20090629

Non se trata de facer de cada pobre un rico, senón de facer forte unha comunidade

Corresponde a unha frase de 'El legado de una revolución', e non trata de Ribadeo, senón da India, da obra de Vicente Ferrer. É curioso que me chame a atención, relacionado con algo de Ribadeo? Non o creo. Coido que a difusión dos feitos que deron lugar ó estado actual da obra de Vicente Ferrer (comezando pola súa loita anarquista) pode dar moitas leccións, e non só para quitarlle a fame a pobos con moitas carencias, senón tamén a xente que 'vive ben'. E é que máis aló da liña aquela de 'se lle das un peixe a unha persoa, aliméntalo un día; se lle ensinas a pescar, comerá toda a vida', Vicente colleu con antelación unha idea posterior do Nobel de Economía Amartya Sen, o desenvolvemento socio-comunitario como base non só para o desenvolvemento humano-persoal, senón tamén económico. É dicir, a pobreza/riqueza como algo relativo, que pode moi ben vir dado polo desenvolvemento comunitario como unha cousa máis do que se soe chamar non 'nivel de vida', senón 'calidade de vida'. É dicir, a riqueza 'medida en cartos' é algo moi relativo, por moito que sexa o sistema tradicional de medida. A participación comunitaria é tamén riqueza, e máis sustentable e duradeira, máis básica.

Ningún comentario: