20190717

A RÍA DE RIBADEO DOS NEANDERTAIS AO NEOLÍTICO Pancho Campos Dorado

Hoxe é o día da Festa do Carme e gustaríame contarvos algo que parece relevante, case como unha lenda que narra un feito real, que aloumiñado de argumentadas conxecturas nos conducen a unha historia inédita sobre os primeiros habitantes da Ría de Ribadeo.
Comentaba Isidoro Asensio Amor, en varios artigos publicados en La Comarca do ano 1963, a labor xeolóxica de formación da Ría, que había exposto o Enxeñeiro Guillerme Schulz no século XIX, e tamén comentaba noutros artigos publicados en La Comarca do ano 1964, sobre a Xeoloxía de Charles Barrois e de Hernández Sampelayo, cuxos estudos estratigráficos mostran alturas do mar que varían entre cotas de máis de setenta metros entre o nivel máis baixo e o máis alto, respecto do nivel medio actual.
Estas baixadas e subidas do nivel do mar, en alturas que resultan tan esaxeradas no tempo, son producidas polas glaciacións cuxos períodos duran decenas de miles de anos. A bocana da Ría de Ribadeo estaba afundida 40 metros por debaixo do nivel actual do mar durante a glaciación Würm. Chámase Würm, ao último período glacial do Plistoceno ou Cuaternario, coñecido popularmente como a Idade do Xeo, que inicia fai 110 000 anos e termina fai 10 000 anos no Holoceno ou período posglacial no que nos atopamos actualmente.
O xacemento de Louselas, identificado no Paleolítico Inferior, dátase cunha antigüidade de catrocentos mil anos. Louselas estaba habitado por homes, que facían ferramentas, cuxos restos líticos se identifican na citada monografía Nº6. Pero no período do Plistoceno medio, o xacemento de Louselas estaba completamente somerxido baixo o nivel do mar, e máis recentemente, fai 200 000 anos, o nivel do mar estaba 38 metros por debaixo da cota actual.
Nestes períodos, cando os océanos estaban máis baixos, o litoral estaba centos de metros máis retirado do que hoxe o contemplamos. Na nosa bisbarra temos o exemplo, de que na praia da Arealonga de San Miguel de Reinante fai ao menos 9000 anos, había un bosque de árbores que foi sepultado por estes movementos do mar, e que debido o influxo das galernas de inverno dos últimos anos, quedaron ao descuberto os seus vestixios ó levar o mar a area da praia. Alí puidemos contemplar que os tocóns, raíces, madeira das árbores e restos vexetais, convertéronse nunha “turbeira”, ou zona de pegadas de carbón fósil de pouca densidade.
Na época do Plistoceno, os glaciares ocupaban unha cuarta parte da superficie terrestre, e os Neandertais eran aqueles homes que viviron durante un período de tempo de cen mil anos e cuxa extinción remóntase a fai uns 35 000 anos. Viviron en períodos xeolóxicos de glaciación intensa e refuxiábanse en covas máis menos profundas para abeirarse do frío, por isto son coñecidos popularmente como os “homes das cavernas” ou “cavernícolas”. Nas covas de terras do interior da Europa occidental atopáronse numerosos fósiles humanos do Homo sapiens neanderthalensis.
Pero ¿que ocorría coa vida humana nos litorais da costa nestes períodos de tempo, e particularmente, que pasaba cos homes que habitaban nos arredores da Ría de Ribadeo?. Pois ben. Tanto os homes como os animais, vanse adaptando ás circunstancias climatolóxicas para poder vivir como mellor poden, e as baixadas e subidas do nivel do mar, deixaron ao longo das costas, covas, grutas e escavacións medianamente profundas que o mar foi facendo cos embates da marusía, e ó quedar a descuberto, aqueles homes da costa as aproveitaron como vivendas. Aqueles homes foron os “pescadores, mariscadores e mariñeiros das cavernas” dos que ninguén fala pero que, por suposto, existiron exactamente igual que os cavernícolas das montañas.
Nas marxes da Ría de Ribadeo hai máis dunha vintena de covas que seguramente algunhas delas foron aproveitadas para vivir as familias humanas que por aquí se atopaban. Hai restos líticos nas praias, moi desgastados, pero similares aos que se atopan no xacemento de Louselas, polo que parecen anteriores ós homes de Neanderthal. Pero este tipo de restos suxírenlle a este afeccionado a historia, que aquela tecnoloxía dos homes de Louselas, usada para facer ferramentas lascando as pedras, seguíase practicando chegados aos homes do Neolítico de fai sete mil anos.
Recordar que o Neolítico foi definido como o período da prehistoria comprendido entre o Mesolítico e a Idade dos Metais, aproximadamente entre o quinto e o terceiro milenio antes de Cristo. O termo Neolítico, acuñado por John Lubbock en 1865, obedecía a criterios exclusivamente tecnolóxicos, en relación coa aparición da pedra pulimentada. Pero máis recentemente, aquela definición resultou demasiado simplista, posto que nesa idade prehistórica había evidencias de innovacións máis complexas: a cerámica, a gandeiría e sobre todo a agricultura. Así o Neolítico converteuse nunha división cronolóxica esencial dentro da Historia das Civilizacións.
Na ribeira da Ría de Ribadeo, na parte ribadense coñecemos dúas covas con nome propio: a Cova dos Sete Encantos, e a Cova da Vella. Hai outra practicamente enterrada entre a praia dos Bloques e a Vilavella, e outras tres ou catro próximas ó Cargadeiro, protexidas do Vendaval, e que para este relator, foron vivendas cavernícolas que pouco a pouco foron abandonadas a medida que subía o nivel do mar e ían desaparecendo cos recheos de area, xógaras e sedimentos.
Na hoxe ribeira asturiana da Ría de Ribadeo, no litoral de Figueiras, hai máis dunha ducia destas covas, que están semienterradas e a vista, moi ben asocairadas do vento Nordeste que tanto frío trae canda el, polo que non sería de estrañar que por aquel tempo inmemorial, foran un bo refuxio e tamén estivesen habitadas.
No debuxo móstrase o perfil do leito da Ría de Ribadeo a altura da Ponte dos Santos. Vemos que hai unha enorme colmatación de area cunha profundidade superior os 40 metros. O canal ten aproximadamente unha media de seis metros en marea chea, pola que se rexe a regulamentación do calado dos barcos mercantes que atracan no Porto Comercial de Ribadeo. Non sabemos canto haberá escarvado o mar os cantís da costa ao longo dos miles de anos de traballo das mareas e das galernas, as covas están cheas de area e xógaras, e non sabemos a que profundidade chegan. Segundo unha “lenda urbana”, escoitei que cando se buscaba firme para a cimentación da primeira zapata da Ponte dos Santos, no cantil de Ribadeo, parece ser que despois de perforar uns poucos metros en profundidade, atopouse un oco profundo, e que se fixo o seu recheo con formigón, para consolidar a zapata. Podería ser que fora unha desas covas das que falabamos, e que por casualidade se lle furou o teito ao facer a zapata da primeira pilastra.
Por outra banda, ¿todas as covas do litoral de Figueiras foron feitas polo mar? ¿estarán algunhas delas refeitas pola man do home, ou rematadas por el? ¿como é que hai tantas covas en sitios nos que realmente non bate o mar con bravura?. Preguntas, preguntas, soamente preguntas!
Segundo o número de covas que vemos, a poboación de mariñeiros e familias tiña que ser bastante grande, ¿sobre cantos?, ¿douscentos... trescentos?
Sería cousa de que patrimonio ou autoridade competente fixera algunhas catas estratigráficas de materiais das partes profundas das covas e dos sedimentos frontais destas covas que temos á vista, pois poderían sorprendernos os achádegos que atopáramos, posto que no Neolítico da península ibérica as cerámicas con decoración impresa, atópanse fundamentalmente en covas situadas nos arredores da costa, e esta é unha costa privilexiada para todo tipo de descubrimentos históricos e prehistóricos, e non está practicamente nada estudiado. Pero xa os estou oíndo: ¡Pancho, non hai presuposto asignado para estas cousas!. ¡Pois iso... xa mo parecía, pero algo haberá que facer!
Feliz día do Carme a tódolos mariñeiros e familias, así como, a todos aqueles que se sinten marineros atraídos por ese inmenso mar océano que tantos secretos nos garda.
--
1.Hernández Pacheco, Isidoro Asensio, 1963
2.Monografía Nº6, Louselas, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014.
3.Ibidem, p.13
4.Nueva Larousse P 45, volume 29, páx. 8897.
5.Debuxo a man alzada, máis menos a escala, sacado do magnífico traballo: “Desdobramento da Ponte dos Santos”, feito por Martín González Vilaseca e Katia Goyos Alonso, para a Feira da Ciencia do IES Porta da Auga de Ribadeo, Abril 2009.

Ningún comentario: