo cara a onde queremos camiñar.

PALABRAS DE PABLO PÉREZ FERNÁNDEZ, DE LAR LIBROS:

“Desde libros LAR, a editorial que nace en Gráficas LAR, lanzámonos á aventura de reeditar o “Ribadeo antiguo”, de Francisco Lanza, despois de propoñérnolo a Agrupación Cultural ribadense que leva o seu nome. Esta imprenta viveirense leva máis de 40 anos no mundo das artes gráficas. O seu vínculo coas letras ribadenses, coas da Mariña en xeral, está máis que constatado. Daniel Cortezón ou Suso Peña son dous bos exemplos. Toca agora poñer en valor a figura de Francisco Lanza e o seu “Ribadeo antiguo”. Agardamos que con esta reedición se vexa satisfeita a demanda de novos exemplares que as librerías ribadenses notan desde hai anos.”

PALABRAS DO DEPUTADO PROVINCIAL DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ.

“Convidamos a asistir este xoves á presentación do libro "Ribadeo Antigo", unha reedición que recupera a publicación orixinal, dos anos 30, e que nos achega aos case oito séculos de historia de Ribadeo a través dos ollos do seu autor, Francisco Lanza.

Desde a Vicepresidencia da Deputación estamos moi satisfeitos de contribuír, a través do Servizo de Publicacións, a rescatar esta versión primixenia e valorizar a figura de Francisco Lanza”.

20240716

Xa están aquí as novas Xornadas de Historia Local

     E as Xornadas de historia local da A.C. Francisco Lanza non veñen soas. Deixo en baixo os carteis da dinamización cultural destes días en Ribadeo, que tras pasar os indianos, non dan tregua.










20231026

Deportados, a exposición e charlas

    Deixo a comunicación dunha exposición e actos relacionados, impulsada pola A.C. Francisco Lanza que pode ser interesante:

De novo imos poñer en marcha outra exposición. Desta volta vai tratar sobre as persoas da Mariña luguesa que foron deportadas a campos de concentración nazis. Tamén lembraremos a xentes do Occidente de Astruias que sofriron a mesma penalidade e acabaron deportados en campos de concentración durante a IIª Guerra Mundial.
A exposición vai ser na Sala de Exposicións da Oficina de Turismo de Ribadeo desde o xoves 26 de outubro até o domingo 12 de novembro, en horario de apertura da Oficina de Turismo.
Para reforzar os contidos da exposición imos organizar dúas charlas divulgativas sobre a materia. A primeira será o xoves 26 de outubro, ás 20,30 na Casa do Viejo Pancho, de Ribadeo. Impartirana Antonio Muñoz Sánchez, Xosé Miguel Suárez Fernández e Miguel Freire.
Posteriormente, xa cara ao remate da exposición, de novo Miguel Freire impartirá outra charla sobre o tema coa charla "Memoria do 23 de xullo do1936: Asalto de Ribadeo polos golpistas. Xustiza e Reparación das Vitimas."


20230925

Mesa redonda sobre Xusto Moreda

Introdución á mesa redonda. Falando, Farruco G. Mesa: Celia C., Francisco D-F, Miriam G. e Pablo V.

 Mesa redonda sobre Xusto Moreda

    O pasado sábado tivo lugar unha mesa redonda sobre Xusto Moreda, no marco da homenaxe que está a ter lugar estes días en Ribadeo. Introducida polo Presidente da A. C. Francisco Lanza, Farruco Graña, e presentada por Pablo Villapol, participaron, por orde de intervención, Myriam Goluboff Scheps, Francisco Díaz Fierros Viqueira, e rematado por Celia Castro. Co salón da Casa do Mar a un terzo de ocupación, deixo unha gravación que ten dous cortes (deixando eu un espazo duns 20 s para identificalos) que corresponden basicamente á gravación dos vídeos dos que deixo tamén un en baixo, coa presentación realizada por Celia Castro.

    O vídeo:


20230914

A homenaxe a Xusto Moreda, en marcha

    A A. C. Francisco Lanza ten xa en marcha a prevista homenaxe a Xusto Moreda. O cartel difundido inclúe todos os datos:

    A exposición comeza o sábado 16, ás 18 horas, e os actos dúas horas despois:

20230729

Segundo día das Xornadas de Historia local

    Onte tivo lugar o segundo día das Xornadas de historia local, con catro exposicións, de Ana Cabana, David Soto, Iván Rodríguez e Anxo Martíns, presentados por Farruco Graña como presidente da A.C. Francisco Lanza, organizadora das xornadas. Deixo en baixo a parte do cartel anunciador, varias fotos e o audio das intervencións.



Un momento da charla de Anxo Martins

Sobrepasando os límites planetarios (charla de Iván Rodríguez)

Momento da charla de I. Rodríguez

Vista do salón

Vista da mesa. Da nosa esquerda á nosa dereita, David Soto (2º intervinte), Ana Cabana (1ª intervinte), Iván Rodríguez (3º), Anxo Martíns (4º) e o introdutor, Farruco Graña.

Vista parcial da mesa

Momento da presentación de Farruco Graña

Vista parcial da mesa

Momento da presentación de Anxo Martíns

Vista parcial da mesa

Comezo do acto

Vista xeral

Intervención de Ana Cabana

--

20221123

Respeto Barbón, Ria do Eo, NON. Pancho Campos Dorado

 


Respeto Barbón, Ria do Eo, NON

Pancho Campos Dorado

Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.

Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.

O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.

O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.

Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!

Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).

Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!

Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.

Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).

Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.

A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.

En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (...) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (...).

En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve...” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.

Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.

Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.

En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias. No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.

20220614

Xornadas de Historia Local 2022

    Un ano máis, a A.C. Francisco Lanza organiza as xornadas de Historia Local, a súa XX Edición. Velaí o programa:


     Xoves 16, Alberto Paraje Manso, 'A catedral pantasma: unha viaxe ao medievo dende o Arquivo Municipal de Ribadeo'

    Venres 17,Eduardo Gutiérrez, 'Luces e sombras no Arquivo Municipal de Ribadeo'

    + visita guiada ao arquivo e mostra de patrimonio documental.

20220610

O problema galego


   
Onte, da man de Farruco Graña, Presidente da A.C. Francisco Lanza de Ribadeo,  presentou Francisco Rodríguez Sánchez o seu libro A relevancia do reino galego medieval, (ISBN: 9788494965944) primeiro tomo de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, que vai xa pola súa terceira edición. Deixo abaixo o vídeo, en dúas partes (debido un pequeno corte por motivos 'técnicos' que se levou un par de minutos) dunha intervención aguda e refexiva, a máis de datada. O título desta entrada, O problema galego, está sacado unha das cousas apuntadas por Francisco Rodríguez na súa charla.


20220608

Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza?

    Non, non me refiro ó presente, senón ó libro que mañá xoves se presentará na Casa do Viejo Pancho en Ribadeo, xusto despois de que teña lugar a concentración para a paz diante do concello. O título deste artigo, sen interrogante, é o da colección; o que se vai presentar é o primeiro tomo, A relevancia do reino galego medieval, que nos por onde irán os tiros na presentación (é de esperar). Por certo, un libriño que vai pola súa terceira edición e que ven sendo presentado por toda Galicia e que afonda no coñecemento sobre a nosa historia, entre os século VIII e XIV, desbotanto algunha idea, terxiversación e ocultación que se ten instaurado ó longo do tempo, en particular na ditadura.O autor é Francisco Rodríguez, militante e parlamentario do BNG, e estará acompñado na mesa por Farruco Graña, presidente da A.C. Francisco Lanza.


 

20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20210713