20210427

LEMBRANZA A EMILIO PIÑEROA LOZANO. Pancho Campos Dorado

LEMBRANZA A EMILIO PIÑEROA LOZANO

 Pancho Campos Dorado

   Quero mandar desde estas liñas un grande e sentido pésame a túa muller Isabel, os teus fillos Rodrigo e Cristina e a toda a túa familia. Non sabes ben o que te vou a botar de menos, o que vou botar en falta a túa presenza os teus coñecementos da Historia con maiúscula.

   Mandabámonos washap todas as semanas para saber de ti desde decembro en que me contaches na habitación daquel hospital da Coruña o que che pasara na túa operación de vesícula. Pasouche ós 68 anos o que a meu pai ós 58 anos, un médico que pide desculpas porque isto pode pasar cada 10 mil casos, e precisamente vosoutros fóstedes ese paciente 10 mil.

    Así é a vida. A familia pérdete e chora, e nós, os teus amigos, tamén choramos por ti, anque de pouco serve.

    Emilio era un profesor de Historia, xubilado fai nada, que estaba empeñado en loitar incansablemente polo patrimonio histórico de Ribadeo, Celeiro, Barreiros, e polo patrimonio de toda a Mariña en xeral. Estudaba e buscaba información documentada debaixo de montóns de papeis e pergamiños antigos de todo tipo, escrituras notariais, foros, testamentos, arrendamentos de terras de carácter privado, no Arquivo da Catedral e no Diocesano de Mondoñedo, revisaba os libros de bautismos, casados e defuncións das igrexas da comarca, as actas dos concellos, particularmente no de Ribadeo, e mergullábase durante horas en bibliotecas privadas e públicas para sacar información fidedigna de calquera tema que considerara interesante para publicar nos seus libros e artigos de prensa. Así, todos eles, son un legado de exquisita fonte documental.

    Estaba acabando de rematar un magnífico estudo sobre os mortos nos enfrontamentos dos veciños contra as tropas napoleónicas, o pé da Igrexa de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante. Buscou todos e cada un dos nomes propios daquela inxusta masacre. Estaba entusiasmado por poñer unha placa conmemorativa nun dos frontes desta Igrexa das Virtudes e un pebeteiro que sería prendido cunha chama en memoria dos heroes das vilas e tamén dos mortos franceses o día da celebración da Festa das Cruces (In Memorian...La Comarca del Eo 02-agosto-2020). Traballo que non puido culminar debido o coronavirus. Estaba encantado de ensinar ao mundo a Fervenza de Lexoso, un paraxe incomparable de augas fluviais no entorno dun bosque digno dun conto de fadas. Que tranquilidade se respira alí. Aquel día que mo ensinaches quedei impresionado. Pero non che bastou con ensinarme todo aquelo, fomos ver a senda do Encanto, ver as súas pegadas na pena. Ti eras o mellor guía turístico que se podía atopar na zona, concienciudo profesor que coñecía cada pedra, un experto na súa historia e na que cada palabra túa era unha ensinanza a ter en conta.

    Nós, aquel día acabamos a ruta na derruída igrexa-fortaleza do Bo Xesús de Ove, e desde aquel outeiro, recordo que nos entristecemos o contemplar a Ría de Ribadeo en baixamar e dábanos pena ver tanta beleza en mans de tanta desidia da administración pública.

    Repítoche Emilio, voute botar moito de menos, levabámonos moi ben e o teu último washap do día 17 deste mes de abril dicíasme “vou algo mellor pero moi lento”, logo xa non houbo máis réplica e tiven un mal presentimento.

    Esperaba por ti, para seguir cos traballos de investigación, como aquel que fixemos do henge de A Roda de Reinante (La Comarca del Eo, 10 de marzo de 2020), metíchesme a febre de seguir estudando Historia e documentar sempre cada peza, cada vestixio, cada evidencia.

    Estou seguro que como bo profesor, seguirás explorando todos os recunchos dese sitio para onde te fuches, nese inmenso mundo das estrelas. Espero que unha noite en que mire ó ceo, te decates de que estou mirando e fagas un pequeno pestanexo para indicarme onde estás. Adeus meu amigo, sempre terás un lugar na miña memoria e creo que na de todos os que te coñeciamos. Amén.

Ningún comentario: