20070529

Agora si, xornada de reflexión

Onte foi unha xornada truncada. Un accidente mortal para os tres triplantes dunha lancha de pesca burelesa á beira da illa Pancha determinou que os resultados electorais tiveran que esperar para ser comentados: primeiro, a vida; logo, o comentario sobre ela.
A victoria do BNG en Ribadeo contrasta co mantemento da porcentaxe pero con caída de votos a nivel Galicia, en donde foi o PSOE o que subiu tanto en porcentaxe como en votos e o PP quen baixou en ambos. É dicir, estase a fraguar un cambio de partido dominante despois de moitos anos de prevalecer o PP. Desta, perdeu a Deputación de Lugo (polos previsibles pactos BNG-PSOE) e a normalidade da existencia de tres partidos en igualdade de condicións vai calando ó longo de toda Galicia. A nivel estatal, empate técnico cun pouco de maís votos para un e de porcentaxe en alcaldías para o outro, a parte dos votos para partidos de carácter maís local e os de IU.
Voltando a Ribadeo, os ventos de cambio están claros ó ver que os votos PP+UPRi quedan máis de 700 por baixo dos do BNG+PSOE... pero hai que contar que nas pasadas municipais a relación era semellante. Seguiría a perder votos o PP se non chega a ser pola UPRi? Terían ido máis votos tano do PP como do PSOE para o BNG no caso de non existir a UPRi? O novo partido queda sen ver cumpridas as súas aspiracións de bisagra, co que ó tempo desencadea novas preguntas: a primeira é se poderá aguantar ben para proseguir a andaina máis aló das próximas municipais, pois os partidos locais teñen dificultades en abranguer longos períodos en activo, e o BNG acadou resultados históricos e o PP, tamén.
Dise que o BNG onde gañou foi no campo, e non na vila. Eso din os números, pero, que representa? atreveríame con varias hipóteses, pero ningunha que poida confirmar direitamente. O que si se pode confirmar é o xa dito de que o movemento do BNG en Ribadeo foi contra corrente nestas municipais. E que hai ánimo de cambio, tanto pola existencia dun novo partido no consistorio como polo recoñecemento de que teñen que cambiar na xente do PP ou pola ilusión que se respira na xente do BNG. Non ocorre o mesmo no PSOE, onde parece que non se explican moi ben a perda e a achacan a erros de comunicación, e onde o segundo das pasadas eleccións quedou sen praza nestas despois de ser retirado ó cuarto posto. Por eso, as cousas que indican cambio quedan en suspenso pois está claro que o BNG terá que pactar para poder ter a alcaldía sen estar exposto de xeito contínuo, e o seu socio natural éo PSOE, como xa dixen onte.

Ningún comentario: