20100109

Pepe Matamouros, patrón dos enfrontamentos

En tempos, xa lonxanos, xurdiu no que se ía configurar como España o mito de 'Santiago Matamouros'. Dende aquela, as cousas cambiaron. Tal parece mesmo que da reconquista pasaramos a unha especie de re-reconquista, na que serían os mouros os que quererían ocupar de novo Al-Andalus, a parte doutros moitos territorios.
Normalmente recibo por correo electrónico moitas presentacións, ligazóns a videos e demais. A maioría, a grande maioría, non os abro, Pero abro abondos como para detectar que moitos son repetidos (chegan por diferentes enderezos de partida) e, sobre todo, que hai unhas certas tendencias. Así, estase incrementando dende hai tempo o número de correos relacionados coa maldade dos mouros / 'árabes' / musulmáns, poñendo de manifesto o seu extremismo, as súas atrocidades, as súas ideas retrógradas, o odio a nós, 'inocentes occidentais', ...
O único contacto prolongado cun musulmán do que son consciente foi cunha persoa nova, nun cursiño de formación, no que tiña unha base abondo mellor que o resto ('cristiáns occidentais'), era alomenos tan intelixente como eles e tamén abondo máis traballador. Un caso pode ser unha anécdota. Certo. Pero tamén é certo que os que me chegan son 'casos' que son magnificados, cambiados de contexto, ironizados ou mesmo direitamente mentiras. Desto último, das mentiras, xa teño detectado algunha, simplesmente indo pola rede a facer as comprobacións pertinentes en documentos.
Quere isto dicir que todos os 'árabes' son bos? Evidentemente, non. Teñen os seus extremistas, igual que nós temos os nosos ou os xudeus os seus (ou os chinos, ou calquera outro conxunto humano). E, por moitas ideas que subxazan, tratamos con persoas, ás que hai que considerar. Deixemos de pensar nun 'Pepe Matamouros' actual que conduza os exércitos 'cristiáns' (chámalle se queres 'Presidente Bush' e ós exércitos 'occidentais', 'bós', ...) á victoria para pasar a moitos Xan Ninguén que conduzan ás sociedades a unha mellor convivencia.
Poñerse en lugar do outro, lembrar o noso propio pasado como pobo de emigrantes con constumes diferentes ós lugares de acollida, enfrontarnos ás verbas que se manexan (que bo título o de 'As cruzadas vistas polos árabes'), lembrar o que pode ser a desesperación, tentar comprender os pasos previos ós atentados, ...
Esta entrada queda incompleta. Terá unha segunda parte...

2 comentarios:

agremon dixo...

Non é o mesmo tema, pero si está relacionada esta entrada de Im-pulso.

Fer Trombón dixo...

hai un libro moi interesante ó respecto, "orientalismo" de Edward Said.
A estratexia de definir a un colectivo como queramos que sexa para logo poder atizarlle.. o tema das presentacions dubido moito que non esté detrás algunha multinacional..
;)
unha aperta..
botarei uns dias en Ribadeo, cara a febreiro.. tentarei chamarte
un saúdo