20090615

De novo, Corpus Christi en domingo

... para o que serve... Isa sería a conclusión, despois de ver a asistencia á procesión onte en Ribadeo. Por razón da tradición de alfombras florais, non establecerei comparación aquí entre a celebración en Castropol (da que darei conta noutro momento con fotos) e Ribadeo. Pero, despois de seguir un ano máis sen explicarme o por que a igrexa cambiou de día unha das festas principais da Igrexa, deixo unha notas sobre a que para min foi triste procesión de onte. A misa foi longa, moi longa, cantada pola Coral Polifónica, mentras que a procesión foi tamén longa, pero sen ser acompañada pola banda. A razón non foi, parece ser, ideolóxica como podería pensarse en tempos de Hernán (ver dous escritos, un texto de protesta e a contestación de Hernán: 1 e 2), senón que a esgrimida foi que faltaban moitos músicos, polo que o silencio só foi roto polo golpear dos soportes do palio contra o chan. Cabería dicir que por ista vez os acompañantes foron calados? Non, o que cabe dicir é que non houbo acompañantes máis aló dalgunha nai da vintena de cativiños de primeira comunión que desfilaron (os pais estaban ocupados coas fotos). Bo, e a m iguada representación das autoridades.
Houbo unha alfombra floral na rua San Francisco, con debuxos con café, sal coloreada e casca de cereal segundo parece provinte dos irmandiños. Como ía todo o adorno direitamente sobre o chan, sen papel interposto, aínda coa carroza transporte do Corpus diante da igrexa e a porta aberta, comezou xa a limpeza floral, co 'gato' a limpar primeiro e os empregados de limpeza despois. A xente que estaba fóra, aínda non abandoada a visión da procesión, debeu facerse a unha beira.
Resultoume curioso ver como a Custodia se trasladaba dende a estrutura de transporte ata as mans cubertas do sacerdote simplemente colléndoa un cura diante de tódolos curiosos (noutro sentido, e eu incluído) sen cubrir as mans: de parafernalia a parafernalia con prosismo...

Ningún comentario: