20210423

RÍA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

 

RÍA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

    Filibusteros é a palabra que emprega o dicionario para referirse ás pragas infecciosas dos piratas do Caribe, xente putrefacta empeñada en apropiarse do alleo por vía marítima. Esas cuadrillas de individuos que turran, turran e turran unha e outra vez empeñados en apropiarse do alleo, e non cabe dúbida de que o que buscan os patrioteiros do Principado de Asturias é o botín arqueolóxico subacuático que hai por miles de pezas no fondo da Ría de Ribadeo. O nome da ría claro que importa, pois perdida a identidade toponímica do lugar pasa de ser do Reino de Galicia, a ser un topónimo inventado e compartido co Principado, ente xurídico que se dedica a expandir o seu territorio desde fai séculos a costa dos territorios galegos, e para iso vai inventando cousas. Tal exemplo témolo en aquel Afonso I “o Católico”, ou sexa, lacaio da igrexa católica, xenro de Don Pelaio pois estaba casado coa súa filla Ermesinda, e que un día pola maña deulle a turrada, e proclámase primeiro rei de Asturias, cando Asturias sempre foi unha provincia da Gallaecia e nunca un reino documentado como tal, por máis que aos “españolistos” facedores de historietas o escriban en libros, libretos e na Internet. O seu sucesor Fruela I (757-768) era tan sumamente malvado que o asasinaron, iso si deulle tempo de fundar Oviedo.

    Ribadeo é un porto estratéxico do Cantábrico desde a época comercial celta-grega de máis de dous mil anos de antigüidade. Todos eses vestixios históricos patrimoniais están enterrados no fondo da Ría de Ribadeo. A súa localización tan estratéxica no Camiño de Santiago e no comercio marítimo do Atlántico, vírona no século XII tanto os bispos de Oviedo e de Mondoñedo, como o rei Alfonso VII “o Emperador” (rei 1126-1157, fillo de D.ª Urraca e coroado rei de Gallaecia en Santiago por Xelmírez en 1111 e como emperador en León en 1135) e amplía a súa xurisdición real en detrimento dos intereses bispais de abadengo.

    Nestes intres do s. XII, o bispado de Mondoñedo perde contra do bispado ovetense a xurisdición do territorio de Reboredo que se converterá no concello de Castropol, punta de lanza do convento ovetense e máis tarde do Principado de Asturias, contra os intereses da Galiza e de Ribadeo ata os nosos días (por algo seguimos sen Xulgado de 1ª estancia e de outros organismos oficiais).

    No século XIII Ribadeo é sé episcopal con Igrexa Catedral-Colexiata e chega a ser o Porto comercial máis importante do Cantábrico como consecuencia tamén do seu rango de Vila e do privilexio de Carta Puebla con dereito a celebrar mercado, que lle concedera Fernando II (rei 1157-1188 da Galiza, de León e doce anos tamén de Toledo, durante a minoría de Afonso VIII, o das Navas de Tolosa). Ribadeo no século XIII é bocado territorial moi apetecible para moitos intereses, cuxo valor chega aos nosos días, e se no século XII tivo o bispado de Oviedo o atranco dos interese do rei e non consegue facerse coas Terras de Ribadeo e de Miranda, volven a turrar e turrar unha e outra vez, sempre que atopan unha debilidade no goberno do Reino de Galicia. Hai varios preitos anuais desde primeiros do século XVI contra os intereses do comercio do sal que chega ao porto de Navia e cuxas alcabalas cobraba o Conde de Ribadeo.

    Turrar, turrar, turrar esa é a cuestión, ata que fan a falcatruada no século XVI, cando chega a ser VI Conde Ribadeo e II Conde de Salinas de Añana (Álava), Diego Gómez de Sarmiento e Villandrando, un personaxe que vende ao Principado de Asturias en 1551 en Medina del Campo (vamos, ao lado de Ribadeo!) as Terras de Ribadeo e as súas servidumes intre Eo-Navia por 8500 ducados. Esas terras eran do Reino de Galiza e non eran propiedade do conde, pero por aquelas datas o menosprezo sementado polos reis católicos cara a Galiza, que había que queimala e arrasala como fora, matar, aforcar e despanzurrar antes de morrer a todo individuo con asomo de fidalguía galega, era un momento moi axeitado para os intereses do Principado, que facía un século que existía e tiña gañas de chegar canto antes co territorio á Coruña (na Internet, mapas de Asturias cos marxes territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, hai uns cantos exemplos). Así se escribe a historia confeccionada da Hispania-españolista.

    A estratexia secular dos gobernos de Asturias por conseguir gobernar o Porto de Ribadeo nunca se perdeu, e volven turrar no ano 1958, aproveitando a ditadura franquista, xa que Franco estaba casado cunha asturiana e éralles fácil chegar a el, pois na “Corte de Oviedo” non o podían ver e parece ser que el quería granxearse o seu favor. Pois ben, neste ano 1958 a administración franquista fixo a delimitación interprovincial que lle deu a gana, trasladando a “liña de marcos” da ribeira asturiana ata o medio da Ría de Ribadeo, pasando polo arte de “birlibirloque” miles de hectáreas da provincia de Lugo, para a provincia de Oviedo, cando a marcación da Ría de Ribadeo foi sempre en ambas ribeiras do territorio do Reino de Galiza. Pero non cabe dúbida de que aqueles do goberno da provincia de Oviedo, foron falcatrueiros listos, e aqueles gobernadores da provincia de Lugo non movían un dedo por nada que puidese desacomodalos do posto onde tan ben vivían. Aquela trapallada franquista quedou tapada para os ribadenses, que non se decataron de nada, pois aquel agosto de 1958 foron inaugurados por Franco o Parador de Turismo e o Instituto Laboral “Carlos María Rodríguez de Valcarcel”, ambos establecementos moi desexados por todos os veciños de Ribadeo.

    Outra sibilina turrada, e non cabe dúbida que de “xente lista” que está a todo o que se menea, foi a denominación no ano 2011 do espazo da Biosfera “Oscos, Rio Eo e Terras de Burón” onde toda a toponimia das Terras de Ribadeo e de Miranda se asolagou dun plumazo. Que pasaba en Ribadeo no ano 2011? Había eleccións municipais. Levaban gobernando en coalición PSOE e BNG (2007-2011) e aquel ano gañou o BNG por maioría absoluta (2011-2015). Que lles pasou a estes dous partidos para permitir isto? Sinto moitísimo dicilo pero comentáronme que “non pensaban que tivera importancia pois non se nomeaba tampouco a Asturias”. Eu escribín denunciando esta barbaridade toponímica en dous artigos sobre a “Buronlandia” que se acababa de crear (tamén en La Comarca del Eo 1-outubro-2011 e 2-novembro-2011), pero igual deu, non entenderon o que leron, si é que os leron.

    Agora volve o goberno do Principado de Asturias a turrar co nome da Ría de Ribadeo, con saña por sacar un bo bocado, coma sempre. Por que agora?. Sen lugar a dúbida porque quere ter o control dos pécios e dos restos arqueolóxicos da Ría de Ribadeo para encher as vitrinas dos seus museos ata rebousar. Agora van a chegar fondos europeos para a recuperación económica de España, na inxente cantidade de diñeiro de 140 mil millóns de euros que serán repartidos entre as comunidades. Veredes como aparecerá a beata santurrona con pantalóns, que nos loubará o ben que o fai o PP no goberno da Xunta de Galiza e cuxo modelo debería ser extrapolable ao resto do Estado, pois hai que ver o ben reparte migallas de calderilla por Ribadeo.

    Seguro que sabe traballar mellor a cuestión monetaria o Principado que a Xunta, só hai que ver o impulso que lle deu aos Oscos, a Taramundi, etc. pero na Ría de Ribadeo non podemos deixarnos cabalgar por tamaños veciños que nos tocaron en sorte, pois o que cabalga ten dominio da cabalgadura, tena amestrada, domada, sometida, e non é o caso cos veciños de Ribadeo. Asturias aliouse con León, Castela ou Santander para destripar e esquecerse da Gallaecia ou Reino de Galiza de onde eran provincias e condados. Chegaran farfallando a onde queiran chegar, pero neste lado da Ría de Ribadeo nin somos primos nin irmáns deles, somos ribadenses, algo xenuíno que só se atopa na boa xente.

    O Porto de Ribadeo é nestes momentos gracias a “benevolencia” (ou incompetencia?) da Xunta de Galiza, o porto occidental de Asturias por excelencia. De aquí saen case 500 mil Tm. ó ano de pasta de papel cuxa papeleira da postos de traballo ós asturianos. Todos os montes da nosa comarca galega plantan eucaliptos para esa papeleira asturiana que tamén establece os prezos de compra, cuxo monto da escasamente para repoboar a maioría das pequenas fincas que están plantadas. Os camións que traen a pasta ó muelle de Ribadeo son de compañías asturianas conducidos por asturianos. Do porto de Ribadeo viven escasamente unha ducia de persoas galegas a día de hoxe, cando antes vivían máis da metade das familias da poboación de Ribadeo. A Capitanía Marítima estivo comandada desde a década de 1980 ata fai un ano, por un mariño mercante asturiano, incluso o Práctico do Porto de Ribadeo é asturiano. A Xunta reparte prebendas para que sigan vindo cargar a Ribadeo a pasta da empresa privada ENCE, e rebáixalles as taxas do porto para que estean contentos, en vez de sacar avante as infraestruturas necesarias para que o porto sexa rendible. Levantar ou peraltar a táboa da Ponte dos Santos ata os 45 ou 50 metros cunha ponte colgante ou atirantada pois hai que tirar as pilastras centrais que estorban ao tráfico e a manobra polo canal, dragar a ría ata os sete ou dez metros de calado cribando a area para salvar as pezas arqueolóxicas que aparecerán por centos ou miles a esa profundidade, desescombrar a obra incivil que desde 1980 os “enxeñeiros” de Camiños, Canales e Portos de mentalidade obtusa e faltos de toda práctica competente, foron incorporando a ría e transformaron un porto comercial nunha marisma para cullaretos de ras. Hai que limpar todo o escombro desa escollera e levar por diante todos os diques do porto deportivo e situalo na Vilavella para deixar diáfano o canal para o tráfico marítimo. Para que queremos os ribadenses nestas condicións o noso porto? Que se vaian, que carguen a pasta no porto “del Navia”, no de Castropol, no de Figueiras, no da Veiga, que a leven en trens ou en tractores a cargar a Avilés, ó Musel de Xixón. Non nos están ameazando constantemente con esa verborrea vergoñenta?. Pois que se vaian dunha puta vez da Ría de Ribadeo que con ese mediocre comercio marítimo teñen ós da Xunta de Obras de Portos da Galiza obnubilados e pasmados. En Portos de Galiza teñen que poñerse a traballar por Ribadeo e deixarse de alugar ao mellor postor o Faro da Illa Pancha ou deixar de percibir dereitos de amarre que autofinanciarían o dragado da ría e a súa rehabilitación. Que se poñan a traballar como fixeron os vascos na Ría de Bilbao que transformaron aquela porcallada de ría en un magnífico centro turístico de proxección internacional. Vaian por alí e aprendan algo ¡¡Viva Galiza Nación!! Érguete que te tan pisando!!

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Atapuerca, a lado de Ribadeo debe ser un plagio, quien iba decir que el origen de la especie humana se asentase en éstas latidudes. Lo incomprensible es la poca evolución de la especie en estos lares, por lo que veo no hace mucho consiguieron levantarse de las patas delanteras.

Anónimo dixo...

Atapuerca, al lado de Ribadeo debe ser un plagio. Quién iba pensar que en estas latitudes se asentaría el origen de la especie humana, ta visto que no hace mucho tiempo consiguieron levantarse de las patas delanteras. Como dices... Andarías por el mundo, pero gracias a Dios nunca levache el timón.

agremon dixo...

Considero os dous comentarios anteriores unha faltada. Déixoos para facer fincapé en que comentarios así tardarán en volver a verse no blog: non aportan nada (nin ironía) e só se meten coa xente.

pancho dixo...

Si, efectivamente, temos unha historia tan antiga que individuos de escaso cerebro teñen pouca posiblidade de entender. Non levei o timón porque non era o meu traballo, aínda que foi o primeiro que aprendín a levar nos meus principios de andar o mar, pero cando eu estaba no medio do océano e paraba máquina por avería todos estaban pendientes de min, pois un barco daquela categoría sin máquinas, solo é un montón de chatarra a flote

Alberto Paraje dixo...

O que vendeu o Conde de Salinas en 1551 en Medina del Campo non foron os dereitos xurisdiccionais das Terras de Ribadeo, entre os ríos Navia e Eo, xa que nunca lle pertenceron. O que vendeu o Conde foi a vila de Navia cós seus correspondentes dereitos xurisdiccionais sobre o territorio dos actuais concellos de Navia e Villayón, que foran reintegrados ao Condado de Ribadeo en mans de Rodrigo de Villandrando en 1448, tras serlle confiscados a Suero de Quiñones. A xurisdicción sobre os concellos das Terras de Ribadeo pertenceu ao bispo de Oviedo dende o ano 1157 e foille expropiada no proceso desamortizador de finais do XVI, sendo comprados os dereitos xurisdiccionais dos respectivos concellos polos propios veciños nesas mesmas datas.