Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta prehistoria. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta prehistoria. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20230515

PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 


PREHISTORIA NA RIA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

O termo Prehistoria expresa aquela parte da Historia que abarca estudos do período da vida humana anteriores a aparición de fontes escritas. Cronoloxicamente a Prehistoria supón o 99% do transcurso da Historia do Home sobre a Terra. (1) Dun total preto de catro millóns de anos que levan os homínidos sobre a terra, solo hai documentos escritos de fai 5000 anos, en escritura cuneiforme sobre arxila, anteriores aos xeroglíficos exipcios, polo que o home viviu en culturas ágrafas e a escritura aparece cando xa existe un home moderno cunha avanzada civilización establecida.

Practicamente todo o que se coñece da forma de vida do home prehistórico está relacionado coa Arqueoloxía. Polas súas ferramentas de pedra e de óso intúese a súa forma primitiva de vivir, a súa evolución, o seu coñecemento cognitivo; en que época chegou a dominar o lume e os materiais dos que se valeu para o desenrolo do seu vivir diario.

A poboación máis antiga que se coñece de Ribadeo, aparece nitidamente no xacemento arqueolóxico de Louselas do Paleolítico Inferior, onde se fixeron achados, entre os anos 1980-2000 de raspadeiras, raedeiras, bifaces e fendedores, datados en 480 000 anos de antigüidade, algo totalmente esquecido para o pobo de Ribadeo, pois a administración patrimonial da Xunta mandou as pezas atopadas para o Museo Arqueolóxico de Vilalba e nós, ribadenses, quedamos co terreo baleirado de restos e cunha Memoria Louselas (Ribadeo) do que foi aquilo, que publicou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV Nº6). Por non ter non temos nin sequera unha sinalización do lugar, nin por parte autonómica nin municipal do que é a súa contorna para poder mostralo aos miles de visitantes que temos o ano.

Por outra banda, tamén hai importantes xacementos arqueolóxicos da Cultura Castrexa dos celtas da Idade do Ferro, e da romanización, repartidos en nove castros, catro de litoral: As Grobas (Vilaselán); Fornelos (Piñeira); Meirengos e os Castros (A Devesa); e cinco castros de interior: A Coroa ou a Aira da Croa (Arante); A Pumarega (Covelas); Porto de Arriba e A Torre (Vilaosende) e As Cárcobas (Ove), cuxa situación e toponimia nos explicou nun pequeno libriño, “Sobre os Castros de Ribadeo” o noso inesquecible veciño José María Rodríguez Díaz. Pero é posible que haxa máis xacementos e todos eles esquecidos pola administración da Xunta da Galiza, e polos presupostos municipais, en onde nunca aparece unha pequena partida para descubrir ou, ao menos, sinalizar algúns deles, sequera para facer unha Ruta dos Castros, unha gran ruta turística para os nosos visitantes e veraneantes, incluso para nós veciños de Ribadeo ou para facilitar o camiño a aqueles academicamente preparados que fan investigacións castrexas.

Porén, os materiais arqueolóxicos máis importantes que transcenden incluso a nosa propia Historia particular, están no fondo da Ría de Ribadeo. Son pezas que proveñen das civilizacións avanzadas do Mediterráneo, as máis delas, pezas de cerámica, armas brancas e de fogo, adornos con todo tipo de filigrana, e de distintos materiais, ouro, ferro, madeira... pezas imprescindibles para reconstruír e datar acontecementos non solo da nosa propia Historia, senón da evolución do Comercio Marítimo de Europa.

Pero en Ribadeo, vamos ter que empezar a enumerar as riquezas patrimoniais por “As Desfeitas”. Vemos na prensa, case tódalas semanas, que se destrúen mámoas, antigos elementos estruturais de poboación en espazos patrimoniais dentro do ámbito forestal, sen que se tome ningunha medida administrativa, xudicial ou penal, contra dos depredadores, moitas veces ignorantes do que hai, pois Patrimonio nin por parte da Xunta, nin de Costas, nin do Concello, fixeron unha delimitación visible das zonas de excepción catalogadas como patrimonio da Galiza, e tampouco puxeron a ninguén a vixiar estas prezadas zonas cando se vai a traballar preto delas, para parar tal ou cal desfeita. Moitas veces ó contrario, a administración pechou os ollos e deixaron facer a desfeita impunemente.

A Ría de Ribadeo estase destruíndo día a día coa colmatación de area que a está deixando completamente cegada, e noutros vinte anos poderase ir andando por toda ela en marea chea. Efectivamente. Pero NON SE PODE DRAGAR a Ría sen ter antes mirado o que se está dragando, pois sería un atentado manifesto o patrimonio subacuático cara aos restos arqueolóxicos que son testemuñas únicas e moi importantes para saber de como evolucionou o comercio marítimo na Galiza e en Europa.

Xa no ano 2011 desde a Asociación de Veciños “O Tesón” facíamos fincapé deste despropósito de dragar a ría sen ter rescatado primeiro os bens que por aquel entonces xa estaban inventariados. A contestación de “Cultura da Xunta de Galiza” foi que “un arqueólogo supervisaba os traballos” (A Mariña, El Progreso, mércores 16 novembro 2011). Punto, así nos vai doce anos despois sen solucións efectivas de ningún tipo.

No fondo da Ría de Ribadeo hai tanta riqueza en pecios que unha vez ao descuberto, estudalos será cuestión de dedicarlles unha vida enteira, pero ¿e mellor deixalos onde están, e que vaian desaparecendo pouco a pouco en dragados incontrolados?. Aínda non se convenceu a Xunta, Portos de Galiza ou mesmo o Principado, que a Ponte dos Santos e as escolleras e diques que se foron facendo en “obras inciviles” son unha ruína ambiental totalmente en contra do noso ecosistema, totalmente en contra do Porto Comercial de Ribadeo? Estarán facendoo adrede para revalorizar os portos limítrofes e deixar a Ribadeo ao marxe do comercio marítimo? Non é de extrañar, pois xa acabaron con tódolos barcos de pesca de altura e de baixura, que nada menos chegou a ter 350 homes apuntados no Pósito de Pescadores. Estará pasando o que mesmo que pasa co Xulgado de Primeira Instancia, que non ven por estar mellor en Mondoñedo, Viveiro ou en Lugo?

Como se vai poder manter a profundidade do canal ao Porto de Ribadeo, sen destruír a riqueza da ría? Primeiramente, tería que irse cambiando a estrutura en viga da Ponte dos Santos, por unha ponte en arco ou unha ponte colgante ou atirantada que evite a construción de pilastras centrais, para ampliar a súa luz e a súa altura, creando un gálibo de navegación apropiado e adaptado aos tipos de barcos mercantes modernos, de máis calado e de máis guinda ou altura de topes (air gap); un gálibo que non debera de ser menor de 45 m ou 50 metros de altura que incluso permita entrar a barcos de vela arbolados que navegan ao largo de todo o ano, e principalmente nas regatas máis importantes do Atlántico.

A Ría de Ribadeo e o Porto de Porcillán foron desde sempre o gran refuxio seguro, durante toda a roda do ano, para os barcos mercantes e de guerra nas fortes galernas do Cantábrico, tanto para aqueles grandes veleiros desde a alta Idade Media, como para os pequenos e medianos barcos de cabotaxe de todos os tempos. Teñamos en conta que o tráfico marítimo, foi o gran motor da economía de Ribadeo, e a Ponte dos Santos é un atranco, un estorbo artificial que parece posto a propósito para destruír a Ría, para destruír a hexemonía marítima milenaria de Ribadeo. Aqueles vellos mariñeiros dos anos 1960 e 70 cando se estaba proxectando a ponte e o primeiro “paseo marítimo” que destruíu a dársena e praia de Cabanela, xa o dicían: “A Ría de Ribadeo non é o Duero, aquí hai marea cada seis horas”. Non fixeron caso, e a colmatación de area é incontrolable hoxe en día, pois aínda que se chegara a dragar cada catro ou cinco anos, sería como querer quitar cunha culleriña do café o arrastre de area que pode meter a forza do mar nunha marea.

A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, fondeadoiro e Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as pezas que se están atopando nas pouquiñas mostras arqueolóxicas que se fan na Ría, serven para demostrar que este comercio internacional a gran distancia xa existía un milenio antes da nosa era. E faltan de supervisar centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca e media profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar as decenas de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvelábanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

A diferenza de criterio entre “Cultura” da Xunta de Galiza e Castela, é que cando se estaba facendo a trincheira daquela liña de ferrocarril no corredor da Bureba tan necesaria entre a conca do Ebro e o río Douro, atopouse o xacemento arqueolóxico de Atapuerca, e inmediatamente se pararon as obras de escavación e se desviou o trazado do ferrocarril pois aquel tesouro humano representaba un achádego importantísimo, unha historia e vida para o seu entorno e o de toda a humanidade. Levan estudando o xacemento desde fai máis dun século, e ao seu redor se fixeron salas de exposicións, museos, escolas de capacitación e estudo, e tódolos anos reciben miles de visitantes.

Aquí temos algo parecido, salvando as distancias, para saber do comercio marítimo da antigüidade de Galiza e de Europa, dos tipos de barcos e dos seus secretos de construción, fábrica e armamento que Cesáreo Fernández Duro xa expoñía en 1880 en “A la Mar Madera”, pero as mentes académicas que pararon a trincheira ferroviaria de Atapuerca, na Ría de Ribadeo brillan pola súa ausencia, e queren dragar a toda costa e destruír toda unha riqueza patrimonial que se sabe de certo que existe. Unha vergoña institucionalizada nas disposicións da Xunta e de Portos da Galiza, e que non debe de tolerarse.

Nós non podemos facer nada inmediato para evitalo, solo patalexar ou escribir algún artigo como este para seguir alertando da pasividade e indiferenza con que se trata desde as administracións este delicado tema que unha vez destruído non ten volta de folla.

Pero, aínda que son ateo convencido, grazas a Deus, como recoñecía Oriana Fallaci, voulle pedir a Divindade do Cosmos por medio da Virxe do Carme Patroa de todos nós, os mariñeiros, que faga algo, que non permita tamañas falcatruadas sen que teñan consecuencias para quen as permita. Amén.

--

1 La Prehistoria y su Metodología, Ana Fernández Vega, Sergio Ripoll López, Amparo Hernando Grande, Francisco Javier Muñoz Ibañez, José Manuel Quesada López, José Manuel Maíllo Fernández y Jesús Jordá Pardo. Segunda Edición 2014, Editorial Universitaria Ramón Areces, UNED. Páx. 11.↩

20151117

O XACEMENTO DE LOUSELAS DE RIBADEO, Artigo de Pancho Campos

Fai meses que levo pensando en escribir algo sobre o xacemento de Louselas, localizado na parroquia de Sta. María de Vilaselán, pero aínda que é un tema para min apaixoante, éme difícil desenrolar estas liñas posto que carezo dos coñecementos académicos indispensables para resumir paso a paso de forma sinxela os feitos que somentes pretendo espallar entre os meus veciños “daquela maneira” para que sexan mellor entendidos e se lles empece a dar a gran relevancia patrimonial que teñen, e descúlpenme os profesionais do asunto se meto a pata en algunha disquisición. Os datos que refiro son adquiridos da lectura da monografía e da charla que nos deu na Casa das Letras o arqueólogo Eduardo Ramil Rego do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), este pasado mes de Agosto donde presentou a Monografía Nº6, LOUSELAS (Ribadeo, Lugo) da que el é coautor xunto con José Ramil Soneira (q.e.p.d)
 Louselas é un xacemento arqueolóxico o aire libre que se identifica no Paleolítico inferior nos inicios do poboamento humano da rexión cantábrica. Ten, nada menos, que unha antigüedade de 480 000 anos, e o seu estudo presta especial atención as ferramentas de pedra tallada que se atoparon, e a súa clasificación morfotipolóxica dos útiles bifaciales.
 Aqueles homes que habitaron Louselas, eran casi como “animais carroñeiros” pois comían as sobras que quedaban da caza doutros animais máis veloces e poderosos ca eles, e comezaron a construir e utilizar ferramentas de pedra lascada para poder sobrevivir comendo a carne dos animais. Así, atópanse útiles chamados “choppers” que son coitelas discoideas ou talladeiras; fendedores, usados para fender os ósos e chuparlles o tuétano. Outras eran para raer e raspar a carne pegada as pieles e ós ósos, chamadas: raedeiras e raspadores.
Biface. Didier Descouens, CCby-sa 3.0
 Os artesáns de Louselas utilizaban para confeccionar aquelas ferramentas, cuarzo filoniano leitoso e maiormente as cuarcitas de grao fino que atopaban na zona. Dentro da Ría de Ribadeo os xeólogos e arqueólogos tamén atoparon espallados algúns montóns de nódulos de silex, pero pronto souberon que eran materiais exógenos “recentes”, non propios dos xacementos prehistóricos da Galiza, e a este material amontoado coñecese como “lastreiras” debido a que son as pedras que os barcos procedentes de Inglaterra traían como lastre, e as tiraban preto dos fondeadeiros, cando ían a cargar madeira ou outros produtos de exportación peninsular (Isidoro Asensio Amor e J.C Iglesias Vidal, 1989)
 A cuestión de maior interés para a comprensión do xacemento de Louselas, foi o diacronismo ou relación entre o feito da ocupación humana e a orixe e depósitos da Rasa cantábrica. Estudos do noso veciño Isidoro Asensio Amor, xunto con Hernandez Pacheco en 1963 e con H. Nonn en 1964, así como, estudos de G. Mary en 1970 e 1975, demostran que hai dous niveles de cantos marinos na zona de Ribadeo, un a 100 metros e outro a 55-60 m que corresponden a cambios do nivel do mar durante o Pleistoceno que é o período glacial cuaternario que sigue xeolóxicamente o Plioceno, un período de gran actividade volcánica, e precede o Holoceno ou período recente da era cuaternaria.
 Estes estudos do nivel do mar son moi importantes para a datación do xacemento, debido a que fai 480 000 anos Louselas era un asentamento de homínidos, e fai 200 000 anos, Louselas estaba completamente sumerxido a 38 metros por debaixo do nivel do mar. ¿Como se sabe que o xacemento de Louselas é anterior a aquela desglaciación que inundaba o lugar de asentamento?. Polas cuarcitas talladas atopadas no xacemento, pois presentan lustre exterior, e as aristas e nervaduras sufriron desgaste desigual, coloracións ocres e violáceas de acusada ferruxe, características que se producen en contextos de grandes cantidades de choiva combinados con períodos prolongados de inmersión marina.
 Do xacemento de Louselas hai medio millar de evidencias líticas ou pedras talladas polo home, que deron lugar a un estudo pormenorizado das distintas fases do seu desenrolo operativo, esto é, adquisición e transformación inicial das pedras, ata a fase da producción das ferramentas.
 Pois ben, con toda esta magnífica historia da prehistoria, fixose a monografía Nº6 do MUPAV, que se basa na tesis doctoral de Eduardo Ramil Rego, defendida na Universidade de Santiago de Compostela en outubre de 2014 baixo o título “Prehistoria Antigua del Occidente Cantábrico. Las primeras Poblaciones”.
Quixera rematar cunhas reflexións. Todos estes estudos líticos tan minuciosos e difíciles os fixeron persoas preparadísimas intelectualmente e na maioría dos casos non percibiron nin un triste céntimo de subención nin para gastos, somentes os moveu o coñecemento académico e a pasión de descubrir verdadeiros tesouros da historia, dos que nós temos a obriga de poñer en valor.
 En Ribadeo tivemos e temos a gran sorte de poder contar con grandes estudiosos da nosa xeografía, orografía, xeoloxía, historia, toponimia, etc. etc. Entre aqueles, e entre outros o Inxeñeiro Schultz e Isidoro Asensio Amor, e hoxe en día Laureano Busto, “La Dote en el siglo XIX”; Chemi Lombardero sobre a “Sociedade de Ribadeo (1900-1936)” e “O Porto Comercial de Ribadeo”, e por antonomasia José María Rodriguez Díaz, historiador e latinista que publicou libros e monografías como: “Sobre Os Castros de Ribadeo, “O Mosteiro de Esperautano”, a “Colexiata de Ribadeo”, “Vilaselán Aproximación a Historia”, “Toponímia de Ribadeo” entre outras decenas de artigos de prensa, nos que nos deu e da a coñecer decenas de anecdotas e momentos relevantes da nosa historia.
 Ademáis do asentamento do mosteiro de Esperautano, por investigar na Graña, e dos castros de Vilaselán, de Piñeira, de Arante, das Anzas, de Vilaosende e da Devesa, que están por terras do Concello de Ribadeo, cuxos restos o descuberto farían un percorrido turístico espectacular xunto coa croa de Reinante, a fraga da Cova da Veneira e o castro de San Miguel de Reinante, a fraga de fentos e fervenza de Augas Santas do Santo Estebo do Ermo en San Cosme de Barreiros, as mámoas do Mondigo, de Comado, das Pallaregas, da Cadeira, etc. Hoxe en día tamén temos de actualidade, o pecio dun galeón do século XVI sepultado no fondo da Ría de Ribadeo que foi descuberto en 2011 durante o dragado do canal de acceso a Figueirúa ou muelle de Mirasol. Pois ben, os castros siguen abandoados a súa sorte como fai máis de dous mil anos, e o pecio do Galeón de Ribadeo está a punto de desaparecer debido a que está desenterrandose e enterrándose sucesivamente cos movimentos das augas das mareas e o rebufo das hélices dos barcos, e dicen os buzos que: “desenterrar o pecio levaría poucos meses e a esa profundidade non necesitaría un gran presuposto”. ¡E hai un montón de pecios na ría con cuxos restos faríase un Museo Marítimo de valor académico e cultural incríble!
 E eu me pergunto ¿Como é posible que tendo un territorio tan sumamente plagado de historia terrestre e marítima, non teñamos un triste recurso para poñelo en valor? Sabendo que en Madrid o que se considera Ministerio de Cultura é un simple cartel guindado dunha parede, ¿tamén é o mesmo a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza?, ¿un simple cartel guindado dunha porta sin máis utilidade que o adorno? e ¿que pasa coas nosas institucións provinciais, comarcais e das do propio concello? ¿Non hai maneira de elevar ningún recurso en prol do porvir da nosa sociedade? ¿temos que seguir emigrando para buscar traballo e despois ir de vacacións a Stonehenge para ver pedras megalíticas de data máis recente cas nosas?
 Francisco José Campos Dorado

20200629

AS MÁMOAS DAS PALLAREGAS. TRABADA . Emilio Piñeiroa Lozano

   A Prehistoria abrangue un longo período de tempo que se inicia coa orixe da especie humana, hai máis de dous millóns de anos, e se estende ata aparición da escritura (300 a. C.).
   Durante miles de anos, o seres humano foi cambiando o seu aspecto físico e aprendeu a fabricar instrumentos, dominar o lume, comunicarse, domesticar animais, etc.
   Destas actividades non existen documentos escritos, unicamente nos chegaron testemuños arqueolóxicos: pedras talladas, fósiles, instrumentos, pinturas, gravados,etc.
   Ao principio, no periodo Paleolítico, a humanidade vivía da caza e da recolección, e era nómade.
   Posteriormente, no Neolítico, aprendeu a domesticar animais e a cultivar a terra, e volveuse sedentario. Xurdiron os primeiros poboados e actividades como o tecido a a cerámica.
   Realizamos unha aproximación á Prehistoria do Concello de Trabada, apoiándonos nas escasas referencias bibliográficas e no informe do Departamento Territorial de Cultura e Turismo de Lugo.
   Debemos advertir que os datos no futuro poden variar somentes como resultado de novos estudos e intervencións arqueolóxicas.
   O obxectivo é conquerir o respeto do noso Patrimonio Cultural e a súa conservación, potenciando o seu coñecemento e o seu disfrute.

O Neolítico: Megalitismo

   Adoitase definir O Neolítico como o periodo no que eclosiona un xeito diferente de produción: o paso da economía baseada na caza, na pesca e na recolleita, ata o sistema no que predomina a agricultura e gandería. As comunidades galaicas coidaban animais coma o porco, a cabra, a ovella e cultivaban cereiais coma o trigo e o centeo. O home era sedentario. É a Idade da Pedra Pulida, comeza no ano 5 000 a .C. e remata tres mil anos despois.

   O Megalitismo caracterízase polas estruturas ou megalitos (mega=grande; lithos=pedra) construídos con grandes pedras, polo que se considera un fenómeno cultural, do que a súa caracteristica máis salientable consiste na construción de monumentos xeralmente funerarios a base de pedras colosais.
   Na área galega o megalitismo está representado por menhires; en Galicia chamámoslles “pedras fitas”, e antas cubertas por túmulos que reciben distintos nomes segundo a zona mámoas, medorras, medoñas, modias, medas, etc.
As pedras fitas relaciónanse co culto ás encrucilladas e ós camiños, así os cruceiros serían os continuadores dese culto.
Gargantáns. Moraña (Pontevedra)
Dombate. Cabana de Bergantiños (A Coruña)

   As mámoas teñen forma circular ou ovalada. Segundo a estrutura arquitectónica das antas podemos distinguir tres grupos: cámaras simples, as chantas (esteios) delimitan un espazo funerario de forma poligonal cuberto por unha laxe horizontal; cámaras con corredor, cámara poligonal aberta da que arrinca un corredor e cámaras rectangulares, de planta rectangular.

   Partes que compoñen o monumento megalítico: mámoa, túmulo de terra con forma de casquete esférico que engloba e protexe o resto do conxunto; no centro atópase a anta, cámara megalítica, espazo onde se depositan os cadáveres; un corredor feito de laxes de menor tamaño, comunica a anta co exterior do monumento.
   Enterramento megalítico. Fonte: Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   A cronoloxía varía segundo os diferentes investigadores, é un periodo de tempo moi amplo, dende 5 000 anos a.C. ata 2 000 a.C.
   O número de mámoas en Galicia pode ser superior a 5 000. Murguía dicía “ non hai campo ermo en Galiza no que os ollos afeitos non atopen a grande ou pequena mámoa”, se ben moitas perdéronse no decorrer dos anos.
   Actualmente hai catro conxuntos BIC (Ben de Interese Cultural): dolmen de Dombate( Cabana de Bergantiños), a necrópole de Santa Mariña (O Incio, Samos e Sarria), dolmen de Axeitos (Ribeira) e a Casa da Moura de Cabaleiros (Tordoia). A estos unirAnse outros 48 xacementos, entre eles a anta de Santo Tomé. O Valadouro

O Megalitismo no Concello de Trabada

   Segundo o inventario de 1987-88 do Departamento Territorial de Cultura e Turismo. Lugo.

CÓDIGO               NOME PARROQUIA

GA27061001         Mámoa do Marco de Pena Verde San Estevo de Fórnea
GA27061006,7-10 Mámoas das Pallaregas (5) San Mateo de Vidal

   Este mesmo organismo o 29/06/2009 dí: as mámoas das Pallaregas foron inventariadas en 1998, pero é moi probable que non existan, xa que na mesma ficha dánse como pouco probables. Así mesmo, a poucos metros das anteriores, no Monte da Forca había unha mámoa, tiña cámara funeraria ou anta, pero foi totalmente destruída. (1987-88). Un posterior informe deste Departamento sobre As Pallaregas di que pode haber 5 mámoas.

   Plan Xeral de Ordenación Municipal de Trabada 2009. Aprobación Inicial. Elementos que constitúen o Catálogo de bens Arqueolóxicos son:
   En Vilarbetote (Sante): 4 mámoas de O Monte, a morfoloxía orixinal atópase modificada debido ó aplanamento da masa tumular polos traballos agrícolas.
   En Vilapena, 5 mámoas no monte de Liñeiras, así como 3 máis situadas no Chao de Liñeiras, 1 no Chao do Couso e outra nas Campelas, sendo o estado de conservación malo, provocado polos efectos da repoboación forestal.
   No lugar de Cabana, parroquia de Trabada, mámoa de Pico Grande. Masa tumular alterada e situada nunha zona de repoboación forestal.
   En Vidal, no lugar das Pallaregas, 5 mámoas, 3 delas en mal estado debido a que a masa tumular foi rebaixada en altura polas labores forestais. Situadas nunha zona de repoboación forestal.. Dúas destas mámoas atópase en estado regular, ás que lle adicaremos un estudo.

   A investigación baseouse nos traballos de campo ante a ausencia de referencias bibliográficas. Como resultado foi o descubrimento de dúas mámoas nas Pallaregas.

MÁMOAS DAS PALLAREGAS

Situación: Parroquia de Vidal (Trabada)
Parte alta da parroquia de Vidal, na estrada que une Fórnea con Valboa, preto da capela de San Fernando.
Monte de eucaliptos.

MÁMOA 1

X 649071 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 30 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 26 ´´ W
Y 4815386

Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.


Atopamos restos de mámoa, túmulo de terra con forma de casquete circular (16m. de diámetro, aproximadamente). No centro atópase restos da anta, cámara megalítica, espazo onde se depositaban os mortos.
Parte da masa tumular foi destruida por un gran corte lonxitudinal que chega ata o centro da mámoa.
MÁMOA (TÚMULO)

MÁMOA 2
X 648860 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 36´9 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 34´6 ´´ W
Y 4815508

Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.

A mámoa na que está inserida esta anta mide uns 20 metros de diámetro e pódese considerar como o megalito, arquitectonicamente mellor conservado por non dicir o único da Mariña Oriental; na Mariña Central atópase a mámoa de Santo Tomé no Valadouro;

Corresponde ao tipo de anta coa cámara poligonal formada por pedras de mediano tamaño (esteios) lixeiramente inclinados cara ao interior; a pedra cobertora (tapa) atópase fóra dos seu sitio; non hai vestixios do corredor. Arredor da cámara hai estradas pedras miúdas que, probablemente, forman parte da estrutura tumular.

20210818

En consideración do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   Fágome eco dun correo electrónico dos Amigos do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía que coido merece difusión.


O Organismo Autónomo Local "Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba" (MUPAV) nos seus trinta anos de existencia converteuse nun referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica na Península Ibérica. A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación, ven desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Nos últimos anos a súa situación económica empeorou, xa que o orzamento aprobado pola institución da que depende (Concello de Vilalba, Lugo) non é suficiente para sufragar os gastos correntes, asumindo a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba os gastos relativos ás actividades de extensión cultural.

O incumprimento por parte do Concello de Vilalba das súas obrigas de conservar e manter os locais públicos ocupados polo MUPAV, agravado por unha serie de desgrazas (incendio, inundación e goteiras), está comezando a provocar efectos prexudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico custodiado polo MUPAV. Efectos que a Inspección de Traballo requiriu a súa corrección para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación laboral vixente.

Por todo isto, a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba solicita o apoio a este movemento cívico, así como a adhesión ao presente manifesto e a súa difusión, agradecendo de antemán a axuda e colaboración prestada.

 

 

MANIFESTO.

1.- A firme e ineludible necesidade de expor publicamente esta situación no maior número de lugares, ocasións e formas posibles.

2.-A convicción de que o MUPAV ofrece un servizo público irrenunciable para unha sociedade culturalmente desenvolvida e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento social, cultural e turístico do seu entorno xeográfico.

3.- A necesidade de dotar ao MUPAV de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dos seus obxectivos.

4.- A intención de trasladar, ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas segundo corresponda, o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio MUPAV.

5.- Avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación e non se establezan as medidas necesarias para a conservación do patrimonio histórico.

 


 

Para adherirse ao presente manifesto pode encher e enviar este formulario por correo electrónico a amigos@museovilalba.org, tamén pode envialo por correo (AMUPAV, Dr. Domingo Goas, 2, 27800 Vilalba, Lugo) ou entregalo no Museo sede.

 

Os datos recollidos gardaranse nun ficheiro de tratamento mixto pertencente á Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, eliminación e portabilidade dos datos e oposición e limitación ao seu tratamento ante a entidade responsable (amigos@museovilalba.org).

--

Nota: A pesar do que di , non traía ningún formulario, polo que quen queira debe poñerse en contacto directo mediante o correo.

Nota2: xa está dispoñible o formulario. Déixoo a continuación para quen queira imprimilo ou sinxelamente copiar os datos que piden e envialo:



20140415

Publicado en Ribadeo: Pegadas da prehistoria de Ribadeo

Polo momento, só en formato open document, a obra de Emilio Piñeiroa Lozano presentada no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e posteriormente na Casa das Letras: http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Pegadas+da+prehistoria+en+Ribadeo
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo'. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

20190717

A RÍA DE RIBADEO DOS NEANDERTAIS AO NEOLÍTICO Pancho Campos Dorado

Hoxe é o día da Festa do Carme e gustaríame contarvos algo que parece relevante, case como unha lenda que narra un feito real, que aloumiñado de argumentadas conxecturas nos conducen a unha historia inédita sobre os primeiros habitantes da Ría de Ribadeo.
Comentaba Isidoro Asensio Amor, en varios artigos publicados en La Comarca do ano 1963, a labor xeolóxica de formación da Ría, que había exposto o Enxeñeiro Guillerme Schulz no século XIX, e tamén comentaba noutros artigos publicados en La Comarca do ano 1964, sobre a Xeoloxía de Charles Barrois e de Hernández Sampelayo, cuxos estudos estratigráficos mostran alturas do mar que varían entre cotas de máis de setenta metros entre o nivel máis baixo e o máis alto, respecto do nivel medio actual.
Estas baixadas e subidas do nivel do mar, en alturas que resultan tan esaxeradas no tempo, son producidas polas glaciacións cuxos períodos duran decenas de miles de anos. A bocana da Ría de Ribadeo estaba afundida 40 metros por debaixo do nivel actual do mar durante a glaciación Würm. Chámase Würm, ao último período glacial do Plistoceno ou Cuaternario, coñecido popularmente como a Idade do Xeo, que inicia fai 110 000 anos e termina fai 10 000 anos no Holoceno ou período posglacial no que nos atopamos actualmente.
O xacemento de Louselas, identificado no Paleolítico Inferior, dátase cunha antigüidade de catrocentos mil anos. Louselas estaba habitado por homes, que facían ferramentas, cuxos restos líticos se identifican na citada monografía Nº6. Pero no período do Plistoceno medio, o xacemento de Louselas estaba completamente somerxido baixo o nivel do mar, e máis recentemente, fai 200 000 anos, o nivel do mar estaba 38 metros por debaixo da cota actual.
Nestes períodos, cando os océanos estaban máis baixos, o litoral estaba centos de metros máis retirado do que hoxe o contemplamos. Na nosa bisbarra temos o exemplo, de que na praia da Arealonga de San Miguel de Reinante fai ao menos 9000 anos, había un bosque de árbores que foi sepultado por estes movementos do mar, e que debido o influxo das galernas de inverno dos últimos anos, quedaron ao descuberto os seus vestixios ó levar o mar a area da praia. Alí puidemos contemplar que os tocóns, raíces, madeira das árbores e restos vexetais, convertéronse nunha “turbeira”, ou zona de pegadas de carbón fósil de pouca densidade.
Na época do Plistoceno, os glaciares ocupaban unha cuarta parte da superficie terrestre, e os Neandertais eran aqueles homes que viviron durante un período de tempo de cen mil anos e cuxa extinción remóntase a fai uns 35 000 anos. Viviron en períodos xeolóxicos de glaciación intensa e refuxiábanse en covas máis menos profundas para abeirarse do frío, por isto son coñecidos popularmente como os “homes das cavernas” ou “cavernícolas”. Nas covas de terras do interior da Europa occidental atopáronse numerosos fósiles humanos do Homo sapiens neanderthalensis.
Pero ¿que ocorría coa vida humana nos litorais da costa nestes períodos de tempo, e particularmente, que pasaba cos homes que habitaban nos arredores da Ría de Ribadeo?. Pois ben. Tanto os homes como os animais, vanse adaptando ás circunstancias climatolóxicas para poder vivir como mellor poden, e as baixadas e subidas do nivel do mar, deixaron ao longo das costas, covas, grutas e escavacións medianamente profundas que o mar foi facendo cos embates da marusía, e ó quedar a descuberto, aqueles homes da costa as aproveitaron como vivendas. Aqueles homes foron os “pescadores, mariscadores e mariñeiros das cavernas” dos que ninguén fala pero que, por suposto, existiron exactamente igual que os cavernícolas das montañas.
Nas marxes da Ría de Ribadeo hai máis dunha vintena de covas que seguramente algunhas delas foron aproveitadas para vivir as familias humanas que por aquí se atopaban. Hai restos líticos nas praias, moi desgastados, pero similares aos que se atopan no xacemento de Louselas, polo que parecen anteriores ós homes de Neanderthal. Pero este tipo de restos suxírenlle a este afeccionado a historia, que aquela tecnoloxía dos homes de Louselas, usada para facer ferramentas lascando as pedras, seguíase practicando chegados aos homes do Neolítico de fai sete mil anos.
Recordar que o Neolítico foi definido como o período da prehistoria comprendido entre o Mesolítico e a Idade dos Metais, aproximadamente entre o quinto e o terceiro milenio antes de Cristo. O termo Neolítico, acuñado por John Lubbock en 1865, obedecía a criterios exclusivamente tecnolóxicos, en relación coa aparición da pedra pulimentada. Pero máis recentemente, aquela definición resultou demasiado simplista, posto que nesa idade prehistórica había evidencias de innovacións máis complexas: a cerámica, a gandeiría e sobre todo a agricultura. Así o Neolítico converteuse nunha división cronolóxica esencial dentro da Historia das Civilizacións.
Na ribeira da Ría de Ribadeo, na parte ribadense coñecemos dúas covas con nome propio: a Cova dos Sete Encantos, e a Cova da Vella. Hai outra practicamente enterrada entre a praia dos Bloques e a Vilavella, e outras tres ou catro próximas ó Cargadeiro, protexidas do Vendaval, e que para este relator, foron vivendas cavernícolas que pouco a pouco foron abandonadas a medida que subía o nivel do mar e ían desaparecendo cos recheos de area, xógaras e sedimentos.
Na hoxe ribeira asturiana da Ría de Ribadeo, no litoral de Figueiras, hai máis dunha ducia destas covas, que están semienterradas e a vista, moi ben asocairadas do vento Nordeste que tanto frío trae canda el, polo que non sería de estrañar que por aquel tempo inmemorial, foran un bo refuxio e tamén estivesen habitadas.
No debuxo móstrase o perfil do leito da Ría de Ribadeo a altura da Ponte dos Santos. Vemos que hai unha enorme colmatación de area cunha profundidade superior os 40 metros. O canal ten aproximadamente unha media de seis metros en marea chea, pola que se rexe a regulamentación do calado dos barcos mercantes que atracan no Porto Comercial de Ribadeo. Non sabemos canto haberá escarvado o mar os cantís da costa ao longo dos miles de anos de traballo das mareas e das galernas, as covas están cheas de area e xógaras, e non sabemos a que profundidade chegan. Segundo unha “lenda urbana”, escoitei que cando se buscaba firme para a cimentación da primeira zapata da Ponte dos Santos, no cantil de Ribadeo, parece ser que despois de perforar uns poucos metros en profundidade, atopouse un oco profundo, e que se fixo o seu recheo con formigón, para consolidar a zapata. Podería ser que fora unha desas covas das que falabamos, e que por casualidade se lle furou o teito ao facer a zapata da primeira pilastra.
Por outra banda, ¿todas as covas do litoral de Figueiras foron feitas polo mar? ¿estarán algunhas delas refeitas pola man do home, ou rematadas por el? ¿como é que hai tantas covas en sitios nos que realmente non bate o mar con bravura?. Preguntas, preguntas, soamente preguntas!
Segundo o número de covas que vemos, a poboación de mariñeiros e familias tiña que ser bastante grande, ¿sobre cantos?, ¿douscentos... trescentos?
Sería cousa de que patrimonio ou autoridade competente fixera algunhas catas estratigráficas de materiais das partes profundas das covas e dos sedimentos frontais destas covas que temos á vista, pois poderían sorprendernos os achádegos que atopáramos, posto que no Neolítico da península ibérica as cerámicas con decoración impresa, atópanse fundamentalmente en covas situadas nos arredores da costa, e esta é unha costa privilexiada para todo tipo de descubrimentos históricos e prehistóricos, e non está practicamente nada estudiado. Pero xa os estou oíndo: ¡Pancho, non hai presuposto asignado para estas cousas!. ¡Pois iso... xa mo parecía, pero algo haberá que facer!
Feliz día do Carme a tódolos mariñeiros e familias, así como, a todos aqueles que se sinten marineros atraídos por ese inmenso mar océano que tantos secretos nos garda.
--
1.Hernández Pacheco, Isidoro Asensio, 1963
2.Monografía Nº6, Louselas, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014.
3.Ibidem, p.13
4.Nueva Larousse P 45, volume 29, páx. 8897.
5.Debuxo a man alzada, máis menos a escala, sacado do magnífico traballo: “Desdobramento da Ponte dos Santos”, feito por Martín González Vilaseca e Katia Goyos Alonso, para a Feira da Ciencia do IES Porta da Auga de Ribadeo, Abril 2009.

20200922

O HENGE DE A RODA. Pancho Campos Dorado

    O xacemento arqueolóxico de A Roda situado na parroquia de Santiago de Reinante no Concello de Barreiros, é un anel lítico con certas irregularidades, isto é, un anel composto de dous círculos case concéntricos paredados cunha mestura de pedras grandes (ciclópeas ou megálitos) nos cimentos e outras de tamaño mediano nos cachos de paramento que quedan. O diámetro medio do círculo interior ven a ser de 34 metros, cun muro perimetral de máis menos un metro e medio de ancho, polo que o círculo externo acada os 37 metros. O muro formado entre as paredes de ambos círculos está recheo con area marela propia da zona e está rodeado dun foxo duns tres e medio metros de ancho, tamén recheo de area e pedras diversas.
    Este tipo de construcións prehistóricas son coñecidas polo nome inglés “henge” que significa “círculo de pedra”. Cando son monumentos megalíticos formados por menhires (do bretón men: pedra hir: alongada) cravados no chan reciben o nome propio de “crómlech” que proven do galés “crowm”: curvado e “lech”: laxe; lousa. Posiblemente o crómlech máis famoso sexa Stonehenge, un monumento neolítico da idade do bronce situado en Wiltshire, Reino Unido, formado por unha sucesión de grandes pedras de sección rectangular chantados no chan e algúns deles cubertos con pedras (linteis) que conforman unha serie de aberturas en forma de portas abertas de diversa interpretación.
    O xacemento de A Roda preséntase ante o visitante que o ve por primeira vez, cun aspecto similar a unha escombreira no medio do monte con pedras espalladas por aquí e por acolá como si algunha vez sufrira as consecuencias dunha explosión de cartuchos de dinamita e non pequena. Todo este pandemonio de pedras grandes e pequenas, pedrolos e cañós desordenados, son resultado da desfeita que fixeron as manobras das máquinas forestais na súa labor de deforestación de eucaliptos e pinos que había na finca de monte cando se vendeu ao Ministerio de Fomento pois entraba na traza da autopista A8. Menos mal que no ano 2006 cando pasaron facendo os desmontes da estrada se deron conta de que alí había algo máis que pedras soltas e revoltas e o propio persoal do Ministerio de Fomento respectou o lugar e desviouse do trazado inicial, e hoxe mantén o xacemento perfectamente rozado, ou polo menos así o atopamos limpo a mediados de agosto e primeiros de setembro, cando o fomos a visitar de novo; o que nos leva a dicir que realmente non está tan sumamente mal coidado e abandonado como o resto dos xacementos que temos na zona e que dependen dise ente burocrático chamado a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza.
    A nós, os veciños da comarca, parece ser que non nos queda máis remedio que poñer en valor toda esta riqueza patrimonial que posiblemente sexa o noso mellor motor industrial nos vindeiros anos. Non nos cabe dúbida que hai que poñer en valor algo dos nove castros do Concello de Ribadeo, máis a Punta do Castro de San Miguel de Reinante, o castro de Merille en San Cosme de Barreiros, o castro da Rilleira ou da Maradona en san Xusto de Cabarcos, o castro dos Calixóns en Vilamartín Pequeno, e moitos outros xacementos arqueolóxicos milenarios que tamén posúe o Concello de Trabada. Aínda que non se poida traballar en todos a vez, pois non haberá recursos nin persoal para tanto, polo menos haberá que empezar a facer algo en algúns deles, ao menos rozalos para delimitar as zonas e facerse coa propiedade onde están afincados para que pasen a ser de dominio público e non poidan seguir sendo arruinados pola explotación forestal. Todos eles serán fonte de riqueza para moitos, moitos anos, pois temos que ter en conta que ademais de estar a beira de magníficas praias, atópanse todos eles a apenas un ou dous quilómetros, monte a través, do Camiño de Santiago.
    Pero hoxe fixarémonos no xacemento de A Roda de Santiago de Reinante, dunha época máis antiga que os asentamentos da Cultura Castrexa. Estamos ante un magnífico templo-calendario de un valor prehistórico e turístico incalculable.
    Si, A Roda é un templo calendario, un recinto cerimonial que nos marca efemérides astronómicas, semellante nas características entre a monumentalidade de Stonehenge (3200/2300 a.C.) e as do simple círculo de Swinside, ambos no Reino Unido. Por que dicimos que é un templo calendario sen dúbida algunha? Pois ben. Xuntámonos de principio dous amigos, Emilio Piñeiroa (historiador) e máis eu, pois gústanos demasiado a Nosa Terra e estamos véndoa cada día máis apedrada pola desidia da Administración da Xunta, dos Concellos e de todo bicho vivinte que tiña que ocuparse obrigatoriamente destes asuntos. Chegados o asentamento e cos nosos coñecementos básicos calculamos os puntos equinocciais e solsticiais do círculo. Quedamos sorprendidos e encantados de comprobar que aínda algúns destes puntos principais que nos ían aparecendo, estaban perfectamente sinalizados por pedras grandes, aínda despois das enormes desfeitas que fixeron as máquinas, e que deixaron pedras de todo tipo, soltas e removidas do seu sitio e tiradas de calquera maneira no chan e redores e que terán que ser devoltas ao seu lugar de orixe algún día, cando se faga un estudo máis profundo e exacto de todo o conxunto que, por suposto, teñen que facer expertos arqueólogos.
    Aos quince días volvemos comprobar con maior precisión os nosos cálculos, axudados por Antonio Gregorio (físico) e por Eugenio Niñe (topógrafo). Antonio cos seus magníficos coñecementos astronómicos da súa cátedra, fíxonos unha corrección matemática de 8º 15’ debido a redondez da Terra (á latitude), co cal as nosas estimacións non estaban tan mal para o caso que nos ocupa, aínda que tíñamos unha burrada de error para tirar un foguete a Lúa. Logo coa axuda de Eugenio Niñe o topógrafo xa quedamos máis conformes coas marcacións estimadas.
Podemos dicir que o orto do solsticio de verán está aínda perfectamente marcado desde fai máis de tres mil setecentos anos, ou sexa desde antes do ano 1700 a.C. que acreditan de antigüidade as probas de C14 (carbono 14), cun marxe que incluso se poden remontar a 2000 anos a.C. Ou sexa o xacemento data da transición final do neolítico-calcolítico (metalurxia do cobre) e da idade bronce Proto-Atlántico da Galiza (1800-1700/1200-1100 a.C.) que corresponde coa cultura Argárica, varios séculos antes das invasións celtas.
   Para que servía este calendario astronómico?. Está situado nunha zona elevada, un outeiro estratéxico para ver até un horizonte moi lonxe do mar e desde onde se podían controlar os campos agrícolas, e todo aquel que quixera consultar os momentos máis propicios para a sementeira podía aproximarse ao sitio para consultarlle o gardián ou o adiviño/a do templo que posiblemente nel residía.
    A xente por tanto, que por esta bisbarra vivía, era xente moi civilizada, pois unha obra como esta nona facía calquera, de feito no continente europeo hai moi pouquiños xacementos destas características, pois necesítase unha propedéutica, ou ensinanza de saberes e coñecementos previos e amplos de astronomía para realizar tamaña construción.
    Aínda na nosa ignorancia de todo o que pode representar A Roda, pois os xacementos prehistóricos son estudados por interpretacións especulativas sen certezas escritas, como ocorre na Historia, pero sería extraordinario que a poboación autóctona fixera este templo. Por isto, podemos crer que tales coñecementos astronómicos chegaron aquí da man dos comerciantes fenicios e gregos que navegaban polo Atlántico en busca de estaño e da púrpura. Había minas de estaño na Galiza (Casitérides, nome que na Grecia Antiga se daba aos centros produtores de estaño) e había os caracois mariños chamados púrpuras ou mures, stramonita haemastoma, dos que temos moitas mostras nos concheiros dos castros desta bisbarra, particularmente na Punta do Castro de San Miguel de Reinante; os cales case vinte séculos máis tarde, servirían para tinguir de púrpura as túnicas dos emperadores romanos, e a súa destrución ou roubo representaba para o infractor a pena de morte.
Os fenicios e gregos segundo os datos prehistóricos chegaron a estas alturas da Galiza polo ano 1200 a.C. época da Idade do Bronce III e IV (Prehistoria e Arqueoloxía de Galicia, Instituto de Estudos Galegos P. Sarmiento, 1979, Idade do Bronce en Galicia, p.52-53).
    Pero aquí temos gran discrepancia coa datación de A Roda, pois si a proba do carbono 14 indica que data do 2000-1700 a.C. teremos que A Roda é un punto clave e referencial para situar a saída do Mediterráneo dos comerciantes fenicios e gregos uns cincocentos ou oitocentos anos antes do que se pensaba, polo que este xacemento parece ser do final do Calcolítico, da Idade do Bronce Inicial, data a nivel da Prehistoria europea moi importante, pois é un punto dunha idade comprobable e de que as rutas marítimas comerciais saíndo do Mediterráneo subían polo Oeste da Península Ibérica até acadar as Illas Británicas, igualándose a idade do xacemento de A Roda coa idade do Bronce Europeo, entre o III e I milenio a.C. Os mariños comerciantes, fenicios e gregos, sabían dos coñecementos solares e da situación das estrelas importantes polas ensinanzas dos sumerios e dos exipcios e eran eles quen espallaban os coñecementos polo mundo en que se movían desde as cidades estado de Tiro (ao rei Hiram I, Hércules de Tiro móstralle as primeiras telas tinguidas de púrpura o que o deixa marabillado); de Sidón, Biblos e de Ugarit que a través de Emar e Ebla chegaban as ensinanzas dos mariños de Mesopotamia (3000 a.C.).
    Para os pobos agrícolas e gandeiros todas estas efemérides, fases do ano ou cambios de estación eran esenciais para as rutinas laborais do campo, tanto das sementeiras como das colleitas e cría de gando. Os fenicios ensinaron o manexo do arado, a xunguir aos animais para tiro, o sachar os campos con sachos de madeira e pedra, e moitas e diversas ensinanzas tanto para a súa vida privada como para as crenzas espirituais, e probablemente desde A Roda mirando cara a ese espléndido horizonte de 180º de mar inmenso, celebraran festas, con fachos na noite, larpeiradas... pero iso é outra parte a contar da nosa pre-historia.
    Estamos vivindo situados no medio de magníficos xacementos arqueolóxicos que merecen toda a nosa atención veciñal pois senón vámolos perder a pasos axigantados, e non hai dereito que isto ocorra. Necesitamos facerlles falar dos nosos ancestros a todas estas pedras antes de que desaparezan, como fan en calquera nación culta e para iso hai que estudialas a fondo. A Roda é un topónimo da zona, precisamente por este xacemento, e ninguén sabía o que era até hoxe??? Gustaríame desde aquí poder dicir que intentaremos formar unha asociación veciñal ou asociarnos as xa existentes, onde se abrangue a membros educados en todas as disciplinas do coñecemento necesarios para desenrolar os estudos dos xacementos destes nosos concellos, Ribadeo-Barreiros-Trabada, e calquera persoa que se sinta interesada no tema pode poñerse en comunicación con calquera de nós. Non cabe dúbida de que necesitaremos a colaboración de todos e cada un dos partidos políticos da Nosa Terra.
Xacemento arqueolóxico de A RODA no ano 2008, desvío feito na traza da autopista A8.
A Roda ano 2019 // Foto xentileza de: 60 RÁFAGAS

20120427

Coñeces Ribadeo? As fádegas, pisadas do encanto

Tras enterarme e invitarme copio (con pequenos comentarios engadidos ás fotos e o posicionado aéreo) nunha vez tres entradas do blog Mondigo, do IES Gamallo Fierros. Un lugar máis aconsiderar tanto polo interese cultural como para incluílo en rotas turísticas, por exemplo:

As fádegas, pisadas do encanto
O primeiro petróglifo de Ribadeo e o primeiro podomorfo da Mariña.
As  Anzas, parroquia de Cubelas (Covelas)-Ribadeo, no antigo camiño que ía de Salcedo ás Anzas, ao carón do río Grande, no lugar coñecido como As Fádegas, moi preto do castro das Pumaregas, foi noticia polo descubremento de petróglifos (gravados feitos en pedra ao aire libre): podomorfos e cazoletas. Dos que falaremos en vindeiros días.
Este ben cultural foi incluido no inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio, co nome de “As Fádegas-as pisadas do encanto”, coa clave GA27051023, trala inspección do xacemento  polos técnicos do Servício de Patrimonio (data: 15 de xuño de 2011 ).
Por su posto que As Fádegas ten a  súa lenda:  Nunha rocha á beira do río  habita un Encanto, unha moza fermosa e loira que deixou as pegadas dos seus pés na laxe do camiño. Polo S. Xoán a moza aparéceselles aos que pasan por alí amosando a súa fermosura e mailos seus tesouros así como unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro. A beleza da moza ou a cobiza do ouro, fai que a xente se achegue á rocha, o que provoca o seu encantamento, ficando para sempre no interior da rocha”.
Os petróglifos constitúen a expresión máis característica da arte rupestre galega. Un petróglifo é un gravado feito sobre as rochas ao aire libre; son plasmacións de diferentes motivos gravados nas rochas por mor dunha técnica que conxuga o picado e maila abrasión para delimitar sucos ou concavidades que configuran as representacións.
A súa tipoloxía é ampla e variada, pero pode resumirse en dous tipos: figurados (antropomórficas e animalistas) e non figurados, entre os que destacan os podomorfos e cazoletas das Fádegas.
As pisadas, pasadas, pegadas ou podomorfos (plantae pedum) é un dos tipos de petróglifos máis intrigantes e menos estudados de Galicia. Estas gravaduras de As Anzas (Cubelas) reciben o nome de “As pisadas do encanto”, situadas nunha zona coñecida como As Fádegas. Nesta rocha hai polo menos catro pegadas de pé (segundo Patrimonio), con distintas medidas: 50, 43, 41 cm.  A que se debe este motivo na Prehistoria?  Hai moito debate… a veneración das divindades, espíritus dos antepasados, símbolo de ofrenda e devoción, a toma de soberanía por parte dos homes, boa sorte para a caza, búsqueda da fertilidade feminina… No vindeiro artigo: as cazoletas.
Rematamos a información dos petróglifos das Fádegas (As Anzas-Cubelas), cun tipo de petróglifos coñecidos co nome de cazoletas ou cazoliñas.
Denomínase cazoleta a un oco artificial excavado na superfície dalgunha rocha, xeralmente semiesférica. Son motivos rupestres moi frecuentes, en tódalas épocas e latitudes.
Nas Anzas hai dúas cazoletas de 12 e 16 cm de diámetro. Son múltiples as hipótesis sobre a funcionalidade das cazoletas: as cazoletas poderían haber sinalado un espazo sagrado prehistórico, recipientes para ofrendas, lugares para recoller a chuvia vinculada ó mundo ritual, símbolos de carácter sexual feminino, receptáculos de sacrificios, cartografías…
Emilio Piñeiroa Lozano
O lugar, nas Anzas
Podes comprobar a túa pegada e comparar ...
Non é tan clara como a anterior, pero ...
Vista do sigpac da zona. O lugar sería na cruz; a estrada na parte superior esquerda, LU.133, a estrada Reme-Vilamar


20150807

Un 'henge' en Barreiros

 O lugar do henge, na Roda, Santiago de Reinante (Barreiros), preto do límite con Ribadeo, e á beira dunha pista e da autovía
Estes días estase a falar del. Pódese ver dende hai tempo (descubriuse no 2006, a conto da autovía -as obras públicas como mellores amigas da xeoloxía, neste caso, historia, que diría Isidoro Asensio Amor), pero non deixa de ser un descoñecido. Dende a prehistoria galega aparece esta construción, que non é un castro, senón un henge, din. Mesmo o chaman o 'Stonehenge galego', nun alarde de inventiva como pode ver calquera que vaia por ámbolosdous lugares, a Roda e Stonehenge (que por certo, dinme que non é un henge, e, ben pensado, polo que lembro, non o é).
Un lugar para que 'turistas e lugareños' pasemos ver unha parte descoñecida da nosa historia un día de verán. Ese é o motivo da ligazón que xa deixei ó comezo: o facilitar o atopar esta construción megalítica que casualmente está ás portas do concello de Ribadeo. En canto a dar máis información, unha vez alí, e visto o escavado, decide se queres saber máis ou non. En canto a turismo, dinamización de Ribadeo, etc, coido que a xente de Barreiros pode falar (e aproveitar) das catedrais igual que a xente de Ribadeo podemos falar (e aproveitar) do henge.
--
Entrada posterior (20160930) sobre o xacemento arqueolóxico de A Roda.
--
Isidoro Asensio Amor en Ribadeando:
http://ribadeando.blogspot.com/2008/09/otro-artigo-xa-vello-fotos.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/06/que-mala-sorte.html
http://ribadeando.blogspot.com/2007/09/iesrir-iniciativas-de-estudo-en-prol-da.html
E pronto, a renovación unha ligazón xa inservible, a da súa bibliografía, antes en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Traballos+de+Isidoro+Asensio+Amor

20210504

Emilio Piñeiroa Lozano, en Ribadeando

Emilio Piñeiroa, na Casa das Letras presentando un libro (foto collida da web do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo)

 

   Emilio ten enviado para a súa publicación no blog diversos artigos, libros, dípticos... que deixo a continuación por orde cronolóxica, a máis das dúas notas necrolóxicas publicadas a pasada semana. No blog, ademáis, é citado en diversos artigos.

Nota: entre os citados a continuación, os artigos ou libros non ligados estivérono e voltarán a estalo en pouco tempo. 

Megalitismo en Trabada

Pregón da Festa das cruces da Ponte

As fádegas, pisadas do encanto

Pegadas da prehistoria en Ribadeo 

Libro de A Nosa Señora das Virtudes de A Ponte

O camiño norte por Barreiros. Breve historia: Capela do Carme (Vilamartín Grande), Capela do Pilar (Gondán, S. Xiao de Cabarcos), Igrexa parroquial (S. Xusto de Cabarcos)

Fervenza. Pozo Lexoso

Capela da Atalaia

Capela de San Roque. Ribadeo

Capela de San Lázro, Ribadeo

A Roda, Barreiros

Igrexa de San Xoán de Ove

Capela das Anzas

Santo Estevo do Ermo

Díptico da capela de Santa Lucía de Frieira Nova, Ove, Ribadeo

Marco da Pena verde

Cranios humanos en tres igrexas da conca do Eo

Igrexa de S. Xoán de Ove. Ribadeo

Capela de S. Isidro en Marelle (Covelas)

Os muiños de vento de Ribadeo

A mámoa das Pallaregas. Trabada

A morena de Vilapena. Trabada (Lugo)

O bítere é típico das praias de Barreiros. Astrea rugosa

Vilafrail e Vilausende no Museo de arte sacro de Vilanova de Lourenzá

O mirador de Comado. Santiago de Reinante. Barreiros (Lugo)

A Ponte de Arante: pintura mural do naufraxio

Na costa de Barreiros: rochas que retan a imaxinación

A fervenza do pozo Lexoso

Báculo e calzado do bispo D.Pelaio II de Cebeira

Pinturas murais da Ponte de Arante (II)

Emilio (nota miña)

Lembranza a Emilio Piñeiroa Lozano. Pancho Campos