Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta recuncho da lectura. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta recuncho da lectura. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230517

Letras galegas 2023. O recuncho da lectura e tres lembranzas

Hernán, en debuxo propio, e del Riego, de foto en dominio público.

Letras galegas 2023. O recuncho da lectura e tres lembranzas

    Comecei a matinar nisto do Recuncho da Lectura hai cousa duns meses. Daquela a plataforma que estaba a usar para comentar lecturas en internet, Goodreads, do grupo Alphabet (Google) comezou a non deixarme meter máis libros novos. E como pouco se ocupa dos libros en galego... xa teño varios lidos e sen comentar. Non é que sexa especialmente dado a comentar os libros que leo, pero vexo unha discriminación o non poder facelo. Sei que en algún momento chegarán eses títulos á plataforma e poderei comentalos, pero trátase tamén da autonomía. Miña, e por suposto, da lingua e de todos. Por un tempo amañei a cousa solicitando al alguén que tiña permiso que colgara eses libros en internet, pero hoxe por hoxe, a plataforma nin permite facer comentarios encabezados por un título sobre libros que non esté xa cargados, co que o proceso vai dificultándose. Por iso, como alternativa, aínda que sexa moi secundaria en importancia en relación coa difusión que podía ter na plataforma, deixarei aquí comentarios -sucintos, como viña a facer en Goodreads- sobre algún libro que vou lendo en galego. O nome ven dun 'Recuncho da lectura' (aquí, en Internet Archive no 1998) que mantiven literalmente o século pasado na miña primeira páxina web, adicado tamén á lectura en galego. Unha nota final a esta introdución: se é o funcionamento de Goodreads o que me impulsa a facer esta entrada e outras que é previsible que veñan despois, nestes momentos, o blog tamén está sobre unha plataforma de Alphabet, Blogger.

-   A gran novela galega, de César Cequeliños. Morgante edicións, 2023, ISBN9788419040077. Unha pequena e divertida sátira do que non se soe ver que fai quen dirixe os directores a industria da cultura galega. Pode que intranscendente literariamente, pero a súa referencia á estrutura da mecánica literaria en Galicia e a súa linguaxe coloquial fan dela unha obra que non apetece deixar ata que chega o final.

-    E agora pasa un tren, un libro da vella colección Mandaio de Biblos, de Lito Caramés, 2005, ISBN8493412643. Non me gustou, pero aí está. É un batido de relatos curtos relacionado co tren (ás veces, moi  moi pouco), dos que algún daría para algo máis desenvolto.

-    Flores de ferro. ISBN: 978-84-9151-491-6. Ed. Galaxia. O último libro tratado no club de lectura do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Electriza pouco a pouco sen chegar a electrocutar. Non fala dos tempos da guerra, fala de xente que viviu nun tempo así. Que sobreviviu. E do mundo que quedou con esa supervivencia. Gustoume moito, aínda que polo medio se coe algunha pequena incongruencia, como o cálculo do tempo en chegar a Briana, e aínda que a resolución da historia e o seu desenvolvemento acalen a apetencia por un uso da lingua máis rico, pero que non se bota de menos.

    Xunto con ambas reseñas, as lembranzas. A primeira para Rosalía, na orixe da elección da data do 17 de maio, coa difusión de 'Cantares Galegos'.

    A segunda, para Francisco Fernández del Riego, a quen está adicado o día este 2023.

    E a terceira lembranza, para Hernán Naval, quen rexistrou unha noite como a pasada de hai xa 22 anos o seu pasamento.

    --

    Despois de rematar e publicar chego a outra cousa que engado. Hoxe cumpriríanse os sesenta anos do que está definido no texto que collo como primeiro acto galeguista da postguerra en Ribadeo. Realizado nun recreo do sexto curso na Academia en 1963, léronse poemas de Rosalía e un texto sobre ela, con asistencia de toda a clase, e duración dunha media hora. Non se sabe se a dirección da Academia non se enterou ou non se quixo enterar. Na mesa estaban tres persoas; dúas xa non están, Álvaro Lamas e Montserrat Miró, e a terceira sería quen o escribiu hoxe no Facebook, Evaristo Lombardero.

 

20250202

Recuncho da lectura: O libro da filla

 


 Recuncho da lectura: O libro da filla

    Recuncho da lectura: O libro da filla. Inma López Silva. ISBN 9788491514381. Editorial Galaxia. Vigo 2020. 480 px.

    Dous relatos que se pretenden entrelazar nun conxunto de historias que os arrodean e que pola contra, rematan disolvéndoos en parte. A pretensión de que sexa o lector quen decida culpabilidades, pero rematando co apunte da autora despois de despistar. Faise longo por un querer ir máis aló cando está case todo resolto. Se botas contas, se os necesitas, dá temas bondo nos que pensar. Pero fíxoseme costa arriba para chegar ó final.

20240625

Recuncho da lectura: No et moi

 


Recuncho da lectura: No et moi

     No et moi. Delphine de Vigan. ISBN 9782253124801. Le livre de poche. Librarie Générale Française. París 2018. 250 px. (Fr.)

     Case diría lectura xuvenil no mesmo sentido que O pequeno príncipe o é. Sendo tan diferentes, a súa lectura lembroumo. Non é unha obra mestra, é unha boa obra que amplía miras amplas. O asombro da portada dirixe mal o propio asombro e a xestión da vida da protagonista, mais ó tempo dá acubillo a esa sensación de saber e integrar o saber na propia vida, da descuberta da existencia dunha vida máis aló da chamada zona de confort que todos temos. 

20230522

Recuncho da lectura: A arte de trobar


    Recuncho da lectura: A arte de trobar

    A arte de trobar. Santiago Lopo. Xerais Narrativa. ISBN 9878491212737, Vigo 2017.

    Da historia á imaxinación, da lectura á comprensión e estima. Unha obra suave na que un argumento de base histórico é explicativo para a nosa cultura actual. Novela ambientada arredor da persecución cátara nos tempos da segunda voda de Fernando III. Ten unha trama sinxela e unha posta en escena rica en referencias que leva de xeito doado ata o remate, tendo sempre a Galicia e o galego como punto de contraste e aplicación de feitos.

    Para o club de lectura do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

20230729

Recuncho da lectura: O inimigo coñece o sistema


    Recuncho da lectura: O inimigo coñece o sistema

    O inimigo coñece o sistema. Marta Peirano, tradución de Antía Veres Gesto. Ágora K. ISBN 9788416721559, Pontevedra 2019.

    Collido da BPM El Viejo Pancho despois da recomendación da bibliotecaria, xa teño escrito sobre el que nótase que a autora coñece o sistema, e que é de xustiza agradecer a recomendación. É de xustiza porque o libro, ó meu ver, paga a pena. Nas súas 326 páxinas dá un repaso ó uso da informática para a manipulación da xente e aniquilación da liberdade individual. Dito así, soa abondo máis forte que o título, pero tamén hai que pensar que nos catro anos dende a súa publiccación (foi publicado tamén no 2019 na súa versión orixinal en castelán) as liñas fundamentais que trata o libro máis ben agraváronse a pesar de certa toma de conciencia.

    A lectura resulta amena e a cantidade de notas que acompañan ó texto permiten, se alguén o quere, continuar na profundización, a máis de facerse unha idea sostida máis 'en rede' mundial.

20231211

Recuncho da lectura: The curious incident of the dog in the night-time


     Recuncho da lectura: The curious incident of the dog in the night-time

    The curious incidente of the dog in the night-time. Mark Haddon. Vintage Books. ISBN 1400032717. New York 2003.

    Lido co club de lectura da EOI, unha mostra mais do bo tino que é común entre a xente que leva un club de lectura con cariño.

    Sabes o que é ser Asperger? A través desta lectura podes abirlle á porta ó concepto. Non podo xulgar se o retrato é bo; en todo caso, non deixa de ser unha introdución. Pero coidado, é unha novela. Sinxela, pero ó tempo profunda, non transmite anguria, pero detéctaa e visualízaa a través dun pícaro inmerso nun mundo que non comprende nin o comprende, mais é usado para que nós podamos comezar esa comprensión.

20231018

Recuncho da lectura: A Trenza


 

    Recuncho da lectura: A trenza

    A trenza. Laetitia Colombani. Rinoceronte. Col. nova. ISBN 9788415388584. Vigo 2021

   Lida co clube de lectura do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, collida da súa biblioteca. Tres novelas independentes máis ca entrelazadas. Tres novelas sinxelas, mais atraíntes. Non esperes unha escrita sublime, mais directa. Non unha novela a rememorar, pero tampouco a esquecer sen máis, sen nin un sorriso nin unha pena. Non un texto que te leve no ar, senón un que te leve de xeito agradable...

    Laetitia Colombani presenta suavemente a dureza dalgunhas vidas. Non é que a considere unha grande escritora, mais escritora. E así, mergulleime algo máis que outras veces nos detalles do libro, da súa realización. Por exemplo, a modo de de mostra, lin un exemplar da quinta fornada, de 100 exemplares, despois de tres de tan só 50 exemplares cada unha; a primeira foi de 300. Total, 550 dende maio a novembro de 2022. Pero o D.L. é de 2021, de Vigo, cando a editora é de Cangas do Morrazo...

    [engadido posterior: comentario da versión francesa]

20240123

Recuncho da lectura: Hôzuki

 

    Recuncho da lectura: Hôzuki

    Hôzuki. Aki Shimazaki. Rinoceronte Editora. ISBN 9788417388317. Cangas do Morrazo 2019

    Lido (por segunda vez, desta en galego) para un clube de lectura, cortiño (110 páxinas) e engaiolante, asemella a un dos contos con varios niveis, para diferentes idades, ó estilo do Principiño. Ben escrito no francés orixinal, aínda que escritora e ambiente sexan xaponeses, está impecablemente traducido ó galego. Presenta unha historia sinxela sobre o destino da xente, pero das mulleres en particular, centro da historia e do mundo que representa, e máis aínda, sobre o que representa ser nai. Un pracer de lectura condensado, se queres, nunhas poucas horas dunha tarde. Horas ben aproveitadas!

20240604

Recuncho da lectura: Chanson douce


Recuncho da lectura: Chanson douce

     Chanson douce. Leïla Slimani. ISBN 9782070196678. Éditions Gallimard. París 2018. 227 px. (Fr.)

     Dar o final no primeiro dos moitos capítulos deixa a quen le cun sentimento de fondo. Neste caso, un asasinato de dous pequeniños, impregna a lectura da novela dun sentimento negativo que estimo non lle fai ningún ben á consideración da novela en conxunto, polo demáis finamente descritiva unha sociedade. Unha obra que, polo demais, presenta capítulo a capítulo un mundo propio que se vai engarzandode xeito natural no conxunto. E, polo miudo, un arte de escribir que valoriza á autora.

    Por certo, ó igual que os dous anteriores en francés que reseñei, recollido en préstamo na biblioteca Viejo Pancho, veu dunha Biblioteca de Vigo. Hai veces que as cousas funcionan. As bibliotecas públicas non me soeron defraudar ó longo da miña vida.

20240729

Recuncho da lectura: La tresse

 


Recuncho da lectura: La tresse

     La Tresse. Daniel Ogilvy. ISBN 9782253906568. Éditions Grasset & Fasquelle. Livre de poche. Paris 2017. 238 px. (fr)


    De novo, lida para un club de lectores, mediante o préstamo interbibliotecario. A versión orixinal ten unha profundidade da que non me decatara na versión en galego. Aínda conservando a idea xeral que tiven daquela, o esforzo que me esixiu a riqueza da lingua e o recuncar na lectura fíxome mirar ás personaxes e a trama/trenza aprezando detalles nos que antes non me parara.

20230701

Recuncho da lectura: O señor Ibrahim e as flores do Corán


   
Recuncho da lectura: O señor Ibrahim e as flores do Corán

    O señor Ibrahim e as flores do Corán. Eric-Emmanuel Schmitt, tradución de Emma Lázare Rodríguez. Factoría K narrativa. ISBN 9788416721795, Pontevedra 2021.

    Collido da BPM El Viejo Pancho, esta novela curta e de doada lectura é unha fresca sorpresa ó tempo que un tratado de vida. En certo xeito, lembroume ó pequeno príncipe de St. Exupéry. É de lectura intemporal, dende moi cedo en idade ata calquera momento, ata sempre. O que é a historia pódese ver referida en síntese en moitos lugares na rede...

    Desta volta, si atopei tratada a versión galega en Goodreads.

20250125

Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

 


 Recuncho da lectura: A mancha na parede e outros relatos

     A mancha na parede e outros relatos. Chemi Lombardero Rico. ISBN - . Eoditorial. Ribadeo 2024. 56 px.

    Libro que me foi agasallado, non está (ao menos, aínda) distribuído comercialmente.
    Non, non é unha continuación de 'A morte de Colasón' nin por suposto dun ensaio de Chemi, senón un conxunto heteroxéneo nas historias, homoxéneo no estilo, e autónomo en cada unha das breves historias que o constitúen. Lectura agradable, que podendo tomarse de corrido dunha sentada, aconsello ir desgranando unha a unha para adentrármonos nunha realidade que poida que sexa imaxinada e imaxinativa, si, pero tamén se sinte próxima e real.
    -- Nota posterior:
    O 15 de febreiro, Carlos Álvarez Lebredo saca na Comarca del Eo (nº 5472, p.4) o completo artigo que reproduzo a continuación sobre o libro:

Segundo libro de relatos de Chemi Lombardero

Un exercicio de estilo

Carlos Álvarez Lebredo

    Acaba de aparecer o libro ‘A mancha na parede e outros relatos’, segunda entrega de Chemi Lombardero neste subxénero narrativo que é o relato breve. Moi breve, neste caso concreto. Estes son doce contos aínda máis breves que os dez que conformaron en 2020 o libro ‘A morte de Colasón e outros relatos’. Flutúan entre as dúas e as tres páxinas e media de extensión.

    Para lograr tal concisión ―nuns relatos en prosa que necesariamente teñen que ter un desenvolvemento antes de conducir ao lector a un remate― Chemi Lombardero fai un esforzo de depuración léxica moi na liña do que postula, por exemplo, Augusto Monterroso no seu célebre Decálogo do escritor: “O que poidas dicir con cen palabras, dío con cen palabras; o que só con unha, con unha”: cuarto mandamento de Monterroso, case concomitante co destoutro mestre do conto Julio Ramón Ribeyro: “O conto debe ser directo, sen ornamentos nin digresións. Deixemos isto para a poesía”.

    Esta depuración léxica, orfebrería que traballa ben Lombardero, obrígao a “non contalo todo” nos seus brevísimos relatos. Falta neles unha información narrativa que el escamotea a mantenta e que debe encher cada lector coa súa actitude, madurez e experiencia lectora: velaí o interese destes relatos. Dan marxe, danlle un papel ao lector para que participe activamente como instancia imprescindible no “acto de lectura” para encher “os espazos de indeterminación do texto” (tecnicismos crítico-literarios ambos, acuñados polo crítico Wolfgang Iser), e non se limite a ser un mero lector pasivo. Este seu papel activo, que involucra moito máis aos lectores na proposta narrativa do autor, é o que tamén reclamou hai tempo Umberto Eco definíndoo como unha “cooperación interpretativa do texto narrativo”; sintetizouno nunha expresión que contén o título dunha das súas obras máis famosas: introducir o “Lector in fabula” (obra de 1979). Xa na súa anterior obra ‘Opera aperta’ (1962) postulaba que “se deixe ao lector a iniciativa interpretativa dos textos”. E este é un dos xogos que propón Chemi Lombardero nos seus relatos: suxerir pero non contar, deixar entrever interlocutores ocultos nos diálogos e tamén sobreentendidos varios que o lector se ve obrigado a encher para darlle sentido completo ao conto. Por poñer uns exemplos, os relatos “O final” ou sobre todo “A miña tía”, no que non lle queda outra ao lector que activarse porque o texto, en menos de dúas páxinas, di o que di. E máis nada.

    Contrasta o estilo breve e depurado destes relatos coa outra prosa pragmática ―case didáctica― á que nos ten acostumados este escritor nos seus libros de investigación e divulgación histórica: sobre a sociedade ribadense, os indianos, o porto comercial de Ribadeo, os fornos de cal, etc.

    A solución de brevidade pola que opta Lombardero nestes contos que comentamos non son senón o froito dun calculado traballo de depuración técnica e estilística. Un exercicio de estilo. Creo lembrar que hai bastantes anos este autor (e amigo) deixoume ver un relato del que, ao cabo do tempo, noto que era unha primeira versión do que agora é o conto titulado “A arribada”. Daquela primeira escritura, que creo que situaba o conto no porto de Luarca, queda agora un relato reelaborado, moito máis estilizado, sen localización concreta, reducido ao esencial e moito máis logrado. Chemi Lombardero, lector e admirador desde mozo ―cónstame― de mestres do relato curto como Dieste, Castelao ou Marcial Suárez, bebe nestas fontes ambientais e estilísticas (quen non, xaora) á hora de idear as súas historias ―literaria e inequivocamente orixinais― e transformalas nestes relatos tan breves. E apréciase nalgúns destes contos de Lombardero o mesmo gusto que o primeiro deles por rematar o relato cun final incerto, en certa medida misterioso, aberto (de novo, o papel activo do lector): “O furado”, “O recolledor de pecios”.

    A son destas consideracións técnicas cómpre engadir o coidada que está a lingua que emprega Lombardero, algo non moi habitual en moitos outros relatos contemporáneos que se publican a cotío e nos que parece máis importante chegar á meta como sexa (publicar) que coidar o vehículo que se conduce (a lingua).

    En canto ao substrato argumental, cómpre indicar que a maioría dos relatos bucean nun tempo pasado, escasamente precisado no texto. Hai poucas historias que poidamos cualificar de contemporáneas: nin en relación co autor nin, moito menos, co momento da escritura ou da edición. O motor argumental da maioría dos relatos é a memoria. Memoria do vivido hai tempo ou memoria do escoitado, cousa en absoluto cuestionable. Outra cousa sería que en vez da memoria fose a nostalxia quen movese a inspiración: disto estamos sobrados en recentes textos narrativos e xornalísticos de opinión, e os seus autores non acaban de caer na conta de que a nostalxia sempre é un erro. En narrativa tamén. Escapan a esta tendencia dous relatos que si podemos situar nun tempo da historia máis ou menos contemporáneo: “Foi a nai” e “A miña tía”, ambos reflexo de dous tipos de tensións intrafamiliares moi dos nosos tempos.

    Neste punto cómpre preguntarse: a perspectiva do narrador (dos narradores) é a perspectiva do autor real? É que o presente non inspira argumentos? Persoalmente, como lector respecto a opción de Lombardero. Pero agardo del unha terceira entrega de relatos menos dependentes do fío da memoria e nos que mostre un maior ‘aggiornamento’ creativo. É dicir, uns contos que emanen máis de realidades e miradas contemporáneas e que confronten mellor con acontecementos dos tempos presentes. Eis o “horizonte de expectativas” (terminoloxía proposta por Hans-Robert Jauss) que eu mesmo me impoño para futuras entregas narrativas de Chemi Lombardero. Certo é que, visto desde outra perspectiva, este recurso á memoria pasada permite ver nalgún dos relatos aspectos dun tempo que xa non volverá e que mesmo as xeracións máis novas descoñecen absolutamente, v. gr. o teléfono de cables e chavellas que manexan as telefonistas, que aparecen no conto “A fuxida”.

    Dentro deste potente magnetismo da memoria que ordena os argumentos dos relatos de ‘A mancha na parede…’ operan dous factores narrativos, que moi ben poderían ser previamente extranarrativos: a familia e a casa. (Cada lector pode tirar as súas conclusións e ter unha opinión ao respecto da expresiva fotografía que se inclúe na páxina 9). A familia (nai, tía e especialmente o pai) vertebran máis da metade dos contos; e tamén a ausencia física da familia, pero omnipresente no relato, como é o caso do neno protagonista do conto “O recolledor de pecios”, criado sen pai nin nai. Avó, pai e netos (ou avoa, nai e neta) son tres doas dun mesmo colar que aparecen simultaneamente engarzadas e presentes nos contos: “A arribada”, “Un home feliz”, “A miña tía”. No primeiro deles mesmo o fillo é un receptor inmanente do relato: o texto mostra ao pai narrador, que evoca ao avó, pero que se dirixe directamente ao fillo; este escoita e, ao mesmo tempo, o lector le. A casa é o lugar de transacción de afectos e desafectos, diálogos e tiranteces, noutro grupo de contos. Medio libro son relatos de interiores. De interiores físicos, queremos dicir: de casas, de domicilios. Porque de interiores das persoas… diso si que vai todo o libro e non defrauda.

    Sei por radio macuto ―polos arames das viñas, que din os usamericanos con esta axeitada frase que me parece visualmente acertada e moito máis expresiva cá outra― que case todos os relatos de ‘A mancha na parede…’ están baseados, sequera lonxanamente, en feitos reais que nalgún momento lle chegaron ao autor en forma de contos, anécdotas e mesmo brincadeiras. Non estaría mal que, dada a coñecida amenidade do autor nas súas charlas, ofrecese unha que relacionase os personaxes e as historias reais que hai detrás destes contos, o momento e contexto da súa recepción, o proceso de elaboración literaria e o seu resultado e conversión en artefactos narrativos que, en definitiva, é o que son. Podería suceder, por exemplo na próxina Feira do Libro de Ribadeo. Por suposto, permitindo a interacción cos lectores, que estariamos entre o público.

    Cómpre valorar, para finalizar, o apoio editoral que hai detrás deste libro e que vén da man de Eoditorial Publicaciones, empresa que desde Ribadeo anima o noso conveciño Antonio Andina. Nos últimos tempos permitiu tamén a aparición de obras como a voluminosa colectánea de ensaios sobre El Viejo Pancho, os poemas e novelas saudables de Lucía Ferro, a novela de Rosa Paz Rico ou os estudos climáticos de Antonio Gregorio: autores, autoras e temáticas estreitamente vencelladas á cultura ribadense.

--
    O pdf na Comarca.

20240403

Recuncho da lectura: Un detalle menor

 

Recuncho da lectura: Un detalle menor

    Un detalle menor. Adanía Shibli. ISBN 9788416537570. Hoja de Lata Editorial. Xixón 2023. (cast.)

    Novela. Palestina dende Palestina onte e hoxe. Unha mirada palestina? Pode que moita Palestina? Non o vexo en ningunha das dúas partes do libro, ambas con cousas que se me descubriron. Case como documental, pero non. Si, unha novela dende unha mirada propia que pode resultar revulsiva, pero nin moito menos estraña.

    Non o volvería ler, unha vez feita a primeira lectura, da que non deserto. Non porque non me guste a escrita da autora (ao menos, o que deixa ver a tradución), senón por esa desazón que deixa o revulsivo dos detalles menores incrustados nunha narración sen adornos.

20230630

Recuncho da lectura: A utilidade do inútil


   
Recuncho da lectura: A utilidade do inútil

    A utilidade do inútil. Nuccio Ordine. Cun ensaio de Abraham Flexner, A utilidade dos coñecementos inútiles, e tradución de Carlos Acevedo. Factoría K de libros. ISBN 9788415250876, Pontevedra 2015.

    Collido da BPM El Viejo Pancho, foi o primeiro libro que lin de Ordine, pero non será o último. Tanto o propio texto como o anexo engadido de Flexner lense de xeito áxil e, para entroncar cos seus títulos, útil no mesmo sentido que usan ese termo. O repaso da utilidade ou inutilidade das accións do estudo podería alongarse ata o infinito, mais os textos e feitos traídos a colación no libro ilustran de xeito abondo que o que nun sistema como o actual soe chamase inútil é o máis útil para a sociedade e para a persoa, mentres a maioría, case totalidade, do chamado útil só serve como complemento de miras estreitas, no mellor dos casos.

    Se non existira o inútil, podería existir o útil? Á vista da historia, da nosa historia, diríase que non.

    Por outra banda, de novo, a pesar de estar publicado o libro no 2015, a versión galega non pode cualificarse en Goodreads, a pesar de estar recensado en Sarmiento xa no mesmo 2015.

20250108

Recuncho da lectura: La vie devant soi

 


Recuncho da lectura: La vie devant soi

     La vie devant soi. Romain Gary / Émile Ajar. ISBN 9782070373628. Folio. Barcelona 2009. 274 px. (fr.)

    Diríase a vista da vida en toda a súa dureza por parte dun neno. Mais hai que precisar. A dureza ven representada por unha anciá xudía que pasou polos campos de exterminio e a prostitución para rematar manténdose co coidado ilegal de fillos de prostitutas. E o neno é un deles, ó tempo que un de nós, pasando pola vida en total desconcerto asíndose a algunha verdade que considera punto de agarre nun París multicultural onde mesmo a súa idade é incerta. O desenvolvemento é áxil e sen pretensións, o que favorece o conxunto.

    Coido que é digno para estar en calquera librería que se precie. De lectura recomendable.

 

20240508

Recuncho da lectura: Le mystère Henri Pick

 


Recuncho da lectura: Le mystère Henri Pick

    Le mystère Henri Pick. David Foenkinos. ISBN 9782072762031. Folio. Ed. Gallimard. Barcelona 2018. (Fr.)

    Agradable, tranquila e engaiolante historia de amores e desamores disfrazada de vida corrente e trama de investigación sobre un libro de éxito saído da nada. O autor non tenta reviravoltas, senón precisión con sinxeleza nunha trama na que todo é o que parece sen parecer o que é.
    Lido para un clube de lectura, segue a afirmarse en min que en xeral a xente que coida un clube ten olfato para aconsellar.

20241218

Recuncho da lectura: Chocolate quente ás quintas-feiras

 

 Recuncho da lectura: Chocolate quente ás quintas-feiras

     Chocolate quente ás quintas-feiras. Michicko Aoyama. ISBN 9789892363240. Leya. Lúa de papel. Alfragide 2024. 173 px. (pt.)

    A escrita suave da autora encadeando historias cun fino pespunte no que é especialista dá como resultado unha novela de lectura moi agradable e captivadora. Pode que non se trate dunha obra mestra, mais dun libro que volvería ler, que me transmitiu paz e reconciliación co mundo e que recomendo.

20240430

Recuncho da lectura: As gratitudes

 

Recuncho da lectura: As gratitudes

    As gratitudes. Delphine de Vigan. ISBN 9788412600766. Hugin e Munin. Santiago 2023.

    Visión (xeral) dunha vellez (particular), nunha novela humana e diaria que foi capaz de meterme (iso creo) nunha perspectiva próxima e de cariño activo.Unha novela curta que achega, por medio dun problema concreto, ó que poderíase chamar humanidade final.

    Recomendable? Apréndese ou re-apréndese moito ó lela, mais non é unha obra cume da literatura... Lida para un club de lectura, coido que non foi mala elección.

20250209

Recuncho da lectura: Del rey abajo, ninguno


 Recuncho da lectura: Del rey abajo, ninguno

     Del rey abajo, ninguno. Francisco de Rojas. ISBN - . Calpe. Madrid 1920. 138 px.

    Collido dun repositorio de internet escaneado dunha vella edición.
    Un clásico que segue a impactar, aínda que se faga difícil a lectura dos seus versos para teatro e se poda considerar infantil taanto a posta en escena como outras cuestións. O descubrimento dunha mentalidade abondo diferente da nosa...

20250103

Recuncho da lectura: La crisis de la narración

 


 Recuncho da lectura: La crisis de la narración

     La crisis de la narración. Byung-Chul Han. ISBN 9788425450433. Herder. Barcelona 2023. 108 px. (cast.)

    Para min, un redescubrimento da filosofía, en clave actual. De non estar afeito, sobre todo ó comezo fai falta algunha relectura, pero pronto se impón a lóxica, o 'isto sabíao eu, pero non sabía que o sabía', e algunha precisión/discrepancia, pequena pero certificadora da independencia do lector do texto adquirido, xunto da recompilación de citas que, usadas polo autor como exemplo e idea previa, non deixan de ser un argumento de autoridade e un repaso pola filosofía anterior..