Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Arquivo Municipal. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Arquivo Municipal. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20241214

O parque de Ribadeo no século XX: Do campo, pasando polo parque da República, á actualidade

O parque de Ribadeo no século XX:

Do campo, pasando polo parque da República, á actualidade

    Visto que non hai a disposición da xente planos e planes sobre o que se pretende facer nin coas árbores nin co conxunto da principal zona verde no centro da vila, deixo uns poucos planos do pasado, para que queden na memoria e na actualidade de Ribadeo.

    O primeiro é un plano que aparece no Rivadeo Antiguo, ó que non lle atopei a data, mais entendo que corresponde a finais do século XIX. Nel aparece O Campo cunhas boas ringleiras de árbores, que evidentemente non corresponden á disposición actual pero si se dan un aire, e pode dicirse que a actual é herdeira da que aparece na imaxe. Como notas diferenciativas, o 'rego da vila', a horta privada que ocupa parte do actual Cantón e a Colexiata, aínda non derrubada:


    O tempo pasou e no arquivo municipal atópanse os seguintes planos.

    O primeiro, informado en https://arquivo.ribadeo.org/acta/es-ga-27051-amr0000173-01 e coas imaxes que aquí se reproducen en http://arquivo.ribadeo.org/contido/uploads/2020/02/173-01.pdf, é o Parque da República (plano datado de 1934) en diferentes versións:




    O segundo corresponde á Urbanización da praza de España (1949), informado en https://arquivo.ribadeo.org/acta/es-ga-27051-amr0000173-02, planos en http://arquivo.ribadeo.org/contido/uploads/2020/02/173-02.pdf, no que se ve a zona leste do parque practicamente como na actualidade, así como queda deseñado o templete da música:


    A "Pista de recreo do parque municipal" (1960) ten acceso pola ficha en https://arquivo.ribadeo.org/acta/es-ga-27051-amr0000173-05, e os planos en http://arquivo.ribadeo.org/contido/uploads/2020/02/173-5.pdf e neles identifícase a zona leste do parque actual:



    Por último, no arquivo atópase a "Urbanización do parque municipal" (1983), accesible en https://arquivo.ribadeo.org/acta/es-ga-27051-amr0000173-09 e http://arquivo.ribadeo.org/contido/uploads/2020/02/179-09.pdf :


    E ata aquí chegamos, porque non hai máis planos...

20220614

Xornadas de Historia Local 2022

    Un ano máis, a A.C. Francisco Lanza organiza as xornadas de Historia Local, a súa XX Edición. Velaí o programa:


     Xoves 16, Alberto Paraje Manso, 'A catedral pantasma: unha viaxe ao medievo dende o Arquivo Municipal de Ribadeo'

    Venres 17,Eduardo Gutiérrez, 'Luces e sombras no Arquivo Municipal de Ribadeo'

    + visita guiada ao arquivo e mostra de patrimonio documental.

20220430

OUTRO NOME CONTROVERTIDO: PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA? Carlos Álvarez Lebredo

    Artigo publicado na Comarca del Eo de 30 de abril de 2022. A segunda foto que acompaña ten un texto sobre o que trata o artigo. A primeira, a vella placa, é citada no mesmo. Este artigo é continuación de outro de Carlos Álvarez Lebredo


OUTRO NOME CONTROVERTIDO: PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA?

Carlos Álvarez Lebredo

    A semana pasada fixemos algunhas observacións nestas mesmas páxinas de ‘La Comarca del Eo’ sobre algúns dos rótulos informativos que acompañan os nomes de rúas e prazas nas artísticas placas de azulexos de Sargadelos que van festoneando o rueiro de Ribadeo. En varias delas só recolliamos algunhas dúbidas e preguntas que nos tiñan chegado ao respecto, desde hai anos, dos textos dalgunhas delas. Quen tivese a paciencia de ler aquel texto vería que as nosas propostas estaban baseadas exclusivamente na filoloxía, no rigor lingüístico e no desexo de que a información se ofreza coa maior claridade posible.

    Para esta ocasión traemos unha cuestión semellante pero algo máis enrevesada. Está claro que hai outra placa manifestamente errada pero tampouco somos quen de esclarecer absolutamente todos os puntos que rodean o asunto. Trátase da placa, recentemente colocada, que sobre seis azulexos de Sargadelos pon “Praciña de Álvarez Miranda” e que na parte informativa engade: “Vicente Álvarez Miranda. Escritor. Político. Militar (Cruz Laureado de San Fernando)”. Nada hai que obxectar a esta lacónica aclaración que en só oito palabras perfila moi ben o citado personaxe. O problema é que esa praciña leva algo máis de setenta e cinco anos dedicada ao seu irmán Federico. Na parte alta da praciña aínda se conserva a placa primitiva, colocada en 1946. É un sinxelo mármore branco, con letras maiúsculas gravadas en baixorrelevo e adherido á fachada traseira da casa dos Díaz-Fierros. Literalmente pon: “Plazuela de F. Álvarez Miranda”. Ou sexa, que o personaxe epónimo da praza non é Vicente (como se explica na moderna placa de Sargadelos) senón o seu irmán Federico, a quen corresponde esa letra F.

    Esta cuestión non admite dúbida. En 1946 o concello de Ribadeo quixo homenaxear a cinco distinguidas persoas da localidade poñendo o seu nome a varias rúas da vila: o Bispo Veres, J. Vicente Pérez Martínez, Pasarón y Lastra, Acevedo Rodríguez e Federico Álvarez Miranda. O acordo municipal é de 12 de xuño de 1946 e está recollido en portada polos dous semanarios ribadensese os días 15 e 16 dese mes. Inclúe unha pequena xustificación de méritos para cada un deles. Do último, Federico Álvarez Miranda, sublíñase que é un poeta lírico, de inspiración fina e delicada, autor de belas composicións, entre as que destaca “A una rosa”. Os dous semanarios locais fixéronse eco do citado acordo municipal e posteriormente dos actos de homenaxe e descubrimento das respectivas placas, que tiveron lugar o día 29 de xullo. No caso concreto de Federico Álvarez Miranda foi Dionisio Gamallo o encargado de eloxiar ‘in situ’ o escritor, ler un dos seus poemas e descubrir a placa.

    Vicente Álvarez Miranda puido ter méritos para que unha rúa ribadense levase o seu nome. E incluso é probable que a tivese antes do seu irmán, pero non esa praciña: isto é só unha conxectura miña, que se podería resolver con paciencia, acudindo ao arquivo municipal ou revisando actas municipais anteriores ao verán de 1946. Insto a que os historiadores lle dediquen tempo. Para establecer esta conxectura baséome só na miña interpretación (subxectiva, arriscada) dunha nota de Dionisio Gamallo publicada xusto un mes antes do citado acordo municipal de darlle a Federico Á. Miranda o nome da praciña. En ‘La Comarca’ do día 12 de maio publicou Gamallo unha semblanza do seu irmán Vicente Álvarez Miranda. Entre outras cousas afirma que aos ribadenses tenlles que soar este nome “como consecuencia de existir, dentro del casco urbano de la villa, un callejón (por fortuna blanco y limpio) rotulado de este modo hábil y prometedor: ‘Travesía de Álvarez Miranda’”. Dá a entender, pois, Gamallo que o “callejón” xa levaba o nome de Vicente cando no concello lle poñen á praciña o nome de Federico. Eu non me atrevo a conxecturar máis. Pero o que si está claro é que, aínda no caso de que a Travesía fose de Vicente, a Praciña é inequivocamente de Federico.

    Xa no seu momento Gamallo intentou aclarar vixentes confusións entre ambos irmáns, por exemplo nas datas de nacemento. E é que os dous tamén faleceron relativamente novos e ambos foron escritores. Vicente, máis apaixonado e de carácter vehemente, era capaz de asombrosas improvisacións métricas, á maneira dos regueifeiros tradicionais, pero en versificación culta. Pero respecto da súa calidade poética, o sempre fiable diagnóstico de Gamallo, incluído na citada semblanza de Vicente en ‘La Comarca’ do 12 de maio de 1946, é claro: refírese a “su hermano D. Federico, mil veces superior como poeta a Vicente, y digno de la cuidadosa exhumación a que lo someteremos”. Esta última alusión refírese, claro está, ao previsto acordo municipal do mes seguinte de darlle a Federico o nome da praciña.

    En definitiva, non teño claro que á altura de xuño de 1946 Vicente Álvarez Miranda xa lle dese nome a unha calella (“callejón”) de Ribadeo. É probable. O que si está fóra de dúbidas é que o nome do seu irmán Federico deulle nome á praciña que se abre desde unha calella procedente de Amando Pérez e que desemboca, en lixeira costa abaixo, na parte alta da rúa Antonio Otero, case en fronte á Costiña Padre Sarmiento. En calquera caso, como a praciña leva o nome de Federico, non ten ningún sentido que na moderna placa de Sargadelos se lle atribúa o nome da praciña a Vicente nin que se aclare nela a biografía deste.

    Para rematar: Vicente Álvarez Miranda naceu na casona de Guimarán o día 30 de maio de 1815 e faleceu en Veracruz (México) o 5 de abril de 1858. Federico Álvarez Miranda naceu na mesma casa o día 30 de abril de 1817 e faleceu en Ribadeo o 29 de novembro de 1841.

20100503

Consolidación musical


Dende hai tempo, Ribadeo é un pobo con moita relación coa música. Esta relación de hai tempo ten pasado diversos avatares. Está documentada no período de Carlos Cid, a raíz do libro "Cincuenta años de música en Ribadeo: biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid", realizado por Carlos Álvarez Lebredo, pero nin o período anterior nin o posterior que surcou case en solitario a Coral Polifónica ata a creación da Banda de Música, encargo de Amadores da Música a Hernán Naval, nin o correspondente ó decenio longo que Hernán desenvoltou a súa labor en Ribadeo, na banda e no ensino, nin o posterior ata os nosos días co que coido que se pode chamar dalgún xeito 'escola musical de Ribadeo' ou 'escola de Hernán', están documentados como deberan.
Este último período, no tocante ó que corresponde á música instrumental, Ribadeo ten sufrido diversas situacións que botarían ó traste con este tipo de música, de non sere polo coidado posto por un grupo de xente dentro de Amadores primeiro, como logo por separado despois e con renovado ímpetu no novo grupo Musiqueando, tendo procurado e conseguido nesta última etapa apoio institucional.
Así chegamos á actualidade, na que a realización do II Certame de intérpretes mozos Hernán Naval (ver nota de prensa na parte final da entrada) entre sábado e domingo pode dicirse que consolidou a calidade desta convocatoria ó tempo que redondeou a súa coidada preparación, do folleto á limitación de prazas en dúas categorías ou á regulación de entrada (libre) de público, por enumerar algún aspecto visible.
Deixo en publicado en Ribadeo, a carón do folleto da 1ª edición, o correspondente a este II Certame de intérpretes mozos Hernán Naval, onde aparecen as biografías dos intérpretes (folleto principal), así como as condicións de inscrición e o desenvolvemento do primeiro e segundo día do certame (follas escaneadas en conxunto, pero que constitúen documentos aparte), aínda sen coñecer o resultado do xurado [ver comentario posterior].
Non apunto nomes, que de seguro me esquecería de algún, nin traxectorias, tan diversas unhas das outras, pero cando falo de 'escola musical de Hernán' non me estou referindo só a un grupo de novos músicos, que tamén, senón a un grupo de xente entusiasmada coa música, entusiasmo que naceu a traverso do contacto cunha persoa que llo fixo nacer, Hernán Naval. Xente amigos entre si, de idade parella, o que facilita que o seu xeito de obrar se acomode a unha sinerxia que da un rendemento que salta á vista xa no presente, no que está aínda iniciando as súas actividades.
Alghunha cousa anterior relacionada:
Nota de prensa do I Certame
Saúda do alcalde
Dúas reseñas
Un comezo: Arquivo dixital hernán Naval
Últimos artigos no blog sobre Hernán
Biografía de Hernán
Hernán Naval, Escritos e prensa (listado que foi seguido en meses seguintes de máis de media centea de artigos relacionados con Hernán reproducidos no blog, cada un cunha pequena ficha introductoria)

Bota a camiñar a II edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” de Ribadeo
  • O xurado está formado por tres recoñecidos profesionais de diferentes especialidades.

  • A fase final dará comezo esta tarde ás 18.00 horas.

Redacción. Ribadeo. Na tarde de onte deu comezo no Auditorio Municipal “Hernán Naval” de Ribadeo a segunda edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” de Ribadeo. Esta iniciativa musical está organizada pola Asociación Cultural Musiqueando coa colaboración da Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Excma. Deputación Provincial de Lugo, a Asociación Amadores da Música e máis a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.

Antes do inicio da actividade musical, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo, fíxose a presentación oficial do certame na que se deu a coñecer o nome das persoas que integran o xurado. A violinista Beatriz Rodríguez, o pianista e director do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol, José Manuel Yañez Carballeira así coma o clarinetista Francisco San Ramón serán os encargados de avaliar as actuacións das dezaoito mozas e mozos que participan nas dúas categorías, profesional e superior do certame. Suso López, presidente da Asociación Musical Musiqueando, agradeceu “a disposición das persoas que integran o xurado para estar presentes en Ribadeo e valorou, sobre todo, a súa versatilidade, pois os tres combinan valores que para nós son moi importantes: a experiencia docente, interpretativa e a súa aposta pola innovación pedagóxica, algo que Hernán mantivo vivo ao longo da súa carreira á fronte da Escola e máis a Banda de Ribadeo”.

No acto tamén interviron o alcalde ribadense, Fernando Suárez, a presidenta de Amadores da Música, Teresa González, e máis o deputado-delegado da área de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga Outeiro. Nas súas intervencións destacaron o papel que Hernán Naval xogou no desenvolvemento musical de Ribadeo e ratificaron o seu compromiso coa celebración dun certame que “mantén vivo o espírito co que Hernán traballou ao longo da súa vida, sempre ao carón das mozas e mozos que se adican ao mundo da música ou da cultura, facilitándolles un espazo no que amosar os seus coñecementos, espazo que agora representa este certame”.

Logo da semifinal de ambas e dúas categorías que se celebrou onte, será hoxe cando se decidan as ou os premiados no certame. A final comezará ás seis da tarde con cinco participantes en cada unha das categorías. Unha vez rematadas as súas actuacións o xurado retirarase para proceder á deliberación e posterior proclamación de gañadoras/es. Esta segunda edición do certame reparte un total de 1.700 euros en premios.

Durante a final actuará tamén o grupo de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo dirixido por María Justo. As actuación son gratuitas e de libre acceso para todas aquelas persoas que desexen asistir a elas.

A continuación adxuntamos un dossier no que figuran o currículum vítae tanto das persoas participantes no mesmo coma das que integran o xurado.

CURRÍCULUMS XURADO

FRANCISCO SAN RAMÓN CALVO

Naceu no pobo valenciano de Llombai e alí, na sociedade musical do seu lugar de nacemento comezou o seu contacto co mundo da música. Formouse nos Conservatorios Superior de Madrid e máis da Coruña obtendo na cidade herculina o título de profesor superior. Realizou cursos e clases maxistrais de clarinete con nomes coma Vicente Peñarrocha, Andrew Mariner, Michel Arrignon, Jejuda Gilad, Enrique Pérez Piquer ou Carlos Casadó, entre outros. Alén disto ten unha praza como clarinetista, da que actualmente está en excedencia voluntaria, no Corpo de Músicos Militares onde acadou a Cruz do Mérito Naval con Distintivo Branco. Destaca pola súa labor pedagóxica formándose e traballando arreo neste eido. Como creador e impulsor do Grupo de Cámara de Ferrol participou nos concertos didácticos para escolares “Venres Musicais”. Así mesmo, forma parte do cuarteto de clarinetes “Mare Nostrum” de Ferrol e máis do quintento de vento “Cidade de Ferrol”cos que ten actuado por diferentes localidades da xeografía galega. Como docente impartiu aulas nas escolas de música de Pontedeume, no Liceo Rubia Barcia de Ferrol, na asociación cultural Sementeira de Narón, no Conservatorio de Música de Fingoi ou na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Como director dirixiu a banda de música da Escola de Música Charamela de Pontedeume, e na actualidade é director da Banda Infantil Sementeira e da Xoven Banda de Narón. Tamén foi director de diferentes formacións corais. A súa vocación innovadora levouno a participar en diferentes actividades académicas que mesturan o ensino musical e máis as novas tecnoloxías, actuando como poñente no I Curso de Iniciación á Informática do Conservatorio de Ferrol.

BEATRIZ RODRIGUEZ CARIDAD

No conservatorio da súa Coruña natal realizou estudos superiores de violín que combinou cos de música de cámara no Conservatorio Superior de Oviedo, rematando ambas e dúas especialidades cun premio de Honra Fin de Carreira. Completou a súa formación con mestres coma Manuel Guillén, Thijs Kramer, Ruggiero Ricci, Félix Ayo, M. Khommitzer ou Rainer Sonne, entre outros. Ao longo da súa traxectoria musical ten actuado coa Orquestra Iberoamericana en Venezuela, coa Joven Orquesta Nacional de España e como violín principal na Rotterdam Young Philarmonic holandesa. Participou na fundación da Orquestra de Cámara Galega coa que ten actuado por diferentes países tanto en Europa coma en America Latina ou Norteamérica.

Acompañada polo pianista José Manuel Yáñez Carballeira ofreceu varios concertos por diferentes cidades do estado nos que recuperaban e estreaban obras de compositoras e compositores galegos. Logo de dar clases no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol, na actualidade é profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña.

JOSÉ MANUEL YÁÑEZ CARBALLEIRA

Recibiu as súas primeiras leccións de piano da man de Natalia Lamas no Conservatorio Superior de Música da Coruña para logo continuar a súa formación cos profesores Luis Galve, Manuela Carra, Elías Arizcuren, Luca Chiantore ou Almudena Cano. Baixo a tutela de Albert Attenelle realizou o Mestrado en Interpretación de Piano da Universidade da Coruña. Como pianista ten realizado concertos como solista e tamén en formacións como a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), a Orquestra de Cámara Municipal da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Banda Municipal da Coruña. Nos últimos anos participou en diferentes proxectos musicais e en novas propostas que mesturan a música cos monicreques ou a danza. É membro da Asociación Galega de Intérpretes de Música Clásica (ASGAIM) así como promotor e intérprete do proxecto “A música camiño divino” celebrado en La Rioja co gallo do Xacobeo 2004.

Na actualidade é director do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol e profesor de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

CURRÍCULUMS PARTICIPANTES

GRAO PROFESIONAL

  1. Rocío Balboa García. Naceu na Coruña no 1991 e comezou dende moi nova os estudos de frauta que continúa na actualidade no Conservatorio Profesional de Música da cidade herculina. Alén da formación regrada participou en cursos de perfeccionamento con mestres da frauta traveseira coma Salvador Espasa, Walter Auer, Vicens Prats ou Claudia Walker. Logo de estar presente nos encontros da Nova Orquestra Galega das Artes ou en varias edicións do “Encontro de Músicos Mozos de Aragón” foi seleccionada como integrante da Banda Sinfónica do Instituto Aragonés da Xuventude so a dirección de Bert Appermont.


  1. Fabio Álvarez González. Este mozo ourensán comezou a súa andaina como pianista na Pobra de Trives. Logo ingresou no Conservatorio de Profesional de Música de Ourense onde estuda na actualidade o sexto curso do Grao Profesional. Asistiu a clases con mestres de recoñecido prestixio coma Eldar Nebolsin, Mariana Gurkova, María Teresa Pérez ou Gustavo Díaz-Jerez. Ten participado en diferentes concertos e recitais do centro ourensán no que estuda.


  1. Iván Abel Bruzos. Naceu en Lugo en 1992 e con tan só oito anos de idade comezou os seus estudos de saxofón no Conservatorio Profesional de Música da cidade das murallas onde continúa na actualidade como alumno do sexto curso do grao profesional. Talleres con diferentes mestres do saxofón e a participación no I Encontro de Bandas Sinfónicas dos Conservatorios Profesionais de Galicia son parte do currículum deste mozo que na actualidade combina a súa preparación académica coas actuacións da big-band “Murajazz” ou a Banda de Música de Foz.


  1. Gerardo Fernández Álvarez. Comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Lugo á idade de nove anos na especialidade de saxofón. Ao longo da súa carreira musical asistiu a cursos de perfeccionamento impartidos por profesores coma Narciso Pillo, Francisco Martínez ou Marcos Mariño, entre outros. Combina os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Lugo tocando en distintas formacións de música de cámara así coma no cuarteto “Lucus Appasionatto” ou na big-band “Murajazz”.


  1. Irene Rodríguez Rodríguez. Naceu en Ribadeo no ano 1991 e estuda sexto de grao profesional no Conservatorio da Coruña. Ao longo da súa carreira formou parte de diferentes grupos de percusión ao tempo que completaba a súa formación coa asistencia a cursos dos mestres José Vicente Faus, Pilar García, Markus Leoson ou Julio Sánchez. Forma parte do coro da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia e ten gravado varios discos tanto coa Coral Polifónica de Ribadeo, á que pertence, coma con outras agrupacións. Participou tamén na gravación, coa Banda Municipal de Ribadeo da que é integrante, da banda sonora do filme “Los Muertos van Deprisa” de Ángel de la Cruz.


  1. Nara Carballal Nogueira. Naceu en Xove en 1994 e na actualidade estuda sexto curso de Grao Profesional na especialidade de violonchelo. Compaxina os estudos na Escola Municipal de Música de Mondoñedo coas clases que recibe da profesora Bárbara Switalska. Pertence á Orquestra Clásica de Xove, coa que gravou a zarzuela “Non chores Sabeliña” e colabora con grupos de música folque como violonchelista. Gañou o primeiro premio no Certame de Intérpretes Mozos na vila de Ortigueira en 2009.


  1. Ana Leirós Araujo. Naceu en Vigo en 1990 e con oito anos comeza os seus estudos de clarinete no seo da Banda-Escola de Música de Beade. Tres anos despois ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo onde cursa quinto curso de grao profesional. Ten realizado diferentes cursos de técnica e interpretación de clarinete con mestres coma Vicente Alberola, Carlos Gálvez, Yehuda Gilad ou Nuno Pinto. Alén de recibir varios premios en certames de intérpretes mozos tocou baixo a batuta de mestres coma Marcel Van Bree ou Francisco Navarro. Forma parte da Banda-Escola de Música de Beade.


  1. Nicolás González Granado. Inicia os seus estudos de clarinete na Escola Municipal de Música de A Coruña no curso 2004-2005 cos profesores Marcel Chirilov e Alfredo Gómez cos que prosegue ata a actualidade. Ten participado en diferentes cursos de especialización de clarinete así como en seminarios de jazz nos que tivo a oportunidade de recibir formación da man de mestres coma Jean Toussaitn, Nikki Iles ou Scott Stroman.


  1. Christian Lanza García. Naceu no veciño concello de Navia en 1995. Malia que neste certame acude na especialidade de frauta a súa formación musical abrangue dende a gaita asturiana ao fagot, o saxofón, diferentes gaitas irlandesas e escocesas así como a composición. Ten participado en actos musicais e culturais en Oviedo, Ourense, Avilés, León, Queens, Lorient ou Manhattan.


  1. Antía Couto Martínez. Naceu en Vigo no 1994 e na actualidade estuda cuarto curso de Grao Profesional de piano no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Combina os estudos de piano cos de violonchelo. Alén da formación regrada asiste a clases de formación especializada con mestres coma Vladimira Smausova, Leonel Morales ou Guillermo González. Ten participado en diferentes seminarios formativos en Madrid e Córdoba.


GRAO SUPERIOR

  1. Laura Balboa García. Naceu na Coruña en outubro de 1991 e na cidade herculina desenvolveu a maior parte da súa formación académica. Precisamente no Conservatorio Superior de Música da Coruña rematará o Grao Superior ao longo deste curso 2009/10. Na súa traxectoria como violinista ten actuado coa Orquestra xuvenil da Sinfónica de Galicia así como coa orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia baixo a batuta de directores coma Alberto Zedda, Jim Ross, James Judd ou Maximino Zumalave. Obtivo varios premios en certames tanto de Galicia coma de fóra do país.


  1. Iago Lariño Rodal. Este frautista de Cangas do Morrazo comezou a súa actividade na escola de música da súa vila, vencellada á Banda de Música “Bellas Artes”, para logo cursar estudos no Conservatorio de Música “Mayeusis” ou no Superior de Música de Vigo. Continúa formando parte da banda de música de Cangas e ao mesmo tempo é membro tamén da Banda Filharmónica de Galicia, da Banda da Federación Galega de Bandas de Música e da Duisburger Philarmoniker. Así mesmo, colabora coa Orquestra Sinfónica de Euskadi, coa Sinfónica do Vallés ou a Orquestra do Norte de Portugal o que fixo posíbel que actuase baixo a batuta de Damiano Giuranna, Michael Boder, James Judd ou Rubén Gimeno, entre outros.


  1. Nicolás Gómez Naval. Comezou os estudos de trompa no seu Viveiro natal aos oito anos de idade. Tan só un ano despois entrou a formar parte da Banda Municipal de Música de Viveiro á que aínda pertence na actualidade. Durante a súa carreira musical recibiu clases de mestres coma David Bushnell, Miguel Ángel Garza, Vicente Castelló ou David Fernández, con quen aínda segue compartindo aulas nos cursos de verán que este imparte en Galicia. Actualmente é alumno activo da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia así como da Jonde (Joven Orquesta Nacional de España) e cursa segundo de Grao Superior no Conservatorio Superior de Música da Coruña.


  1. Rebeca Maseda Longarela. A Escola de Música de Mondoñedo foi o lugar no que esta moza de Xove deu comezo á súa formación musical na especilidade de violín. Na actualidade continúa os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A Orquestra Municipal de Xove, a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, diferentes formacións de música de cámara, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia foron e son formacións coas que traballa mentras continúa a súa formación con mestres coma Lev Chystiakov, Humberto Armas ou Grigori Nedoroba. Dende 2008 forma parte da JONDE como alumna activa e máis da Orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia.


  1. Isabel Cupeiro López. Esta moza natural de Ferrol ten os seus comezos musicais vencellados a unha pequena escola de música. Alí deu os primeiros pasos como pianista mais logo trasladouse ao Conservatorio Profesional de Música da cidade departamental para estudar violonchelo. Malia todo nunca abandona o piano e de feito, a día de hoxe, combina o grao superior de piano co de violonchelo no Conservatorio Superior de Música “Eduardo Martínez Torner” de Oviedo cos estudos de canto e máis de bioloxía. Forma parte da orquestra xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta Sinfónica Principado de Asturias, do grupo de violonchelos “Viguen Sarkissov” ou da Orquestra de Cámara de Asturias coa que ten participado en proxectos pedagóxico-solidarios que aproximan a música aos habitantes das zonas máis desfavorecidas de Marrocos.


  1. Juan Andrés Barahona Yépez. Con seis anos de idade comezou a súa carreira pianística. Foi alumno do Conservatorio Superior de Oviedo e dende o curso pasado forma parte do grupo de alumnas e alumnos becados na Escola Superior de Música Reina Sofia, na súa Cátedra de Piano “Fundación Santander” e máis na de Música de Cámara. Foi alumno de mestres coma Marc Durand, Robert McDonald, Julián Martín ou Ferenc Rados e obtivo numerosos galardóns en certames celebrados en Asturias, Almería ou Barcelona. Como solista actuou coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, a Sinfónica de Xixón, Sinfónica de León ou Filharmónica de Ecuador so a batuta de Patricio Aizaga, Oliver Díaz, Dorel Murgu ou Francisco Vigil.


  1. Eva Fernández Rodríguez. Esta saxofonista naceu en Vigo en 1989. Na escola da Banda de Música de Beade, formación da que é instrumentista na actualidade, deu os seus primeiros pasos no mundo da música. Ao longo da súa traxectoria participou en clases de perfeccionamento cos mestres Pablo Coello, Narciso Pillo, Fernando Ramous ou Ignacio Casas. Tanto como solista como a través da Banda de Música de Beade asistiu a diferentes certames e concursos a nivel autonómico e estatal. Na actualidade é alumna do Conservatorio Superior de Música de Vigo.


  1. Nelly Iglesias Ríos. Esta moza de Burela comezou os seus estudos de piano no Conservatorio de Viveiro, onde rematou o grao profesional, e logo trasladouse ao Conservatorio Superior de Música da Coruña. Alí estuda dende o ano 2007 combinando a súa formación como pianista coas aulas de violín, que cursa no Conservatorio de Viveiro. Ten actuado en diferentes localidades galegas como solista e tamén como acompañante en formacións de música de cámara. Ao longo da súa traxectoria actuou coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior da Coruña e acudíu a clases de perfeccionamento co mestres coma José Ramón Méndez, Albert Atenelle, Anna Poghosyan ou Sergei Yerokhin.


20060217

Nostalxia e futuro: sempre en Ribadeo















Non é melancolía, é circunstancia. Se se miran hoxe as dúas ilustracións do post, verase a complementareidade, e poderase xulgar a oportunidade. Unha delas, a pomba de voluntarios, e un xeito no que Suso Peña tratou de agradecer ós voluntarios do Prestige. Está feita no 2002, en decembro, de aclárase no correo de envío que é libre, nas súas verbas, "...así que (sin modificacións nin uso lucrativo), pódese distribuir ou reproducir por calquer medio." Chegou ontes ás miñas mans despois de pedirlla a Carlos Álvarez Lebredo, que a citou na charla que deu sobre Suso.
A outra foto e dun arco da vella sobre a zona dos institutos en Ribadeo: Unha lembranza pasaxeira que din de paz entre ceo e terra, e, ó tempo, unha obra de arte que capturei como puiden e aproveito para poñer como contraprestación abondo menor á obra de Suso.
Hoxe, na Voz de Galicia, sae un escrito sobre Suso, de agradecemento, e outro no que aparezo nomeado eu sen estar feito por min, senón por Carlos Cid 'Urbanismo e política en Ribadeo'. Recomendo unha ollada a ambos.
Por outra banda, o meu traballo de base fotográfica 'Ribadeo falls' parece que entrou con bó pé na vida da vila. Xa chegou a abondos lugares e parece que ten unha certa repercusión práctica.
Ata aquí, o de nostalxia. Sobre o futuro, clauera que vexa hoxe a prensa pode estar algo máis pesimista que ontes, a menos que se pense en trermos de loita por dereitos e se esteña disposto a loitar. Títulos:
- O Alcaraván III, barco de aduanas, só está operativo 15 días ó mes. Ou sexa, 15 días de entrada libre de droga na zona? Esperemos que non sexa así.
- Este ano non se mellorará o vial Reme-Vilamar. A vez pasada houbo manifestacións para lograr unha mellora...
- Este ano non haberá queima do antroido. Home, non é que nos faiga falta, pero...
- Detidas tres moulleres por roubos diversos.
- O célebre e tan traído porto de Ribadeo pecha ós mercantes polo temporal. Eso, despois de ocupar cada vez máis ría e de anunciar ontes un estudo algo que teño xa visto e rexistrado en fotos: que a area na ría é imparable. Coido que o que é imparable é o porto exterior, por moito que se empeñen.
Menos mal que tamén se convoca un concurso de ideas para mellorar a parte dos soportais da Avda. de Galiza.
Como esta segunda parte parece unha revista de prensa, paso agora á 'terceira'
--


Data: 03/07/93

Fonte: La Comarca del Eo

Título: Il cimento dell'armonía e del'inventione

Autor: Hernán Naval

Descrición: Unha resposta a un artigo anterior, de protesta polo esprito manifestado polo director para a banda.

Comentarios:


IL CIMENTO DELL´ARMONÍA E DELL´INVENTIONE”

HERNÁN NAVAL


António... Vivaldi, ademáis de compositor e violinista, era crego e pelirroxo; os seus biógrafos contan unha anédota para-histórica: Estando a dicer misa, véulle a inspiración (divina, supoñemos) e abandoou o oficio relixioso antes de rematar para ir traballar nunha partitura. O autor do máis estremecedor Glória quizais xamáis composto, ten un tocaio in-apelidado en Ribadeo para quen unha priorización da música como feito criativo e cultural sobre o seu uso incidental como fetiche, como a presuntamente protagonizada hai case tres séculos polo mestre do Barroco musical italiano, puidera constituir pedra de escándalo e excusa para outra andanada anónima (ou semi-anónima) na Comarca. A inquiridora carta de don António, publicada neste semanario o 26 de Xuño baixo o título “¿Para qué sirve la Banda de Música?”, hai tempo que estaba anunciada e instigada; alégrome de que ao cabo se publicase algo: así podemos reiterar por escrito cal é o expediente en curso da Banda Municipal de Ribadeo sen que pareza unha proclama gratuita ou a resposta pública ao incesante exercício do músculo viperino por parte dalgúns e dalgunhas a quen, como pesa de xinásio, o mesmo lles val unha escollera, unha mini-falda ou o soldo de 350.000 pesetas do Director da Banda..


Antes de nada, gracias a don Antonio por me recoñecer profisionalidade, pero debo confesar que non teño puñeteira idea do que é “el doblaje y redoblaje del tambor”. Falarei, entón de cuestións menos intelectuais.


Académia popular de música...

Comecei a impartir leicións coleitivas de Solfexo e individuais e de conxunto de distintos instrumentos de vento-madeira, vento-metal e percusión, na Academia de Música “Carlos Cid” de Ribadeo, no mes de Outubro de 1989. Desde entón até hoxe, máis de duascentas persoas (nomeadamente, rapaces e rapazas) teñen seguido con diferente adicación algunha destas ensinanzas. Este curso, coa entrada en vigor da LOXSE en materia musical impartiuse tamén canto coral. Perto de cincuenta alunos dalgún destes grupos teñen concorrido a exames libres ou oficiais de Conservatorios galegos con rotundo éxito académico; algúns mesmo están a piques de obter a diplomatura elemental dalgún instrumento, o que conleva o dominio do Solfexo a nivel medio ou superior. Hai quen xa pensa na futura profisionalización. Esta mesma semana comezaron na Academia clases de introdución á Harmonía para os máis avantaxados compoñentes da Banda Municipal. Tamén, clases de Solfexo inicial para novos alunos; desta volta eliminouse a condición de térense cumprido os oito anos de idade para poder asistir as clases, ficando como condición única a perténcia da familia á Asociación “Amadores da Música”, promotora da Academia, por dúas mil pesetas... ao ano! E quince educandos comezaron a se instruir no manexo de instrumentos musicais para posteriores ampliacións da prantiña da Banda. Porque a Academia e, compre reiteralo, a canteira permanente da Banda Municipal de Ribadeo.


...e moderna banda...

Poderíase ensaiar unha estimación aproximada do número de persoas que teñen escoitado á Banda de Música de Ribadeo, en concerto, dende a súa presentación ao público o 25 de Xaneiro de 1992. Poderíase, daríamos cunha estatística coma outra calquera. Non é o intre. Foi moitísima xente, óbvio é. Mais da que algúns pensan. Porque, aparte dos concertos en Ribadeo -dos que algo diremos tamén- sempre máis publicitábeis, a banda xa tocou, a un ano de vida, perante o público de A Ponte de Arante, da Devesa (coa Igrexa abarrotada) e de Cubelas. Calquer domingo encherá, sen dúbida, a Igrexa Parroquial de Santalla de Vilaosende. A mesma compostura da que fai gala o público vilego fronte a un concerto, constátase nos povoadores do campo, co mérito engadido de que éstes, por razóns sócio-económicas que non é necesario precisar, non desfrutan da virtualidade do acceso a actos culturais en vivo coa mesma cotidianeidade que os ribadenses urbanos. Velaquí un factor de utilidade da Banda Municipal de Ribadeo na que poucos reparan.


Desde o referido 25 de Xaneiro do ano pasado a hoxe, a Banda Municipal de Ribadeo ten tocado na vila, se o arquivo de programas non falla, unha dúcia de veces, sempre sen cobrar entrada, na Igrexa, no Parque, no Teatro e na Capela da Venerábel Orde Terceira. Non van na conta os concertos semi-restrinxidos ao público común oferecidos na Capela do Convento de Santa Clara, no Hospital, para os habitantes das dúas institucións, e nos Coléxios Público e “Sagrado Corazón”, concertos didácticos para contribuir á formación integral dos escolares. Tampouco contamos a grabación dunha hora para a RTG, que supuxo un sábado inteiro de traballo e intensos ensaios prévios, e que foi emitida pola emisora autonómica o 18 de Abril. Por todas estas actuacións, os compoñentes da Banda, músicos afeizoados que consideran que a humilde formación musical que receben é para así mostrala, non teñen recebido remuneración algunha, pero sabemos que lembran con agarimo as formidabeis merendas coas que foron agasallados polas irmáns clarisas e polas rexidoras do hospital municipal. Do conxunto dos concertos públicos citados, quero facer mención especial de un, sen cair en sobérbia algunha. É o especial de música relixiosa celebrado na Capela da VOT o xoves 8 de Abril, co gallo da Semana Santa. Das sete obras programadas –algunhas de longa duración, outras divididas en vários movimentos, seis eran estrea por esta Banda. O Prelúdio Coral de Willy Hautvast é de consideráble dificultade técnica, pero menos que a Música Fúnebre Masónica de Mozart. De Wolfang Amadeus Mozart, digo, igoal que o motete Ave verum corpus que non se trata dun schotis cupleteiro. Para tocarmos o Stabat Mater de Pergolesi e o Panis angelicus de César Franck os solistas de metais houberon deixar na casa nervos e temores. O concerto fora preparado en pouco máis dun mes, pois até Febreiro estivéramos traballando, desde o Nadal (non houbo vacacións) no concerto de aniversario, tamén cun cincoenta por cento de programa a estrear. Un e outro concertos forman parte da programación da Banda para 1993 que os sócios coñecen desde primeiros de ano pois envióuselles postalmente. De tal programación son tamén o concerto do Día das Letras (cun recital poético paralelo a cárrego do Grupo de Teatro da Agrupación “Francisco Lanza”: imaxine o leitor o laborioso proceso de coordinación), os concertos didácticos, o de paso-dobres que daremos dentro de poucas semanas, o das xornadas culturais “Mar por Medio” con máis estreas de obras inglesas), o da Patroa, o de música de cámara para Santa Cecilia (o ano pasado quixéramolo dar conxuntamente coa Polifónica, pero para nós si houbo excusas) e o de valses e opereta que ofreceremos en fin de ano. Non debería ser necesario aclarar que a preparación de cada un destes concertos por músicos xóvenes, afeizoados, cangados de obrigas e outras ocupacións (estudos, traballo, etc...), require unha constante e sacrificada programación de ensaios case diarios, pero parece que hai quen pensa que con soprar un pouco abonda.


... de concertos

Ou sexa, modéstia aparte, que a Banda Municipal de Ribadeo quer ser unha Banda de Concertos. Unha moderna Banda de Concertos. Non sabemos de Banda algunha, popular e afeizoada, que teña asumido unha programación a un ano como a nosa: concertos de xénero, concertos didácticos, estreas de obras de nova música para Banda, ensaio de novas experiencias multimédia (primeiro, o acompañamento do recital poético; algún día, a ópera que paseniñamente estamos a conceber). Por isto todo, desde un princípio, as nosas intervencións incidentais (desfiles procesionais, por exemplo) limitaronse a moi circunstanciais ocasións, como a procesión civil do dia da Patroa ou a celebración oficial do día de Santiago, Dia da Patria Galega.


A asunción, preparación e mantenimento dunha programación de concertos anual e estábel como a aludida, como a da Banda Municipal de Ribadeo, como a nosa, como a de todos vostés, non é facilmente compatíbel cunha constante presencia da Banda nas procesions relixiosas. Se reparando nos nosos concertos, gratuitos, populares, concebidos como servício cultural público e non como instrumento funcional ou económico, algúns (¿cantos?) aínda preguntan “¿Para que sirve la Banda de Música?”, haberá que chegar a unha transacción, a un acordo a dúas bandas, igrexa-banda. Non sei se “Semana Santa y, sobre todo el Corpus” ou viceversa ou o Primeiro (domingo) de Maio. Cimentemos a harmonía, como propuña António, pero o signore Antonio Vivaldi, non o in-apelidado Antonio de Ribadeo.


O de Tapia, un embarque... A vontade do Director, posta en dúbida, “Il cimento dell´ armonía...” Don Antonio: A Banda seguerá fundamentalmente a dar concertos na Igrexa (se nos deixan), no quiosco (si, nos deixan) e no auditório da Coruña, en Agosto, con grupos de prestixio internacional... Se non lle chega pode marchar de sócio; iso non vai cercenar a Banda.

20140110

Chegaron as actas de Ribadeo

Corto e pego a nova dende a páxina co concello:
"
DESDE ESTA TARDE ESTÁN NO CONCELLO

Libros restaurados

09/01/2014
O alcalde, Fernando Suárez, recolleu hoxe na sede do Arquivo do Reino de Galicia os preto de 40 libros dos séculos XVI e XIX que foran remitidos desde o Concello para a súa restauración hai uns trinta anos. Os exemplares, moitos libros de actas, están depositados na Secretaría Xeral do Concello e estarán a disposición daqueles estudosos que queiran coñecer un pouco máis da historia de Ribadeo.
Suárez Barcia explicou que "por fin xa está en poder do Concello de Ribadeo toda esta documentación histórica que hai uns 30 anos o noso Concello lle remitiu ao Arquivo Histórico de Galicia para proceder á súa restauración, dado que se atopaban en moi mal estado de conservación. Agora por fin teremos estes libros de actas que van desde o século XVI ata o XIX, hai tamén libros relacionados co porto comercial de Ribadeo e unha serie de documentación histórica que seguro fará as delicias de moitos historiadores e de xente que quere coñecer máis do noso pasado". O rexedor lembrou que "Ribadeo non é unha entelequia que se creara hai cen anos, senón que ten unha grande historia  e esa historia documentada é a que non se debe perder e é a que todos estes restauradores estiveron a facer".
O alcalde ribadense engadiu que "agora estes libros pasarán a formar parte do arquivo histórico do Concello de Ribadeo, e poderán estar a disposición, con todas as cautelas necesarias, daquelas persoas que, polo seu coñecemento histórico ou pola súa cuestión de investigación, queiran interpretar, ler e saber un pouco máis da nosa historia".
Fernando Suárez anunciou que "desde o Concello tentaremos iniciar un trámite de dixitalización para que toda esta información poida estar ao alcance de todos e ao mesmo tempo que sirva para que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan saber un pouco máis da historia pasada ou incluso remota, nalgúns casos, do noso concello".
Os libros atópanse desde esta tarde no Concello. Alí se deron cita o alcalde, a concelleira de Cultura e representantes dos partidos políticos da Corporación Municipal ribadense."
Vale, as actas, están en Ribadeo. Estaban en mal estado e leváronse a reparar. Parece evidente que, a parte do seu valor, non se consideraron moito cando levaban alí 'uns trinta' anos e foron redescobertas. Por outra banda, obviando o tema anterior, o alcalde fala de tentar iniciar un trámite de dixitalización, pero despois de pasar a formar parte do arquivo histórico cun acceso restrinxido. A verdade, despois de trinta anos, o proceso podería alongarse un pouco para ser o contrario: primeiro, dixitalizarse e logo, pasar o arquivo para o seu uso restrinxido.
E é que o cómo se podan ver vai marcar o seu uso, e a recuperación despois de trinta anos era unha ocasión para que a cidadanía se interesara polo tema e o collera doutro xeito do que o collerá cando se faga o escaneo (que algún día se fará). Por outra banda, se os documentos se cargan en internet nun formato e forma que permita a total accesibilidade, pode sinxelamente dar outra visión do que foi (e é) Ribadeo. Se se vai quedar a cousa durante longo tempo en poder consultar os tomos no mesmo concello, quedará reducido ó estudo por parte de dous interesados e coñecerase o que sexa a traverso dos seus ollos e a súa mente.
Coido que non é que haxa nada de particular esperando a priori, pero o mero feito de consultar algunha parte irá abrindo camiño á atopar cousas concretas. A quen sexa, investigadores ou pobo 'llano'.
En canto á conservación, o mellor xeito de que esteñan ben conservados é que a dixitalización funcione e non sexa necesario ir directamente á fonte máis que en casos excepcionais. Naturalmente, iso pasa pola total apertura dos documentos en internet nun formato totalmente accesible (aberto e non propietario, manexable de xeito doado para a súa transformación, ...)
E, mentras, que é o que pode dicir a xente que estivo na corporación ou na parte correspondente de oficina todos istes anos? Que pasou para que as actas quedaran abandoadas istes anos? Non importa, xa que están de novo en Ribadeo? Tampouco aquí, por moito que o asunto poda considerarse menor, vai haber responsables?

20180123

Arquivo de Ribadeo, 'internal server error'

Unha das posibilidades que máis me gustou cando a vin na web do concello foi a do arquivo municipal. Os documentos que alí poderían estar amosados facían pensar nunha interacción do pobo coa historia de Ribadeo que non se dera ata o momento.
Mais a web xa leva algún tempo inhábil (non sei exactamente canto). Cando se tenta acceder a http://arquivo.ribadeo.org/ de xeito directo ou mediante o icono na esquerda na web do concello, aparece:
Hai seis meses, cando a descubrín, presentaba outro aspecto,
... e animaba ó seu uso, a pesar de diferentes defectos que, dicía, esperaba se corrixiran rápido (máis aínda por ser aparentemente sinxelos de solucionar).
---
Días despois, por un aviso, comprobo que a páxina non vai con Firefox, pero si con Chromium...

20060726

Onte vin chorar no Auditorio Hernán Naval, Ribadeo

O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán NavalXente saíndo do auditorio recén nomeadopalabras de M.Luz, concelleira de CulturaCoido que si foi emocionante para moita xente. Un recoñecemento a Hernán, que levou a batuta guiando os pasos musicais de moitos dos que estaban presentes e de outros ausentes. Palabras emotivas primeiro de Mari Luz, no exterior, logo de Suso, no interior. Fotos e a reproducción da letra do díptico coido que ilustran xa non o acto, senón o sentemento. O resto, pouco a pouco no 'Arquivo dixital Hernán Naval'
--
Concerto da Patria galega
Andrés Gaos foi violinista, compositor, director de orquestra e pedagogo musical. Entre as súas obras máis destacadas atópanse a Sinfonía n°2 "Nas Montañas de Galicia" ou Rosa de Abril así como ducias de concertos para violín solista e varias pezas para grupos de corda. Unha mañá de marzo de 1959 finaba no Bos Aires que o acollera como emigrante. A poucos anos de cumprirse o medio século do seu pasamento tanto a súa obra musical coma pedagóxica fican aínda sen un recoñecemento público en Galicia, país que está presente en todos e cada un dos traballos que levan o seu nome e ao que adicou cantos premios recibiu ao longo da súa carreira.
Hernán Naval garda un certo parecido con Andrés Gaos. Ademáis de sentir fonda admiración polo compositor coruñés, Naval foi trompetista, compositor, director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e pedagogo musical, alen de conferenciante, articulista, dramaturgo e promotor de ducias de iniciativas culturáis, tanto no seu Viveiro natal coma no Ribadeo que He deu acubillo durante anos. Unha das súas obras, Lonxe do Mar, vai soar esta noite no Auditorio Municipal "Hernán Naval Parapar" de Ribadeo e outra delas, Port - Bou Sarajevo, está recollida no primeiro CD da BMR. Mar por Medio ou Il Nome Della Rosa son pezas tamén asinadas por Hernán xunto con centos de arranxos de pezas diversas que leva feito tanto para a banda que criou como para a Escola que pariu. Até fai quince días a figura de Hernán Naval e todo o seu legado ficaban orfos dunha homenaxe pública na vila de Ribadeo que fose máis aló do carácter efímero das palabras. Cinco anos despois da súa morte, no Día da Patria Galega de 2006, Ribadeo cumpre unha das súas obrigas coa persoa de Hernán Naval en sinal de agradecemento póstumo por todo canto fixo musical e educativamente ao longo dos seus anos de traballo na vila ribadense. O que está chamado a converterse nun dos epicentros culturais da comarca, o Auditorio Municipal de Ribadeo, vai levar dende hoxe o nome de "Hernán Naval". A outra obriga que aínda ten Ribadeo coa persoa e co traballo de Hernán é manter vivo o seu espirito no tempo, tanto a través da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo coma da banda, consolidando dous proxectos educativos e musicais de referenza non só na comarca senón en todo o país.
Recoñecendo a laboura de Hernán axudamos tamén a manter viva a obra do
seu benquerido Andrés Gaos con quen a bo seguro comparte nalgures a batuta
do coro de voces ao que un día deu forma Castelao na súa Alba de Glória. Tan
so, grazas.
"Miña avoa cambiaría de opinión se hoxe poidese estar aquí..." (Hernán Naval o día 08/01/99)
S. López, trompeta da Banda Municipal de Ribadeo

Programa
Ponteareas.................... R. Soutullo
A little concert suite........ Alfreed Reed
I Intrata
II Siciliana
III Scherzo
IVGigue
Festa paesana................. Jacob de Haan
Lonxe do mar.................. Hernán Naval
Don't cry for me Argentina.... Andrew L Webber
Abba Gold..................... Ron Sebregts
Let's make music.............. Jan Ceulemans
Director: Lourenço Cruz


--
Unhas notas: Antes de ter lugar a interpretación da obra de Ceulemans, de título moi apropiado para a ocasión, o presidente de Amadores saíu ó esceário para cambiala e tocar de novo 'Lonxe do Mar' como homenaxe ó 'Maestro de sempre' da banda.
Para mellor coller as fotos:
O director da a entrada para o comezo do primeiro concerto no auditorio Hernán Naval.
Xente saíndo do auditorio recén nomeado, da primeira actuación co nome de Hernán.
Palabras de M.Luz, concelleira de Cultura.
Comentando con outra xente, notouse algunha ausencia. Algún, por despiste, outros, porque non se enteraron, outros por imposibilidade, pero tamén algunha que costa comprender e outras, confirmación do xa esperado.

20170630

A feira do libro de Ribadeo, que comeza hoxe

... terá novidades, centrarase no próximo... Os tenderetes xa están montados. E o programa, a continuación.

... e a nota de prensa do concello:

CONTARÁ CON 11 CASETAS DAS QUE 6 SON DE LIBREIROS LOCAIS
IV Feira do Libro
26/06/2017
Entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo terá lugar en Ribadeo a cuarta edición da Feira do Libro, que foi presentada hoxe no Concello. Nesta cita terán un papel moi importante os autores e autoras locais e da comarca como Eva Mejuto, Daniel Cortezón, Suso Peña, Miguel Sande ou Santiago Jaureguízar, entre outros. Haberá ademais actuacións da Escola Municipal de Música e Danza, de Ribadeo, e do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que "un ano máis a festa dos libros, a festa da lectura, convócanos en Ribadeo, imos xa pola cuarta edición da Feira do Libro de Ribadeo neste ano 2017. Como sempre ten lugar no Parque de San Francisco e nesta ocasión será os días 30 de xuño, venres, e máis o sábado 1 e domingo 2 de xullo. Comeza o verán, comezan as letras, comeza a festa dos libros en Ribadeo".
O edil nacionalista explicou que "o cartel deste ano está extraído da base do arquivo municipal e resultounos moi atractiva esta imaxe porque fai unha analoxía entre a ría de Ribadeo e o mundo dos libros. Os libros son como a natureza, están cheos de vida e hai que escudriñalos ben, mergullarse neles día a día e ir obtendo ese pequeno premio cada vez que abrimos unha páxina e lemos un párrafo. Como quen busca longueiróns, como quen busca berberechos, como quen busca o peixe para dar vida nas casas tamén temos que mergullarnos nos libros para dar vida ás nosas mentes e ás nosas conciencias".
Para o concelleiro ribadense "desde as institucións públicas é de obrigado cumprimento que apostemos polo mundo da lectura e polo mundo do libro. Levámolo feito ao longo de todo o curso a través do programa IES Literarios levando escritores e escritoras aos nosos centros educativos para que os nosos alumnos e alumnas poidan departir con eles, falar, preguntar sobre cómo se escribe un libro, qué ideas poden levar a unha estrutura narrativa, a un poema".
Farruco Graña apuntou que "agora é o momento de que tamén nos poidamos achegar todos á praza pública, neste caso ao noso Parque de San Francisco, para falar cos escritores e coas escritoras. Tamén para falar cos nosos libreiros, son unha ponte fundamental entre o mundo dos libros e os lectores e as lectoras, porque son eses amigos e amigas que nos aconsellan, que nos dan a nova dunha nova publicación, que nos comentan aquelas experiencias que tiveron noutras feiras do libro falando con este escritor ou con aquela escritora. Son a ponte necesaria entre o libro e o lector, así que nese senso, o noso agradecemento á aposta decidida por parte dos libreiros e libreiras de Ribadeo na celebración da Feira do Libro, que xa como dicimos vai na súa cuarta edición".
O concelleiro de Cultura en Ribadeo subliñou que "esta edición ten que ter en conta en especial o libro local, o libro da comarca, dar a coñecer os nosos propios valores. Nese senso contamos con presentacións ben rechamantes e con autores ben coñecidos na zona, xa sexa Anxo Moure co seu Nubinete, xa sexa un libro de fotografía de Vicente Ansola, no que rememora as Aldeas sen voz, xa sexa tamén O Anxo negro de Manuel Gago, ou as Mulleres bravas da nosa historia, ou Gorka Rete de Montse Fernández Álvarez. Tamén a memoria para as persoas que xa nos deixaron, pero seguen presentes nas nosas mentes como volver falar de As Covas do Rei Cintolo de Daniel Cortezón e Suso Peña. E como non autores xa contemporáneos aínda en activo como Santiago Jaureguízar co seu Placebo, ou a novela A candidata de Miguel Sande, ou os 22 Segundos de Eva Mejuto". Farruco Graña manifestou que "non queremos facer unha edición moi densa porque temos que dar tempo a dixerir con calma as novas literarias que van aparecendo, pero si moi activa na que se combine presentación de libros con actividades de animación á lectura para todos en xeral aínda que especialmente para os nosos pícaros e pícaras. Nese senso calquera pai ou nai pode achegarse ata o parque que sabe que vai haber actividades para os seus nenos e nenas, e vai poder gozar da lectura ou da charla directa cun escritor ou escritora". O edil anunciou que "haberá colaboracións tamén por parte da Escola Municipal de Música e Danza cun número de danza, teremos colaboración do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, cun pequeno número estendido ao longo da rúa, Anxo Moure volverá traernos a súa Ciclobiblioteca, e tamén poderemos contar coa actuación de Lois Pérez co seu Sacar a lingua a pracer. Trátase de dinamizar o parque, dinamizar a vida, dinamizar a lectura e que todos saiamos gañando e enriquecéndonos un pouquiño máis no plano das ideas".

20240420

Plano de Ribadeo (e máis)

    Hoxe paseime virtualmente polo sitio do arquivo municipal en internet. O que deixo abaixo, o plano de Ribadeo no 1931, é só unha mostra de cousas que se poden atopar en dito lugar. Con anterioridade xa teño posto no blog diversas cousas co arquivo, como documentos relativos a Manuela Barreiro ou planos do mercado de abastos, mais a remodelación da ligazón na páxina do concello animoume a lembrar outra vez esta posibilidade de coñecemento de Ribadeo e a súa historia que se ofrece na rede.


 

 

20101129

Brutalidades ... por Pancho Campos

(Publicado na comarca del Eo o 20101127 (en conexión coa nota de prensa de O Tesón e con "Un momento, pero ... non había vidrieiras aí?")

BRUTALIDADES PATRIMONIALES
Ribadeo, un pobo sensato, eminentemente liberal... arrastra desde séculos os errores dos gobernos municipales, producto de un tino pouco táctico no manexo dos negocios públicos. De ningunha das maneiras, todo hai que decilo, nacido das pasións punibles do enriquecemento propio. A cuestión sempre é liviana sobre a conciencia, non ofrece grave consideración, nada se sale da órbita do autorizado.
Os individuos, adoptan medidas en circunstancias de poder decisorio... e entón, algunhas veces, xurden as brutalidades sobre o patrimonio histórico, medidas propias do bruto, do necio, do incapaz, do bobo, do estúpido, do lerdo, do insensato, do que se fai de maneira torpe e sin razón. Si se obrara de mala fé, utilizaríase a maldade, a saña e a crueldade para destruir. Pero non, sempre se obra de boa fe, e entón, entra en xogo a torpeza e a insensatez, que son pais da sin razón, acunada pola falta de cultura e da deficiente preparación práctica e teórica dos individuos que teñen que levar adiante as ideas.
Os que somos afectos as “antiguallas ribadenses”, vemos que hai claros exemplos das brutalidades que históricamente se cometeron contra do patrimonio veciñal. Escollendo entre os máis sangrantes exemplos deste tipo de brutalidade sin razón e de incapacidade, relemos datos próximos da memoria do século XIX:
1) Cando se decide non rematar a obra da Colexiata, a cantería dos sillares esculpidos das columnatas, as lápidas blasonadas que eran testimonio vivo da heráldica rexional, pezas únicas, dignas de figurar en calquera museo argueolóxico provincial ou nacional, pasan a ser escombro, e a facer parte do relleno da rampa do muelle de Figueirua, e outros sillares, que aínda había acumulados a finales do XIX, son utilizados para paredar por dentro os túneles da vía do tren de Vilaudriz. En “La Comarca del Eo” hai varios artigos de Juan Carlos Paraje Manso e de Cándido Sanjurjo nos que se fala desta barbarie.
2) Cando se quer facer a Torre dos Moreno, destrúese a Torre Julia e todos os restos de escudos e pendóns de armas dos Condes de Ribadeo, restos de cousas curiosas de “armerías”: picas, cuchillos en forma de escramasajón, lanzas, ballestas, plumadas, dagas, partesanas, mazas, etc. (Bibl. Miguel G. Teijeiro, Ribadeo Histórico Monumental y Diplomático, 1914)
3) Cando se repara o tellado da Casa do Concello, século XX, anos oitenta, no medio dos escombros da obra, vanse centos de páxinas do arquivo histórico municipal: actas de plenos, de goberno, de cédulas de sangre, etc.
Pois ben, con moita tristura, sin ningunha esperanza e de moi mala gana de decir esto, vamos espoñer os nosos veciños o seguinte resumen:
O día 16 de novembro pola tarde, chega a directiva do Tesón, a denuncia de un ribadense, que nos manda ir mirar, para que vexamos de primeira man, que se destruiron as vidrieras emplomadas da capela do Cementerio Municipal, que está en obras de “restauración”.
Salimos inmediatamente investigar o que pasa, e unha vez visto que non queda nada das vidrieiras nos ventanales, tratamos de poñer en coñecemento do caso, os membros competentes do Concello, esto é, o alcalde, co que non puidemos contactar por estar en Barcelona, na presentación do libro “Leopoldo Calvo-Sotelo Un retrato intelectual”, e dado que xa era moi tarde, contactamos o día seguinte con Horacio Cupeiro, na Casa do Concello. Este non se deixou esperar, e con premura, investiga, e encontra que as vidrieras. Desapareceran entre o escombro das obras. Están tiradas nun contenedor de lixo na parte de atrás do cementerio, entre flores marchitas, restos de coroas de difuntos, trozos de maceteiros de barro, de plásticos e porcelanas diversas. Sete vidrieras desfeitas, desfietas no lixo, menos unha enteira, “milagrosamente” coa que unha persoa culta se había quedado, por que lle dera pena velas destruir. ¡Que pena que non fora o maestro de obras esta persoa precisamente culta!!! ¿como puido, un individuo con dito cargo, e para máis inri jefe de unha Escola Taller, mandar facer tal desfeita? Seguramente, porque nin é maestro, nin por suposto de obras... quizais de demolicións... e con posto de mando que... ¡a saber!
Por outra banda ¿donde está o informe do arquitecto do Concello, que ten que supervisar ditas obras de remodelación? ¿está en este informe do arquitecto, previo a obra, que as vidrieras teñen que ser sustituidas por marcos de angular de alumnio e paneles de cristal transparente, como están na actualidade? ¡Pois é o que nos faltaba... que puxera esto o informe!
As vidrieiras “eran emplomadas”, de arte decorativa vanguardista, posmodernista, cuxa fonte de inspiración posiblemente foi o art Noveau nacido a partires da Exposición de 1867, pola influencia oriental, especialmente da arte xaponesa para pezas de interior, son vidrieiras cuasi Art Deccó que rompe co pasado xeométrico clásico, que por aqueles tempos se fai patente en obras de incrustacións de nacar en taracea de madeira, esmaltes de formas e consecucións variadísimas, en cristales opalescentes que cada un por si mesmo é unha obra de arte, unha xoia, ese tipo de obra que destaca precisamente desde 1925 a 1935.
As vidrieras feitas en cristales de colores, elaborados a mao, presentan ondulacións nas caras, ou sexa, nos son de cristal laminado como os de uso corriente, estan teñidos de forma esquisita coa técnica “gris-humo” coa que se fan as plantillas das flores, das follas de acantos, das figuras da iconografía. Posiblemente estaban elaboradas polos mesmos artesanos que lograron as decoracións relevantes das cristaleras do palacio dos Moreno, o edificio maís emblemático de Ribadeo, obra a punto de ser destruída, encargada tamén polos irmans Moreno Ulloa, que tiñan un gusto refinado e cartos dabondo como para facer as cousas ben, moi ben, e a decoración da súa capela no cimenterio de Ribadeo, data de 1932, con iconografía distinta en cada vidrieira, coa pasión de Cristo, posiblemente firmada (non apreciamos este detalle, de momento, nos restos que puidemos revisar no carretillo do escombro)
E nos preguntámonos si alguén se estará a dar conta, que de ningunha das maneiras que sexan, se poderá recuperar o destruido... ¿como é posible que fosen a totalidade das oito vidrieiras, mandadas tirar o lixo...? ¡nin unha... nin dúas... que estiveran mal, non, as oito...! ¡que barbaridade.. que brutalidade! ¡como pode haber xente con tan pouca cabeciña en postos relevantes!
Este é o derradeiro caso, triste é sangrante contra do noso patrimonio, un feito máis, da malfunción administrativa, co que se perde outro anaco de patrimonio doado por Señores Veciños, por Señores de Ribadeo que tiveron que emigrar para traernos un raio de luz o pobo, un patrimonio que queda destruído para sempre.... só nos quedan mostras da grandeza das doazóns, nos libros, e nalgún vestixio orixinal, como son, neste caso, as vidrieiras emplomadas dos “rosetóns-crismóns” da capela... ¡que pena... que pena, que despilfarro!!! Pero algúen ten que responsabilizarse de todo esto, alguén ten pagar este despropósito, non se poden marchar todos os actores de rositas, e facer como que que aquí non pasou nada... non....aquí pasou moito, e hai que depurar responsabilidades, sin lugar a dudas: maestro de obras, arquitecto municipal, o alcalde, a corporación municipal en pleno, etc. todos son responsables, ou sinon que nos expliquen ¿quén é o responsable?
É imprescindible e urxente, o meu entender, que debe crearse unha Oficina Municipal de Inventario Patrimonial, con reportaxes fotográficos, de todo canto é de dominio e patrimonio público (sin excepción), para que cada vez que alguen toque algo, haxa constancia do orixinal, para en caso de necesidade, podelo reconstruir ou pedir contas do que se fixo.... non podemos seguir en maos de unha administración patrimonional irrelevante, impersonal e de sentimentos de plástico, sin ningun sentido ribadense... de caracter nacional, supramunicipal, que deixa hormigonar os cimentos da capela da Atalia, unha capela do século XII de Ribadeo; que deixa construir un ascensor sobre unha das mellores vistas panorámicas da Ría de Ribadeo, e que da órdes para facer recheos de escombro para construir unha escollera sobre o maior xacemento arqueolóxico submarino de toda a Ría e de valor inapreciado, de unha administración extraña a nosa terra, que xa no seu día deixou escombrar as entradas da Cova da Vella e da Cova dos Sete Encantos, a praia de Cabanela, a das Arenas e a de Lino, etc. etc.
Quero terminar con unha reflexión de esperanza, esto é, que aquela carretilla que eu fotografiei, chea de esqueletos de plomo e cachiños de cristales tallados e decorados das vidrieiras, sexa conservada impoluta, e a bon recaudo, ata ver quen será o encargado, maestro en arte de vidrieiras, que se faga cargo de tamaño puzzle e da remodelación das mesmas. O costo da obra, seguramente será moi alto... veremos de onde se saca agora a “subvención” para pagar o estropicio... ¡porque amañar hai que amañalo...!
pancho campos